Caballero acelera cunha exposición prefabricada a fin do MARCO como centro de arte contemporánea

Faixa na fachada do museo, aludindo á crise que vive a institución © MARCO

Chegou o inverno. Nos últimos meses, vendo que o Padroado do MARCO de Vigo non iniciaba as xestións para a substitución de Iñaki Martínez Antelo, que en decembro do pasado ano xa anticipara que non ía continuar á fronte do museo, a preocupación polo futuro da institución foi medrando máis e máis. E a sucesión de acontecementos das últimas semanas non fixeron máis que confirmar os temores e a constatar que o Concello de Vigo tiña unha folla de ruta moi concreta para a non continuidade do Museo de Arte Contemporánea da cidade.

O primeiro contido que acollerá en 2018 será unha mostra dedicada a Xulio Verne e producida pola Fundación Telefónica.

De feito, hai xa un tempo que o alcalde Abel Caballero comezou a denominalo Museo de Arte Moderno, unha categoría aínda máis flexible que xustificaría a súa conversión, por exemplo, nun espazo para a exhibición das obras de Laxeiro, Colmeiro, Seoane o Maside que hoxe se poden ver no pazo Quiñones de León, en Castrelos. Ou para outro tipo de mostras itinerantes, alugadas a institucións culturais e empresas. Neste proxecto, suxerido nalgunha ocasión, o actual MARCO sería confinado ao hoxe escasamente activo Verbum.

A estratexia comezou a confirmarse nos últimos días, tras coñecerse que o primeiro contido que acollerá en 2018 o edificio do vello cárcere (que o 7 de xaneiro ficará sen exposicións) será unha mostra dedicada a Xulio Verne e producida pola Fundación Telefónica. Un modelo moi distinto de difusión cultural, na que o museo se converterá nun simple contedor para aloxar este tipo de exposicións de carácter formulario, afastadas da investigación, dos contidos locais ou da creación contemporánea, e polas que o Concello de Vigo deberá pagar a entidades privadas, maioritariamente foráneas.

Os xestores culturais alertan de que o novo proxecto favorecerá "as empresas de catering cultural especializadas na venda de exposicións prefabricadas", incrementando "a xa precaria situación das persoas que fan cultura en Galicia"

A Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural pronunciouse hai unhas semanas de forma rotunda sobre a deriva que xa se advertía no proxecto do MARCO, demandando que "continúe coma un espazo profesional e independente dedicado á cultura e a arte contemporánea, e non pasando a ser un edificio máis destinado ás ocorrencias das persoas que exercen responsabilidades políticas". "Ademais dun gran numero de exposicións durante este anos realizouse a programación de actividades educativas, de investigación, conservación, documentación e formación de profesionais, que fixeron do MARCO algo máis que un simple contedor ou expositor de obras nunha cidade coma a olívica que sempre foi un berce de movementos de vangarda", sinalaba a entidade, que alertaba de que isto "podería perderse, incrementando a xa precaria situación das persoas que fan cultura en Galicia, para favorecer as empresas de catering cultural especializadas na venda de exposicións prefabricadas, unha moda que se está estendendo no actual contexto de espectacularización cultural".

A responsable de exposicións do museo, Agar Ledo, xa amosou o seu rexeitamento á programación da mostra sobre Verne

A responsable de exposicións do museo, Agar Ledo, xa amosou o seu rexeitamento á programación da mostra sobre Verne, sinalando que a decisión de tomou de costas aos profesionais do centro e que "revela a intención que existe de desmantelar" o proxecto do MARCO. "Malia a loita que puxeron en marcha as asociacións do sector das artes visuais e dos museos para pedir un cambio de actitude dos responsables políticos ante a xestión das institucións artísticas, exemplos como o do MARCO alertan das inxerencias e da deriva neoliberal da política cultural", sinala.

A finais de novembro o Padroado da Fundación propúxolle a Ledo que asumise as tarefas de programación mentres non se designa un novo director ou directora para MARCO, algo que a responsable de exposicións do museo rexeitou, lembrando a necesidade de que oo centro conte cun director ou directora, que sexa escollido ou escollida a través dun proceso público e aberto. Esta é unha demanda que nos últimos meses realizaron artistas, colectivos culturais, docentes universitarios, a Federación Española de Amigos de los Museos ou a Agrupación de Amigos do MARCO. Casualmente, mentres en Vigo este proceso leva meses paralizado, esta mesma semana coñecéronse os directores e directoras dos seis grandes centros culturais de Madrid, elixidos por concurso público.

En contraste co que sucede en Vigo, esta mesma semana coñecéronse os directores e directoras dos seis grandes centros culturais de Madrid, elixidos por concurso público

Mentres, Concello de Vigo e Xunta de Galicia mantivéronse enguedellados nunha liorta a conta do financiamento do museo (o Goberno municipal esíxelle que incremente a a súa achega anual dende os 100 mil euros anuais ata os 600 mil que xa entrega o Concello) e tamén sobre a modificación dos estatutos do Padroado, que o Executivo de Caballero modificou para asegurar o seu control, pero que o Goberno galego anulou ao non axustarse a dereito.

Entidades culturais e artísticas de toda Galicia mobilizáronse en defensa da continuidade do MARCO © Agrupación de Amigos do MARCO

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.