“'Resaca' é un freo para a desmemoria, unha homenaxe para os que xa non están”

Tito Asorey, director de teatro Dominio Público Ars Lumen

Resaca é a terceira montaxe de ilMaquinario Teatro. Estreada neste 2017 e protagonizada por Melania Cruz, Laura Míguez, Fernando González e Fran Lareu co acompañamento musical de Vadim Yuknevich, a montaxe encara este mes de decembro con funcións no Teatro Rosalía Castro da Coruña (este martes 5 e mércores 6 de decembro), o Teatro Principal de Pontevedra (xoves 7) e o Teatro Municipal Lauro Olmo do Barco (16 de decembro). Ademais, a obra principiará o 2018 formando parte do programa do MADFERIA, a Feira de Teatro de Madrid que se celebrará entre o 23 e o 26 de xaneiro.  En Resaca, ilMaquinario transita entre os límites da realidade e a ficción nun proxecto no que os membros da compañía procuran reconstruír a súa memoria xeracional e familiar a través da historia dunha persoa común que desapareceu e que marcou as súas vidas: Álex. Conversamos sobre a obra co seu director, Tito Asorey.

Resaca é a terceira montaxe de ilMaquinario Teatro. Estreada neste 2017 e protagonizada por Melania Cruz, Laura Míguez, Fernando González e Fran Lareu co acompañamento musical de Vadim Yuknevich, a montaxe encara este mes de decembro con funcións na Coruña, Pontevedra ou O Barco

Resaca é a terceira montaxe de ilMaquinario Teatro, compañía que tras adaptar en 2012 un texto de Martin McDonagh (O home almofada) e en 2014 un texto de Marius von Mayenburg (Perplexo), decidiu este ano erguer unha obra de escrita propia e colectiva. A que se debe esa viraxe?

Débese a que ilMaquinario responde á propia vida dos seus membros. Somos unha compañía que monta unha obra cada dous anos e nese tempo, naturalmente, os intereses van mudando. E tamén somos unha compañía que é unha plataforma na que nos sentimos moi libres de crear e experimentar modos de facer teatro. Resaca parte dun momento no que, como compañía, nos apeteceu traballar entre o biográfico e o escénico. Se botamos a vista atrás, O home almofada partiu dun momento moi concreto, cando saímos da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD). Adaptar ese texto foi o noso proxecto fin de carreira e o comezo de ilMaquinario. Escollemos unha historia pechada, moi aristotélica e que respondía a unha dramaturxia máis clásica. Decidímolo así porque consideramos que o que debiamos sacar da ESAD era aprender a contar ben unha historia. Dito doutro xeito, debiamos aprender a construír un edificio para cando chegase o momento poder deconstruílo. Dous anos despois, fixemos Perplexo. Como obra, pon en dúbida o propio concepto aristotélico. É unha peza de crise, unha peza na que os propios protagonistas están perplexos dentro da súa propia teatralidade. En certo xeito, era unha peza bisagra entre a primeira e a terceira. Este ano, chegou Resaca. É unha obra na que a ficción se vai reducindo e a realidade irrompe dun modo máis evidente na escena. Pretendemos poñer a realidade en escena e falar de nós mesmos, falar da nosa realidade, das nosas familias.

Nalgunha entrevista, enmarcaba vostede Resaca dentro do chamado teatro documento, un campo de traballo que cultivou nos últimos tempos Chévere en obras como Eroski Paraíso.

O teatro documento é unha categoría moi presente no teatro contemporáneo actual e ten unha forte implantación en zonas como América Latina. Agora ben, non sei se enmarcar Resaca tanto dentro do teatro documento ou referirme máis a teatro biográfico. Para resumilo, digamos que en Resaca se xoga coas propias vivencias dos membros do equipo artístico que o poñen en escena. No caso de Chévere, é moi claro o grande traballo documental feito en Eroski Paraíso, pero creo que os principios que rexen a posta en escena e a súa teatralidade son moi diferentes. No noso caso o proceso de documentación versou sobre todo nas nosas propias familias, nas nosas vivencias, non tanto en realizar un traballo de campo dunha realidade diferente á nós mesmos.

