0 Gardados para despois

"Noutros países existen biografías 'canónicas' das figuras senlleiras da nación. Aquí, até hai nada, non había nin as de Rosalía e Castelao"

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


Común temos a patria. Biografía dos irmáns Villar Ponte. É o título da última obra editada por Xerais Crónica, un completo percorrido pola traxectoria vital, política e creativa de Antón e Ramón Villar Ponte escrito polos filólogos e investigadores Emilio Xosé Ínsua e Xurxo Martínez González. Este traballo únese, así, a outros semellantes realizados recentemente -como a biografía sobre Castelao elaborada por Miguel Anxo Seixas ou a de Rosalía feita por María Xesús Lama- para avanzar nun xénero, o biográfico, "aínda moi deficitario", segundo os dous autores, na nosa cultura.

Porque "que Rosalía, Manuel Antonio ou Cabanillas, por dicir algúns nomes, só en datas moi recentes fosen obxecto de traballos con afán totalizador sobre a súa biografía é ben sintomático", apuntan. Ademais, no caso dos irmáns Villar Ponte a "inxustiza" era, ao seu ver, especialmente "sangrante", xa que "o seu rol no panorama galego do seu tempo foi autenticamente fundamental". Os dous responderon por correo electrónico as preguntas de Praza sobre Común temos a patria.

Por que decidides facer esta biografía dobre, dos dous irmáns?

X.M.G.: Temos falado moito arredor dos Villar Ponte, tanto da súa relevancia no período de preguerra -non sempre ben recoñecida- como da existencia dun fondo documental moi amplo e, en boa parte, inédito. Co gallo do centenario das Irmandades da Fala propuxémoslle a Xerais este traballo. Acollérono e estámoslle agradecidos pola aposta que fixeron.

"Co gallo do centenario das Irmandades da Fala propuxémoslle a Xerais este traballo. Acollérono e estámoslle agradecidos pola aposta que fixeron"

E.X.I.: Entre nós seguen faltando biografías de figuras de primeirísima orde, é un xénero aínda moi deficitario, o que non deixa de ser un síntoma (máis) de “anormalidade” da cultura galega. Que Rosalía, Manuel Antonio ou Cabanillas, por dicir algúns nomes, só en datas moi recentes fosen obxecto de traballos con afán totalizador sobre a súa biografía é ben sintomático. No caso dos irmáns Villar Ponte a inxustiza era sangrante, pois o seu rol no panorama galego do seu tempo foi autenticamente fundamental. Abordar a biografía dos dous ao mesmo tempo ten unha dupla causalidade: porque formaron un verdadeiro tándem e resultaba imposíbel explicar un sen o outro, por unha banda, e porque a figura de Ramón, por outra, habitualmente menos considerada, atendida e recoñecida que a de seu irmán Antón, merecía esta especie de “restitución igualatoria”.

"Que Rosalía, Manuel Antonio ou Cabanillas, por dicir algúns nomes, só en datas moi recentes fosen obxecto de traballos con afán totalizador sobre a súa biografía é ben sintomático"

No final do libro falades da importancia do arquivo dos Vilar Ponte, o mellor do nacionalismo galego da preguerra, segundo dicides. Por que dicides iso? Que outros arquivos e/ou fontes consultastes? Tivestes dificultades para acceder ao material?

X.M.G.: Teresa Villar Chao, Teresiña, filla de Ramón, encargouse de custodiar o arquivo e biblioteca do pai. Falamos dun arquivo que inclúe material de preguerra e que Ramón gardou malia a represión feixista. Aquí atopamos dende a circular de convocatoria para a fundación das Irmandades da Fala en 1916 até a cartelaría a prol do Estatuto, libros da colección Céltiga até unha ampla correspondencia ou textos de debate das asembleas do Partido Galeguista. Morto Ramón, Teresiña continuou con esa recolleita e protección. Ela sempre ofrecía a casa familiar, na Coruña, para consultar até que o entregou ao Parlamento galego, grazas ás xestións de Pilar García Negro.

