0 Gardados para despois

O novo de Astérix, en galego o 19 de outubro da man de Xerais

Redacción | @prazapublica

O vindeiro 19 de outubro Xerais publicará Astérix en Italia, o novo álbum do heroe galo, que se editará en galego ao mesmo tempo que o fai en francés e noutras linguas. Titúlase orixinalmente Astérix et la transitalique, con guion de Jean-Yves Ferri e debuxos de Didier Conrad, os mesmos autores responsables de Astérix e os pictos e O Papiro do César. No libro, Astérix e Obélix viaxan á Península Itálica, "onde os pobos itálicos tratan de conservar a súa autonomía e ven con malos ollos os intentos de dominación de Xulio César e as súas lexións".

A obra publicarase inicialmente en 18 linguas, entre elas catalán, galego, euskera, asturiano, castelán, mirandés e portugués, cunha tirada total de cinco millóns de exemplares. Na versión galega a tradución é obra de Xavier Senín e María Isabel Soto.

Ásterix e Obélix teñen unha ligazón especial coa cultura galega, pois trátase dun dos poucos cómics dos que existe unha tradición de edición en galego, con case 30 álbums traducidos dende que en 1976 se publicaran os primeiros títulos en versión galega de Eduardo Blanco Amor. Ese ano a librería Arenas da Coruña publicou A loita dos xefes, Asterix e Cleopatra, Asterix e os normandos ou Asterix lexionario, ata un total de 8 títulos. A edición en galego interrompeuse en 1978. En 1992 regresou, da man de Galaxia, que publicou 14 títulos ata 1998. En 2008 Salvat traduciu tres libros antigos da serie, pero non foi ata 2013 cando a edición en galego de novos títulos regresou definitivamente grazas a Edicións Xerais, que puxo nas librarías Astérix e os pictos, O Papiro do César e, agora, Astérix en Italia.

A ausencia de tradución ao galego dalgún dos títulos, nomeadamente no periodo comprendido entre 1998 e 2008, chegou a provocar críticas por para da Mesa pola Normalización Lingüística e das Ciberirmandades da Fala, que en 2005 levaron a cabo campañas para demandar o regreso da publicación da nosa lingua. A publicación ese ano de O ceo vénsenos enriba en 25 linguas mais non en galego motivou así mesmo que os alumnos do instituto brionés de Viceso se decidisen a traducilo pola súa conta; ademais, iniciaron unha recollida de sinaturas para preguntar pola razón deste esquecemento. O BNG mesmo levou o tema ao Parlamento. Finalmente, as distintas iniciativas de presión tiveron éxito, e Salvat accedeu a publicar vellos títulos en galego.

Os primeiros, con tradución de Blanco Amor

As aventuras de Asterix e Obélix comezaron a publicarse en 1959. Xa en 1963, na Feira do Libro de Frankfort, Fernando Arenas (propietario da libraría Arenas da Coruña) fíxose cos dereitos de publicación dos heroes galos na nosa lingua. Eduardo Blanco Amor aparece como tradutor de A loita dos xefes e Astérix O Galo, mentres que os seis outros volumes publicados nos anos setenta por Mas-Ivars e a libraría Arenas son asinados por Juan Blanco Amor. A lingua destas traducións, debedora do galego oral, con marcados dialectalismos ourensáns e moi influída polo galego que Blanco Amor descubriu en América, foi revisado cando estes libros foron reeditados por Grijalbo, propietaria posteriormente dos dereitos de edición para o Estado Español.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.