0 Gardados para despois

“NASCA el sueño creador”, de Raul Gustavo García Roig

Xacobe Meléndrez FassbenderXacobe Meléndrez Fassbender


Palavra ComumPalavra Comum | @palavracomum


Ate o vindeiro día 31 de outubro estará colgada, na Casa Museo Casares Quiroga da Coruña, esta exposición fotográfica que rende homenaxe María Reiche, xeógrafa e matemática alemá que dedicou toda a súa vida a descubrir, valorizar, conservar e desentrañar os segredos dos ciclópeos deseños, misteriosos tamén, das liñas de Nasca-Perú. Roig coñeceuna sobre o terreo en 1976.

Gustavo García Roig carga sobre o seu lombo unha gran saca de experiencia que foi medrando dende a súa Argentina natal ate a cidade da Coruña, onde reside dende hai case 20 anos; polo medio ficou unha intensa actividade profesional en Perú, dentro do sector da publicidade. Unha vida sentida con intensidade e partillada en cada un dos seu proxectos fotográficos (Puruchucu, Le Monde Habité, Esperando a los dioses en Chankillo, Líthica...), case que sempre en diálogo con distintos poetas (Francisco Fernández Naval, François Davo...)

Amosa aquí imaxes analóxicas tomadas dende avioneta hai 40 anos co seu amigo Edy Herrán - piloto e fotógrafo defensor das liñas de Nasca contra agresións especulativas de todo tipo, investigador e descubridor dalgúns dos seus xeoglifos, falecido hai dous anos. Antigas fotografías que confronta con imaxes dixitais de vos realizados o mes pasado por el mesmo, comparación que de por si xa é  aliciente dabondo para achegarse á exposición. 

Como sempre que unha obra de arte é sentida, honesta, chama a nosa atención sobre o autor e o seu proceso creativo. Gustavo persigue as súas luces e sombras nas rochas, buscando a comuñón coa Terra, a Pachamama da que se sinte parte. E desta vez é el mesmo que pon versos ás súas imaxes, no que pode ser un dos seus traballos máis intimistas.

 

Son Autorretratos telúricos onde se re-visita

Nese coincidir de encadres, co paso dos anos e a evolución tecnolóxica, é tentador aventurar a teoría do autorretrato diacrónico, no que o autor tentaría percorrer as súas cicatrices -liñas na pel/liñas da terra- misturando espírito xuvenil e revisión da experiencia acumulada procurando, ao cabo, a súa propria identidade: un deseño no que recoñecerse e proxectar ao firmamento.

Un novo traballo que suma á súa mochila nómade, un esforzo máis tentando traducir ou somentes marabillarse diante do enigma da humanidade e a súa relación co Universo.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.