"Teresa Villar Chao, Teresiña, filla de Ramón, encargouse de custodiar o arquivo e biblioteca do pai"

E.X.I.: Procuramos tamén aproveitar os fondos que se conservan na Academia e na Penzol, así como toda a inxente bibliografía sobre a época de preguerra na que os Villar Ponte aparecen citados unha e outra vez, como non podía ser doutra maneira. Dificultades no acceso non tivemos ningunha destacábel; se cadra, o difícil estivo precisamente en someter e reducir esa inxente cantidade de información e material para ofrecer un relato que fose ameno sen deixar de ser rigoroso e ben documentado. O esforzo de síntese que fixemos, neste sentido, foi moi grande.

"O difícil estivo precisamente en someter e reducir esa inxente cantidade de información e material para ofrecer un relato que fose ameno sen deixar de ser rigoroso e ben documentado"

Dicía hai uns dias nunha entrevista con Praza Miguel Anxo Seixas, autor da máis recente biografía de Castelao, que en Galicia faltaban biografías das nosas grandes figuras. Que noutros países fan tres ou catro de cada unha delas. Que vos motivou a vós para realizar este proxecto?

X.M.G.: Exacto. Noutros países existen biografías “canónicas” das figuras senlleiras da nación. Aquí, até hai nada, non había biografía nin de Rosalía nin de Castelao. Devagar vaise emendando. E nós quixemos achegar o noso quiñón ofrecendo unha biografía compartida, ampla, con moita información inédita e con afán divulgativo. O xusto recoñecemento da tarefas dos devanceiros, cos seus éxitos e fracasos, axuda a que sexamos máis libres como pobo porque axuda a comprender o esforzo e a acción realizadas. Cómpre pensar: cantos fundaron as Irmandades ou asinaron o Manifesto de Lugo (1918)? E vinte anos despois, conseguiron que o Estatuto de Galiza fose unha reivindicación común das forzas progresistas e incluso algunhas conservadoras.

"O xusto recoñecemento da tarefas dos devanceiros, cos seus éxitos e fracasos, axuda a que sexamos máis libres como pobo"

E.X.I.: O xénero biográfico, para ser ben feito, esixe horas de pescuda, lectura, contraste e reflexión que non sempre se teñen, sobre todo no caso de persoas que, como é o noso caso, compatibilizamos a escrita e a investigación cunha ocupación profesional suxeita a horarios. Ademais, hai certa tendencia na nosa cultura -vese ben no que acontece a miúdo arredor do Día das Letras Galegas- a concibir e redixir as biografías cun enfoque que resulta haxiográfico de máis, obviando as zonas escuras e problemáticas da figura en cuestión e soslaiando os asuntos máis polémicos. Nese sentido, o noso libro procurou non caer neses defectos e ser tan completo como documentado, da maneira que o propio Miguel Anxo Seixas reivindicaba para este tipo de traballos na entrevista que amentas.

AntónVillar Ponte, sentado á dereita de Castelao durante unha pausa nun pleno das Cortes da República / Vida Gallega

"Hai certa tendencia na nosa cultura a concibir e redixir as biografías cun enfoque que resulta haxiográfico de máis, obviando as zonas escuras"

Ramón quedou un pouco en segundo plano, na memoria galeguista, respecto a Antón. Mais, segundo unha idea que está bastante presente no libro, el era moitas veces o que escribía os textos de maior profundidade. Como se el fose máis ideólogo e Antón máis divulgador. En xeral, cal era a diferenza entre os irmáns a respecto diso?

X.M.G.: Ramón era licenciado en Filosofía mentres Antón era boticario. Tiñan formación distinta pero tamén un carácter diferenciado. Antón era un home afouto, de combate na prensa e nas prazas, de mitin e de acción, polemista e mesmo provocador. Ramón tendía máis ao traballo histórico e á reflexión teórica, tanto do nacionalismo como da cuestión lingüística, cun carácter máis reservado e marcado por unha forte relixiosidade, da cal carecía Antón.

"Ramón tendía máis ao traballo histórico e á reflexión teórica, tanto do nacionalismo como da cuestión lingüística"

E.X.I.: Coido que é perceptíbel, nese sentido, certa “complementariedade” entre eles. Antón interviña máis “cara afora”, como xornalista e opinion maker que era, e Ramón, ademais de maiores dotes organizativos, ao estar exento de apremos laborais, dispuña de máis tempo para ler, reflexionar e, xa que logo, elaborar teoría con maior profundidade. Antón facía “pedagoxía nacionalista” a diario nos seus artigos de prensa, se se quere “improvisando” análises, premido pola urxencia do momento, mentres que Ramón quintaesenciaba devagar os seus traballos, de aí que resulten moito máis sisudos e profundos, máis “filosóficos”.

