0 Gardados para despois

Uxía: “Non podemos seguir vivindo de costas ao rural. Temos que repensar a identidade nesa clave”

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


"Cantarte, Uxío, é catar o aire/ agochar os medos/ e ollar a serra calada,/ o Courel de tesos cumes,/ beber dunha fonte de versos,/ do luar dos soutos da Parada". Así escribe Uxía sobre a experiencia que, para ela, supuxo o proceso de creación do seu novo disco, Uxía-o, no que, como ela mesma explica nesta entrevista, quixo devolverlle a Uxío Novoneyra, cando menos, un pouquiño do que nos deu. Cos seus versos e coa súa reivindicación do Courel, da montaña, desa parte da nosa realidade que é o rural, do que ás veces só parecemos lembrarnos cando acontecen catástrofes coma a dos lumes.

Tes un disco anterior de poemas de Manuel María. Este foi proposta da Fundación Novoneyra? Xa hai tempo que cantas nos concertos o Alalás encadeados.

Pois no Ano das Letras dedicado a Novoneyra houbo unha homenaxe na Fundación Manuel María. Alí, o fillo de Uxío tróuxome un poema inédito de seu pai e así naceu o Alalás encadeados, ese tema que cantamos tanto, como dis. En realidade, a obra de Novoneyra é unha paixón para min desde hai moitos anos. Andaba con Os eidos por aí como se fose unha Biblia… e unha cousa levou á outra. O poema que me deu Uxío (o fillo) era diferente aos poemas que estamos afeitos a ler de seu pai, un texto moi directo, que ademais o propio Novoneyra (pai) quería que fose cantado. Fala de Galiza como o pobo resistente que somos… Puxémonos a musicalo nada máis telo e acabou converténdose como un himno nos nosos concertos. Despois fomos completando cancións ata que tivemos un traballo maduro para gravar un disco.

“En realidade, a obra de Novoneyra é unha paixón para min desde hai moitos anos. Andaba con Os eidos por aí como se fose unha Biblia”

Foi, entón, un proceso de anos. E se cadra paralelo ao disco de poemas de Manuel María. As músicas compuxéstelas ti e Sérgio Tannus, a partir das letras de Uxío Novoneyra.

De xeito latente xa estaba aí, ata que sentín que chegaba o momento de facelo, de rematar o disco. Polo medio estiveron, claro, todos os proxectos nos que estou, pero chegou un momento de dedicarlle tempo e de traballar, ademais, nun proxecto que fose máis alá dun disco convencional. Quería facer algo diferente, cun deseño especial…

“Quería facer algo diferente, cun deseño especial…”

Como quería levar a poesía de Novoneyra a diferentes ambientes, ademais do formato que teño a sorte de ter con Sérgio Tannus, -guitarra, viola caipira e pandeiro-, Santi Cribeiro -acordeón-, Isaac Palacín -percusión- e José Manuel Díaz -contrabaixo-, contei coa colaboración especial de Ana Isabel Días -arpa-, o violín de Quim Farinha, o piano de Alberto Vilas e o violoncello de Lui Coimbra. A idea era facer, claro, unha proposta contemporánea, e non tiven prexuízos, de xeito que no disco pódese atopar desde o alalá ata o chamamé, un ritmo do norte de Arxentina co que tiven contacto na xira con Fran (Narf) por América… Sérgio Tannus e eu formamos, ademais, un equipo que funciona moi ben. El fai as harmonías e despois traballamos na melodía.. Sae todo de xeito fluído, orgánico, natural. Fomos compoñendo en distintos momentos, onde ían cadrando, mesmo nas esperas nos aeroportos…

Cal foi o papel, no proceso, da Fundación Novoneyra?

Foron moi xenerosos. Dun lado, puxeron á nosa disposición todo o material poético, pero é que ademais abríronnos as portas da casa. Eu puiden cantar na solaina onde Uxío escribía, tentando percibir o que el sentía vendo aquela paisaxe, aqueles soutos… El coñecía, ademais, cada regato, cada lugar… Uxío, Branca, Arturo e Elba, que é unha grande recitadora de Novoneyra, axudáronme moito. Era como sentir que el estaba alí.

