O etnográfico e o experimental ou o traballo como xeito de resistencia, no Planeta GZ de Curtocircuíto

Un momento do coloquio posterior á segunda sesión de Planeta GZ Dominio Público Fotos: Curtocircuíto

Había outra Palmira Filgueira, alén da imaxe “folclórica” proxectada polos medios de comunicación. Aquela entrañable “avoa centenaria” de Tui era, tamén, un símbolo. Dese xeito de resistencia que artellaron, na ditadura franquista, tantas mulleres que participaron en actividades ilegais coma o estraperlo. Arriscar o pelexo para sobrevivir. Tirar para adiante. Ser independente, sempre. Diana Gonçalves coñecéraa durante o proceso de realización da súa opera prima, Mulheres da raia. E non puido esquecela. “Cativoume”, asegurou. Despois, o Play-Doc de Tui organizou un laboratorio de retrato filmado. Era a oportunidade perfecta. O resultado, Palmira, puido verse no Planeta GZ de Curtocircuíto 2017, nunha sesión compartida con outras curtametraxes galegas.

Palmira comezou, así, sendo “un retrato de observación”, para rematar converténdose nun “retrato sobre a construción do retrato”, explicou Diana Gonçalves en Curtocircuíto. A autora exponse diante da cámara. “Da mesma maneira que a expoño a ela”, indicou. E constrúe un relato sobre a intimidade de Palmira que a revela coma unha muller ben diferente da que era visitada polas cámaras nos seus cumpreanos. A que ficaba, despois, soa. Tan digna na súa decrepitude. Tan lúcida. Déixoche facer, nena, pero eu ben sei o que quero.

O pasado é presente. O presente é pasado. Como en Palmira, outras das curtas galegas que puideron verse este ano no Curtocircuíto indagan nese encontro entre onte e hoxe. Cun enfoque no que o etnográfico chega a confluír, ademais, co experimental. Néboa, de Claudia Costafreda, é a volta a orixe e, con ela, o mirar de fronte un conflito que só fora quen de agochar tras a desmemoria. Como a néboa mesta que, segundo a directora, tapa o que segue aí malia que non o vexamos. Néboa é viaxe íntima, emocional. Con vontade, ademais, de retrato dun lugar. Dunha paisaxe natural e humana. Telma, -Nieve de Medina-, a protagonista, viaxa a Galicia desde Madrid, onde marchara había tantos anos, para desfacerse dunha herdanza que rexeita. Mais o reencontro cos vellos, -coma Paco, (Celso Bugallo)- e novos veciños faralle ollar a vida desde outra perspectiva.

A emigración atravesa tamén Nueva Galicia, de Iván Nespereira, que puido verse na segunda das sesións da sección Planeta GZ. Nela, o autor rexistra as pegadas de dous movementos. O da árbore de caucho, cuxa semente viaxou de Brasil a Inglaterra a bordo dun barco, estendéndose despois por todo o mundo. E o dun grupo de europeos que emigran ao Amazonas, atraídos polo auxe da economía da extracción do caucho entre 1850 e 1920. O ronsel do pasado no presente. O mundo do traballo, sen adobíos, diante da cámara. A soidade ou a decadencia, ás veces.

“Arrastrar o pasado ao presente” era, tamén, parte do obxectivo de Jaione Camborda en Rapa das bestas, outra das curtas proxectadas na segunda sesión do Planeta GZ de Curtocircuíto. Explorar a “vixencia das tradicións”, as “raíces etnográficas”. A relación do home co animal. O combate, o contacto. O home como animal. A humanidade, quizais, do cabalo, nos seus ollos. A animalidade do humano. A egolatría. Procurando máis, -sinalou-, o “vínculo sensorial” que a historia. O ollar persoal, case íntimo, que a crítica social. O branco e negro, o uso do Super 8 e a estrutura do filme sitúano no experimental, no xeito de achegarse ao pasado desde o presente, con ferramentas de onte pasadas polas narrativas de hoxe.

O etnográfico alicerza tamén O porco e o seu espírito, de Adrián Canoura. Mais, tamén, cun ollar experimental que pode lembrar nalgúns aspectos Matanza de Marcos Nine

O etnográfico alicerza tamén O porco e o seu espírito, de Adrián Canoura. Mais, tamén, cun ollar experimental que pode lembrar nalgúns aspectos Matanza de Marcos Nine, de igual xeito que Rapa das bestas de Jaione Camborda pode amosar nexos con Trote de Xacio Baño. “O home”, -explica Canoura na sinopse de O porco e o seu espírito-, “na necesidade de explicar e entender o mundo que o rodea, dá ao animal, especialmente no nivel simbólico, as funcións desempeñadas nun primeiro momento por si mesmo”. Un texto de Miguel Torga serviulle, -indicou no Curtocircuíto-, como referencia posible -entre outras- nunha peza que amosa, núa, a beleza do cotián. Do corrente. Coas súas dobreces, enrugas e fendas. Do cutre. Do repugnante e atraente á vez.   