Antón é, sendo moi novo, farmacéutico de profesión, republicano de ideas e xornalista -e moi prolífico- de vocación. Como inflúe nel o seu encontro con Leiras Pulpeiro en Mondoñedo, tras distanciarse do republicanismo viveirense? De que xeito a colaboración na Revista Gallega, de Murguía, marca o seu achegamento ao rexionalismo?

X.M.G.: O encontro con Leiras Pulpeiro foi feliz suceso, porque Leiras era un republicano federal, médico dos pobres, esperantista, masón e escritor en lingua galega. A súa influencia foi tal que Antón encargouse de recompilar a súa obra completa en 1930, para a editorial Nós, como un xesto de débeda cumprida.

"O encontro con Leiras Pulpeiro foi feliz suceso, porque Leiras era un republicano federal, médico dos pobres, esperantista, masón e escritor en lingua galega"

E.X.I.: Leiras é quen deposita no espírito do Antón mozo o primeiro fermento galeguista, quen o familiariza coa figura/mito do mariscal Pardo de Cela e quen o achega ao núcleo coruñés da “Cova Céltica”, á revista que citas e aos traballos da Escola Rexional de Declamación. As primeiras pezas teatrais de Antón, como A patria do labrego, débenlle moito á influencia de Lugrís Freire.

"Mais Antón non apoiou logo a “Solidaridad Gallega” e foi moi crítico coa deriva da Academia baixo a presidencia de Murguía"

Mais Antón non apoiou logo a “Solidaridad Gallega” e foi moi crítico coa deriva da Academia baixo a presidencia de Murguía, o que provocou sucesivos episodios de encontro e desencontro con ese núcleo dos Carré, Lugrís, Vaamonde, Tettamancy, etc. Nas vésperas da creación da primeira Irmandade, resintonizaron, mais na crise “irmandiña” que levou ao nacemento da ING (1922), Antón ten un serio conflito con ese grupo, que lle custa a expulsión da dirección de A Nosa Terra, por exemplo.

Xa sendo tamén moi novo critica a "parálise literaria" do país, o dominio na literatura das "tradicións fosilizadas", adiantado o que despois será o seu acordo co manifesto Máis alá de Manuel Antonio, do que o acusan de ser "instigador". Cal é o significado destas críticas súas á literatura considerada canónica polo rexionalismo da época? Cales foron os seus propios principais logros como escritor?

X.M.G.: A crítica de Antón contén un crítica política. Era a rivalidade entre nacionalistas e rexionalistas. O modelo literario dos rexionalistas era debedor do estilo rexurdimentista. Antón contempla a necesidade de abrirse ás vangardas, superar as imaxes bucólicas e rurais, practicar a crítica social ou escribir comprometidos coas necesidades nacionais.

"O modelo literario dos rexionalistas era debedor do estilo rexurdimentista. Antón contempla a necesidade de abrirse ás vangardas"

E.X.I.: Durante todo o primeiro terzo do século XX as letras galegas (e a música, e a pintura, e o teatro...) viviron un forte debate entre os partidarios do enfoque rexional e os defensores da perspectiva universalizadora. O que aconteceu co Conservatorio da Irmandade coruñesa entre 1919-1921 é ben representativo. Que facer? Un teatro en galego dirixido ás masas pero rexional, “de andar por casa”, esteticamente nada ambicioso, a base de obras como as de Galo Salinas, Lugrís Freire, San Luís Romero, Leandro Carré ou Prado Lameiro, ou por contra, apostar por un teatro en galego de ambición estética e afán universal, ao estilo das pezas de Quintanilla, o propio Antón, Fernando Osorio, etc. aínda que non suscitase máis que o aplauso das minorías cultas.

