Carlos Lixó: “Eu acredito, contra os tópicos, que é posíbel que a cidade sexa un territorio máis represivo que a aldea”

Carlos Lixó © Alberte Paz Calo

O rural despois do rural. A aldea que xa non é habitada por unha sociedade campesiña, un lugar no que a vida se desenvolve igual que na vila ou na cidade. É o espazo no que se sitúa o poemario co que Carlos Lixó gañou o último Pérez Parallé de poesía co título Murallas de pedra sen cemento que duran para sempre, mais que será publicado, finalmente, co nome As casas. “A miña intención”, di o autor, “era elaborar unha visión do imaxinario das persoas que nos criamos no escenario da ruralidade pero que xa nunca chegamos a coñecer nada do mundo agrario”. Mais o libro é máis ca iso. Explícao el mesmo nesta entrevista.

Podería ser un libro sobre a infancia e a aldea. Mais, máis que unha sorte de reivindicación dun rural que esmorece, parece que se está a falar da propia identidade e da súa relación co espazo da aldea. Un neno que quería ser da aldea mais, en realidade, era da cidade. Por que?

Lera unha vez a Antía Otero dicir algo así como que o rural non esmorece, que xa morreu. Non só estou de acordo con ela, senón que creo que este poemario se encontra no paso seguinte desa cadea de evolución lóxica. O rural despois do rural. Quero dicir, non é que o neno sexa de cidade, certamente o poemario sucede na aldea.

“É unha aldea na que a vida se desenvolve igual que nunha vila ou nunha cidade, excepto polos restos que permiten intuír que aí antes houbo outra cousa”

Mais é unha aldea que xa non acolle unha sociedade campesiña. É unha aldea na que a vida se desenvolve igual que nunha vila ou nunha cidade, excepto polos restos que permiten intuír que aí antes houbo outra cousa. Ese conto que se lle ouve a unha avoa e que parece un disparate. Esas paredes da casa vella na planta baixa do chalé. Dalgunha maneira a miña intención era elaborar unha visión do imaxinario das persoas que nos criamos no escenario da ruralidade pero que xa nunca chegamos a coñecer nada do mundo agrario. E aí é que se incrusta a identidade, con máis forza que o espazo.

Non é, para nada, unha aldea idealizada. Iso non é ningunha novidade na literatura galega. Mais o teu libro fala de violencia dun xeito moi directo. De violencia de xénero, en concreto. E de violencia patriarcal, en xeral -un pai autoritario, por exemplo-. Que relacionas coa pobreza ou coa idea da familia tradicional. Por que esa presenza?

A verdade é que a min nunca me viría á cabeza que a violencia, e concretamente a violencia de xénero, fose un tema cun peso destacado no libro. O mesmo que a respecto do rural, non hai intención consciente de reivindicación ou de emenda. Aparece como unha parte da paisaxe humana. Mesmo na familia máis comedida hai dalgunha maneira certo pouso de violencia, non necesariamente física. Case todo se funda sobre o traumático.

“Mesmo na familia máis comedida hai dalgunha maneira certo pouso de violencia, non necesariamente física. Case todo se funda sobre o traumático”

Eses episodios sempre parecen moi lonxe mais nunca o están. Non sei, se cadra tamén vinculo que moitas persoas maiores renuncien á súa orixe labrega e vexan o feito de que os seus netos nos criásemos fóra diso como un éxito persoal, con como ás veces falan do pasado como unha época de especial agresividade. Fronte á imaxe gris que moitas veces se impón sobre o pasado recente en Galiza, onde non acontece case nada, eu percibo violencia e intensidade, vexo algo vibrante e salvaxe tanto no bo como no insoportábel.

“Fronte á imaxe gris que moitas veces se impón sobre o pasado recente en Galiza, onde non acontece case nada, eu percibo violencia e intensidade”

O libro fala tamén bastante da transformación da aldea. No sentido de paisaxe -a papeleira da Deputación diante da casa-, e nun sentido humano -xa non quedan nenos-. Nese sentido, o libro sitúase en dous tempos, o pasado -a infancia, sobre todo- e o presente. Con iso relaciónase a idea de ir deixando a casa. Unha casa que xa non é coma antes. Que xa non pode selo. Como se artellan eses distintos tempos con esa constancia da transformación da aldea?

Efectivamente no libro trázase con claridade unha liña entre o presente e o pasado. Mais creo que o marco non é binario. Explícome. Por unha parte está o que se enuncia como presente pero xa foi. Por outra, está o pasado que como ben dis formúlase progresivo, como transición do recoñecemento ao abandono, de deixar a casa, si. Mais ademais o pasado non é só a infancia como pasado vivido, é tamén o pasado asumido.

“Mais ademais o pasado non é só a infancia como pasado vivido, é tamén o pasado asumido”

Aquel do que te apropias no entorno, o que herdas da familia até que forma parte do teu relato de vida con máis forza que se fose teu. Só aí é que fai sentido a transformación da aldea. Non tería nada de especial un rueiro baleiro se na casa non se ouvise repetir que antes estaba sempre cheo de nenos e que aí eran felices. Non importa que os campos estean abandonados se antes non se imaxinou mil veces a escena de voltar á casa camiñando ao pór do sol despois dun día de traballo.

