O Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá do 1 ao 3 de decembro a décima edición do Culturgal, que presentou este luns a súa programación. Están programadas máis de 130 actividades, dirixidas tanto aos profesionais como ao público xeral, e ao redor de 120 expositores para un evento que combina a difusión cos encontros profesionais. O grande obxectivo é tecer pontes entre empresas, institucións e cidadanía arredor da cultura feita en Galicia. Pódese consultar a programación nesta ligazón.
Un ano máis, a Asociación Culturgal, da que forman parte cinco asociacións profesionais –Escena Galega, Eganet, Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi) e Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM)– que representan máis de 150 empresas do sector, encárgase da organización desta multitudinario evento, que o ano pasado congregou 15.000 visitantes. Este verán Manuel Bragado, editor e presidente de Culturgal, destacaba que a Feira ten “os pés ben chantados sobre os seus alicerces e cada edición debe continuar mellorando, innovando e sorprendendo”. Con nove edicións ás costas “xa podemos dicir que hai nenas e nenos que creceron con Culturgal”, apuntaba Bragado, que subliñaba que o evento "xa adulto" superou a súa etapa de lanzamento e consolidación e que debe afrontar agora "novos retos".
Unha das novidades desta edición é o convite a Portugal como país convidado, "un intento serio de acadar relacións culturais estables con axentes e institucións portuguesas", destácase dende o Culturgal. Aínda que desde o nacemento da Feira, a cultura producida no país veciño tivo presenzas puntuais no recinto e na programación, en 2017 comparecerá en Pontevedra como unha marca conxunta para institucións, empresas e creadores portugueses. Así, a cultura portuguesa visibilizarase a través de expositores, concertos e presentacións, co apoio da Secretaría de Estado da Cultura e colaboracións como a establecida coa Bienal de Arte de Vilanova da Cerveira, unha referencia artística en Portugal. Outra das novidades pasa precisamente pola arte contemporánea, que ter por vez primeira un espazo de seu na feira.
Un dos exemplos deste nexo con Portugal estará nas Xornadas Profesionais Escena Galega, que se celebrarán o venres 1 de decembro baixo o título: “Galicia e Norte de Portugal, como activar e estabilizar a circulación escénica transfronteiriza?". De igual xeito, as Conversas Nortear propoñen un diálogo entre as literaturas galega e lusa con dous recoñecidos escritores das dúas beiras do Miño, Miguel Sande e Virginia do Carmo. O Pergamiño Vindel terá tamén un papel destacado na feira; o sábado pola tarde terá lugar un relatorio arredor da singularidade do Vindel nas súas dimensións literaria e musical, mentres que o domingo se desenvolverá o obradoiro infantil Scriptorium. O mestre dos códices, pensado para que os nenos e nenas descubran as técnicas e materiais empregados na copia dos manuscritos durante a Idade Media.
A programación infantil será un ano máis unha das protagonistas, con actividades que comezarán xa o venres pola mañá. As entradas para os menores de 12 anos teñen un prezo de 1 euro diario (2 euros os tres días) e os nenos e nenas de menos de 3 anos teñen acceso de balde.
Tamén o cinema e o audiovisual teñen un peso cada vez maior na feira. Entre os filmes que se poderán ver están Sicixia (Ignacio Vilar), Mimosas (Óliver Laxe) ou María e as Demais (Nely Reguera). Tamén os documentais Porta para o exterior (José Ramom Pichel e Sabela Fernández) ou Sitio Distinto (Davide Cabaleiro).
No marco da feira tamén se entregará o premio do público do Culturgal, ao que nesta edición optan a FIOT de Carballo, o Play-Doc de Tui e o Portal das Palabras