Unha viaxe polas vidas de Fernando Pérez-Barreiro Nolla a través da súa poesía

Fernando Pérez Barreiro Nolla en Compostela Dominio Público Praza Pública

O xornalista, avogado e tradutor Fernando Pérez-Barreiro Nolla (1931-2010) foi tamén poeta. Ao longo da súa vida foi publicando poemas en xornais e revistas, deixando outros en cadernos e papeis sen publicar. Agora todos eles, un total de 37 textos, publícanse no poemario Poemas do carricanto (Espiral Maior), que se presentará este xoves en Ferrol, a súa cidade natal.

Na presentación (ás 19.30 horas no salón de actos do Antigo Hospicio) participará Teresa Barro, escritora e compañeira do poeta; Armando Requeixo, crítico e responsable da edición do libro; Miguel Anxo Fernán Vello, deputado de En Marea no Congreso e editor; o xornalista ferrolán Nicolás Vidal e o concelleiro de Cultura da cidade naval, Suso Basterrechea. O volume conta cun epílogo de Xosé Luis Méndez Ferrín, compañeiro de xeración do escritor ferrolán. Méndez Ferrín remata dicindo: “Fernando Pérez-Barreiro Nolla é un grande poeta do meu tempo. Estou seguro de que seguirá séndoo en todos os tempos futuros da nosa lingua e da nosa estirpe”.

A obra "mestura un cosmopolitismo insólito cun insubornable amor a súa terra", en palabras dos responsables da recompilación e da edición

A obra "mestura un cosmopolitismo insólito cun insubornable amor a súa terra", en palabras dos responsables da recompilación e da edición, que destacan que os 37 poemas -escritos entre 1956 ata 2003- beben de De Rosalía, Cabanillas, Rubén Darío, Carvalho Calero ou Noriega Varela, de William Blake, Yeats, Wordsworth, Dylan Thomas ou Seamus Heaney, e de Zhu Ziqing, Liang Zongdai ou Xu Zhimo. A edición incorpora igualmente unha variada información gráfica que amosa a Pérez-Barreiro ao longo de diferentes etapas vitais en lugares de todo o mundo.

Fernando Pérez Barreiro Nolla naceu en Ferrol en 1931 e faleceu na cidade inglesa de Lancaster en 2010. Foi avogado, xornalista na BBC, tradutor, profesor universitario en Londres e políglota que dominaba unha ducia de linguas, entre elas o chinés. Impulsou numerosas iniciativas que tiveron a Galicia como cerna e recibiu moitos galardóns polo seu labor intelectual, desde o Premio Nacional de Tradución de España, a medalla Castelao, o Plácido Castro, o Pedrón de Ouro ou o premio de Cultura de Diario de Ferrol.

Marchou a Londres en 1963 e xa non regresou a Galicia e, como lembraba Xosé Manuel Pereiro nun obituario publicado en El País en 2010 "quizais fose a súa discreción e ese afastamento xeográfico, que non afectivo nin intelectual, os que impediron que en Galicia a súa figura e a súa obra tivesen o coñecemento que merece". Nos anos noventa exerceu como profesor universitario de tradución na universidade de Westminster e foi este labor de tradutor o que o mantivo en contacto máis directo con Galicia, ademais dos seus artigos en medios como A Nosa Terra ou Tempos Novos. Verqueu a Shakespeare por primeira vez ao galego, en 1972, co Macbeth, e tamén foi pioneiro na tradución de obras chinesas ao galego.

Xulio Ríos, director do IGADI (centro de estudos co que Pérez-Barreiro colaborou nos seus últimos anos) destacaba nun artigo en Praza que "mellor nos iría abandonando os maximalismos de uns e outros e afacéndonos a ese proceder vital do Fernando, encarnación doutra Galicia con outros miramentos, con outros pensamentos, libres pero non individualistas". No seu derradeiro traballo publicado na web do Grupo Galego de Londres, Non abonda coa lingua, sinalaba que "a defensa da lingua, que é tarefa nobre e parte do galeguismo de sempre, desvía a atención da defensa dunha cultura e unha sociedade que sexan igualmente creativas". E concluía que "o resultado terríbel é que, a quen observa a cultura galega, ofréceselle un panorama no que se expresa en galego unha cultura esencialmente española, a española de hoxe, que supón unha enxurrada de modas, modais e modismos da vulgaridade universal".

 

Fernando Pérez Barreiro Nolla con Teresa Barro Dominio Público Praza Pública
Fernando Pérez Barreiro Nolla Dominio Público Praza Pública
Capa de 'Poemas do Carricanto' © Espiral Maior

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.