0 Gardados para despois

María Victoria Moreno "contribuíu a situar a literatura infantil e xuvenil galega nun lugar digno"

Redacción | @prazapublica

A Real Academia Galega inicia a conmemoración do Ano das Letras dedicado a María Victoria Moreno coa publicación na súa web de contidos especiais dedicados á autora. Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey asinan a súa biografía, que entre outros datos fixa o seu ano de nacemento en 1939, emendando unha confusión que se mantiña ata este momento. Ela afirmaba que nacera en 1941, dous anos despois da data de nacemento real, seguramente para facela coincidir coa das compañeiras de bacharelato, etapa que iniciou tarde debido á situación económica da familia.

Aleixandre e Casalderrey subliñan que "María Victoria Moreno foi unha escritora galega", sinalando que o seu nacemento en Valencia de Alcántara (Cáceres) "foi circunstancial". "Luís Seoane foi un pintor e escritor galego –non arxentino – malia nacer en Bos Aires, e Italo Calvino un escritor italiano nacido en Cuba", exemplifican. Destacan que aínda que "na ditadura franquista non se ensinaba a lingua galega nin moito menos en galego", ela "dedicaba parte das clases de literatura española dos venres a ensinar literatura galega, a que as alumnas practicasen a escrita de textos en galego". 

"Contribuíu, xunto a outros autores e autoras da súa xeración, a situar a literatura infantil e xuvenil galega nun lugar digno; a poñer en valor o uso da lingua galega, falándoa e escribíndoa ben, a meterse na pel dos personaxes e gozar coa literatura, coa beleza das palabras"

As autoras conclúen que María Victoria Moreno "contribuíu, xunto a outros autores e autoras da súa xeración, a situar a literatura infantil e xuvenil galega nun lugar digno; a poñer en valor o uso da lingua galega, falándoa e escribíndoa ben, a meterse na pel dos personaxes e gozar coa literatura, coa beleza das palabras". "Toda a súa vida é un exemplo de compromiso coa causa da lingua galega e da xustiza social", engaden. 

A biografía destaca o ano 1973 como "clave", pola publicación de Mar adiante, o seu primeiro libro, que "tivo grande impacto na prensa, convertendo a María Victoria nunha das autoras pioneiras da literatura infantil galega". Tamén salientan o 1988, momento no que Galaxia, por decisión de Carlos Casares, crea a colección Árbore de literatura infantil, que será dirixida durante dez anos por María Victoria Moreno, Antonio García Teijeiro e David Otero. Tamén en 1988 publica Anagnórise, considerado un clásico da literatura xuvenil galega.

O texto lembra así mesmo que María Victoria Moreno "foi unha autora de literatura para a xente nova, mais non só". A reflexión sobre a súa experiencia co cancro reflíctese nun libro excepcional, o ensaio Diario da luz e a sombra (2004), no que combina a análise descarnada da enfermidade, as súas consecuencias e a recepción social.

A sección Tribuna da web da Academia publica igualmente un artigo en forma de carta de Marilar Aleixandre dirixida á autora. O texto remata incidindo de novo na importancia de Pontevedra na vida de María Victoria: “Aquí viviches no paraíso. Paraíso foi a túa amada Pontevedra. Paraíso as aulas, que non desertaches nin estando enferma. Desde Galicia, que este ano te canta, recibe o noso agarimo. Ti segue teimando”. Precisamente, o Teatro Principal de Pontevedra acollerá o acto académico do 17 de maio e, semanas antes, o Salón do Libro Infantil e Xuvenil, no que, baixo o lema “Mulleres de conto”, María Victoria Moreno terá un protagonismo especial.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.