"Durante todo o primeiro terzo do século XX as letras galegas (e a música, e a pintura, e o teatro...) viviron un forte debate entre os partidarios do enfoque rexional e os defensores da perspectiva universalizadora"

Na poesía, tres cuartos do mesmo: As Oraciós campesiñas de Eladio Rodríguez como súmmum da nosa literatura ou o De catro a catro manuelantoniano? A achega propiamente literaria de Antón afecta, no fundamental, á dramática, con pezas como Almas mortas, O Mariscal, Nouturnio de medo e morte... A súa vertente poética non deu froitos salientábeis.

Foi director, redactor e promotor de numerosísimos xornais e revistas, ademais de moita actividade cultural. Curiosamente, fracasou no seu intento de vivir do xornalismo en Madrid. Mais participou en moitísimas iniciativas xornalísticas, como A Nosa Terra ou o xornal Galicia de Paz Andrade. Cales foron os máis importantes dos seus proxectos xornalísticos? Por que foi apartado como director de A Nosa Terra?

X.M.G.: A Nosa Terra foi o seu gran proxecto. El traballaba en La Voz de Galicia, nunha situación relativamente cómoda. Pero o nacionalismo precisaba un medio propio, unha canle de información e, á súa vez, de cohesión militante arredor do xornal. A súa actitude valente e coherente tróuxolle amarguras e polémicas mesmo violentas. A que o afasta da dirección ten a ver, como xa anotamos, co enfrontamento intestino nas Irmandades entre “políticos” e “apostólicos” nas vésperas da Asemblea de Monforte, que sanciona a ruptura entre os irmandiños que lideraba Peña Novo e os que seguían a Risco. Os irmáns Villar Ponte estaban entre os segundos.

"A súa actitude valente e coherente tróuxolle amarguras e polémicas mesmo violentas"

E.X.I.: Non é esaxero situalo entre as figuras máis relevantes do xornalismo galego de preguerra. Ademais de traballar en La Voz de Galicia entre 1912-1918 e de dirixir A Nosa Terra entre 1916-1921, exerceu a dirección de El Noroeste en 1918, foi columnista de El Correo Gallego en 1921, voz fundamental na orientación galeguista do Galicia de Paz Andrade e de La Zarpa de Basilio Álvarez nos anos 20, auténtico portavoz do republicanismo galeguista en El Pueblo Gallego de Portela Valladares a partir de 1926... Moitos xornais e revistas galegas en América reproducían os seus traballos e hai abondos testemuños do impacto e influxo que os seus artigos exercían na opinión pública.

"Non é esaxero situalo entre as figuras máis relevantes do xornalismo galego de preguerra"

Na súa época de emigrante e xornalista en Cuba, mantense dentro das coordenadas do nacionalismo español de xinea republicana. Que relevancia tivo, na mudanza do seu ideario político, a descuberta en Portugal da lingua como vector de identidade nacional? De feito, será un dos grandes valedores da idea do achegamento á lusofonía...

E.X.I.: A etapa cubana é complexa, mesmo por veces contraditoria. Hai un achegamento inicial aos núcleos galeguistas da Illa (Fontenla Leal, Chané...), pon en marcha revistas “rexionalistas” como Alma Gallega e galeguiza o repertorio do cadro de declamación “Rosalía Castro” da Habana, mais tamén fai protestos de reseso españolismo cando critica que se atacase a revista Vida Gallega por non poñer a bandeira galega no seu cabezallo ou cando escribe editoriais en El Comercio, de Camagüey.

"A estadía en Portugal como correspondente de prensa, a finais de 1910, coincidindo coa proclamación nese país da República, provoca nel un shock ideolóxico profundo"

A estadía en Portugal como correspondente de prensa, a finais de 1910, coincidindo coa proclamación nese país da República, provoca nel un shock ideolóxico profundo: decepciónase moito co credo republicano que viñera defendendo ata entón, mais descobre o exercicio de normalidade nos usos sociais dese “galego botado a andar” -é expresión súa- que era o portugués e iso resulta decisivo para que madure, canda seu irmán, a idea das Irmandades da Fala.

A lusofilia de Antón foi unha constante dende entón, se ben é certo que nas polémicas sobre ortografía e norma que se deron nos anos 20 tivo sempre unha actitude pragmatista, e podíase dicir tamén “prudente”: afirmando a substancial unidade de galego e portugués, apostou por camiñar amodo cara á reintegración, antepoñendo o esencial (a irmandade cultural, a divulgación e coñecemento mutuos...) ao accesorio (as grafías).

