Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao. Biografía dun construtor da nación. É o título da tese de doutoramento do historiador Miguel Anxo Seixas Seoane, que realizou, durante moitos anos e sen saber ao principio que ía acabar facendo unha tese, a investigación ata agora máis exhaustiva sobre a vida e a obra de Castelao. Revisando todo o que o rianxeiro escribiu e todo o que outras persoas escribiron del, ademais da súa obra gráfica e pictórica. O resultado é un traballo que procura o máis esixente rigor, en canto a apoio de cada dato na documentación, e que deixa a interpretación, e as conclusións, para o lector. Sen renunciar a reivindicar a coherencia ética e a vida de entrega polo país do autor de Sempre en Galiza.
Defines a tese como un recoñecemento, un xeito de “facer xustiza” a unha persoa cuxa vida foi un exemplo de entrega ao país. Por que “facer xustiza”? Pensas que Castelao non ten o recoñecemento que merece?
Se hai algo que caracteriza a Castelao é a súa loita contra a inxustiza. Un ben a este mundo para loitar contra a inxustiza, ou así debería ser. Porque o mundo é inxusto. Castelao loitou para que Galiza tivese un Estatuto propio, por un mundo máis xusto. Pero unha banda de intolerantes destruíu o que el tentara construír. Foi a inxustiza do poder, das armas, da intolerancia, a que se impuxo contra o goberno lexítimo da República. E el tivo que exiliarse, foi perseguido.
Podemos dedicarlle medallas, unha rúa, o que queiramos pero, como dicía Walter Benjamin, temos que escoitar a voz dos vencidos. E eu tento seguir ese mandado de Benjamin. Tamén o dicía o propio Castelao nun dos seus debuxos: “Galegos, cumpride a manda dos vosos mortos”. E foi o que el fixo: seguiu loitando e resistindo no exilio. Agora, o fascismo segue a triunfar en moitos sitios. Segue a haber rúas que levan o nome de fascistas e asasinos. É como se os derrotados fosen derrotados de novo. É parte do botín de guerra dos vencedores. E é a nosa obriga loitar contra inxustizas coma estas. Ou polo menos tentalo.
“Se hai algo que caracteriza a Castelao é a súa loita contra a inxustiza”
Se cadra o que fai diferente a túa tese é que é un estudo exhaustivo, feito a partir de todo o que Castelao escribiu, todo o que se escribiu sobre el, e a súa obra gráfica e pintura. É unha análise global, moi abranxente. Revisaches 4.333 entradas bibliográficas. Cantos anos traballaches na tese?
En realidade, por circunstancias, foime chegando moito material de Castelao. Son historiador da arte e moita xente que tiña un debuxo, un cadro… chamábame. Porque unha parte da obra de Castelao, a visible, está en institucións públicas: museos, fundacións… e outra, a invisible, está en mans privadas. Eu fun xuntando moito material de Castelao durante moitos anos, que depositei na Fundación Castelao. Agardaba que chegase alguén que collese todo ese material e reconstruíse o puzzle a partir das pezas. Pero esa persoa non chegou e acabei facéndodo eu.
“Non se trataba de subir a estatua ao pedestal, senón de baixar a estatua do pedestal e volver relacionala co mundo”
En principio ía ser unha biografía e despois acabou sendo unha tese. Tratábase de encaixar todo, de darlle orde aos restos do naufraxio poñendo cada cousa no sei sitio. Tampouco era subir a estatua ao pedestal, senón baixar a estatua do pedestal e volver relacionala co mundo. Para min iso era moi importante: situar a Castelao no seu contexto, na súa relación co mundo: co exilio, con Arxentina… Parte da dificultade é que, claro, os restos do naufraxio están espallados por Pontevedra, Bos Aires, Montevideo, Nova York, Moscova…
Galicia, Madrid, Barcelona, Sevilla, Ciudad Real, Salamanca, Lisboa, Nova York, Chile, Arxentina, Uruguay, Cuba… Fuches consultar documentación a todos eses sitios?
