0 Gardados para despois

Camilo Díaz Baliño. O novo camiñar dos celtas da Brigantia

Iria-Friné Rivera VázquezIria-Friné Rivera Vázquez


Segundo conta o relato Do Corno de Breogán, os clans celtas galegos recolleron o Grial que trouxera con el Xosé de Arimatea. De Arimatea instituíra a Orde do San Graal, que tras a morte de Santiago, trasladouse ao Monte do Pico Sacro. Esta era a primeira sede dos cabaleiros pertencentes a esta Orde. Cando Santiago morreu, foi enterrado na campía da saia do monte. Tamén se elaborou unha arca na cal gardouse o Grial, que se gardou xunto ao enterramento dentro da terra. A paz deste tempo foi interrompida pola guerra dos Mouros, que chegaron ao Pico Sacro. No tumulto a sepultura de Santiago non foi posible trasladala, pero os Cabaleiros da Orde atoparon o Grial e decidiron ir ao Monte de O Cebreiro, respectada como a Delfos Atlántica.

Camilo Díaz Baliño pinta a marcha dos celtas. Representa o momento no que os homes de Brigantia chegan as montañas do Cebreiro e son recibidos polo Druída. O artista céntrase en catro figuras que Vicente Risco cita no seu escrito da Doutrina da Moi Nobre Orde Galega do Sancto Graal (1919-1922): a Torre de Breogán, os homes de Brigantia trasladando o Grial, o Druída e o pobo de O Cebreiro. A Doutrina da Moi Nobre Orde Galega do Sancto Graal é un longo escrito no que se describe as historias e transformacións míticas de Reis, sacerdotes e heroes celtas galegos e da Europa. As propias historias tamén alimentan as cerimonias, símbolos e termos da Orde. Na obra pictórica teñen presenza as figuras do capítulo 1 -Do Corno de Breogán- e o capítulo 6 da Doutrina. Toda ela contén as verbas que Philéas Lebesgue, parafraseando a Risco, publica no seu artigo A Galicia literaria de hoxe en día en La revue de L´Epoque de París en Maio de 1920: “A i-alma de Galicia é anticlásica por natureza: hai en nós un medievalismo sustancial que nos ven da ancestralidade céltica, en nunca pudemos deixar de ser (ilexible) homes do Norte”.   

Un espello como fiestra a Irlanda

A torre que se alza na punta da costa na que rompe o mar é a Torre de Breogán. O seu deseño non se corresponde ca estética neoclásica coa que foi restaurada entre 1788 e 1790. Na súa parte superior pode verse un lume de tal enerxía que parece lanzar un berro lostregante, co fume estendéndose polo aire. A Torre de Breogán está disposta no panel dereito do tríptico. A súa presenza débese a súa significación na Doutrina da Orde; segundo os escritos de Risco foi o Rei Breogán quen manda construíla, pois os seus enormes coñecementos permitíanlle observar o futuro a través das estrelas. Esta torre é edificada cando el funda Brigantium e Coruña, i era empregada por el coma observatorio. A súa presencia no cadro permite identificar o camiño seguido polos cabaleiros da Orde. Pero igualmente a Torre de Breogán posúe outro simbolismo. Non só se trata dunha das arquitecturas fundadas polo Rei, senón que estende os vínculos con Irlanda. A Torre de Breogán representa o Estado Celta galego, e na súa parte superior non só arde lume, senón que brilla un espello dende o cal é posible divisar a Illa Esmeralda. Ese espello é o signo da actitude a seguir dos galegos a respecto dos irlandeses coma cidadáns, e tamén da súa irmandade.

Os homes de Brigantia

Baliño representa na táboa central aos homes de Brigantia. Trátase de dous cabaleiros da Orde, superviventes das guerra do Pico Sacro. Portan consigo un escudo ovalado no cal está gravada a cruz de Santiago e ambos custodian o carro no que vai o Grial. Resaltan as sete cruces que flotan ao seu arredor e as flores que coroan tanto os bois como as lanzas dos cabaleiros.

Se ben as lanzas con puntas de ferro afiado son armas de guerra, o feito de ir rodeados de flores e loureiros transforma o seu significado, pois non son para o dano e a represión. Baliño resalta a misión dos cabaleiros engadindo a seguinte lenda na parte inferior do tríptico: “E tras de xurdia/ loita os homes de Brigantia reconqueriron o So Grial/ceibe e grorioso”. Unha lenda escrita en letras douradas, a cor da Eternidade na arte medieval. Pero que tamén continúa co estilo dos pintores do Norte, que engadían lendas, nomes ou anos nos cadros. Tal é o exemplo das pinturas de Petrus Christus (1410-1475) ou Hans Holbein (1497-1543). Baliño ao empregala neste tríptico non só fai énfase no carácter medieval da obra, senón que lle outorga a mesma aura que unha obra sacra, cunha íntima significación para os observadores coma unha obra de devoción.              