Sae en distintos poemas o tema da diglosia lingüística -ou da apropiación cultural-. Como o da nena que lles mandaba falar galego aos amigos e agora fala castelán no facebook. De que xeito quixeches que estivese presente o tema da lingua?

A substitución do galego polo español é unha desgraza. Dito isto, como fenómeno social é complexo e interesante. O momento en que nunha comunidade monolingüe en galego comezan a aparecer individuos falantes de español dá lugar a posicións vitais moi particulares. Ese poema da nena xurdiu porque sempre me pareceu brutal como algúns falantes nativos de galego no rural son nun primeiro momento hostís cara ao español, que se é de finolis e de renegados e tal, até que teñen a oportunidade persoal de mudar de lingua e aí renuncian radicalmente.

“Sempre me pareceu brutal como algúns falantes nativos de galego no rural son nun primeiro momento hostís cara ao español até que teñen a oportunidade de mudar de lingua e aí renuncian radicalmente”

E o mesmo ao contrario, ollo, o que era o único que falaba español na aula e se acaba facendo activista na defensa do galego. De novo as identidades. Apeteceume introducir isto tamén porque é o froito dunha situación moi conxuntural. A substitución unha vez que comeza nun lugar é rápida, isto pasou hai tempo nas cidades, logo nas vilas e agora nas aldeas, até que un día non moi lonxe ninguén se identificará en absoluto con episodios dese tipo. Creo que me inquieta o continxente, o efémero máis do que o universal.

Tamén fala doutro tema clásico dos libros que tratan da infancia: a consciencia do corpo, do desexo, a descuberta do sexo. Parece que hai como un ollar á naturalidade coa que podían acontecer as cousas, respecto a iso -o desexo, a descuberta do corpo- na aldea. Pode ser?

Eu acredito persoalmente, contra os tópicos, que é posíbel que a cidade sexa un territorio máis represivo que a aldea. O feito de non coñecer a maioría da xente coa que se partilla espazos fai que a imaxe que cada persoa proxecta de si mesma, o ideal que se constrúe, acade un peso simbólico moito maior. Iso para alguén pode ser liberador mais tamén pode ser un cárcere.

“Na aldea no entanto todo o mundo sabe quen es ti antes mesmo de que te performes, sexualmente ou en calquera outro ámbito”

Na aldea no entanto todo o mundo sabe quen es ti antes mesmo de que te performes, sexualmente ou en calquera outro ámbito. O cualitativo pode ficar entón máis accesorio que cerna. Porén isto é unha reflexión teórica. Na práctica xa comentei que os límites entre rural e urbano hoxe e aquí son mínimos. Non teño claro que no libro se presente unha sexualidade vivida con máis naturalidade que calquera outra por estar na aldea. Si é verdade que se callar se insinúa máis posibilidade de refuxio, de achar intimidade fóra de catro paredes.

Hai algunhas imaxes recorrentes, coma os carangexos. Podes explicalas? -E algunhas metáforas, pero tampouco moitas-. Procuraches que fose unha linguaxe directa e clara?

Si, procurei ser directo porque a poesía atráeme como acto de sinceridade, non me interesa cando se converte en exercicio intelectual ou en erudición. Ora ben, sinceridade non quere dicir nin autobiografía, nin narración. Para que haxa poesía non se pode dicir o que se ten. Hai que calar e con certeza ten que haber símbolos. E hai que mentir moito.

“A poesía atráeme como acto de sinceridade, non me interesa cando se converte en exercicio intelectual ou en erudición”

Non sei moi ben por que escollín en concreto os caranguexos. Vouno tentar razoar. Creo que cadrou esa especie mais que me valería calquera outro artrópodo. Ódioos a todos e en xeral acho grotesco que existan animais con esquelete externo. Aparecen no texto relacionados sobre todo coa frustración, a angustia... Para cousas así en poesía moi habitualmente recórrese á ferida, a cicatriz, o corte, o sangue, mais comigo non conectan nada ese tipo de imaxes, non me serven, se cadra porque non me relaciono ben co propio corpo.

“Para min as grandes dores na vida non teñen nada a ver cunha lesión anatómica, están noutra esfera”

Para min as grandes dores na vida non teñen nada a ver cunha lesión anatómica, están noutra esfera, necesito usar outros códigos. Como moito, se se parecen a algo, podería ser a unha súper migraña ou así. Unha mordida de nécora por exemplo tamén é unha dor bastante interesante: insistente, punzante, firme e indo a máis pouco a pouco; o animal faino con todas as súas forzas. Penso que a culpa tamén anda aí polo medio enchoupándoo todo dalgunha maneira. Non sei.

Por que lle puxeches de título Murallas de pedra sen cemento que duran para sempre?

