Antonio García Teijeiro (Vigo, 1952) vén de recibir o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2017 polo seu libro Poemar o mar, editado por Xerais o pasado ano. Esta distinción pon en valor simultaneamente un libro de extraordinario valor literario e unha traxectoria de máis de trinta anos dedicada á poesía, mais supón tamén un recoñecemento colectivo ao valor da LIX galega actual como unha das mellores do Estado.
García Teijeiro sumou este martes o seu nome á exigua listaxe de poetas premiados, o que fai deste un acontecemento singularmente meritorio e unha celebración para a poesía destinada a infancia. Cómpre lembrar que das trinta e catro obras galardoadas desde 1978 só dúas foron poemarios, xa que o premio destaca a considerada mellor obra editada cada ano non só en calquera das linguas estatais senón tamén en calquera dos xéneros. En 1987 resultaba premiado o libro Canciones de nana y desvelo de Carmen Conde, e en 2002 Més música, Mestre! de Miquel Desclot, poeta catalán quen, reivindicando a poesía infantil de autor, chegou a afirmar que a sociedade semella agardar que os nenos sexan quen de saltar desde o "Sol solet" (composición do cancioneiro infantil oral) ao "Sol i de dol" (poemario do tamén catalán J.V. Foix de 1947 no que reflexiona en clave metafísica sobre temas nucleares da crise da modernidade). Quince anos despois, Poemar o mar convértese no terceiro dos libros distinguidos. Agardemos que non falten outros quince para o seguinte.
Desde os seus inicios, destacou por ir máis alá no camiño da poesía infantil de autor, decisivamente marcada pola tradición popular, recollendo estas fórmulas para levalas a outros contextos temáticos que interesan e afectan á infancia
Un dos trazos característicos da personalidade autorial de García Teijeiro é precisamente o compromiso coa difusión da poesía, que vencella ás relacións humanas, nunha concepción afastada da consideración tradicional e atávica do poeta como ser solitario e illado no mundo. Desde os seus inicios, destacou por ir máis alá no camiño da poesía infantil de autor, decisivamente marcada pola tradición popular, recollendo estas fórmulas para levalas a outros contextos temáticos que interesan e afectan á infancia, como a guerra e a paz, o ecoloxismo, a denuncia social, os referentes pop contemporáneos ou a música, nunha reivindicación do mundo infantil, que aparece nos seus libros como un universo rico e plural, intelixente e agudo. Sobre esas bases, é capaz de analizar a realidade amosando que o sensible e o emocional poden ir da man dun discurso desafectado e profundo.
Aínda que posúe complementariamente un número nada despreciable de obras para adultos, a súa traxectoria como poeta fica singularmente dedicada ao lectorado infantil e xuvenil, para quen leva publicado máis de trinta títulos aos que hai que sumar unha produción de grande valor no que atinxe á narrativa, xénero no que afondou con obras de interese notable como A teima de Xan (1991), que constitúe unha das primeiras novelas da LIX galega en tratar as pegadas da guerra civil baixo a perspectiva dun adolescente, ou En voz baixa (1998), novela xuvenil.
Trinta anos dedicados ao verso
Considerado un autor clásico contemporáneo da literatura infantil e xuvenil galega por expertos como a profesora Blanca Roig, a traxectoria de Antonio García Teijeiro está ligada desde os seus comezos coa nenez. O seu profundo compromiso vital e literario co verso e coa educación literaria levárono a dedicar a meirande parte da súa producción á poesía. Mestre de profesión, forma parte da xeración de autores vencellados á docencia que comezaron a publicar obras de LIX nos anos oitenta e noventa. Neste sentido, o propio autor ten declarado en varias entrevistas a relación íntima que existe entre o seu labor literario e docente.
O seu profundo compromiso vital e literario co verso e coa educación literaria levárono a dedicar a meirande parte da súa producción á poesía
Iniciou o seu percorrido no ano 1988 coa publicación dos libros Nenos, Coplas e Aloumiños, singularmente valiosos na anovación das temáticas e no acerto das fórmulas empregadas para dirixirse a un receptor de moi curta idade. Estas primeiras obras, xunto con Cacarabín, Cacarabón (1991), ficarán marcadas polo uso dos recursos propios do cancioneiro infantil en textos que achegan imaxes poéticas que procuran a beleza das cousas sinxelas e do marabilloso dentro do cotián, onde os elementos tratados son personificados (as estrelas, o solpor, a lúa, o arco da vella...) nun exercicio de indagación na poesía que se agocha na contorna próxima do lector potencial ao que se dirixe, e que parte da súa experiencia e interacción cos obxectos que recoñece. Constitúese así unha primeira etapa de iniciación na poesía infantil vencellada ao popular, coas producións que fican ligadas de maneira máis íntima á profesión de mestre do autor.
