0 Gardados para despois

Un 'mapa do patrimonio' recolle os 550 hórreos de Valga... e moito máis

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


A Asociación Cultural Os Penoucos de Valga vén de presentar a súa nova web (ospenoucos.gal). A asociación destaca, ademais, que se trata do primeiro dominio .gal rexistrado no Concello de Valga. A entidade, fundada en 2006 por un grupo de persoas da localidade, leva máis dunha década realizando actividades de fomento da lingua e cultura galega, así como outras accións culturais, artísticas e medioambientais. Entre elas destacan ciclos de cinema social, concertos e festivais (coma o Carolina Son dedicado á Bella Otero, nacida no lugar) e iniciativas de recuperación da memoria histórica, coma a homenaxe a Celestino Carbia, alcalde da vila entre 1931 e 1936, fusilado, ou a distinción a toda a corporación municipal republicana.

Aproveitando a presentación da súa nova web, a entidade lanza tamén o Mapa do Patrimonio de Valga unha aplicación que recolle a totalidade do patrimonio cultural e natural do concello, xeolocalizado. Nel pódense visualizar elementos relixiosos, pazos, escolas, fontes, hórreos, mámoas, castros ou pontes sobre varios mapas, dende a última fotografía aérea do PNOA ata o voo americano do 1956-57, que permite observar os cambios que experimentou o territorio nos últimos 60 anos.

En total, son 779 elementos patrimoniais os recollidos no mapa: fontes, capelas, pazos, cruceiros, mámoas, lavadoiros... E, sobre todo, hórreos

En total, son 779 elementos os recollidos no mapa, entre os que destaca sobre todo a presenza de 550 hórreos. Castelao elevou o hórreo a símbolo de fartura, e así ficou convertido no emblema da editorial Nós. "Fartura de corpo e de espíritu, ese ten que ser o noso país", díxolle Castelao a Ánxel Casal cando lle entregou o gravado de onde despois se obtivo a imaxe, como recolle Ernesto Vazquez Souza en A fouce, o hórreo e o prelo: Ánxel Casal ou o libro galego moderno.

Hai tamén 81 bens patrimoniais relacionados coa auga (entre fontes, lavadoiros e muíños), 79 xacementos arqueolóxicos (castros, petróglifos, túmulos, mámoas...), 12 igrexas, capelas e ermidas e outros 44 elementos relixiosos (cruceiros, cruces, petos de ánima...). Pódense localizar, igualmente, seis espazos naturais destacados (fervenzas, insuas...) e sete panorámicas destacadas, dende as que se pode obter unha visión espectacular de todo Valga e dos concellos próximos.

O mapa foi realizado sen contar con ningún tipo de subvención oficial

O Mapa do Patrimonio de Valga é colaborativo. A asociación Os Penoucos fai neste senso un chamamento a todas as persoas que o desexen a que manden (a patrimoniovalga@gmail.com) os seus comentarios, suxestións, textos ou fotos dos elementos do mapa, así como suxerir a inclusión de novos puntos. A entidade destaca, finalmente, que o mapa foi realizado sen contar con ningún tipo de subvención oficial.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.