0 Gardados para despois

Lois Pérez: “O lugar da poesía é, para min, a voz do subterráneo, os espazos aparentemente triviais ou marxinais do traxecto”

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


Ledicia blue. Cantar a tristeza, a amargura, mais con ledicia e con humor, con ironía. Coma as mellores cantantes negras de blues. Coma as mulleres que entoan os cantos de labor galegos. É o lugar onde se sitúa Lois Pérez, o autor do poemario ‘Long Play’ (Xerais). Entre a tradición oral, a cultura popular e a denuncia da inxustiza dun “mundo de merda”. Bebendo de moitas fontes: de Rompente a Ronseltz, de Nicho Varullo a Siniestro Total. Fuxindo do “clube dos poetas tristes”, sen renunciar á ambición de axudar, aínda que sexa só un pouquiño, a “mirar doutra maneira”. Tentando chegar, afirma, ao inaccesible.

“Escribo porque me sae así, porque aquí abaixo na escrita, aquí onde todo é subterráneo, dei co meu lugar e síntome invencíbel fuxindo da morte”, di un dos primeiros poemas do libro. No manifesto final dise: “No fagades poesía porque non hai máis poesía cá morte”. A morte e a súa relación coa escrita atravesan todo o libro. Por que?

Ese poema que citas fala da morte e de poñerse nun lugar subterráneo, que ten moito que ver coa idea que eu teño, que pode ser errada ou atinada, de que temos necesidade de facer algunha sorte de viaxe interior a través da escrita, das artes… E penso que para botar luz sobre o que somos é necesario o concurso das sombras. Quero dicir, que o que tento é escribir sobre o inaccesible, sobre as cousas fundamentais que nos preocupan e, claro, un deses temas é a morte, que si percorre todo o libro. Aínda que non se me ocorrera facer ese nexo que sinalas ti entre ese poema do principio e esa frase do manifesto.

“O que tento é escribir sobre o inaccesible, sobre as cousas fundamentais que nos preocupan”

O Manifesto dos Louseiros Posibilistas fíxome pensar naquela historia da “secta loisista” que se divulgara polo Día das Letras de Lois Pereiro. O ton do libro, en xeral, lembra o Antón Reixa dos 70/80, despois hai referencias ben claras a Siniestro Total…. É como se os teus referentes estivesen máis nos 80 que nos 90 ou despois.

Non pensara, en concreto, o da secta loisista, pero si que están esas influencias que dis. Supoño que porque a súa influencia foi tan grande que a única maneira de que non te influísen sería non coñecelos. Nunha das presentacións do meu libro, na presentación de Compostela nas Crechas, onde participou o Leo, ao falar con el confirmei que temos certas afinidades, que el traza máis polo lado musical e eu polo lado literario. Penso que é un fío invisible no que están desde Reixa e o grupo Rompente ata as letras de Os Resentidos ou Ronseltz, e no musical desde Nicho Varullo e Kinindiola ata Siniestro Total. É un fío que si me dou conta de que está aí e que se vai manifestando de distintas maneiras ao longo do libro. Supoño que porque para min foi máis estimulante ca outras cousas. Na presentación de Compostela nas Crechas, onde participou o Leo, falabamos e confirmei que temos...

“Penso que é un fío invisible no que están desde Reixa e o grupo Rompente ata as letras de Os Resentidos ou Ronseltz, e no musical desde Nicho Varullo e Kinindiola ata Siniestro Total”

O tal Manifesto dos Louseiros Posibilistas -todos con tráxicos finais- defende o “extravío como liña de acción poética”. Cita o situacionismo de Debord, o extravío mal interpretado como “colocón”... A que te refires con todo iso?

Hai cousas relacionadas con iso que me interesan moito. Coma a figura de Arthur Cravan, o boxeador e poeta sobriño de Oscar Wilde. Foi un dos primeiros en aplicar a escrita automática, e a súa figura empata tamén con Boris Vian e cos situacionistas. Debord e os seus compañeiros xuntábanse nun café pola noite e despois marchaban por aí cadaquén polo seu lado. Ao amencer volvían xuntarse e era cando falaban, pintaban, escribían… É un tipo de extravío que era diferente de perderse, pois é volver ao camiño no que estaban. Hai en todo isto, tamén, un toque surrealista que me interesa.

