0 Gardados para despois

'Dhogs', primeiro filme rodado en galego que competirá na Sección Oficial de Sitges

Redacción | @prazapublica

Dhogs estrearase o 9 de outubro no Festival de Sitges. A ópera prima de Andrés Goteira terá a súa premiere española no marco do Festival Internacional de Cinema Fantástico de Cataluña, onde competirá na Sección Oficial, converténdose así no primeiro filme rodado en galego que se poderá ver nesta sección competitiva. A película foi realizada polas novas produtoras galegas Gaitafilmes e Pixel films e foi igualmente posible grazas ás achegas de máis de 300 persoas, que participaron hai tres anos nunha campaña de crowdfunding que sumou uns 13 mil euros.

"Todo director que ama o cinema fantástico sempre soña con estar en Sitges. Que ademais sexa a primeira película rodada en galego en formar parte da sección oficial, e tendo en conta a forma en que a rodamos, faime sentir moi orgulloso de todo o que rodea a Dhogs", salienta Andrés Goteira

Tralo seu paso polo Festival de Cinema de Buenos Aires (BAFICI), o FrightFest de Londres e despois de gañar o premio á mellor longametraxe no International Festival of New Filme de Split (Croacia), Dhogs presentarase o vindeiro 21 de outubro no Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF).

O filme está protagonizado por Antonio Durán 'Morris', Miguel de Lira, Carlos Branco, Melania Cruz, Iván Marcos ou María Costas. Trátase dunha película de historias paralelas que xiran en torno a unha serie de peculiares personaxes: unha fermosa muller, un home de vida escura, un taxista e un vello ex-militar, seis tramas conectadas que mesturan intriga, terror, erotismo e estética western.

Rodada en galego entre Almería e Galicia, foi subvencionada por Agadic e a Deputación Provincial de Lugo. Ademais conta cos patrocinios Galipizza, Cervexa Áncora e o Concello de Meira e coa colaboración dos Concellos de Viveiro, A Coruña, Oleiros e a Deputación de Almería, entre outros.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

O OUFF apoiará o desenvolvemento de catro filmes galegos e portugueses

O Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF) seleccionou os proxectos de Tiago Hespanha, Alberto Gracia, Eloy Domínguez-Serén e Diana Toucedo para participar na primeira edición de ÁNCORA, o primeiro foro de posprodución para longametraxes galegas e portuguesas en estado avanzado. 

Nesta primeira edición os proxectos participantes serán Campo (de Tiago Hespanha), Eco (de Alberto Gracia), Hamada (de Eloy Domínguez-Serén) e Puerto deseado (de Diana Toucedo)

O obxectivo do programa é ofrecer asesoramento e favorecer o investimento en proxectos cinematográficos a piques de rematar, axudándoos a que se completen nas mellores condicións posibles. Nesta primeira edición os proxectos participantes serán Campo (de Tiago Hespanha), Eco (de Alberto Gracia), Hamada (de Eloy Domínguez-Serén) e Puerto deseado (de Diana Toucedo).

En Campo, o portugués Thiago Hespanha sitúase na meirande base militar de Europa, para revelar o absurdo e manifestar a vida nas súas dimensións máis extremas: a guerra e a felicidade. Eloy Domínguez-Serén relata en Hamada a historia dun grupo de mozos amigos que viven nun campo de refuxiados no medio do pedroso deserto do Sáhara mentres que o director Alberto Gracia, pola súa banda, presentará en Eco a historia dunha ninfa de auga que foi castigada polos deuses. Diana Toucedo, en Puerto Deseado, emprenderá unha viaxe en barco co seu pai na última travesía do capitán nunha embarcación pesqueira embarcados nas xélidas augas do Atlántico sur.

ÁNCORA contará cun comité asesor que terá como labor aconsellar aos cineastas logo das presentacións que se levarán a cabo a porta pechada. Nesta edición do OUFF, os asesores serán Ana Isabel Strindberg -programadora en Indielisboa e directora de Portugal Film-, Marília Rocha -cineasta- e Martin Pawley -crítico e programador-. Este comité será o encargado elixir que dous filmes levan os premios dos que ÁNCORA fai entrega: o Premio Cinemar Fims (premio de posprodución de Son en Cinemar Films valorado en 7.000 €) e o Premio NUMAX (premio de posprodución de imaxe no Laboratorio NUMAX, valorado en 4.000€).