Menos a Moscova, porque me mandaron o que precisaba. Pero non me deas mérito demais. Foi ao longo de 20 anos. Se estaba en Bos Aires, aproveitaba para ir ver a súa habitación… Eu daquela aínda non sabía que ía facer unha tese. Foi unha cuestión de curiosidade intelectual... Eu penso que non se fixo unha biografía completa antes porque é unha figura complexa e porque ten unha obra moi ciscada. Ademais, agora hai recursos que antes non había: a biblioteca dixital Galiciana, por exemplo. Cos datos que había antes non era posible facer unha tese como a que eu tentei facer.
Tamén fixeches algunhas entrevistas: Fernández del Riego, Avelino Pousa, Isaac Díaz Pardo, Perfecto Conde, Nelly Crestar…
Fixen algunhas entrevistas, pero non moitas. Porque a memoria é reconstrución, non é un fósil. E de Castelao podía falarme xente que o coñecera había moitos anos. Díaz Pardo, por exemplo, era un rapaz… Pero para min foi moi interesante facer estas entrevistas e ver a emoción que espertaba Castelao, aínda tanto tempo despois. Mais os datos, se mos daban, xa os buscaba eu. Despois, tamén hai outra xente que deixou a súa testemuña de como era Castelao nas súas memorias…
Pero, como che digo, para min as entrevistas non eran o máis importante. A historia faise con documentos, digan o que digan. E temos que ser rigorosos con iso. Eu non digo nada que non estea documentado. Non hai na miña tese nada de rumoroloxía. Non sei, por exemplo, como coñeceu Castelao a súa muller. Podo supoñelo, pero non recollo nada que non poida apoiar documentalmente.
Respecto diso, dis na introdución da tese que se deron moitas visións parciais e intereseiras sobre Castelao. E que ti non buscas relacións de causa-efecto, senón ordenar as pezas.
Porque, como falabamos antes, a memoria é tramposa. É así e é humano. Cando temos un burato na roupa, poñemos un mendo. Unha das cousas que se din é que Castelao tiña sífile. Podía ser, pero eu vou falar con Salorio, e resulta que o tiña Castelao era unha enfermidade, a coriorretinite, que naquel tempo confundíase coa sífile. Tratárono como se fose sifilítico, el mesmo pensou que tiña sífile… ata que chega a Moscova e o médico dille, pero se o que ten vostede é tuberculose!
“Sobre Castelao especulouse bastante porque, ademais, había poucos datos”
E non se trata de non contar as cousas por puritanismo. Trátase de que eu non vou ir por un camiño se non teño probas. Temos que ter coidado coas suposicións. E con Castelao especulouse bastante porque, ademais, había poucos datos. Eu quixen que a tese servise, tamén, como un modelo dunha investigación ben fundamentada. Se a Universidade é a institución na que se acumula o saber, eu quería levar a Castelao a ese lugar de saber. Tamén podía facer un estudo na miña casa, pero para min o desafío era levar a Castelao e ese lugar. Facer unha biografía documentada. As conclusións, en realidade, son toda a biografía.
Levaches algunha sorpresa respecto ao que se sabía anteriormente sobre Castelao?
En realidade, Castelao é moi transparente. Ten unha evolución moi lineal. É coherente, non cambia. Morre sendo republicano e é o primeiro nacionalista en morrer no exilio. O que si podo dicir, que si pode ser unha visión diferente, é que, para min, como político, Castelao nace xa no ano 1914. Castelao pintaba e levou, ademais, un importante premio de pintura xa no 1915, a Medalla de Ouro.
“Castelao decátase de que a través dos medios de comunicación, do periódico, pode chegar á xente. E niso é moi habilidoso”
Pero un ano antes el xa é consciente de que a arte é unha arma, que pode servir para abrir os ollos á xente, que pode ser como un raio de luz. Castelao decátase de que a través dos medios de comunicación, do periódico, pode chegar á xente. E niso é moi habilidoso. A xente vese retratada nos seus debuxos, e recorta o que el fai no periódico. No 14 xa é consciente de todo iso. El primeiro é artista e decátase diso. Despois xa está nas Irmandades da Fala… pero antes viñera iso. Foi un estratega nese sentido.