“Hai unha visión dominante na poesía que está protagonizada por homes, europeos, de boa condición social burguesa, con demasiado tempo para pensar”

Despois hai outra cousa que xa dixen noutra entrevista e non quero repertirme demasiado, pero eu penso que hai unha visión que percorre boa parte da poesía nos últimos anos, unha visión dominante que está protagonizada por homes, europeos, de boa condición social burguesa, con demasiado tempo para pensar. Iso fai que se impoña un pesimismo tráxico, que non se compadece con outras manifestacións da cultura, as relacionadas por exemplo coa cultura popular, e en especial manifestacións culturais protagonizadas por mulleres coma os cantos populares.

Alexandra Koss fixo unha tese sobre as chastuxkas -pezas menores da tradición oral rusa- das pièselnitzas -mulleres rusas do rural-, que comparou coas coplas e jotas galegas das mulleres da nosa tradición oral. Os cantos das chastushkas cos cantos de labor das mulleres galegas: as lavandeiras, as traballadoras das conserveiras… E detectou un fío común: unha ironía amarga. Para min é coma o blues, e en concreto o blues das grandes cantantes negras, co seu fondo de ironía triste. É como cantar a tristeza con ledicia e con certo humor. E eu sitúome a min aí. Para min é moi importante o humor e a ironía.

“É como cantar a tristeza con ledicia e con certo humor. E eu sitúome a min. Para min é moi importante o humor e a ironía”

Falabas antes de escrita automática… O que si hai no teu libro é algúns poemas que parecen pouco revisados -coma os que están na Cara B- e que ben poderían ter sido escritos despois dunha noite de marcha. Ou que poden ser lidos nesas mesmas circunstancias. É divertido, por certo, ese “western” de Muimenta. Aínda que eu mesma ía a Hermo de adolescente e nunca vin tal cousa… Hai un punto absurdo...

É que eu empato con esa maneira de entender a escrita e ademais esa parte está pensada para ser actuada con música. Nós tamén naufragar, gústame dicir, dándolle unha volta ao verso da adorada Xohana Torres. Hai algo diso que dis, de nocturnidade. Tamén é que, a ver, non me considero unha persoa moi experimentada nin maior, pero sempre me interesou ver o que hai por aí adiante e o da noite é un bo espazo para observar… Hai algo diso, de noite, de discotecas, que tamén ten que ver co rock, coa inmediatez… E si pode haber no libro cousas para ler antes de deitarse despois de saír de marcha. Hai comic en branco e negro, que está sen cor para que se poida pintar, se cadra antes de ir a clase de reenganche...

Se cadra todo isto do que estamos a falar é algo tópico. O poeta e a noite, o extravío, o escuro… Coma unha certa apelación ao malditismo… A literatura galega está chea de poetas malditos. Non é novidade ningunha.

Entendo, mais ten que en conta que eu trato iso dun xeito caricaturesco, desde o humor. O Grupo dos Louseiros Posibilistas serían unha xeración enteira de poetas que se suicidan. É unha maneira de poñer en cuestión iso que dis. É rir do tópico, desa tendencia á poesía triste, tráxica, que leva a unha sorte de clube dos poetas tristes. Ás veces vas a un recital e saes cun baixón, coa sensación de que non hai saída por ningures. O que fago é rir de toda esa visión, non escribir en serio desde iso.

“É rir di tópico, desa tendencia á poesía triste, tráxica, que leva a unha sorte de clube dos poetas tristes”

E supoño que os louseiros son posibilistas porque si ven saídas… Iso deixa albiscar tamén o manifesto: a esperanza.

E, ben, porque… levaba as letras L e P. É un exercicio de humor, non trata de revelar verdades profundísimas e agochadas. Pero si revela o que eu son.

Falabamos antes de cultura popular e de tradición oral. Ti levas tempo sendo contador de historias. Algunha relación imaxino que haberá… O blues, os cantos das traballadoras... Colaboras coa sección de Literatura de Tradición Oral da AELG.

