A crise do MARCO como mostra da fraxilidade das estruturas culturais

Faixa na fachada do museo, aludindo á crise que vive a institución © MARCO

A pasada semana a responsable de exposicións do MARCO, Agar Ledo, anunciou a súa decisión de poñer fin á súa relación laboral coa institución, despois de 12 anos. "Non foi unha decisión fácil, pero é a única posible dada a situación actual dun museo que deixou de ser aquel proxecto do MARCO ao que me incorporei en 2006", sinalaba a través de Twitter. Uns días antes Daniela Sarraíno abandonaba a presidencia da Agrupación de Amigos do MARCO, en protesta pola situación que vive o museo, sen dirección, sen programación e co seu futuro no aire. Tamén estes días un grupo de 16 artistas rexeitaron participar na exposición Metrópole, perspectiva urbana da arte galega, prevista para este ano no museo, esixindo a contratación dun director ou directora a través dun concurso público.

En decembro o Padroado da Fundación MARCO tentara xa que Agar Ledo se fixese cargo de xeito provisional das tarefas de programación que corresponderían á Dirección do centro. "Esta invitación pretendía neutralizar as demandas que viña facendo a sociedade civil e dar a aparencia de que o MARCO estaba a funcionar cando nesa altura non tiña xa contidos, porque os propostos polo equipo tiñan unha dimensión crítica que non interesaba apoiar", explica. "Non podía aceptar porque acompañei a Iñaki Martínez Antelo durante meses na súa loita, e logo acompañei a todos os colectivos da sociedade civil que demandaban a convocatoria dun concurso público. De aceptar esta oferta estaría indo en contra dos meus principios básicos e do meu compromiso".

"As boas prácticas son a única garantía para poder traballar de xeito independente", salienta Ledo, facendo referencia ao Documento de Boas Prácticas en Museos e Centros de Arte Contemporánea, elaborado en 2007 polo sector das artes visuais e dos museos, xunto co Ministerio de Cultura. “Este documento non só se refire ao proceso de selección da dirección, senón tamén á identidade da institución. O Proxecto Artístico é unha primeira boa práctica que debería acadar o máximo consenso posible entre as e os expertos e interlocutores do mundo da arte e preceder a todas as demais", di.

A demanda de que o MARCO siga as boas prácticas fixadas para un correcto funcionamento dos museos e centros de arte foi tamén subliñada polos e polas 16 artistas que hai uns días anunciaron a súa renuncia a participar na exposición colectiva. Agrupados e agrupadas na plataforma MARCO Así Non, través dun manifesto afirmaban que "é inevitable ver nesta exposición colectiva unha manobra para contentar e así acalar as moitas voces discrepantes e, de paso, disimular o erro da decisión, vendendo o fume dun proxecto inexistente, comunicado dun xeito arrogante". E reclamaban autonomía de xestión para o museo e a "convocatoria da praza de dirección por concurso público, primando méritos, experiencia e a presentación dun proxecto acorde co modelo para o que se creou o MARCO".

"Estase desoíndo a toda unha comunidade artística cultural e social importantísima, parece que non existimos na cidade. Hai moitísimo apoio na cidade para a continuidade do MARCO"

"Rexeitamos o proxecto porque o MARCO non ten director, o MARCO está a sufrir unha situación absurda. Non podemos aceptar o regalo-trampa que se nos facía. Aceptar a proposta sería unha involución. Aceptariamos de feito implícito (no seu xogo) que un museo pode funcionar sen director. O que resulta sinxelamente ridículo", sinala Antón Patiño, un dos artistas convidados a participar na exposición, que destaca que esta resposta colectiva "constitúese de xeito espontáneo e vén ser coma un Nunca Máis da cultura artística galega", unha acción que gaña en importancia se se ten en conta que "o sector da arte sempre se quere caracterizar coma dun illamento proverbial". "Os artistas de Vigo levamos un ano defendendo estas posicións, loitando contra o desmantelamento do Museo", lembra Patiño, que engade que "non podemos parar ata que o MARCO de Vigo teña un director (elixido nun concurso aberto)".