Resaca principiará o 2018 formando parte do programa do MADFERIA, a Feira de Teatro de Madrid que se celebrará entre o 23 e o 26 de xaneiro

Outro exemplo dese teatro documento atopámolo en Goldi libre. Ou no Salvador de Borja Fernández.

Se cadra o noso caso está máis unido a Salvador, xa que tamén está a pulsión por afondar na historia da familia propia. Por outra banda, que Resaca teña esa forma documental non quere dicir que sexa real. En certo xeito, tamén serve para cuestionar o formato documental como portador da verdade. Gústanos ese xogo entre a realidade e a ficcionalidade.

Fica a dúbida onde remata a ficción e comeza a realidade, non?

Si. En Resaca está claro que montamos unha familia, a familia de Álex. Esa familia créase a través de retallos e fragmentos tirados das nosas familias. Podemos dicir que vertemos o noso material para poñelo ao servizo do xogo ficcional, empregando a Álex como núcleo vertebrador.

Tamén hai que dicir que no proceso de creación de Resaca, que se dilatou bastante no tempo, houbo encontros creativos que tiveron un peso fundamental. Comezamos primeiro cun contacto co dramaturgo arxentino Marco Canale e tivemos experiencias artísticas con formacións como a mexicana Lagartijas tiradas al sol.  Neses encontros atopamos os mecanismos que empregan outros creadores para afrontar traballos deste tipo. E un encontro moi importante, quizais o máis relevante, foi unha experiencia que tivemos grazas ao Goethe Institut durante o Frinje de Madrid co director Falk Richter, co que puidemos traballar no verán de 2016 xunto co coreógrafo Nir de Volff e o dramaturgo Nils Haarman. Estas experiencias foron fundamentais para coñecer mecanismos e ferramentas, para saber como traballan este tipo de historias en outras partes do  mundo. Despois, esas ferramentas adaptámolas á nosa idiosincrasia para contar unha historia de aquí, de proximidade, moi nosa. Por iso, podemos dicir que tamén é a obra que máis conectada está con Galicia.

ilMaquinario transita entre os límites da realidade e a ficción nun proxecto no que os membros da compañía procuran reconstruír a súa memoria xeracional e familiar a través da historia dunha persoa común que desapareceu e que marcou as súas vidas: Álex

Resaca abre cunha referencia directa ao concepto de Amor líquido, do sociólogo Zygmunt Bauman. Que importancia ten na obra?

Nun principio, a nosa pretensión ao facer Resaca era abordar ese concepto, o amor líquido. Partimos desa idea e achegámonos a través do concepto de resaca, dese momento no que remata a festa, no que o bo xa pasou e no que toca repoñerse para iniciar outra cousa, outro día... Dito doutro modo, para a seguinte borracheira -digamos- emocional. Ese foi o punto de partida, pero despois de moito tempo de traballo fomos abandonando ese concepto tan global do amor líquido, xa que nos interesaba algo máis persoal. Interesounos analizar como eran as relacións persoais dos nosos avós con respecto ás nosas, se cambiara a forma de relacionarnos dunha xeración a outra.

Un pouquiño cambiaron, non?

Si, un pouco [Risos]. A partir de aí, abriuse unha nova vía. Queriamos falar das lembranzas e da memoria. Se te fixas, no texto dise unha frase: “Bendita polisemia!” Nós queremos na obra falar da polisemia da resaca, que pode significar, lonxe das borracheiras, as correntes do que leva e trae o mar, dos restos do naufraxio. Así o concepto resaca, valíanos tanto para falar das relacións persoais, como da memoria. Pero volvendo a Bauman: Si, partimos dese concepto de amor líquido, que non deixa de formar parte da socioloxía, para achegarnos ao que queriamos chegar. Foi un camiño que partiu dun termo moi global, que abarca toda unha construción sociolóxica do mundo, para chegar a algo moito máis local, pero ao mesmo tempo, universal. 