"Afirmando a substancial unidade de galego e portugués, apostou por camiñar amodo cara á reintegración"

De que xeito se produce a súa viraxe cara a un ideario protonacionalista, xa manifestado nos seus artigos en La Voz de Galicia no 1914? En El Ciudadano define Galicia como colonia de Madrid...

E.X.I.: Hai un contexto internacional que inflúe -espertar das nacionalidades e cuestionamento dos grandes imperios durante a Grande Guerra, defensa do dereito de autodeterminación na Constitución soviética e nos famosos 14 puntos do presidente norteamericano Wilson, o levantamento irlandés de Pascua de 1916...-, pero son sobre todo factores “internos” os que alentan esa viraxe: o exemplo da loita nacional de Cataluña -en 1914 articúlase a “Mancomunitat” como fórmula de autogoberno-, a constatación do devalo progresivo do idioma galego en moitos ámbitos,  a marxinación e o malestar social que padece o país -retardo das infraestruturas, emigración masiva, crise de subsistencias, dominio caciquil...- e a discrepancia de fondo coas orientacións en exceso “verbalistas” do agrarismo de Basilio Álvarez.

Os irmáns Villar Ponte, con outros persoeiros do galeguismo en xuño de 1932

Cando os dous irmáns comezan co chamamento a fundar as Irmandades da Fala, ponse de manifesto, dalgunha maneira, a inoperancia da Academia Galega. Por que?

X.M.G.: A Academia era unha institución fosilizada e incoherente. O uso do castelán era o habitual. A súa negativa a intervir nos asuntos públicos arredor da cultura e do país provoca o malestar dunha nova xeración -de diversa orixe: republicana federal, rexionalista, agrarista...- nun contexto de agresión a Cataluña dende Madrid. Os irmandiños néganse á pasividade e toman a palabra, con certa cautela inicial e despois sen miramentos cos rexionalistas. Se ben Murguía non participa nas Irmandades, si o farán outros como Lugrís Freire, Florencio Vaamonde, etc.

"A Academia era unha institución fosilizada e incoherente. O uso do castelán era o habitual"

Por que é tan relevante o texto Nacionalismo gallego. Nuestra afirmación regional? Por que os dous irmáns foron conseguindo aglutinar arredor das Irmandades o nacionalismo nacente?

X.M.G.: O texto compendia propostas de Antón expostas en artigos en La Voz de Galicia, toma ideas de Aurelio Ribalta e do grupo de Estudios Gallegos de Madrid e depura as faladas en “parolas íntimas” co seu irmán Ramón. O opúsculo converteuse nun manual teórico e nun programa político-cultural por desenvolver. No contexto histórico de centralismo -co debate da Mancomunidade e da cuestión lingüística en Cataluña-, a inoperatividade da RAG e a abstención de moitos rexionalistas, Antón e Ramón impulsan as Irmandades. Ademais, cómpre subliñar, que se promoven coa lingua como punto de encontro de diversas sensibilidades: Antón, Ramón ou Ánxel Casal proceden do republicanismo federal, Lugrís Freire ou Cabeza de León do rexionalismo, Porteiro Garea ou Cabanillas do agrarismo, etc.

"O opúsculo converteuse nun manual teórico e nun programa político-cultural por desenvolver"

E.X.I.: Antón protagoniza a dinámica nacente das Irmandades: impulsa o grupo coruñés, dirixe A Nosa Terra, editorializa, asiste a mitins en varias localidades, envía cartas a numerosos intelectuais convidando a sumarse ao movemento, coordina as accións e modula o discurso público en estreita colaboración con Porteiro Garea etc. Mais Ramón, máis na sombra, é decisivo no xiro e consolidación organizativa que aquelas viven a partir de febreiro de 1917, cando se lanzan xa a unha acción decididamente política e non só idiomático-cultural, reformulan os seus propios Estatutos e procuran alianzas como a que asinan a finais dese mesmo ano coa “Lliga” de Cambó, para se presentaren ás lexislativas de febreiro de 1918.