A unha segunda etapa, marcada pola consolidación do autor no xénero e maior elaboración estética e estrutural, podemos adscribir obras como As catro estacións (1991), Ventos (1992), Lueiro de papel (1995), A fala das pombas que falan (1999) ou Caderno de fume (1999), xunto con Na fogueira dos versos (1997), un dos seus poemarios máis recoñecidos, polo que recibiu o Premio Merlín de Literatura Infantil convocado por Edicións Xerais, e que foi incluído na listaxe de honra do IBBY. A característica fundamental que pode observarse en todas estas obras é a configuración do libro de poemas como poemario estruturado nun conxunto, con establecemento de fíos e leitmotivs temáticos, de apartados e seccións, así como de poemas-ponte, que permiten, no eido da educación literaria, a introdución das convencións do xénero poético como unha composición completa e global, e rachan coa tradición de converter o poema en obxecto utilitario e illado dun canon escolar oculto.
Obras de García Teijeiro posúen unha grande ambición creativa, por veces cos recursos da posmodernidade, textos de gran valor para un lector tan radicalmente contemporáneo como é o infantil
É a partir de 2003 cando abre unha terceira etapa de anovación e novas perspectivas sobre o poemario, con libros como Chove nos versos (2004), Petando nas portas de Dylan (2007) ou Bolboretas no papel (2008), onde se descobren procuras xa iniciadas no Caderno de fume, como a anovación das estéticas, o uso do verso libre, a evocación sutil das imaxes poéticas, a disposición textual moderna, e a persistencia en determinadas características propias do autor recollidas especialmente en Na fogueira dos versos, como a intertextualidade, que pode observarse no poemario Paseniño, paseniño (2003), en referencia á figura de Rosalía de Castro. Exemplo sobresaínte da primeira das cuestión sinaladas é Bolboretas no papel, que, xunto con Petando nas portas de Dylan, posúen unha grande ambición creativa, por veces cos recursos da posmodernidade, textos de gran valor para un lector tan radicalmente contemporáneo como é o infantil.
O círculo dos seus primeiros vinte e cinco anos de escrita complétase coa edición en 2013 da antoloxía Un rato díxolle á lúa , unha compilación elaborada polo tamén poeta e editor Fran Alonso, ao que haberán de seguir as últimas publicacións do autor, entre as que destaca a triloxía sobre o mar formada polos libros En la cuna del mar (2015), Palabras do mar (2015) e á que pon o peche este Poemar o mar (2016) que vén de ser premiado.
A poesía como motor do desenvolvemento infantil
A interferencia da profesión de mestre na súa dimensión de creador resulta fundamental para comprender a obra de García Teijeiro, pero tamén, no sentido inverso, a literatura, e a poesía en especial, marcan decisivamente a traxectoria profesional do docente, quen se adicará con particular intensidade á difusión da poesía nas aulas, tanto no que se refire á propia práctica educativa como ao empeño por trasladar a outros docentes a necesidade de superar esta eiva na educación literaria: "Podía resumir o meu itinerario socioliterario dicindo: (...) literatura infanto-xuvenil/ (...)/ lectura e compromiso literario e social/ compromiso cos cativos e cativas/ animar os mestres a que introduzan a literatura nas aulas/ lectura/ abrir moitas portas aos lectores/ poesía, poesía, poesía... " (2013, Parlamento das letras, Armando Requeixo).
Ten contribuído así con achegas teóricas e prácticas de relevancia, que se encamiñan a difundir a percepción de que a poesía e a literatura en xeral deben formar parte da educación literaria co obxectivo final de acadar o pracer lector para procurar seducción e o engado a través do contaxio. Entre elas destaca A poesía necesaria (2009), un volume destinado a docentes e mediadores, no que afonda en cuestións particularmente representativas do seu xeito de entender a aproximación á poesía, como a relación entre a escrita creativa e o achegamento ao feito poético.
O autor establece unha liña de pensamento pedagóxico que sitúa a cerna da práctica educativa anovadora na poesía como motor do cambio
Neste aspecto, non se trata unicamente dunha traxectoria destacable no que se refire a anovación didáctica no ámbito da educación literaria ou sobre un xénero concreto, senón que establece unha liña de pensamento pedagóxico que sitúa a cerna da práctica educativa anovadora na poesía como motor do cambio, unha verdadeira "escola da poesía" como metáfora dunha educación que debe acoller a diverxencia, a creatividade, o inesperado, o emocional e o contacto humano na formación íntegra do individuo para unha sociedade que se configure como máis xusta. Para o autor, unha escola que pon en valor a poesía non é só capaz de formar lectores senón tamén de responder ao desenvolvemento emocional, persoal e estético das persoas.
García Teijeiro elaborou, ademais, instrumentos encamiñados a tender pontes ente a poesía galega para adultos e o lector infantil, como é o caso de Celso Emilio Ferreiro para nenos (1988). O mesmo ocorre con Os nosos versos (1997), unha obra de rexistro máis amplo, onde é o compilador dunha serie de poemas de autores clásicos e contemporáneos seleccionados para a nenez, nunha tentativa de transmitir a tradición literaria aos máis novos, idea clave da produción propia de García Teijeiro que estará presente nas múltiles relacións intertextuais que se establecen nos xa nomeados Paseniño, paseniño ou Na fogueira dos versos.