Chus Pato ingresa na RAG reivindicando a poesía no ensino para os máis novos

Chus Pato le o seu discurso de ingreso na RAG © RAG

Chus Pato ingresou este sábado como membro de número na Real Academia Galega (RAG). Fíxoo cun discurso no que defendeu achegar a poesía aos máis novos a través do ensino e reivindicando as mulleres e a presenza delas na centenaria institución. Ao acto no paraninfo do IES Otero Pedrayo de Ourense, onde ela estudou, asistiron o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o presidente do Parlamento, o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, ou a deputada de En Marea, Ánxeles Cuña, entre outros. 

Chus Pato reclamou o "dereito de nenos e mozos a ser educados na arte da poética"

A autora reclamou o "dereito de nenos e novos" a "ser educados na arte da poética" e reivindicou estados superiores de Poesía e a posta en marcha de "cátedras" que impartan estudos de poesías como existe "noutras universidades do planeta".

Ademais, tamén se referiu á poesía como "un dos medios que usa calquera idioma para sobrevivir" e lanzouse a defender unha maior presenza das mulleres nas institucións e, por suposto tamén, na RAG. Así, aludiu ás verbas de Xohana Torres nas que aseguraba que "as mulleres sosteñen a metade do ceo". "O normal e´que tamén poidamos estar nesa outra metade da terra, sen estar agochadas", engadiu. Na súa opinión, a Academia "está facendo un esforzo" nesa liña, polo que Pato espera que a vacante da devandita Torres "tamén sexa cuberta por unha muller".

Freixanes ve en Pato "o grande impulso das letras contemporáneas en Galicia e a incorporación da muller como parte activa de todos os ámbitos da sociedade"

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, destacou a "alegría" de "acoller" unha "nova compañeira" que representa "o grande impulso das letras contemporáneas en Galicia e a incorporación da muller como parte activa de todos os ámbitos da sociedade". E cre que a presenza das académicas supón unha remuda para "a bandeira que un día ergueu Rosalía de Castro". 

Chus Pato ocupa a cadeira vacante tras o pasamento do tamén ourensán Xosé Fernández Ferreiro, a quen lembrou con cariño, así como a outros académicos. A autora empezou a escribir poesía, en castelán, aos 10 anos e continuou facéndoo sen interrupción ata os 18. Tras rematar a carreira de Xeografía e Historia volveu escribir, sempre poesía e sempre en galego. Facelo na lingua que lle falaba a súa avoa foi para ela “exercer a palabra liberdade, que significa poder elixir, estar en situación de facelo”, lembra Francisco Fernández Rei.

Os seus primeiros versos publicáronse en 1984 na revista da AELG Escrita, a petición da que era daquela a súa directora, a hoxe tamén académica Margarita Ledo. Chus Pato seguiu colaborando con distintas revista e en 1991 autoeditou o seu primeiro poemario, Urania, “que é fundamentalmente un réquiem que comezou a escribir despois do pasamento do seu pai”. Tres décadas despois, os seus libros traducíronse total ou parcialmente sobre todo ao castelán e ao inglés, mais tamén a outras linguas coma o búlgaro, portugués, neerlandés, catalán, éuscaro, polaco, alemán, francés, italiano, ruso ou árabe clásico. Desde o 29 de setembro de 2015, os versos de Secesión (2009), lidos na súa propia voz, son os primeiros en lingua galega que forman parte dos fondos sonoros da Woodberry Poetry Room da Universidade de Harvard.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.