"Ramón, máis na sombra, é decisivo no xiro a partir de febreiro de 1917, cando se lanzan xa a unha acción decididamente política e non só idiomático-cultural"

A Irmandade arrastra na súa evolución as diferenzas entre o sector nacionalista e o máis rexionalista, así como entre os partidarios do abstencionismo e de participar nas eleccións. Como se explican, a grandes trazos, as propias mudanzas de criterio de Antón respecto da segunda cuestión? E o seu achegamento e despois distanciamento respecto de Risco?

E.X.I.: Para comprendermos eses “bandazos” de Antón entre 1921-1924 con respecto ás Irmandades e á figura de Risco cómpre ter presente, como detonante, o seu fracaso como candidato a concelleiro na Coruña en 1921, a diferenza de Peña Novo. O éxito do vilalbés catapultouno ao liderado da Irmandade coruñesa e Antón sentiuse unha miga postergado. Se a iso sumamos que se reabriron as súas vellas discrepancias cos antigos rexionalistas da “Cova Céltica” temos explicada a súa expulsión da dirección de A Nosa Terra e o seu acostamento ás teses político-organizativas risquiás, moi influídas polo que acontecía nese intre en Irlanda.

"A admiración por Risco foi grande e xustificada nesa altura en moitos galeguista"

A admiración por Risco foi grande e xustificada nesa altura en moitos galeguistas. Hai que ter presente que o de Ourense fora quen de quintaesenciar o movemento na súa Teoría do nacionalismo galego, era un intelectual sólido e enterado de todas as novidades, promovera o boletín Nós, escribira algúns textos narrativos novidosos como Do caso que lle aconteceu ô Doutor Alveiros, etc. A decepción de Antón con Risco foi, con todo, máis temperá que a de seu irmán Ramón, pois desde comezos de 1924 se desvincula da ING e ao ano seguinte, en plena ditadura de Primo de Rivera, sae á palestra no diario Galicia de Vigo para propoñer a creación dun Partido Liberal Galego Autonomista.

"A decepción de Antón con Risco foi, con todo, máis temperá que a de seu irmán Ramón"

Cando Risco protagonice en 1931 a confección dun manifesto de católicos galeguistas contra as orientacións laicistas da Constitución republicana, será Antón un dos máis contundentes contraditores dese manifesto. E a posterior entrada de Antón desde a O.R.G.A. ao P.G. coincide, mes arriba, mes abaixo, coa marcha de Risco para crear a Dereita Galeguista, o que dá a medida do oposto das súas traxectorias nesa altura.

De que xeito o ideario político de Ramón - representado por exemplo na Doctrina nacionalista, funde as influencias do federalismo de Pi i Margall, o rexeneracionismo de Joaquín Costa e o nacionalismo de Vicente Risco para construír un nacionalismo progresista, defensor da soberanía galega e dunha confederación ibérica? Que explica a proximidade -non sei se crecente co tempo- de Ramón ao arredismo?

X.M.G.: Os Villar Ponte son de formación federalista (Pi i Margall) que evolúen cara ao republicanismo galego logo de cotexar os bordes do español. As teorías rexeneracionistas estaban en voga e encaixaban co modelo impulsado por eles, de poñer fin ao caciquismo, a corrupción e a un modelo de estado coercitivo. E a proposta de Risco ofrece uns contidos teórico válidos pero á cal eles ofrecen unha praxe distinta, nun sentido máis progresista.

"O arredismo de Ramón explícase pola ofensiva contra as Irmandades a partir de 1917"

O arredismo de Ramón explícase pola ofensiva contra as Irmandades a partir de 1917. Lembremos que Porteiro Garea fora vítima dun atentado, que os actos irmandiños eran rebentados -pedradas incluídas-, a prensa foi moi hostil -acusáronos de venderse ao “ouro catalán”-... é dicir, había un contexto moi agresivo, que careceu de solidariedade por parte de forzas españolas e provocou un pensamento arredista, tamén moi en relación cos acontecementos irlandeses.

A Irmandade Nazonalista Galega acaba colaborando, de facto, coa ditadura de Primo de Rivera, aínda que Antón vaise decatando da trampa do Directorio e acaba sendo castigado por criticar o réxime. Que explica esta evolución da postura de Antón respecto á Ditadura?

