0 Gardados para despois

De libros: De tránsitos e memoria

Berta DávilaBerta Dávila


Vén o outono coa novela premiada no Xerais nos días derradeiros da primavera pasada. E o do 2017 vén con este A arte de trobar, de Santiago Lopo (Vigo, 1974) que acollemos as lectoras cos brazos abertos case ao mesmo tempo que nos encontramos de novo co Pergamiño Vindel. A coincidencia semella non ser  fortuita, pois da procura do libro fuxido e do legado que viaxa con el tamén fala esta novela. Autor doutras novelas premiadas como Hora Zulú e A diagonal dos tolos, Lopo tece un fascinante nobelo narrativo que nos atrapa cunha intelixente dosificación do suspense e dos diferentes planos de intriga, a histórica e a humana, dous elementos que sabe superpoñer no plano literario con oficio experto, como xa amosara noutros libros anteriores, de xeito que consegue que lamentemos as interrupcións que a vida diaria fai na lectura

Ao igual que n'A diagonal dos tolos, volvemos ver uns protagonistas en tránsito, sen que o camiño teña, desta volta, un destino tan claro. N'A arte de trobar son un grupo de artistas medievais os que avanzan acompañados de Elvira, unha moza rubia que fuxe dos francos do norte que están invadindo Occitania e que lles pide protección e compaña. Así, sen eles pretendelo, rematan fuxindo con ela para tratar de evitar que a alcance a sombra misteriosa e macabra de Isahort, quen persegue a Elvira para levala de volta á inquisición dominica, quen quere xulgar a esta por cátara, e para apropiarse do libro que ela leva consigo, un suposto tratado de nigromancia . 

Así, o camiño de Isahort e o de Elvira e a troupe simultanéanse desde o comezo da novela, de xeito que as relacións entre eles van transparentándose co avance da trama. Xoga tamén o autor cos prexuízos lectores e cos recursos clásicos da novela de aventuras, xa que ben avanzada a narración imos descubrindo aspectos determinantes dos personaxes (nomeadamente de Isahort) que botan por terra boa parte das hipóteses creadas habilmente polo narrador e fan que nos cuestionemos como e por que completamos as informacións que nos faltan cos propios arquetipos heróicos.

O acoso e a xenreira dos invasores do norte á lingua do mediodía francés non resulta moi difícil de equiparar á situación crítica da cultura e a lingua que atravesamos noutras periferias

Que a trama se desenvolva nun contexto aparentemente alleo á realidade histórica na que vivimos, non o é a nivel temático e experiencial. O acoso e a xenreira dos invasores do norte á lingua do mediodía francés non resulta moi difícil de equiparar á situación crítica da cultura e a lingua que atravesamos noutras periferias singularmente minorizadas, aínda que con outro tipo de estratexias represoras. Estas chiscadelas que lanza o narrador, xunto con outras que nos lembran o papel das mulleres na historia propia, reivindicándoas como personaxes máis determinantes e significativos do que o relato oficial acostuma mostrarnos (o papel de María Balteira na narración é exemplo disto), fan que as lectoras poña un ollo no pasado e outro no porvir. Como dixo unha vez Carlos Fuentes na Gran novela latinoamericana “debemos imaxinar o pasado para que o futuro, cuando chegue, tamén poida ser recordado, evitando así a morte dos eternamente esquecidos”.

Boa lectura, boa memoria.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.