Hai. A vontade de contar. E ten que ver co que creo que eu son. Hai unha vontade de contar que empata coa influencia da tradición oral. Hai pouco fomos a As Pontes para gravar e había un señor, Eladio o Cego, que quedou cego con 21 anos. Pois contaba como atravesaba catro ou cinco parroquias para ir á casa da súa parella, sen ver e guiándose polos sons. E iso pasaba no seu lugar, que quedou sepultado baixo a maior mina a ceo aberto de Europa, que abrira un burato enorme na terra. El ilustraba todo iso con palabras… A literatura, tamén a oral, debe ser memoria. O que pasou.

“O discurso da televisión, ou da política, pretende dominarnos. Parte da crítica literaria tamén. A poesía non”

A poesía pode ser un xeito de resistencia e de protesta. O discurso da televisión, ou da política, pretende dominarnos, son como bandeiras que se axitan por enriba das nosas cabezas sen deixar lugar para pensar, para retrucar, para matizar. Parte da crítica literaria tamén pretende dominarnos. A poesía non. E este libro, con toda a súa insignificancia, o que pretende é axudar, aínda que só sexa por un intre, a cambiar os xeitos de mirar. O que hai é só unha vontade de contar algo de maneira sinxela e directa. E o do blues, que preguntas, é o mesmo. Se hai dous colectivos que sufriron ao longo da historia son as mulleres, discriminadas e perseguidas, e os negros. E as mulleres negras aínda máis. O blues era o seu xeito de expresarse, como o eran os cantos de labor das mulleres galegas. Esa ironía amarga, esa ledicia triste, que eu chamo ledicia blue… Ese xeito de ollar o mundo, que me fascina.

"Este libro, con toda a súa insignificancia, o que pretende é axudar, aínda que só sexa por un intre, a cambiar os xeitos de mirar"

Hai unha cousa… que é que quizais fuches atrevido coas rimas. Quero dicir, que para rimar hai que ter bastante dominio. Porque supón un risco adicional de acabar facendo poemas malos. Por que optaches, en parte dos poemas, pola rima?

Pois é doado de explicar. Unha parte da literatura que me gusta é a literatura clásica. E non vou presumir de transgredir, porque a transgresión xa non é unha innovación, está incorporada á tradición literaria, pero interésame a rima. É verdade que podo cometer erros, non nego que poida saírme algún ripio, pero lembra o que dicía Proust sobre a tiranía da rima, ese brillo que pode adquirir a palabra ao rimar con outra.... Quero dicir, que me interesa a sonoridade que adquiren as palabras coa rima e ademais chego, coa rima, a imaxes que doutra maneira dificilmente chegaría.

“Non vou presumir de que o eu fago é transgredir, porque a transgresión xa non é unha innovación”

Perfectamente explicado. Por certo, tes un libro anterior, LP, de 2013, editado por Emerxente, do que rescataches once poemas para Long Play.

Si, collín once poemas dos 97 que tiña o libro e tentei melloralos porque eran claramente mellorables. Co resto, a verdade é que xa non me identifico. É un libro que hoxe xa non me identifico… Pero por algures tiña que comezar e sempre lle estarei agradecido de corazón a Alberte Momán, quen apostou por min e o publicou. E a Verónica Martínez, que me axudou.

"Sempre lle estarei agradecido de corazón a Alberte Momán, quen apostou por min e publicou LP. E a Verónica Martínez, que me axudou"

Fas autocrítica. Iso é importante… Por certo, por que hai tanto mariñeiro nos poemas dun mozo da Piringalla?

É que vivín catro anos en Viveiro, en Celeiro. Hai un café aló, o Rancho Chico, cunha mariñeira que foi pioneira… Por alí está o colectivo Chilindrín. O nome vén de como lles chamaban os mariñeiros ingleses aos nenos: children, e de aí chilindrín, pasando o children polo galego de Celeiro. A Celeiro foi onde chegou o pesqueiro Sempre Casina remolcado despois de afundir, e os mariñeiros falecidos.

Long Play divídese en varias partes. A Cara A comeza con Long Play, na que hai amor, palabras que tentan acceder a unha realidade tramposa e reaccións ante a miseria política: os refuxiados de Siria que morren no mar, unha terra galega que descarrila en Angrois, un monte no que xa non se pode agocharse porque está queimado… Aí hai feridas...