Dis tamén, en relación con iso, que creou un campo autónomo para a arte e a literatura, afectadas pola heteronomía política. Non parece tan claro, desde o momento en que facían arte e literatura para construír nación…
Eles eran conscientes de que estaban a construír unha nación, claro. Pero o que pasa é que aquí hai dous enfoques posibles. Hai xente que entende que todo o que fai é un acto político. A idea é, por exemplo: vou escribir en galego aínda que o faga mal. E iso acaba condicionando a arte. Pero Castelao non pensa así. Castelao pensa en facer literatura e arte de alta calidade. Fai alta literatura. Consegue o que Bourdieu defende, a autonomía da literatura respecto do campo político. Castelao é artista cando exerce de artista e político cando exerce de político. A arte non ten que ser “comprometida”. Ten que estar comprometida coa propia arte. E naquel momento si se fixo moita literatura política, ao servizo da política. Pero, que quedou desa arte?
“A arte non ten que ser 'comprometida'. Ten que estar comprometida coa propia arte”
Desde o punto de vista político, defínelo como demócrata, nacionalista solidario e federalista republicano. Dis que representaba o “nacionalismo integrador”. Que significa iso?
Castelao ten un debuxo de 1920, ‘A grande obra’, que di: “Non lle poñades chatas á obra, que hai sitio para todos”. El é un home que suma, que fai de argamasa, de cemento, co obxectivo de conseguir o Estatuto, e despois xa se vería: polo momento, non importaba se eras máis ou menos católico, máis ou menos conservador… As Irmandades eran iso: había de todo. Cando Castelao colle a secretaría do PG con Bóveda, entende que só poderá conseguir o Estatuto co apoio de Izquierda Republicana. El ten claro cal é a prioridade e por iso cede en cousas. Ademais, ten unha grande capacidade de sedución. O que quere é conseguir o obxectivo, pilotar o bus antes de que se lle baixen del... Pero a pena é que chegou ás portas… pero non puido seguir. Na última fase, a dereita galeguista segue apoiando o seu proxecto, pero Risco por exemplo xa nin ía aos mítines. A partir do 34 parte da dereita galeguista xa se vai distanciando.
“El é un home que suma, que fai de argamasa, de cemento, co obxectivo de conseguir o Estatuto, e despois xa se vería”
Mais, non se enganou nunca na súa estratexia política? As cousas non lle saíron demasiado ben, e non só polo golpe do 36. No exilio tamén tivo reveses… Confiar na ORGA, por exemplo, non deu bo resultado.
Non, pero polo menos atreveuse, aínda que lle saísen as cousas mal. Foi valente. E tiña todo en contra. Castelao non era ninguén. Non era Casares Quiroga, que tiña moito poder. Nin Portela Valladares, que tiña moito diñeiro. Eran moi poucos, non tiñan un peso, non tiñan poder, non tiñan nada, pero co seu esforzo e a súa tenacidade foron sendo cada vez máis. Coa dereita xa desde o 33 sabían que non podían contar.
"El quere o Estatuto e é consciente de que en política hai que implicarse, hai que mollarse se se quere conseguir algo"
Entón pacta con Azaña, que era ademais un intelectual, e cos comunistas. Porque quere o Estatuto e é consciente de que en política hai que implicarse, hai que mollarse se se quere conseguir algo. El quería participar nas eleccións, como defendía Peña Novo. Outros non querían nin iso, pero é que para mudar a realidade, hai que mollarse. Se Castelao se rendese, Galicia aínda estaría hoxe sen Estatuto. Eran catro. E eran uns intelectuais. Conseguiron moito para as circunstancias nas que estaban.
Nunha entrevista recente con Núñez Seixas, explicábanos que os exiliados galegos eran cuantitativamente poucos e que ademais Bos Aires a partir de mediados dos 40 era un centro secundario do exilio republicano español, pois onde se elabora a estratexia política era en Francia e en México. Tendo o Consello de Galiza unha capacidade de influencia sobre a política do exilio republicano moi limitada.