X.M.G.: Primo de Rivera promete unha serie de cambios que inclúen un novo deseño territorial e a posibilidade de crear a Mancomunidade galega, ao estilo da catalá. A ING decide colaborar coa idea de acadar este obxectivo mentres as Irmandades opóñense. Antón é militante da ING. Un mes de concelleiro na Coruña, en xaneiro de 1924, valeulle para romper coa ING e, devagar, reachegarse á Irmandade herculina, na que a figura de Ánxel Casal cobraba cada vez máis peso.

"A ING acabou sendo un grande “bluff” político-organizativo"

E.X.I.: A ING acabou sendo un grande “bluff” político-organizativo. Non é só que apostase por unha vía “colaboracionista” coa ditadura de Primo de Rivera que se revelou axiña tan inútil como incoherente, senón que foi incapaz de garantir a continuidade de varias das plataformas que creara antes de se implantar o propio réxime militar: a editorial ferrolá Céltiga, a segunda xeira do boletín betanceiro Rexurdimento, o boletín ourensán Nós...

Todo se vai ao garete durante 1923, antes do 13 de setembro en que Primo de Rivera dá o golpe. En 1925 non quedaba en pé da ING en toda Galiza máis que o grupo de Viveiro, liderado por Ramón Villar Ponte. Os principais vultos da ING, vellos e novos, refuxiáronse no traballo cultural -Seminario de Estudos Galegos-, mentres que a Irmandade da Coruña, alén de manter en pé contra vento e censura varias plataformas culturais -o boletín A Nosa Terra, as editoras Lar e logo Nós, as Escolas do Insiño Galego, etc.-, soubo tecer alianzas cos sectores prodemocráticos e prorrepublicanos, de aí o seu papel fundamental na aparición en 1929 da O.R.G.A.

Na fase do Seminario de Estudos Galegos, Antón non se integra formalmente, pero si participa da súa actividade e fai propaganda a favor na prensa. Por que dicides que puido ter certa discrepancia co suposto "culturalismo" neutral do Seminario? Cal é o papel de ambos irmáns na editora Nós?

E.X.I.: A primeira parte da pregunta xa está contestada, penso, ao referir que foi da ING a partir de certa altura. Ramón si chegou a ler discurso de ingreso no SEG, mais Antón mantívose a distancia, ben é certo que nunca hostil, nin moito menos. Canto á segunda, Ramón e Antón fixeron todo o que estivo na súa man para respaldar o traballo cultural da editora “Nós”, en sintonía absoluta co espírito que lle imprime á empresa Ánxel Casal. Achegaron, por suposto, diversos orixinais. Ramón, a súa Historia de Galiza e o seu Breviario da Autonomía. Antón, varias pezas teatrais, como a segunda edición de O Mariscal, Os Evanxeos da risa absoluta e o Nouturnio de medo e morte. Ademais, publicitaron os seus produtos en artigos de prensa, reclamaron atención constante para o seu meritorio labor e denunciaron reiteradamente o boicot e silenciamento que moitos xornais lle dedicaron.

"Ramón e Antón fixeron todo o que estivo na súa man para respaldar o traballo cultural da editora “Nós"

Antón é impulsor da integración dun sector do nacionalismo na ORGA, ten un importante papel no desenvolvemento da FRG e permanece dous anos na ORGA, sendo deputado, recibindo duras críticas de membros do Partido Galeguista. Como se explica ese comportamento que desde hoxe é doado ver como errado? -Equivoca a estratexia, como fixera na Ditadura de Primo de Rivera-.

E.X.I.: Fundamentalmente, por un determinado sentido do deber cara ao electorado que o elixira nas candidaturas da O.R.G.A. nas Constituíntes de 1931. A Antón non lle parecía ético pasarse a outro partido e seguir ostentando un posto de representación nas Cortes obtido cunhas determinadas siglas, polo que optou por permanecer fiel á ORGA-PRG mesmo que esta dese mostras máis que evidentes no “bienio azañista” de perder a orientación federalista e autonomista orixinaria e mesmo que fose o seu máximo líder, Casares Quiroga, o máximo reponsábel das reiteradas dilacións que viviu o proceso estatutario autonomista galego. Cando deu o paso de ingresar no PG xa non tiña esa  condición de deputado e Castelao apresurouse a recibilo cos brazos abertos.