Está a idea do amor, si, pero nun sentido amplo. O amor como a amizade, por exemplo. E despois, non é que eu sexa sospeitoso de ser crente, pero si me identifico cunha idea particular de busca da salvación. Marcos Lorenzo ten un libro de conversas con Karlotti que se chama Karlotti: un poema crónico, que recolle unha idea que tamén está en Really de blues, a biografía de Mezz Mezzrow, que é a salvación polo amor. Quero dicir, que se non traizoas o que es, as túas ideas e os teus valores, vas descansar tranquilo. E esa é das poucas aspiracións que podemos ter: estar tranquilos co que somos, ser fieis ás nosas ideas e cultivar o amor, picando os dedos na corrente cando faga falta. Tentar ser feliz coa miña muller Alba e co Loisiño e querelos e sentirme querido, para min é dabondo.

“Esa é das poucas aspiracións que podemos ter: estar tranquilos co que somos, ser fieis ás nosas ideas”

Hai unha imaxe que aparece no libro que vén de algo que me contou Manolo Bragado. Unhas rapazas universitarias, en Damasco, que escribiron con area versos do Simbad de Cunqueiro. E outras dúas imaxes que tiven moi presentes ao escribir o libro, que para min son mostra da nosa derrota como civilización. Unha é a de Aylan, o neno sirio afogado, e outra é menos icónica: un refuxiado camiñando pola autoestrada co seu neno ao lombo, chovendo a chuzos. Claro que hai unha ferida absoluta, de inxustiza, da nosa absoluta falta de empatía. E a min paréceme que a poesía ten que servir tamén para que saibamos o que a xente opina sobre as cousas que lle doen. A poesía tamén ten que falar do que acontece na rúa, do que pasa neste mundo de merda. Despois tamén está o feito de que hai un intento de imbecilización, de banalización da palabra a través da televisión, e penso que a poesía pode axudar a desprendernos diso. Nese sentido, tamén pode ser un lugar no que atopar refuxio ante un mundo gobernado por delincuentes. Un bo poema, un bo cadro, unha boa canción… poden ser ferramentas de coñecemento do que nos rodea.

“Hai un intento de imbecilización, de banalización da palabra a través da televisión, e penso que a poesía pode axudar a desprendernos diso”

Despois hai outra trampa, que é a grande pixa tecnolóxica. E explícome, porque sei que pode soar mal. E eu admito que tamén tento desandar un camiño nese sentido. A pixa é a grande sublimación do patriarcado como sistema. O machismo, os estereotipos sexuais, a (in)cultura do maltrato, a discriminación das mulleres, están a entrarnos na cabeza todo o tempo por todo tipo de trebellos, neste mundo da inmediatez. E a poesía pode loitar contra iso. Os escritores son, fronte a iso, produtores de sentido, modestos produtores de sentido, ou de sinsentido, non sei.

“O machismo, os estereotipos sexuais, a (in)cultura do maltrato, a discriminación das mulleres, están a entrarnos na cabeza todo o tempo por todo tipo de trebellos”

Antes falabamos, por certo, do poema de Muimenta, no que se fala dunha grande pelexa. Tamén é unha maneira de falar de intoxicación. Hai boas viaxes e malas viaxes. Para que a intoxicación sexa boa a merda ten que ser boa. E as boas viaxes -e aquí volvemos aos surrealistas- poden levarnos ao onírico, ao subconsciente… e ás palabras da tribo. Muimenta é, coma Meira, un lugar que está no meu imaxinario. Non sei moi ben por que. Mais, mira, o poema SON (G) adicámosllo nas presentacións do libro a Xosé, o da Flor, de Meira. Pois do que falo era algo que el tiña: a maneira de saber dicir as cousas con palabras sinxelas e directas. Que é o que tento. Aínda que ás veces me saian ripios, como me dicías, e que tentarei mellorar… Sei que algúns toman tan en serio iso de Deleuze de parecer estranxeiros na súa lingua que escriben cousas que non se entenden, pero non creo que a min me pase iso.