Claro, é que Castelao estaba en Bos Aires cando onde se estaban a decidir as cousas era en París. Ademais, o seu era o nacionalismo dos pobres. A situación non era comparable coa de Cataluña. Era moi difícil: eran pobres, cunha lingua desprestixiada… Era unha adversidade terrible. E el asume esa realidade. E non hai máis maneira de cambiar a realidade que meterse nela. Non é “esperar a que o pobo estea maduro”. Ademais, el é tentado polo poder e non acepta. Risco “pica” e métese na Deputación durante a ditadura. El non. E os caciques tentaríano…
"Non hai máis maneira de cambiar a realidade que meterse nela. Non é esperar a que o pobo estea maduro”
Os homes da República española non o entenderon ou non quixeron entendelo. Tamén escribes iso. É inevitable pensar na actualidade. O encontro -e desencontros- do nacionalismo galego con certa esquerda española…
Rajoy non quere abrir a Constitución. A palabra federalismo é aterradora para eles. O franquismo condenou a República e todo o que soase a federal. Castelao fai unha proposta federalista. Ás veces, desesperado, di que quere unha Galicia independente, pero sabe que iso non é realista. Por iso o seu proxecto é un Estatuto para Galicia dentro dunha Hespaña -desa Hespaña que el escribe con H- republicana e federalista. Pensa que co Estatuto e cun Estado federal poden solucionarse os problemas de Galicia: acabar cos caciques… A proposta de Castelao está aí e España non quere recollela nin entón nin agora. Azaña non era federalista. E Castelao si apoiaba a República.
“A proposta de Castelao está aí e España non quere recollela nin entón nin agora”
Outro aspecto que salientas é como o pobo o escolleu como símbolo. E a súa pedagoxía. Parece que dalgunha maneira irrepetible.
O contexto no que actúa é o dun pobo analfabeto, rural, sen unha capital… El entende que ten que chegar á xente. Ninguén pode postularse a pai da patria. Foi o pobo o que os escolleu a el e a Rosalía. E non porque os lesen moito. Os libros de Rosalía, por exemplo, eran escasos e caros. Eu penso que aí foron moi importantes os orfeóns, por exemplo. Pero que un home coma Castelao tivese o eco popular que tivo é sorprendente. E conseguino el, rendéndolle tributo ao pobo. E o pobo recoñeceulle iso. O pobo fíxolle memoria. E iso non pasa só aquí. Os ingleses teñen a Shakespeare. Os alemáns a Goethe. Os galegos temos a Rosalía e a Castelao. Dous valentes.
Cando se fala de todo isto igual se corre o risco da idealización. De poñer a Castelao nun pedestal, como dicías ao principio. Ese pode ser, tamén, o maior risco da túa tese.
Castelao engaiola, é verdade. E temos que tentar manter a distancia, mirarlle aos ollos, e iso non sempre o consegues. Pero eu sempre recollo as voces discrepantes. Eu explico os feitos e explico o contexto. Que foi un erro pactar con Izquierda Republicana? É o lector quen ten que posicionarse. El pacta con Izquierda Republicana sabendo que lles ían dar moitos menos deputados dos que lles correspondían pola súa implantación territorial. Ata lle dan máis, de feito, ao PSOE.
“Castelao é práctico e resolutivo. E eu penso que foi moi habilidoso. Na miña opinión, as purezas non serven para nada”
Pero Castelao é práctico e resolutivo. E eu penso que foi moi habilidoso. Na miña opinión, as purezas non serven para nada. Se tivese os medios que hai hoxe, conseguiría moito máis. Fixo lume con catro paus e iso hai que recoñecerllo. Ademais, que nos queda da xeración deles? A Nosa Terra fundárona eles e xa non está. Cantas editoriais galegas temos? Ademais das pequenas, só Galaxia… Nós case vivimos deles, da súa xeración. Foi agora o centenario de Castelao e nós non fomos quen nin de conservar un periódico. Castelao defendía que había que sumar pero Galicia non suma, resta ou divide.
