De 'eucaliptización' a 'sapoconcho'. Cal é a palabra galega do ano?

Estas oito palabras son as finalistas © RAG

Afouteza, eucaliptización, independencia, sapoconcho, teimudo, vaga de lumes, velutina e violencia de xénero. Son as oito opcións finalistas que se poden converter na palabra galega do ano no marco na votación organizada por cuarto ano consecutivo polo Portal das Palabras da Real Academia Galega e a Fundación Barrié. A votación permanecerá aberta á participación de todas as persoas que o desexen ata as doce da noite do 25 de decembro. Nas tres primeiras edicións desta iniciativa corrupción (2014), refuxiado/a (2015) e irmandade (2016) foron as escollidas.

Afouteza, eucaliptización, independencia, sapoconcho, teimudo, vaga de lumes, velutina e violencia de xénero son as finalistas

Nas últimas dúas semanas o Portal recibiu máis 900 propostas distintas, enviadas por ao redor de 6.700 persoas. Agora ábrese a votación, na que pode participar calquera persoa. Só cómpre ter en conta que non se poderá votar máis dunha vez desde o mesmo equipo por período de vinte e catro horas e que tampouco se admitirán votos de máis de tres dispositivos por enderezo IP. A palabra gañadora, a máis votada de todas, será dada a coñecer o mércores 27 de decembro.

Dende o Portal das Palabras destácase que todas as opcións finalistas "son palabras contundentes, con forza informativa, que centraron por diversos motivos os temas de maior presenza mediática e máis impacto social do ano". En efecto, aí están violencia de xénero, velutina, vaga de lumes, independencia e eucaliptización, nos que é doado advertir o impacto dos incendios forestais, do machista, da expansión da avespa asiática ou do conflito catalán. Tamén aparecen outras, como afouteza, teimudo ou sapoconcho, que nalgún momento do ano figuraron entre as máis buscadas no diccionario online da RAG, con clara influencia do seu uso relacionado co Celta de Vigo (afouteza) ou a súa popularización (en todo o Estado) a través de Operación Triunfo, como sapoconcho.

 

Estas oito palabras son as finalistas © RAG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.