"Sei que algúns toman tan en serio iso de Deleuze de parecer estranxeiros na súa lingua que escriben cousas que non se entenden, pero non creo que a min me pase iso"

Hai un poema que é como un trasunto do himno galego. Fala de mafiosos que nos rouban, de olor a podre e non só en Dinamarca e da sombra de Fraga. En xeral, varios dos poemas falan do pasado fascista e do que aínda pesa. Do seu presente e futuro.

Realmente falo sobre a memoria e a falta de memoria, que promove o Goberno de Madrid e aquí a Xunta. Un pasado fascista que tratan de ocultar e disimular, pero que está aí. Eu boto de menos máis exposicións e máis actividades sobre isto, que terían que ser obrigatorias para os alumnos de secundaria, para os profesores e para os membros dos partidos políticos. Hai pouco Manuel Rivas escribiu un artigo moi bo sobre a memoria, que cadrou cun feito paradoxal, estando eu en Madrid: fan unha exposición sobre Auschwitz debaixo das torres Kio. Todo un símbolo. E esta é a desgraza que estamos a padecer. E mentres, hai artistas que tentan dicir cousas complicadas de xeito sinxelo, filósofos que tentan dicir cousas sinxelas de xeito complicado e despois están os do PP que non din absolutamente nada e así nos vai.

“Hai artistas que tentan dicir cousas complicadas de xeito sinxelo, filósofos que tentan dicir cousas sinxelas de xeito complicado, e despois están os do PP que non din absolutamente nada”

Dedicas algúns poemas a artistas: Daniel Caxigueiro, Baldo Pestana -sobre quen acabas de escribir en Táboa Redonda-...

Baldo é unha persoa moi especial para min, que tiven a sorte de coñecer nos últimos anos. Síntome moi marcado por el. É unha persoa que estivo en todo: viviu no século XXI e no século XX, pasou 40 anos en París, coñeceu os artistas latinoamericanos do boom… Coñeceu a todo o mundo, pero non era unha persoa que andase por aí con ínfulas. Todo o contrario. Era un artista con maiúsculas. Dedico tamén poemas a Daniel Caxigueiro, Anxo Moure, Camilo Valdehorras que me deu bos consellos para afinar a miña escrita… A segunda parte do libro é Lima-Perú, que foi unha viaxe que fixemos buscando os lugares de Baldo en Lima. Alí cadramos con Bryce Echenique, que nunca o imaxinaríamos… A Baldo, que morrera había menos dun mes, non o atopamos, pero atopamos moitas máis cousas.

Nesa parte tamén está o poema sobre a fuga de Malpica… Outra referencia ao fascismo e as súas consecuencias.

É que actuei en Perú no Teatro García Lorca para o centro galego e centro español. O que era o presidente, Luís Novo Arcay, contoume esa historia da fuxida de Malpica e logo a viaxe no Winnipeg de Neruda a América. Os seus dous avós, que entón non se coñecían, ían alí. De Malpica foron a Chimbote, que se converteu nun imperio pesqueiro ao chegar alí os emigrantes galegos…

A terceira parte é Longo Paseo. Comeza cun poema río que se busca e non se encontra ata a quinta parte, Libertario Poema. Na terceira hai tamén un poema sobre a escrita que se resiste, que foxe de ti…

Eu vou correr á beira do río moi cedo polas mañás, con néboa, e mentres corro vou anticipando na miña cabeza o que vou escribir. Como xa dicía antes, o que quero é chegar ao subconsciente, o inaccesible… Nese primeiro poema que citas non o conseguía e por iso hai tamén ese outro poema, que en realidade é o mesmo, sobre a escrita que foxe de min. O poema río non chegou ata tempo despois. Fixemos unha presentación do libro en Santiago na que participaron Uxía e Xiana Arias. Uxía leu o primeiro e Xiana leu Libertario Poema. Foi ao escoitala a ela recitar cando me decatei de que chegara onde quería chegar cando escribín o segundo poema que citas. Esa conexión coa infancia, co subconsciente, co onírico…

"Como xa dicía antes, o que quero é chegar ao subconsciente, o inaccesible"

A cuarta parte é Lingua Popular. O poema sobre a señora que quería ir á escola pero tiña que quedar coas vacas é brutal. Os poemas desa parte recollen palabras que escoitaches.