“Nós case vivimos deles. Foi agora o centenario de Castelao e non fomos quen nin de conservar un periódico”
Falabamos antes do exilio. El tenta crear unha plataforma unitaria pero non lle van moi ben as cousas. Non se entende cos galeguistas ubicados fóra, nin con outras forzas políticas, nin consegue o apoio do resto de deputados galegos…
Si, el está só no exilio. Busca o apoio dos vascos e dos cataláns. Os vascos quérenlle ben, os cataláns non tanto. O que el quere é que Galicia teña voz, darlle visibilidade. E buscar apoios para sacar adiante o Estatuto. Pero non, os deputados galegos non o apoiaron. Nin outras forzas políticas, agás Izquierda Republicana. O gran mérito del é ser a voz de Galicia no exilio, e alí estivo berrando ata a súa morte. El era republicano e foino ata a súa morte, tamén xa cando estaba decidido que o rei ía vir e isto ía ser unha monarquía.
O franquismo tentou desvirtuar a súa figura, presentándoo só como un debuxante, pero afirmas que tamén na Transición seguía a ser unha figura incómoda. Á que, ademais, xa case ninguén coñecía en Galicia. Despois de tanto ser un símbolo ata o 36…
Xa, pero é que pasaran 40 anos de ditadura. Mais antes de nada teño que aclarar unha cousa: a miña biografía remata en 1950. A tese abrangue desde que Castelao nace ata 1950. Do resto, de 1950 ata hoxe, só dou pinceladas. Pero volvendo ao que estabamos: a ditadura foi moi eficaz coa represión. Franco converteu o país nun inmenso cárcere. A capacidade de manobrar do galeguismo era moi pouca. E a ditadura foi moi eficaz instalando o medo e a fame. Os pais non lles contaban aos fillos o que pasara. E iso conseguiuse coa fame e a represión.
A guerra de Franco fora de exterminio. Hitler ao lado del era, en moitas cousas, un aprendiz. España era un gran campo de concentración. O peor non foi a guerra, senón a posguerra. No 55 pouco quedaba: o PC algo resistira, ao galeguismo quedáballe unha editorial e pouco máis.. E Castelao tíñaas todas: era nacionalista, demócrata, republicano… Por iso cando morre a nota que emite o ministerio di que era un debuxante. E fora ministro, durante a República. Na Transición, xa estaba pactado de moito antes que España ía ser unha monarquía parlamentaria. Non houbo referendo para decidir iso. Foi un pacto de elites. E Castelao era un demócrata republicano.
“Castelao tíñaas todas: era nacionalista, demócrata, republicano… Por iso cando morre a nota que emite o ministerio di que era un debuxante. E fora ministro”
Outra das cousas que salientas é que a UPG reivindicou, xa desde os seus inicios, o Castelao político. Que o PC tentou “usufrutualo”. E que a Xunta tentou lexitimarse ao traer os seus restos para o Panteón dos Galegos Ilustres.
Castelao era un bo referente para a UPG: era antiimperialista, demócrata… A quen ían coller? Risco non valía e Otero Pedrayo tampouco. Ao PC tamén lle servía: era demócrata, republicano, defendía os pobres e a xustiza… Todos atopaban algo que lles valía. E despois chega Camilo Nogueira e di de traelo aquí. E desde entón non houbo goberno que non lle fixese homenaxe. Castelao é eticamente intachable, e iso axuda. Tampouco ten rival. Se cadra Bóveda, pero non ten o capital simbólico de Castelao.