En O corpo e o seu espírito o espectador dubida se se trata de imaxes recuperadas ou recén filmadas. O presente ou o pasado? Arquivo ou produción recente? Co novo e o vello xoga tamén Fuerzas invisibles de Marcos Flórez. Imaxes de Super 8 recuperadas. O deserto, e a intensidade emocional da súa vivencia traída, de novo, ao presente. “Un filme que xira en torno á paisaxe, a sucesión, a superposición, a repetición, a simultaneidade, o amor polo deserto, o vínculo dunha cor en movemento e a seguinte coa que está superposta a ela. A busca da evocación vertixinosa cara o infinito. As forzas invisibles que unen compoñentes que, doutro xeito, se dispersarían”, segundo a sinopse. A viaxe. O movemento.

Fuerzas invisibles achégase, por outra banda, á exploración da paisaxe de Lois Patiño

Dalgunha maneira, Fuerzas invisibles achégase, por outra banda, á exploración da paisaxe de Lois Patiño, que ten a súa última entrega en Fajr, outra das curtas exhibidas no Curtocircuíto. “No deserto de Marrocos, a noite dilúe as formas e o silencio deslízase pola area. O amencer comeza entón a debuxar as siluetas das dunas mentres algunhas figuras inmóbiles interrompen a paisaxe. Desde a abstracción nocturna, a luz vai devolvendo ao espazo a súa dimensión e aos corpos, o seu volume. A quietude concentra a ollada e a duración densifícaa. Soa o adhan, a chamada á oración, e esa inmobilidade condensada comeza a irradiar: agora son os corpos os que se dilúen no deserto”. A cámara que dialoga co pictórico. O home e a natureza. O deserto, tamén, aínda que se torne mar.

Mais, se atendemos á narrativa, a sucesión, superposición, repetición e simultaneidade, -que agroman en ‘Fuerzas invisibles’-, arman tamén ‘Quiasma’, unha peza de cinema-danza de Tono Mejuto que recolle o proceso de investigación e creación coreográfica do bailarín Javier Martín para a súa obra La exforma. O traballo, de novo nesta edición do Planeta GZ. Mais desde outro punto de vista. O do borrador. A construción. Cunha atmosfera, se cadra, de cinema mudo. Do principio do principio. Cando o son era só música e a fotografía era retocada a man. Con filmación en 16 milímetros, branco e negro e superposicións feitas a posteriori, no proceso de montaxe.

A beleza está tamén, mais noutra parte, nas outras dúas curtas proxectadas en Curtocircuíto. E o traballo. A sobrevivencia. A realidade que pode rebentarnos diante dos ollos. Tamén a emigración. En La mujer invisible, de Noemí Chantada, unha muller inmigrante, residente en Vigo, muda cada día de pel, de roupa, de nome, para recibir homes nun piso e poder así tirar para adiante e alimentar o seu fillo tras perder o seu último traballo, acorde coa súa formación académica e experiencia. Toma a palabra. Non deixa que falen por ela. Non nega a realidade. Mais amósase optimista, de cara ao futuro. Indigno, di, será non poder pagar a comida, e non “dar cariño”. Coma ela, outras mulleres invisibles préstannos a súa voz.

A directora falou de mulleres que, ao seren escoitadas, se sentiron empoderadas. Mulleres que fan o que poden para sobrevivir

No debate posterior á proxección, a directora falou de mulleres que, ao seren escoitadas, se sentiron empoderadas. Mulleres que fan o que poden para sobrevivir. “Isto é o que son”, e “quen se atreve a xulgalo”, dixo, poñéndose no lugar da súa protagonista. Tamén se falou da dureza do mundo da prostitución. E de dignidade. De realidades soterradas que merecen saír á luz. Nun contexto e baixo circunstancias diferentes, mais cun efecto de empoderademento de grande forza tamén, sitúase Aysha, unha curta de Fon Cortizo que forma parte dun proxecto máis amplo.

Aysha é poeta. Deixou un traballo ben pagado e recoñecido socialmente para exercer a palabra. Para reivindicar a liberdade de expresión. “A Primavera Árabe levou de volta ás rúas a toda unha xeración que se sentía fóra da auténtica Xordania. Pouco queda xa de aqueles tempos visiblemente inquedos en Amán. Aysha dá ideas para cambiar a indiferenza ante aquel ataque”, di a sinopse. Coma ela, outras mulleres arríscanse, fronte a un goberno represivo. Resisten. A historia que volve sempre. O pasado no presente.

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.