O BNG pide explicacións á Xunta pola renuncia a participar en feiras internacionais do libro

Stand de Galicia na Feira do Libro de Frankfurt © Xunta

O pasado 29 de decembro o Goberno galego publicou unha resolución na que comunicaba a suspensión do proceso de licitación dos servizos de organización dos actos a desenvolver en catro feiras do libro internacionais ao longo deste ano 2018. É dicir, renunciaba a participar en Boloña, Barcelona, Frankfurt e Guadalaxara, mantendo unicamente a presenza do libro galego na feira de Bos Aires. Así o publicou este mércores o xornal Sermos Galiza. A Secretaría Xeral de Cultura argumentaba o “crecente desinterese dos axentes implicados na participación destas feiras, fundamentalmente do sector editorial”, o que facía "que o forte investimento que realiza a Administración autonómica para conseguir os obxectivos marcados pola Administración carezan de sentido”. Porén, a Asociación Galega de Editores, que abrangue o 90% da produción editorial galega, nega con rotundidade.

A Xunta renunciou a participar en Boloña, Barcelona, Frankfurt e Guadalaxara, mantendo unicamente a presenza do libro galego na feira de Bos Aires

A resolución da Xunta afirma ademais que "cómpre cambiar o modelo de apoio á internacionalización do sector editorial galego de xeito que xa non vai asumir a Consellería directamente a presenza nas feiras internacionais do libro, senón que esta actividade poderá ser realizada directamente polos editores, tamén con fondos públicos, pero procedente do IGAPE, a través das cámaras do comercio".

Este xoves a deputada do BNG, Olalla Rodil, demandou publicamente explicacións ao Goberno galego, acusándoo de manter un "desleixo cara á cultura do país en xeral e cara ao sector do libro en particular". O Bloque pídelle á Xunta que abandone a “soberbia” e senta "a dialogar coa Asociación Galega de Editores e axentes do sector do libro galego" para reconducir a situación.

Rodil interpelará a Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, e defenderá unha proposición non de lei para consensuar cos distintos axentes os criterios que deben rexir a presenza de Galicia nas feiras internacionais do libro. Ademais, pregúntalle ao Goberno galego por que responsabiliza os axentes do sector e fundamentalmente á AGE da devandita suspensión. O proceso contaba inicialmente cun orzamento de licitación de 157.024,80 euros máis IVE e o BNG quere coñecer igualmente a que destinará o Goberno galego esta partida orzamentaria.

Rodil acúsao de manter un "desleixo cara á cultura do país en xeral e cara ao sector do libro en particular"

O BNG lembra que a Xunta ten, de acordo coa Lei do libro e da lectura de Galicia, aprobada en 2006, a obriga de “fomentar a asistencia das empresas galegas do sector do libro e dos creadores e creadoras a feiras ou exposicións que se desenvolvan fóra do seu ámbito territorial, incluídos os certames internacionais” así como de “realizar unha política de apoio para a apertura de novos mercados do libro galego”. Porén, a formación denuncia que "o Partido Popular derrogou de facto a Lei, que vén incumprindo desde o ano 2009". Así mesmo, lembra que o Goberno galego "recortou desde 2009 máis do 50% os fondos destinados á Cultura e o 65% dos orzamentos dirixidos á Normalización Lingüística". "Nos Orzamentos para 2018 recortaron 200 mil euros dos fondos dirixidos á corporacións locais para a adquisición de novidades editoriais e dos 240 mil euros dirixidos a actividades de animación á lectura en 2017 apenas fican 96 mil para 2018”, engade.

Espazo do libro galego na Feira de Guadalaxara (México) © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.