“Puiden cantar na solaina onde Uxío escribía, tentando percibir o que el sentía vendo aquela paisaxe”

Eu coñecino hai moitos anos. Presentoumo Emilio Cao. E, por certo, o disco leva unha versión de Cain das follas de Emilio Cao. A comuñón que tiña Uxío coa natureza sempre me impactou moito. E ao musicar os seus poemas tamén sentes, claro, o peso da responsabilidade, porque tes medo de non estar á altura. Tamén me axudou moito falar con Olga Novo, que é a autora do limiar do libro-disco, e especialista na obra de Novoneyra.

Uns poemas cántalos e outros, máis ben, recítalos. Por que motivo?

Uxío Novoneyra era un dicidor de poemas, recitaba moi ben a súa poesía, e eu quería que iso estivese no disco. Quería facelo ao meu xeito, pero homenaxeándoo a el tamén, o seu xeito de dicir os poemas. O disco é tamén unha maneira de seguir a tradición de musicar a  poesía galega, como fixo Amancio Prada cos poemas de Rosalía, Emilio Cao con Novoneyra, Luis Emilio Batallán con Curros… Penso que segue a haber un diálogo interesante entre música e poesía.

“Uxío Novoneyra era un dicidor de poemas, recitaba moi ben a súa poesía, e eu quería que iso estivese no disco”

Como fixestes a escolma dos poemas?

Non era fácil porque me gustaban todos. Pero escollín o que máis me chegaba ao corazón. O das fiandeiras, por exemplo, sempre me gustou moito. Do libro Os eidos a verdade é que me gustan todos… Cando os repasaba, a verdade é que pensei moito no tema dos incendios. A comuñón que tiña Uxío coa natureza, a súa preocupación polo rural… Vivimos de costas ao rural e penso que o cada vez está máis claro que o futuro pasa por esa comuñón coa natureza.

“Temos que coñecer máis o rural, o interior, a montaña, o noso patrimonio natural e arquitectónico, os xeitos de vida…”

Temos que coñecer máis o rural, o interior, a montaña, o noso patrimonio natural e arquitectónico, os xeitos de vida… Temos que repensar a cuestión da identidade nesta clave. E iso non significa que non poidamos ser urbanitas tamén. Pero non podemos seguir vivindo de costas ao rural, á montaña, a esa realidade que está aí. E ninguén coma Uxío cantou ese mundo. Era, ademais, un amante da lingua, da palabra. Os Eidos é unha lección de lingua. Por iso, tamén, a nosa música tiña que ir máis aló: tiña que ter moita cor, moitos detalles…

Falabamos antes dos distintos ritmos. Hai diversas influencias…

Non quería un disco que fose uniforme. A instrumentación ten moita importancia e as melodías instrumentais tamén, como no folk, que permanece en min como está, claro, en Isaac Palacín, Santi Cribeiro e Quim Farinha, os tres membros de Berrogüetto, un grupo que admirei e admiro tanto. A relación con eles sempre foi moi estreita. E Sérgio é un músico e un compositor xenial, e logo José Díaz, que é cubano, dálle tamén ao traballo un swing moi especial… Como dicía antes, quixen crear ambientes. A arpa clásica de Ana Isabel Días é moi importante… Foi moi bonito traballar con todos eles. 

Acaba un disco cun poema teu que recolle o que é para ti a obra de Novoneyra.

Ese poema era para min como devolverlle a Uxío aínda que sexa un pouco do que lle debía. Por todo o que nos ensinou, todo o que nos deu a súa poesía. Ese poema acabou, ademais, sendo unha canción, pero non chegou a tempo para incluíla no disco. Nos próximos directos xa imos presentar esta canción e, seguramente, outras novas, porque comezas a beber dunha fonte coma a poesía de Novoneyra e sempre che parece que podes musicar máis.