A obra ten unha clave esencial na loita da memoria fronte a desmemoria, empregando para tal fin a Álex, a amiga que xa non está.

Coido que Resaca é unha loita contra a desmemoria. Álex é unha ficción, pero representa as perdas reais, a esa persoa importante que tivemos todos, pero xa non está. Eu teño ben claro quen é ese amigo que desapareceu nun momento dado. Esa perda entendémola todos. Hai un proceso de duelo e nós queremos reflectir a necesidade de parar, de dicir que non queremos que a vida siga exactamente igual. Necesitamos parar e saber onde estamos co obxectivo de  que a vertixe cotiá non nos leve a pasar páxina sen máis. En definitiva, Resaca é un intento de freo para a desmemoria e unha homenaxe a aqueles que xa non están: amigos, familiares, xente querida.

Outro elemento clave da obra é o seu perfil xeracional, que se representa nunha escena concreta: na enumeración e proxección de feitos como o 11-S, o 11-M, o Xabarín Club... Momentos todos, por outra banda, ben televisivos e que interpelan directamente a xeración que se move agora entre os 30 e 40 anos. Como definiría vostede esa xeración?

Pídesme algo ben complicado. Se eu fose quen de definir esa xeración, definiríaa na obra... pero non é o caso. Dicía Umberto Eco en A vertixe das listas que cando non sabes definir algo, o primeiro que debes facer é unha lista. Esa escena responde a esa lóxica. Decidimos facer unha lista e que cadaquén saque as súas conclusións. A través de eses flases, achegámonos a idea de como se constrúe unha xeración.

Un momento da representación [Foto: ilMaquinario Teatro]

"Unha anécdota non mantén unha obra, nin sequera unha escena. Tiñamos claro que debiamos achegar historias, feitos, sucesos"

Comentou antes que esta era a obra que máis conecta con Galicia. Entendo que é porque falamos dun texto propio e nas anteriores adaptaron textos de autores estranxeiros. Pero como se dá esa conexión? Que elementos trata Resaca para conectar coa nosa realidade?

En Resaca falamos da familia e hai distintas maneiras de enfrontarte á familia. Imos ver... Cando escribiamos o texto, partindo como dixen antes de retallos propios das nosas propias familias, tiñamos ben claro que non nos valían simples anécdotas. Unha anécdota non mantén unha obra, nin sequera unha escena. Tiñamos claro que debiamos achegar historias, feitos, sucesos e relatos que debían conectar co noso mundo e que explicase dalgún xeito unha sociedade. Dito doutro modo, que nos explicase no mundo no que habitamos. Nese sentido, hai elementos que nos conectan coa realidade social: coa emigración, co caciquismo, co amor pola terra, con realidades de xente traballadora que perdeu todo da noite a mañá coas preferentes, con posicionamentos políticos...

Eu non son crítico teatral e por iso vou  a citar a un crítico, Manuel Xestoso, que na Erregueté publicou unha crítica, Teatro Líquido, na que se pode ler o seguinte: “Hai [en Resaca] unha renuncia á identidade creada nas anteriores montaxes da compañía en beneficio diso que se deu en chamar posdrama, e a forza do argumento se ve menoscabada polo discurso que o defende”. Poderíase ler como un “Ti tamén, Bruto?”