Porque son un desastre para pór títulos. Pásame sempre, agóbiame que algo que pode ser mesmo moi puntual e até casual acabe tendo tanto peso e impóndose sobre o conxunto dunha obra que procura estar chea de matices. Eu o poemario escribino todo o tempo baixo o título A casa. No entanto á hora de presentalo ao certame achei que un nome así podía falar de case calquera cousa. É recorrente e moi xenérico, entón no último momento forceime a facer algo máis concreto e máis longo.

“O nome do libro será As casas. Supoño que se é unha imaxe recorrente é porque é algo sobre o que hai que escribir”

Tiña en mente para isto o meu título favorito, que é un poema en si mesmo, Ainda não é o fim nem o princípio do mundo calma é apenas um pouco tarde, de Manuel António Pina. Mais nunca estiven convencido co resultado, a case ninguén lle gustou e ademais todo o mundo se refería a el de maneira abreviada e parecíame moi feo: Murallas..., Murallas de pedra etc. Unha xornalista mesmo brincou con que lle podería ter posto Murallas sen recebar. Fíxome moita graza. Mais é obvio que non é un título bo, por tanto decidín voltar á idea inicial. O nome do libro será As casas. Supoño que se é unha imaxe recorrente é porque é algo sobre o que hai que escribir, senón non habería tanta xente a ollar para aí. As preguntas que me fas a partir da túa lectura persoal creo que me ratifican en que un título así faille xustiza ao contido do libro..

É un libro curtiño. Antes tiñas algún poema na revista 'Dorna' e gañaras algún premio de relato curto. Hai moito que escribes? Como decidiches presentarte ao premio?

Escribo desde o instituto mais en pequenas doses e de maneira irregular, de aí que o que máis teña feito sexan poemas soltos e relatos. Porén con este libro foi diferente, xurdiu todo á xunta, na primavera de 2017. A idea xa estaba e o período foi bo porque tiña para facer moitas outras cousas e non me apetecía pórme con ningunha delas.

“Escribo desde o instituto mais en pequenas doses e de maneira irregular, de aí que o que máis teña feito sexan poemas soltos e relatos”

Sobre o certame, decidín presentarme porque teño vontade de continuar a escribir e a publicar e pensei que sería máis fácil enfrontarme á barreira psicolóxica de facelo se era a raíz dun premio que, por exemplo, tomando eu propio a iniciativa de procurar os medios, editora e tal. Por outra parte o Pérez Parallé pareceume a oportunidade perfecta porque por un lado é un premio grande e consolidado que recibiron autoras e autores que hoxe son top, e é xenial que agora o meu nome comparta algo cos seus, mais polo outro lado o feito de que estea pensado para persoas que non teñan ningunha obra publicada con anterioridade reduce a vertixe de concorrer canda escritoras con traxectorias literarias longas. Fun moi afortunado porque é unha maneira óptima de me presentar.

Estudaches Historia e fixeches o doutoramento en Historia Medieval. Non sei se o acabaches. Algún detalle hai no poemario que vén da Historia. Unha mención ao rei García, por exemplo. Que relación hai entre o poemario e esa afección pola Historia?

O doutoramento non o acabei aínda. Até o verán de 2019 estarei traballando na USC, onde ademais de investigar dou aulas, e se todo for ben a finais dese ano a tese estará lista. Máis que nalgunha referencia directa a personaxes históricas como a que comentas, penso que o peso da Historia se reflicte sobre todo na miña consciencia de estarmos nun momento final. Non o digo con ton apocalíptico, todo muda, a vida é iso.

“Penso que o peso da Historia se reflicte sobre todo na miña consciencia de estarmos nun momento final. Non o digo con ton apocalíptico, todo muda, a vida é iso”

Mais eu estudo precisamente os séculos en que se comezou a construír a estrutura da paisaxe tradicional galega, en que tomou forma un modelo de ordenamento territorial que chegou desde antes do ano mil até o século XX case intacto. Foi un esquema súper efectivo, mais agora bruscamente deixouno de ser, transformouse até se tornar case irrecoñecíbel e en breve desaparecerán tamén os seus restos.

“Para min foi forte as primeiras veces que lin documentos altomedievais describindo aldeas cos seus límites exactos, coa súa toponimia menor, e comprobei que iso se transmitiu así e funcionou até a xeración dos nosos avós ou pais"

Para min foi forte as primeiras veces que lin documentos altomedievais describindo aldeas cos seus límites exactos, cos seus detalles precisos, coa súa toponimia menor, e comprobei que iso se transmitiu así e funcionou naturalmente até a xeración dos nosos avós ou pais, e que eu formo parte da primeira á que lle resulta ou completamente alleo ou senón unha curiosidade tipo etnográfica e sentimental, que aínda é unha proba de distanciamento maior.

Algo máis que queiras comentar?

Que o libro sairá en maio de 2018, para quen lle apetecer lelo. E sobre todo que obrigadísimo a ti e ao Praza pola entrevista. Foi un pracer!

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.