"A Antón non lle parecía ético pasarse a outro partido e seguir ostentando un posto de representación nas Cortes obtido cunhas determinadas siglas, polo que optou por permanecer fiel á ORGA-PRG"

Finalmente marcha para o Partido Galeguista. Como pode resumirse a evolución da súa relación con Bóveda e Castelao? Cal é o papel de Antón na loita polo Estatuto de Autonomía? E o de La Voz de Galicia en contra deste?

E.X.I.: Antón incardinouse perfectamente na orientación filoesquerdista e na expansión organizativa que afrontou o PG baixo o liderado de Castelao e Bóveda, reforzándoa de palabra e obra. Castelao dixo que Antón queimara literalmente as últimas enerxías que lle quedaban de vida nese esforzo. Na loita autonomista, despois de ter sido destacado impulsor de dous anteproxectos estatutarios ao longo de 1931, o da FRG e o chamado “dos parlamentarios”, Antón aceptou defender publicamente o Estatuto saído da Asemblea de Municipios, por máis que ficase lonxe das súas máis altas aspiracións, ao igual que fixo Ramón.

"Antón incardinouse perfectamente na orientación filoesquerdista e na expansión organizativa que afrontou o PG baixo o liderado de Castelao e Bóveda"

Durante boa parte do período republicano, o tema recorrente da articulística dos dous irmáns foi a Autonomía, a reivindicación do autogoberno, en continua polémica con todos os seus detractores, que non eran poucos. Entre eles destacaron efectivamente, algúns sectores políticos (os socialistas, os lerrouxistas, as dereitas cedistas...) e algúns medios impresos, como o xornal La Voz de Galicia e a revista de Jaime Solá Vida Gallega.

Como se explica a diferente postura dos dous irmáns respecto da confluencia do Partido Galeguista coa Frente Popular? Que influencia ten Antón no deseño da política do Partido Galeguista a partir da IV Asamblea Nacionalista?

E.X.I.: Ramón discrepaba do perfil a cada máis á esquerda do PG, a diferenza de seu irmán Antón, que o asumía sen fisuras. A actitude das esquerdas diante da cuestión relixiosa en todo o período republicano foi tamén un elemento moi relevante nese retraemento, pois nesa altura da súa vida o confesionalismo católico faise moi decisivo no pensamento de Ramón e o seu círculo de amizades máis estreito en Viveiro respiraba ademais nesa clave. Amizades, hai que dicir, que serán decisivas algunhas delas á hora de lle salvar a vida unha vez desatado o terror fascista.

"Ramón discrepaba do perfil a cada máis á esquerda do PG, a diferenza de seu irmán Antón, que o asumía sen fisuras"

X.M.G.- Ademais desa distancia co comunismo, Ramón tamén é partidario dunha liña pura, sen alianza cos partidos españois (o nós sós, que escribe en varios artigos). Tamén cómpre lembrar que o máis novo dos Villar Ponte tivera amargas experiencias no desempeño da alcaldía de Viveiro, durante 1931, con algúns dos agora aliados do seu partido, como era o caso dos socialistas. En todo caso, Ramón non secunda a escisión da Dereita Galeguista e participará na campaña a prol do Estatuto Galego en xuño de 1936.

"Ramón non secunda a escisión da Dereita Galeguista e participará na campaña a prol do Estatuto Galego en xuño de 1936"

En xeral, pensades que hai un recoñecemento insuficiente a estas dúas figuras? Se é así, por que é?

X. M. G: Nós comprendemos que o traballo dos Villar Ponte se realiza dentro dun colectivo. Comprendemos tamén que, en ocasións, precisamos de figuras que simbolicen a toda unha xeración. Pero somo remisos a que isto suplante o importante: foi un traballo colectivo, de xeración, que compartiron e traballaron conxuntamente (con todas as reviravoltas que houbo). Con esta obra recoñecemos a súa tarefa e achega coa vontade de que teñamos máis estudos para elaborar o relato fidedigno e completo da nosa memoria silenciada.

"Foi un traballo colectivo, de xeración, que compartiron e traballaron conxuntamente"

E.X. I : Temos a esperanza de que o noso traballo esperte anovado interese sobre estas dúas figuras e, nesa medida, suscite novas aproximacións e máis traballos divulgativos sobre as súas variadas vertentes. Estamos seguros de que iso redundará no autocoñecemento e autoestima colectiva que tanto necesitamos.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.