O Druída bardoprofeta

En fronte aos cabaleiros da Orde está o Druída. Recibe aos homes de Brigantia dende o altar, no cal está o sacro lume prendido. A chegada de ambos cabaleiros é celebrada coa melodía interpretada polo músico cunha gaita. Risco fai alusión aos druídas na Doutrina, pero non establece relación algunha entre eles e os cabaleiros da Orde respecto o traslado do Grial ao Cebreiro. O pintado polo artista é froito da súa propia interpretación dos textos. O seu druída é un personaxe emblemático, herdeiro dos druídas representados sobre todo no século XVIII e XIX. Cadros como O xefe druída (1723) de Henry Rowlands e Druídas cortando o visgo no sexto día da Lúa (1900) de Henri-Paul Motte constitúen os precedentes da figura do tríptico. Mais se ben os druídas das obras citadas presentan un aspecto clasicista, a estética do Druída de Baliño é tan atemporal que resulta similar a caracterización de personaxes como os magos Albus Dumbledore na serie cinematográfica de Harry Potter (2001-2011) i especialmente, con Saruman e Galdaf O branco nas triloxías de O Señor dos Aneis (2001-2003) e O Hobbit (2012-2014).         

A luz de Pondal

A mirada do Druída non se dirixe aos cabaleiros que transportan o Grial, senón a lúa que irradia a anta do cumio como un halo. A lúa aparece en toda a súa esplendidez, desprendendo unha luz limpa, fina, plena. O que distingue este cadro de calquera outra representación celta -incluso galega- é que está imbuído por completo de beleza pondaliana. Trátase dun lenzo iluminado por “o raio transparente do prácido luar” inmortalizado por Eduardo Pondal no poema Os pinos (Himno galego (1886). No visual incorpora o imaxinario pintado por artistas coma William Blake (Jerusalem: O nacemento do xigante Albion (1804). Sen embargo esta imaxe de Baliño é nobre, moi lonxe das representacións dos templos celtas nun ambiente de irracionalidade na noite -como o gravado O Sacrificio do Druída (1832) de William Overend Geller-. O seu tríptico inclúe importantes detalles iconográficos, como a campía mesta de toxos e os altos piñeiros. Nos poemas sobre Cairbár e Gundariz, de Gundar ou o de “Non poder olvidar” en Queixumes dos Pinos (1886) Pondal fai repetidas alusións a estas árbores, creando unha linguaxe excepcional porque expresa a vida interior que está por riba do ordinario e limitado apelando ao mesmo nos lectores, e que trasladada a pintura, resulta igual de única. 

Se Pondal foi O bardo que cantou a “nazón de Breogán” no seu traballo lírico, Baliño cultivou a liña da tradición pictórica dos cadros de Historia. Os temas, figuras e símbolos que conforman a rica mitoloxía da orixe dun país poden estudarse en autores tan destacados como o pintor Nicolai Arbo. Na épica destes artistas é posible presenciar as forzas vitais coas que avanzan os pobos.          

Lai de porvir

No panel esquerdo poden verse catro pombas brancas que sinalan o camiño cara o pobo do Cebreiro. Baliño represéntao digno como un espazo sagrado e inexpugnable como unha fortaleza. Pero esta perspectiva é moi distinta a pensada para a segunda versión do tríptico. Nela no lado esquerdo as catro pombas brancas voan subindo o camiño ao templo do Cebreiro, erixido no cumio da gran montaña. 

A visión do Templo do Cebreiro permite representar a edificación no medio dun vasto espazo. Este tríptico si respecta a composición de liña continua. Igualmente o druída troca de maneira notable. Non se trata dunha figura contemplativa, senón que ergue os brazos xuntando as dúas mans unha sobre a outra. O que sinala en maior medida o carácter diferenciado deste tríptico respecto ao outro é a súa lenda. Nela di: “E tras de xurdia loita/os homes de Brigantia conqueriron o santo Grial/ceibe e grorioso”. A guerra rematou. E os celtas están prestos para comezar unha nova empresa.     

O Druída do meu sono conxurou os guerreiros que levaban en alto o Santo Grial -Aínda non son chegados os tempos, disonos -Tendes que espallar a nosa doctrina- E os guerreiros xigantes, cos lanzóns coroados de frores e mais de loureiros, marchan para a loita -Non feriran ós seus ferros- pois as frores embotan as puntas- A doutrina nosa e o Arte y o Arte domeña sen sangre.

Dos confíns da verdecente Brigantia xurden loitadores que conquistan o mundo que imporán a divina doutrina da Matria a xurdia beleza da Terra.