Berta Cáccamo, unha das artistas convidadas a participar na mostra e que rexeitou o ofrecemento, sinala que "a razón principal é a falta de consenso". "Non pode ser que un centro de arte destas características fose desmantelado sen contar coa opinión da gran comunidade artística e da comunidade cultural en xeral". "Estase desoíndo a toda unha comunidade artística cultural e social importantísima, parece que non existimos na cidade. Hai moitísimo apoio na cidade para a continuidade do MARCO", engade. "O que pedimos é que se faga uso do código de boas prácticas e que se convoque un concurso de dirección, para que haxa un director, unha directora, que poida dar continuidade ao proxecto do MARCO, evitando que haxa decisións baseadas en caprichos", subliña Cáccamo, que afirma que "hai un desinterese e unha xordeira nas autoridades sobre o que foi o museo".

 

Que lle achega o MARCO a Vigo e á arte e cultura galegas?

"O MARCO foi un museo moi visitado, foi un museo que puxo en valor a cidade de Vigo e a arte contemporánea", salienta Berta Cáccamo. "Foi un proxecto no que había tamén un espazo de pensamento sobre a arte. Houbo xornadas específicas, hai un departamento de educación para que os nenos e nenas coñezan a arte contemporánea. Eu non creo na idea de museo como contedor unicamente, senón como centro de investigación, e de cultura, e de debate e de intercambio de ideas", destaca.

"O MARCO era un lugar de produción de coñecemento e pensamento crítico, que utilizaba as exposicións como dispositivos para a elaboración deses discursos facendo fincapé na produción propia e no traballo en rede", di Agar Ledo. "O MARCO non é un edificio, senón as persoas que constrúen os relatos que definen a liña ideolóxica e de investigación do museo, porque do mesmo xeito que unha exposición non é simplemente os obxectos que a conforman, senón a articulación dos elementos en base a un discurso, o MARCO non é senón o capital simbólico que viña construíndo durante máis dunha década", destaca. "Foron quince anos nos que se atendeu a cuestións tan relevantes do noso presente como a crise provocada polo accidente do Prestige, a explotación da natureza, a globalización, as políticas de xénero, as narrativas hexemónicas, os feminismos, a necesidade de dotar de voz propia á nosa modernidade, a lingua, etc. Foi un lugar de encontro onde desafiar o establecido", engade. Porén, denuncia, "todo o capital simbólico construído polo MARCO durante 15 anos desapareceu".

"Galiza ten un relativo atraso no eido do mundo da imaxe, das artes. Sempre estivemos moi mergullados no mundo literario mais excluíndo ás vangardas. Temos que dar o salto do século XIX ao XXI"

Pola súa banda, Antón Patiño denuncia que "Galiza ten un relativo atraso no eido do mundo da imaxe, das artes. Sempre estivemos moi mergullados no mundo literario mais excluíndo ás vangardas. Temos que dar o salto do século XIX ao XXI". "O reto non é doado. Hai que mesturar ensino, pedagoxía, política cultural. MARCO (no sur do país) ou CGAC (en Compostela) axudan a dar ese paso adiante, cara avanzar nas claves da contemporaneidade", di. O MARCO "necesita dun responsábel experto que estea atento á sensibilidade local e mais á dinámica internacional, que estableza lazos de comunidade e achegue unha visibilidade do que está a acontecer no mundo. Un museo de arte contemporánea actual define unha interacción sutil con todas esas redes de sensibilidade", conclúe Patiño.

 

Que debe ser un museo de arte contemporánea?

Agar Ledo afirma que "un museo de arte contemporánea ten que ser un espazo para a investigación, a memoria, a educación e a conservación, tanto do patrimonio material como inmaterial. Un arquivo da memoria e un lugar de produción de coñecemento, pero tamén un lugar onde analizar criticamente as cuestións do noso presente, onde teña cabida a negociación e o disenso. Un lugar dende o que reescribir, actualizar, constantemente os nosos propios relatos, para sentirnos representadas neles". "Se estamos falando de museos públicos, teñen que, ademais, cumprir un servizo público, fuxindo do modelo que confunde a cultura coa industria, o actual, baseado no entretemento e na industria cultural, cara outro baseado no coñecemento", engade.

