"O patrimonio cultural é un valor económico e social, é o tesouro máis grande que temos"

Constitución da Rede do Patrimonio Cultural © redepatrimonio.gal

Este xoves 16 celébrase o Día do Patrimonio Mundial, promovido pola UNESCO. As entidades que conforman a Rede do Patrimonio Cultural organizan 39 actividades simultáneas para contribuír á visibilización destes bens e das entidades que os promoven, protexen e poñen en valor. Con esta acción conxunta a Rede quere amplificar a relevancia social destas accións, ofrecendo por primeira vez un calendario conxunto de actividades do movemento social ao redor do patrimonio cultural de Galicia.

Haberá roteiros, visitas guiadas, conferencias, lectura de libros, concertos, xantares e eventos varios que procurarán ao longo da semana concienciar da importancia da conservación e promoción do patrimonio. En total, son 39 actividades en boa parte das comarcas do país, que se difundirán ademais nas redes sociais a través do hashtag #DiadoPatrimonio.

A Rede está conformada por 79 entidades e iniciou a súa andaina o pasado mes de xuño, impulsada por Asociación Cultura do País, Asociación Ecoloxista Adega, Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal), Asociación Petón do Lobo, Colectivo a Rula, Gentalha do Pichel, Historiadegalicia.gal, Mariña Patrimonio, PatrimonioGalego.net, Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA). Despois de meses de traballo, publicaron unha Declaración que resumía os motivos e os obxectivos básicos da rede. Posteriormente máis e máis asociacións e colectivos uníronse a unha plataforma que non deixou de crecer. Falamos con Soledad Felloza, unha das voceiras da Rede.

"Na Rede hai entidades grandes e outras moito máis pequenas, que traballan só nun ámbito local pero que en moitos casos levan moitos anos de actividade. E esta celebración conxunta contribúe a facer visible o traballo de todos"

Por que decidistes celebrar deste xeito, de forma conxunta e colectiva, o Día do Patrimonio? É unha forma de dar a coñecer e amplificar o traballo das ducias de entidades que a nivel local traballan todo o ano na defensa e difusión destes bens?

Para nós esta actividade ten moitísima importancia porque é a primeira que facemos como rede. Hai que ter en conta que a rede como tal está funcionando dende hai moi pouco tempo, constituíuse en xuño e dende a comisión coordinadora comezamos a traballar a finais de setembro. Se en tan pouco tempo tantísimas entidades puideron organizar actividades, estamos seguros de que o ano que vén será moito máis completo. Non queriamos deixar pasar esta data porque cremos que é fundamental. Ademais, queríamos colocar nas redes sociais a etiqueta #DiadoPatrimonio en galego, queriamos que Galicia estivese presente. E, despois, porque na Rede hai entidades grandes, que traballan a nivel galego, e outras moito máis pequenas, que traballan só nun ámbito local, pero que en moitos casos levan moitos anos de actividade. E esta celebración conxunta contribúe a facer visible o traballo de todos, ante a sociedade e tamén nos medios de comunicación

Unha das claves na defensa do patrimonio é a súa difusión social, a implicación da cidadanía?

Dende a rede imos traballar a través de campañas e algunha delas vai tentar contrarrestar a idea, estendida, de que o patrimonio sempre é conflito. O patrimonio non ten por que ser conflito, se o patrimonio está ben coidado e difundido é un valor económico e social. Queremos mudar a idea que ten moita xente e tamén moitas administracións de que o patrimonio é un problema; non, o patrimonio cultural é o tesouro máis grande que temos, é a identidade de Galicia.

"Hoxe temos patrimonio que está ben conservado, protexido e divulgado e tamén outra gran parte que está moi mal. Temos que pensar que queremos facer con este patrimonio, non se trata de facer intervencións porque si"

Que se pode mellorar no ámbito legal e das políticas públicas?

É imposible que unha soa administración poida manter, coidar e vixiar todo o patrimonio existente. Fíxate que unha web como patrimoniogalego.net leva catalogados máis 10 mil bens e o que lle queda. Fai falla que todas as forzas camiñemos xuntas: a cidadanía, as entidades e as administracións de todo tipo. Será a única forma de que o patrimonio estea nunha boa situación. Hoxe temos patrimonio que está ben conservado, protexido e divulgado e tamén outra gran parte que está moi mal. Temos que pensar que queremos facer con este patrimonio, non se trata de facer intervencións porque si. Moitas veces non se pensa no que vai pasar despois, en se vai haber investimentos para a súa conservación ou se un centro de interpretación vai ter persoal ou contidos. Fai falla un debate profundo e serio a nivel galego con todas as partes implicadas: profesionais, empresas, administracións e co conxunto da poboación.

A Rede botou a andar hai poucos meses e dende entón non deixou de crecer. Estades satisfeitas co seu desenvolvemento, ata agora?

Estamos chegando a 80 entidades, das que 29 organizan actividades nesta xornada. Estamos moi contentos porque vemos como día a día seguen chegando peticións para adherir novas asociacións. E estamos ansiosos por comezar a facer accións conxuntas. Isto non quere dicir que en todas as accións ou campañas vaian participar as 80 entidades, senón que pode ser que nunha actividade específica sobre petróglifos se xunten só as asociacións centradas neste tema. Un dos obxectivos da rede é fortalecer os lazos entre as entidades, para darlles máis pulo ás reivindicacións que cada unha pode ter.

"O coñecemento fomenta o amor, o coñecemento é o que vai salvar o patrimonio"

Nese traballo conxunto, é importante compaxinar a actividade dos e das profesionais coa participación de persoas que non o son, pero que teñen unha gran preocupación pola defensa do patrimonio?

Dentro da rede, pero tamén dentro dalgunha das entidades que a forman, atopamos unha mestura de profesionais e tamén de xente que está namorada do seu patrimonio. Que permite isto? Pois permite a apertura a unha maior participación da sociedade civil, unha participación que debe ser responsable e sempre tutelada por profesionais cando falamos de intervencións directas sobre o patrimonio. Temos que estar en contacto cos profesionais para saber e para aprender. E é moi positivo ver nos últimos anos como cada vez máis os arqueólogos, restauradores e outros profesionais cada vez difunden máis e en máis espazos o que saben sobre o patrimonio. E o coñecemento fomenta o amor, o coñecemento é o que vai salvar o patrimonio.

 

Constitución da Rede do Patrimonio Cultural © redepatrimonio.gal
Constitución da Rede do Patrimonio Cultural © redepatrimonio.gal

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.