“O Parlamento de Galicia insta á Consellería de Educación a: 1.- No marco das súas competencias realizar as adaptacións necesarias para incluír na oferta educativa do Bacharelato o obrigatoriedade da Historia da Filosofía como materia troncal. 2.- Instar ao Ministerio de Educación do Goberno do Estado a propiciar nos traballos do denominado Pacto educativo un debate en profundidade sobre a situación da Filosofía no sistema educativo e a necesidade da súa pervivencia”. A Iniciativa Lexislativa Popular impulsada dende hai uns meses por un grupo de docentes e apoiada por máis de 8.200 sinaturas foi aprobada este mércores por unanimidade polo Parlamento, que lle demanda ao Goberno galego que recupere o carácter obrigatorio e troncal da materia de Filosofía no Bacharelato.
Trátase da primeira proposición non de lei de iniciativa popular que aproba a cámara galega, pois todas as que anteriormente foron presentadas chocaran co rexeitamento da maioría absoluta do Partido Popular. A sesión foi seguida en directo non só polo grupo de profesores e profesoras que a veu defendendo nos últimos meses e, igualmente, polo decano da Facultade de Filosofía da USC (José Miguel Sagüillo), senón tamén por ducias de alumnos e alumnas de centros de secundaria.
En Marea, PSdeG e BNG criticaron os efectos da LOMCE
No debate previo á súa aprobación, César Fernández (PP) amosouse “convencido da importancia da filosofía" e de que a filosofía "nunca vai desaparecer”. O portavoz popular sinalou que “coincidimos desde o primeiro momento coa iniciativa que se nos presentou desde a Comisión Promotora" e engadiu que "cando se argumenta e se poñen enriba da mesa razóns, a propia filosofía é a que nos ensina a comprender e consensuar para chegar a acordos".
Polo BNG, Olaia Rodil destacou que a importancia da Filosofía "vai alén do educativo e sitúase nun plano clave para o desenvolvemento humano". Rodil puxo a defensa da Filosofía no contexto dunha crítica a un modelo educativo "cada vez máis fragmentado, compartimentado". "Que individuos saen dese modelo de ensino?", preguntouse. "Cremos que non abonda con recuperar a Filosofía, hai que ir máis alá. As lesivas reformas educativas aplicadas, a LOMCE no seu conxunto e o espírito do que emana deben ser derrogadas", concluíu Rodil.
O socialista Luís Manuel Álvarez Martinez criticou tamén os efectos da LOMCE, o "incremento das materias optativas en detrimento das horas de formación común" e unha "mercantilización do sistema educativo que roza extremos indecentes". Álvarez Martínez pediu que a Filosofía recupere o lugar "do que nunca debeu saír por culpa dunha lei perniciosa e innecesaria".
É a primeira proposición non de lei de iniciativa popular que aproba a cámara galega, pois todas as anteriores chocaran co rexeitamento da maioría absoluta do PP
Por En Marea, Ánxeles Cuña reclamou a importancia da "supervivencia da Filosofía". "Queremos cidadáns e cidadás ou súbditos? Queremos reforzar os alicerces fundamentais da cultura ou só festas do cocido?", preguntouse. "Nós cremos que a Filosofía é un alicerce fundamental para o futuro deste país, para o futuro da democracia", concluíu.