"As nosas estruturas culturais cando nacen, fano de forma moi precaria. Faise un investimento moi forte en aparencia, nos edificios, pero ese investimento non se aplica á parte fundamental de todo museo, que é o capital humano, que é o que vai producir os contidos"

"As nosas estruturas culturais cando nacen, fano de forma moi precaria. Faise un investimento moi forte en aparencia, nos edificios, pero ese investimento non se aplica á parte fundamental de todo museo, que é o capital humano, que é o que vai producir os contidos", sinala. En cambio, "noutros países con máis tradición museística, a produción de coñecemento faise de forma interna". "Se nós non producimos a nosa propia historia, se non contamos os nosos relatos, non nos imos sentir representados por eles", di.

"O que se acontece no noso contexto é que, en lugar de crear ese coñecemento dende dentro, optamos por alugalo fóra, subcontratando os servizos e as producións. A consecuencia é que dúas décadas despois de concibir os museos de arte contemporánea de Galicia, non xeramos un aquivo sobre o que seguir traballando de xeito sostible", advirte. "Como non hai departamentos curatoriais ou de investigación dotados de persoal, alugamos esa investigación, que non nos pertence. Fanse as exposicións, pero ese coñecemento non queda nos museos, non é noso", exemplifica. Porén, conclúe, "esa pode ser unha solución de emerxencia, cando se pon en marcha o sistema. Pero levamos décadas facendo o mesmo en Galicia. Iso non é rendible". "Esta dinámica obriga a asumir un gasto moi elevado ante as programacións. En cambio, eu estou convencida de que todas as nosas estruturas serían rendibles hoxe se se tiveran dotado de capital humano que estivera producindo coñecemento durante todo este tempo. Pero estoutra dinámica non interesa, porque lles dá autonomía aos museos, e réstalles capacidade de control ás autoridades políticas", di.

Antón Patiño afirma que "non pode ser que mostras alleas á arte contemporánea entren no MARCO. A cidade ten outros espazos axeitados onde acoller exposicións afastadas do eido da arte contemporánea. MARCO é un activo simbólico clave. No mundo da arte a imaxe de Vigo está vinculada ao MARCO e ao traballo innovador dos artistas e sector cultural no seu conxunto". "Vigo é unha cidade onde a mocidade ten dereito a que ao través de ciclos teóricos e exposicions achegarse á sintonía co novo. Estamos falando de artes visuais que na nosa cultura é sempre unha asignatura pendente", di, e apunta que a cidade "tería que competir no espazo cultural do chamado Arco Atlántico coa vantaxe da centralidade xeográfica. Aproveitando a boa ubicación que ten. Son moitos os argumentos polo que Vigo non pode perder ese sismógrafo, ese vieiro innovador que representa o MARCO". "Se non superamos entre todos esta situación a imaxe do MARCO e da cidade fica tocada, coma se estiveramos a vivir unha involución", engade.

"A situación do MARCO o que fai é amosar a enorme fraxilidade das estruturas culturais e da inxerencia da política que existe. Isto ten a súa orixe na forma en que nacen as nosas estrutura culturais, cunha dependencia desproporcionada do ámbito político"

 

O futuro do MARCO

"Agora mesmo o que hai é un problema político e a única solución é a política", di Agar Ledo. "A situación do MARCO o que fai é amosar a enorme fraxilidade das estruturas culturais e da inxerencia da política que existe. Isto ten a súa orixe na forma en que nacen as nosas estrutura culturais, cunha dependencia desproporcionada do ámbito político", destaca, reiterando que "as boas prácticas o que fan é evitar esas inxerencias políticas dentro das institucións culturais, protexendo o interese común por riba dos intereses particulares. Son o que asegura a profesionalidade, o rigor e o servizo público".

Pola súa banda, Antón Patiño cre que "na selección do novo director hai que atinar dentro dos candidatos máis idóneos. Ata atopar o que mellor poida respostar á demanda dunha integración de sensibilidades plurais, nas distintas tendencias artísticas. Intercambio e diálogo como consigna fronte a posicións autorrefenciais e pechadas (que persoalmente coido están superadas hai tempo)". "O programa do novo director tería que encaixar a modo na dialéctica do local e universal, abrindo novas xanelas da realidade artística no noso país", engade.

 

Agar Ledo Dominio Público Praza Pública
Entidades culturais e artísticas de toda Galicia mobilizáronse en defensa da continuidade do MARCO © Agrupación de Amigos do MARCO
Antón Patiño CC-BY-SA Santos Díez
Sen Título. Berta Cáccamo. 2007 © Galería Trinta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.