"Castelao é eticamente intachable. Tampouco ten rival. Se cadra Bóveda, pero non ten o capital simbólico de Castelao"
Así, pouco a pouco, vai sendo homenaxeado e vaise rescatando a súa figura. Galaxia vai sacando os seus libros… Era unha burbulla que foi medrando pouco a pouco. Mais xa antes lle dedicaran rúas en Bos Aires, en Montevideo… Nas Letras Galegas, no 63 dedícanllas a Rosalía e no 64 a Castelao. A Academia saca un libro ao que chaman “escolma posible”. O Sempre en Galiza e os Álbums de guerra tardan moito máis en saír. Porque había medo e fame, como diciamos. Antes sae a súa literatura, debuxos…
E faise unha edición pequeniña do Sempre en Galiza para poder introducila mellor de xeito clandestino desde América…
Si, e para que pasase facilmente de man en man, porque o que se facía era telo uns días na casa e despois pasarllo a outra persoa. Pero é que mesmo a placa de Rianxo estivo 25 anos esperando, e ao final instalárona no 74, pero dentro da casa. A figura de Castelao mancaba, para moitas persoas era unha ferida. Agora xa non é así: está en tatuaxes, camisetas… O seu Denantes mortos que escravos é ben coñecido… Cando se estreou Os vellos non deben namorarse, no 61, había control e tardárase moito en conseguir o permiso… A censura estivera moi activa.
"A figura de Castelao mancaba, para moitas persoas era unha ferida"
Atopaches algún dato que contradiga algún aspecto coñecido da vida ou obra de Castelao? Quero dicir, o que dicían as biografías anteriores era correcto?
Eu tiven unha vantaxe, que é o material que temos agora. As obras completas de Castelao publicáronse no 2000. Ao ter acceso ademais ás cartas, a arquivos privados… teño moitos máis datos que outros autores que fixeron estudos máis parciais. As anteriores biografías fixeron marabillas, para os datos dos que dispoñían. Se cadra son máis divulgativas e admirativas, máis haxiográficas. Na miña hai máis contraste. En calquera caso, a min o que me interesaba era situar a Castelao no seu contexto. Naceu en Rianxo, xa o sabiamos, pero eu tento explicar que Rianxo era, como era Rianxo entón. É como facer unha película, ter unha cámara e ir gravando o ambiente…
"A min o que me interesaba era situar a Castelao no seu contexto"
Por iso dis que é como un diario da vida de Castelao.
Si, iso é importante. Eu concibín a tese como se fose un periódico. Conto os feitos, situándoos no contexto galego e internacional. Ademais, a propia prensa dá, indirectamente, moitos datos. Teño, por exemplo, a súa lista de voda porque a publicou a prensa. Daquela a prensa informaba de quen chegaba e quen saía da cidade, quen ía a tal acto… Galiciana tamén me serviu de moito. Mais, sobre o que dicías, non é que os meus datos contradigan o que xa se sabía, pero para min si é moi importante esa idea de que el xa era político desde o 14. Xa sabía que ferramentas tiña. Iso, e o seu comportamento exemplar. É o que quixen destacar. Foi unha persoa exemplar, e é fácil admiralo por iso. Tivo un comportamento ético que o fai moi humano.
Tamén cometeu ás veces erros de diagnóstico e puido ser algo soberbio algunha vez, coma todos os autores. Pero era unha persoa moi querida e con moito talento. O que me gustaría agora é que a miña biografía vaia á cidadanía -que se edite- e que entre todos a melloremos. Quero dicir, que se alguén atopa algún dato ou material novo, eu estarei encantado. Agradecerei todas as achegas que reciba. Pero neste país fáltannos biografías das nosas grandes figuras. Noutros países, hai tres ou catro biografías de cada figura. Aquí aínda acaba de saír a de Chus Lama sobre Rosalía… Penso que iso está a fallar na investigación. Dúas facultades de Historia e tantas biografías por facer.
“Neste país fáltannos biografías das nosas grandes figuras”
E que opinas sobre A derradeira lección do mestre. Onde ten que estar?
Pois alá. Castelao non deixou nada escrito sobre iso. É unha obra do exilio. Os propietarios son eles, e se queren cedela poden, pero sería algo voluntario, non unha obriga. Son parte da Galicia exterior. Ademais, o orixinal, que é un debuxo, está en Pontevedra. Este cadro grande, que é do 45, fíxoo estando xa bastante cego. Por iso é bastante probable que lle axudasen. El tiña visión de detalle pero non de campo. Pero iso non cambia nada: segue a ser un cadro simbólico.