É unha señora que coñezo moi ben. Ás veces, ao estar falando con ela, dábame conta de que xa non estaba a falar comigo, que estaba como a falar coa nena que foi. Un día contoume iso tal cal. A ela gustáballe ir á escola, pero moitas veces non lle deixaban ir porque tiña que ir coas vacas. O poema dinos moito de como vivían: no monte coas vacas, pasando frío, comendo o que cadrase… e apañando merda para poder aboar e subsistir. En realidade, tamén é un poema sobre a memoria. E mira canta fondura, baixo unha aparente sinxeleza e cun discurso tan afastado do cultureta. Pois os poemas desa parte foron feitos así, con cousas que escoitei. O do nasi de Fisterra foi alí no aparcadoiro da praia…

“Mira canta fondura, baixo unha aparente sinxeleza e cun discurso tan afastado do cultureta”

Está aí a lingua e está, por exemplo, en Libertario Poema, que ten un sobre a diglosia. Lady Glosia=satisfaction.

Ese foi o que escolleu O Leo para ler na presentación. O tema da lingua está bastante presente, si. Penso que nalgunhas manifestacións literarias hai unha tendencia a un exceso de dicionario, a encher todo de palabras. Eu penso que o poeta ten que facilitar a comprensión de quen le. O que ambiciono eu, de feito, como escritor, é desaparecer da escrita. Ser quen de chegar a desaparecer da escrita. De crear imaxes claras e precisas, desde a sinxeleza. Recollendo, polo camiño, voces e xiros da lingua oral, popular, para incorporalas á linguaxe poética.

"O que ambiciono eu, de feito, como escritor, é desaparecer na miña escrita"

En relación con iso, hai un sentido xeral de restar importancia ao feito de ser poeta, quitarlle transcendencia ao feito de escribir, no sentido de non colocar o poeta nun pedestal. Ninguén é súper importante por escribir un libro. Diso falouse moito xa nos 90, mais non sobra lembralo…

Por iso teño poemas como o Decálogo para poetas en clave de bufanda e fular, que foi o que leu Marcos Lorenzo na presentación na que participou. E si, eu quero escapar deses lugares que dis. Un poeta sempre busca un recoñecemento porque a todas as persoas nos gusta que nos digan que o que fixemos pagou a pena. Pero eu non me quero erixir en líder da nada nin que me poñan nun pedestal. Ben, en calquera caso o pedestal non sería moi grande, para a xente que hai nas catro provincias, e máis escribindo en galego.

“Nós tamén naufragar. Sen naufraxio non hai reparación”

O lugar da poesía, para min, é dar voz ao subterráneo, aos lugares de sombra e aparentemente triviais ou marxinais do traxecto, fuxindo dos lugares consolidados. Que é algo que tamén está no rock ou en certa parte do rock. A posibilidade de reinventarnos, de non caer no autoplaxio, de non repetir as fórmulas. Buscando formas de fasquía diferente, tentando chegar a terra dando unha volta… Porque, como dicía antes, Nós tamén naufragar. Sen naufraxio non hai reparación.

Citamos varias persoas que te acompañaron nas presentacións. Tamén estivo Yolanda Castaño, por exemplo. Soubeches facer ben iso.

É que o máis intelixente que se pode facer é rodearse de xente máis intelixente ca un. Tiven a sorte de contar con creadores e creadoras que son persoas xenerosas, coas que tamén podes construír algo no plano dos afectos, das emocións. Xelís de Toro estaba alí, ou Miro Villar, Sole Felloza... ou Xoan Carlos de Ronseltz na Coruña e máis xente … Se o soubese antes, non podería crelo. É bonito e supón un enorme estímulo para seguir e facelo mellor. Sei o que é andar só tamén.

“Eu escribín este libro para que o lector, a lectora, se divirta, se emocione, pense, se cuestione ao tipo que escribiu iso…”

Son momentos que gardo comigo, nos que o pasei moi ben… Foron unha celebración e a poesía tamén ten que ser celebrada. Eu escribín este libro para que o lector, a lectora, se divirta, se emocione, pense, cuestione a realidade e que mesmo cuestione ao tipo que escribiu iso… Para que a xente o pase ben, ría, se emocione, e para cambiar un pouquiño o xeito de mirar. E eu lévoo dentro e teño que botalo.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.