Este é parte do discurso de Baliño publicado por El Eco de Santiago o 25 de Setembro de 1922. Neste discurso empregou este cadro como un símbolo, a Arte como un elemento activo e de conciencia, e a imaxe do que o constrúe como persoa. No seu discurso expresa que nós somos as mulleres e homes de Brigantia. E nós, como artistas, é a noso labor crear obras que na nosa sensibilidade, razón e mentalidade alimentadas dende a historia da nosa orixe contribúa a liberar as mentes, abrir o pensamento e o corazón dando lugar a novas perspectivas en tódolos ámbitos. E o adianto orixinado polo país, o seu liderado, enriqueza a tódalas persoas como individuos e a Humanidade coma colectivo, colaborando na súa prosperidade e florecemento. Algo acorde co pensamento de Risco en Preludio a toda estética futura (“La Centuria”, 1917-1918) e Da nazonalización galega. Cosmopolitismo e universalismo (ANT, 25 de Agosto de 1919). Pero tamén ideas coma “Temos que poñel-a cultura europea en galego” ou “Por riba de todo ergueremol-o atlantismo com´unha bandeira “d´avant-garde”, que Risco publica en Prosas galeguistas. Limiares (ANT, 1 de Xaneiro de 1920), permiten comprender a efervescencia do ambiente que daría froito a obras coma este tríptico.

 

IMAXES

1º. Tríptico dos Homes de Brigantia. Circa 1919-1922. Camilo Díaz Baliño. Técnica: Óleo sobre lenzo. Medidas: 147 x 50,5 cm. Legado de Isaac Díaz Pardo. O tríptico de Díaz Baliño permite aos ollos viaxar dende as costas da Coruña ata o interior de Lugo, o que ten un efecto onírico debido a que non pinta o mundo considerado lóxico. Isto vai man a man con outra innovación introducida na arte galega polo artista: a representación dunha temática celta esencialmente artística, en zeitgeist da intensa identificación da sociedade galega e europea coa súa celticidade.

2º. Tríptico de Mérode. 1425-1428/1430. Robert Campin. Técnica: Óleo sobre táboa. Medidas: 64,5 x 117 cm. The MET. A composición de o Tríptico dos Homes de Brigantia está unificada seguindo o estilo dos trípticos da pintura flamenca tardogótica. O artista toma para esta pintura diversas referencias da pintura europea, sendo a influencia mais acusada o do seu formato. O tríptico remite a obras de pintores primitivos como o Tríptico de Mérode (1425-1430) de Robert Campin, o Xuízo Final (1466-1473) de Hans Memling ou o Tríptico de Morrison (1500-1510).

3º. Druídas cortando o visgo no sexto día da Lúa. 1900. Henri-Paul Motte. Técnica: Óleo sobre lenzo. Medidas: 116 x 80 cm. Colección privada. Segundo o escrito de Risco sobre a Orde, a orixe dos druídas remóntase a institución en Irlanda dos Misterios dos Bardos polos fillos do Rei Breogán, de onde os Bardos logo transformáronse en Druídas. A Druidaria estendeuse polos países celtas, sendo Merlín o druída mais coñecido. Os seus coñecementos e poderes alcanzaban mover grandes pedras sen contacto visual, así coma observar o futuro nas estrelas, compoñer versos e facer música. Por este motivo alcanzou o título de Bardoprofeta.   

4º. A morte de Hervör. 1880. Nicolai Arbo. Hervör era unha doncela que aparece no Ciclo da espada máxica Tyrfing na saga Hervarar, da que algunhas partes atópanse na Poética de Edda. Hervör morreu liderando o exército no primeiro ataque dos Hunos debido ao conflito da herdanza entre os irmáns Hlöd e Angantýr. Esta escena non aparece na saga, pero o artista quixo representar a Hervör rodeada polos seus soldados, con lealdade, sendo atendida polo seu pai adoptivo Ormar e seu irmán Angantýr. O respecto, a congoxa, o honor e o abatemento ante o seu falecemento é palpable nas miradas de ambos, así como dos soldados presentes. Unha ambientación paralela aparece no poema sobre Maroñas en Queixumes dos pinos de Pondal. 

5º. Segunda versión do tríptico dos homes de Brigantia. Legado de Isaac Díaz Pardo. A representación do Templo do Cebreiro é similar a pintura romántica de Genaro Pérez Villamil, as paisaxes da Cerámica de Sargadelos na súa terceira época pola súa impresión evocadora. 

6º. Camilo Díaz Baliño no seu taller. 1921. Ksado. Fotografía publicada no número 201 da revista Vida Gallega. O taller de escenografía de Díaz Baliño construíse na horta da Casa da Tumbona en Santiago. O artista ten ao seu fillo Isaac no colo, e ao seu lado está a súa filla Mercedes. A súas costas está o panel central da primeira versión do tríptico. Tal foi a identificación do artista con esta pintura que poucos días antes do seu discurso o periódico El Compostelano, o 21 de Setembro de 1922, dixo que xunto co tríptico O Cabaleiro d´o Sant Grial “y otra que lleva por título, Os fillos de Brigantia tras fera loita conqueriron o Sant-Grial”, o pintor “se manifiesta como el primer pintor celta de nuestra tierra”.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.