[Risos] A ver, Perplexo poderiamos dicir que foi un éxito, sendo moi ben recibida pola crítica e polo público. Pensemos que é unha obra de 2014 que se seguirá programando en 2018. Funcionou, pero tiñamos claro que iamos a seguir o noso camiño. Será mellor ou será peor, pero será o noso camiño. Críticas similares, que cuestionaban ter dalgún xeito modificado a nosa identidade como compañía, xa nos chegaron incluso cando estreamos Perplexo, xa que realmente era un cambio de tercio moi grande con respecto a O Home Almofada. O teatro responde a fases vitais e neste momento apeteceunos facer Resaca. Estou seguro que volverei dirixir obras de outros autores, obras máis canónicas, onde a ficción sustente a posta en escena e máis afastadas dese termo tan usado como é o “posdrama”. Todo dependerá do momento vital, das necesidades de contar o que necesito contar en cada momento. Das ganas de experimentar, de xogar. E por outra banda, ilMaquinario non ten un decálogo. E eu tampouco. E sabemos que a poética establécese co paso do tempo. Como dicía antes, nós comezamos por aprender a construír un edificio para despois, chegado o momento, deconstruílo. Foi o camiño que fixemos.

Por outra banda, as palabras de Xestoso, persoa á que teño nunha moi alta consideración,  servíronme para reflexionar moito sobre o traballo realizado e hai que agradecer que se fagan nun momento como o que vive na actualidade o xornalismo cultural. O papel da Erregueté é fundamental para o teatro galego. Está a ser practicamente a única vía de publicación de críticas, unha vez que practicamente desapareceron dos xornais. E podemos reflexionar a raíz deste debate tamén sobre varias cuestións. Por exemplo, sobre por que case todo o que sae da ESAD ten que ver co posdramático. Tamén é verdade que o debate sobre o posdrama non é novo, levamos xa décadas con este asunto.

"É imperiosa a necesidade de reformar o Centro Dramático Galego para que funcione como un organismo con entidade propia"

E agora vou cambiar de tema. E malia que pasaron meses, voulle preguntarlle polo Centro Dramático Galego (CDG). Quería saber, que lle pareceu o Martes de Carnaval que finalmente montou o CDG unicamente coa dirección de Marta Pazos?

Pareceume un espectáculo moi potente a nivel visual. Un Valle-Inclán pasado pola visión escénica de Marta Pazos.

Pregúntoo por que imaxino que vostede ao ver a obra lembraría o proxecto que tiña para dirixir a parte d'As galas do defunto.  E tamén lembraría toda a polémica que rodeou a este espectáculo debido ao procedemento de selección do elenco.

Evidentemente que o lembrei. Foron moitos meses de traballo que ao final quedaron na miña cabeza e nun par de libretas cheas de apuntamentos, notas e expectativas. Non puido ser. Así é a vida. A estas alturas téñoo superado. Hai moito traballo que facer.

E coa perspectiva que dá o tempo, que conclusión tira agora de todo o acontecido ao redor do procedemento de selección do elenco, da súa renuncia a dirección desa parte do espectáculo e da situación xeral do CDG?

Pois a primeira conclusión é que creo que o CDG debe ter capacidade de facer teatro mellorando as condicións que un ten nunha compañía privada. E iso pasa polo dereito do director a escoller un elenco con absoluta liberdade, aínda que sen esquecer que é un organismo público e que polo tanto debe haber vías para que os actores e as actrices poidan acceder a ter a posibilidade de traballar nel. O concurso público e este sistema de puntuacións non creo que sexa unha vía válida pola cantidade de problemas que se derivan del. Creo que é imperiosa a necesidade de reformar o Centro Dramático Galego para que funcione como un organismo con entidade propia. Debemos preguntarnos que mecanismos hai para tal fin. E tamén preguntarnos como fan os demais e por que non se fai aquí, por que este concurso público non sucede noutros teatros nacionais de Europa. Imaxinamos que o CDN (Centro Dramático Nacional) ou a CNTC (Compañía Nacional de Teatro Clásico) tiveran que realizar un proceso de selección así para todos os seus espectáculos? Sería absolutamente inviable. Vívese unha situación anómala que penso que non lle gusta a ninguén. Oxalá se atopen os mecanismos para a solución. Precisamos un diálogo intersectorial urxente para tratar este tema. É cuestión de vontade política e de asumir un problema a solucionar.

Cartel de 'Resaca', de ilMaquinario Teatro Dominio Público ilMaquinario Teatro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.