Máis de 600.000 persoas visitan cada ano o espazo natural das Catedrais, en Ribadeo, máis a metade concentradas nos meses de xullo, agosto e setembro (case 350 mil entre os tres meses). Así o estimou o pasado ano o estudo O turismo na praia das Catedrais, realizado polo IBADER da USC. A pesar de que en xullo de 2015 o Plan de conservación do Monumento Natural da Praia das Catedrais estableceu un máximo diario de visitantes na praia (4.812 persoas) a cifra total ao longo do ano non deixa de incrementarse e calcúlase que no 2021, Ano Xacobeo, superará o millón de persoas, un rexistro próximo ao de Stonehenge (1,3 millóns) e que case duplicaría ao da Calzada dos Xigantes irlandesa (0,55 millóns).
Calcúlase que no 2021, Ano Xacobeo, superará o millón de persoas, un rexistro próximo ao de Stonehenge (1,3 millóns)
Dende hai varios meses vense traballando nun Plan Especial para o espazo que contribúa á súa protección e á ordenación desta masa turística. A pasada semana o DOG recollía a aprobación inicial deste plan, que este martes foi presentado en Ribadeo polos seus responsables técnicos e que terá agora un período de exposición pública de dous meses. O documento, de máis de 300 páxinas, busca "mellorar a conservación do patrimonio natural e da biodiversidade, mellorar e regular o tránsito das vías de comunicación, dos elementos de urbanización inadecuados e dos impactos visuais notables", destaca o alcalde ribadense, Fernando Suárez.
Na presentación do plan, Mario Crecente -responsable da consultora que elaborou o documento- destacou que “non pode haber sostibilidade no turismo se non hai ordenación”, unha xestión dos fluxos de visitantes que non se limita á praia (como figura no plan vixente dende 2015), senón que se refire a toda a súa contorna próxima. "Todo o mundo pensa que o monumento natural é a praia, e non. O monumento natural é esa liña vermella que son a praia, os cantís, as condicións xeográficas, as prantas... O monumento natural é bastante máis que a praia. E de feito cando un visitante accede ás Catedrais sen mirar ben a táboa de mareas co que queda é coa vista ou coas actividades que poida facer nos cantís, na contornas, etcétera", destacou.
O documento propón obras de urbanización de accesos, control de accesos e aparcadoiro (que tería 1.300 prazas); a construción dun centro de visitantes, de interpretación, cafetería e usos múltiples; obras de reurbanización da vía LU- 0610 e adecuación de sendeiros tradicionais e puntos de observación; e tamén o traslado do apeadoiro de ADIF para que os visitantes poidan achegarse ás Catedrais no tren. Unhas actuacións que en conxunto terían un custo de 2,5 millóns de euros.
Crecente subliña que o plan se redactou tendo en conta non só o número actual de visitas, senón o probable incremento que apuntan as investigacións do IBADER: "Se As Catedrais estivera hoxe en 5.000 visitantes ao mellor non estábamos plantexando nada disto, pero é que está en 600.000, e dicimos que pasado mañá vai estar en 1.000.000 de visitantes, e se non facemos algo non imos ter As Catedrais, teremos outra cousa pero As Catedrais non”. "Nós o que facemos é aplicar a lei. Calquera entende hoxe que na Praza do Obradoiro nin se pode aparcar, nin se pode montar un bar nin un restaurante. Isto é un monumento natural, ten o máximo nivel de protección de todas as figuras que existen, máis que un parque nacional. Nós o que facemos é aplicar esas figuras", concluíu Crecente.
"Nós o que facemos é aplicar a lei. Calquera entende hoxe que na Praza do Obradoiro nin se pode aparcar, nin se pode montar un bar nin un restaurante"
O plan estuda tamén de que forma pode Ribadeo e toda a comarca da Mariña aproveitar os beneficios desta masa turística e que este aproveitamento sexa respectuoso co medio e sexa ordenado racionalmente. Fronte aos 673.851 visitantes que en 2015 tivo o Monumento Natural das Catedrais (573.439 a praia), Ribadeo recibiu ese ano 69.618 viaxeiros/as e tivo 110.797 pernoctacións. “Os problemas que agora escoitades desde Venecia ata Santiago son da xente que non pernocta, porque coa pernoctación podes ter algún rendemento social ou económico para a vila ou para o territorio onde estás", dixo Crecente.
"Hai que ter medios e en turismo estamos moi acostumados a que se fale sempre de promoción porque é moito máis fácil que a ordenación. Pero non pode haber sostibilidade no turismo se non hai ordenación. Se nos equipos que están nisto non hai urbanistas, non hai xente que traballe no medio ambiente natural e que teña un pouco de idea de como funciona isto do turismo, é moi difícil aspirar a que o turismo sexa sostible”, engadiu. Alberte González, outro dos técnicos responsables do documento, destacou neste senso que "a importancia do monumento se ten que estender ao resto do concello, para que determinadas actividades, determinados fitos turísticos do propio concello sirvan tamén como filtro e tamén regulen o acceso ao monumento, e así tamén se estenda o beneficio da propia existencia aquí da praia de As Catedrais ao resto do concello".
O exemplo de Stonehenge e doutros espazos protexidos europeos
“Non pode haber sostibilidade no turismo se non hai ordenación”
"Faise necesario ordenar todo o espazo natural, como se fai nos grandes centros de atracción medioambiental na Europa moderna e avanzada, onde nos queremos mirar. Iso, nin máis nin menos, é o que pretende este documento", subliña Fernando Suárez, alcalde de Ribadeo. En efecto, o documento compara a situación e a xestión das Catedrais coa que existen en Stonehenge (Reino Unido), Calzada dos Xigantes (Irlanda do Norte) ou no Brú na Bóinne (Irlanda), entre outros seis espazos "que teñen problemas semellantes: moitos visitantes, concentrados no tempo, espazos de valor natural, condicións de accesibilidade complexas pola súa situación...", explicou Mario Crecente.
"Con todos estes elementos: o respecto polos usos tradicionais que nesa zona se desenvolven, a mellora e a ordenación do transporte privado e do público, tanto de autobuses como do tren que ten un papel moi importante aquí pendente de cumprir, queremos ofrecer ao mundo a nosa mellor cara, a nosa mellor disposición para que siga vindo xente para ben de Galicia, para ben da Mariña e para ben de Ribadeo", concluíu Suárez.