Socheo é un vocablo mariñeiro que significa a última fase da preamar. O Proxecto Socheo ten como obxectivo localizar, estudar, inventariar e dar a coñecer o patrimonio audiovisual da Guarda coa colaboración de todas as persoas que garden imaxes de caracter histórico e con valor cultural.
O proxecto, dirixido por Xurxo Chirro (autor de Vikingland), que encabeza un grupo de técnicos e especialistas no eido da historia e dos audiovisuais, terá tres fases: nun principio abrirase á xente para que esta colabore aportando material que pode ter por casa. En contrapartida, estas imaxes analóxicas se dixitalizarán e se editarán adecuadamente sen ningún custe para o particular. Despois farase unha campaña de recollida de oralidade de persoas maiores para que esta sabedoría non desapareza. E finalmente gravaranse tradicións e aspectos sociais que definen a singularidade cultural da Guarda.
Farase unha campaña de recollida de oralidade de persoas maiores para que esta sabedoría non desapareza
Xa está dispoñible así mesmo unha canle de youtube na que se poderá ver a maior parte das gravacións que se vaian recuperando ou realizando. Na canle xa se poden visionar máis de trinta películas de distinta procedencia desde a década dos anos 20 até a actualidade.
O proxecto quere sinalar a "fraxilidade" da memoria, que pode ser salvada e difundida grazas ás novas ferramentas tecnolóxicas dispoñibles
O proxecto quere facer fincapé na necesidade de salvagardar este material "para o orgullo de todas as xeracións de guardeses" e ao mesmo tempo sinalar a "fraxilidade" da memoria, que pode ser salvada e difundida grazas ás novas ferramentas tecnolóxicas dispoñibles. Xurxo Chirro afirma que “vivimos nunha sociedade onde hai unha profusión desmesurada de imaxes e, para darlles maior utilidade, hai que atopalas, clasificalas, ordenalas e poñelas a disposición de posibles interesados. A idea e intentar rescatar o pasado, reestruturalo no presente e redimensionalo cara ao futuro”.
Quérese, así mesmo, que esta preocupación se faga extensiva tamén ao material fotográfico que compoñen os distintos arquivos que andan ciscados por distintas mans e que poderían enriquecer, dun xeito decisivo, o patrimonio cultural da Guarda.