“Comezas a beber dunha fonte coma a poesía de Novoneyra e sempre che parece que podes musicar máis”

No disco non está todo porque ademais non quería que fose demasiado longo. Quería facer algo que a xente puidese ir degustando, interiorizando, que a quen o escoite lle dean ganas de entrar nesa atmosfera. É un disco moi íntimo pero o directo ten moita forza. Temas coma Terra Moura sérvenos ademais para sacar o lado telúrico… É un tema de percusión, en directo é tremendo…

Terra Moura é un tema moi vital, si. Outros son máis calmos…

Si, no disco todo ten o seu momento. Desde un alalá moi desgarrado ata Terra Moura, sobre a terra que nos dá a auga e que temos que coidar, ou un tema de amor como o da fiandeira… Poucos coma Uxío falaron tan ben do abandono do rural, e ninguén coma el o fixo tan ben do Courel. Das terras ardidas, de pobos abandonados… E todo o que el di segue a estar moi presente.

E si, temos ritmos galegos como a muiñeira, ou unha jota moi potente como é Terra Moura, ou a versión de Emilio Cao… Moitas cousas distintas. A versión de Emilio debíalla porque el descubriume a poesía de Uxío e presentoumo. Temos que recoñecer, ademais, o enorme traballo que fixo e os camiños que abriu. É un creador que admiro e quero moito. Despois hai, no disco, un tema que é máis jazz, Só se oi o que eu oio. Un pouco de todo.

“Poucos coma Uxío falaron tan ben do abandono do rural, e ninguén coma el o fixo tan ben do Courel”

Supoño que as fotos do libro-disco son de alí, do Courel.

As fotos fíxoas Miguel Calvo e Niko Alvarellos fixo o deseño gráfico. Fomos ao Courel, á casa de Uxío, e foi máxico. Ver aqueles soutos… E cantando en directo e a veciña coas vacas… Foi moi bonito. Non foi unha sesión de fotos convencional. Foi coma un paseo polos soutos. Xa coa luz baixa, con sombras, siluetas… Outra cousa moi importante é que o disco está dedicado a Fran (Narf). É o primeiro disco que fago desde Baladas da Galiza imaxinaria e, claro, este traballo tamén está moi ligado a el, á súa forza… Deixounos abraiados no seu último concerto. Deuno todo.

Entendo, claro. O libro tamén leva caligramas de Uxío Novoneyra.

Sempre me encantaron. É poesía visual que achega tamén moito ao libro. Despois temos tamén, a portada, que é unha composición fotográfica a partir dunha obra de Antón Lamazares. Antón estaba coa exposición Flor Novoneyra, na que traballa con versos de Novoneyra utilizando o alfabeto que inventou, o alfabeto Delfín. A portada do disco pon Uxía/o coas letras do seu alfabeto. Así, o disco é un libro-disco obxecto, non só un disco convencional. A idea é que a xente vaia vendo as fotos, lendo os poemas, escoitando o disco…

Que percibiches, cando estabas no Courel, sobre a ligazón da xente de alí con Novoneyra?

Téñeno moi presente a el, que era moi querido, e á súa obra. Antes de chegar paramos a comer nun local que se chama… Os Eidos. A xente sabía que Uxío estaba cantando ao seu lugar, o lugar que eles senten como propio. Uxío é un dos poetas que mellor cantaron ao Courel e a xente tenlle veneración. Ademais, claro, a veciñanza recoñece os lugares, todo o que Uxío cita nos seus poemas…

"No Courel téñeno moi presente a el, que era moi querido, e á súa obra"

Temos que presentar o disco alí. Xa o presentamos no Teatro Colón, na Coruña, e na Cidade da Cultura. Temos intención de presentalo en Madrid, Barcelona, Euskadi, Asturias… Telo a sorte tamén de ter comigo, na produción, a Marina Carracedo, con quen fundei Damadriña Producións. Marina era profesora e descubriu que a súa vocación era a produción musical… O disco foi un traballo moi colectivo.

Hai conexións cos discos anteriores…

En Meu canto xa estaba O cuco a cantar, que remesturamos para este disco. O Alalás encadeados tamén estaba, pero volvemos gravalo. Fred Martins canta comigo O cuco a cantar, tema no que tamén teño o violoncello de Lui Coimbra.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.