‘Elisa e Marcela’, ‘Resaca’ e ‘Soño dunha noite de verán’ optarán ao premio ao mellor espectáculo nos María Casares

Imaxe de 'Resaca', de ilMaquinario Teatro Dominio Público ilMaquinario Teatro

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) vén de anunciar os/as nomeados/as aos XXII Premios María Casares, a gran festa do teatro galego, cuxa gala se celebrará o vindeiro 21 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Nesta ocasión, as candidaturas estiveron moi repartidas. A obra que suma un maior número de nomeacións é Resaca (IlMaquinario Teatro), que aspira a 10 galardóns; Martes de Carnaval (Centro Dramático Galego) opta a 9 candidaturas; A Cabeza do Dragón (Producións Teatrais Excéntricas) e Soño dunha noite de Verán (Voadora) acadan 7 cada unha e Elisa e Marcela (A Panadaría) aparece con 6 finalistas.

Elisa e Marcela, Resaca e Soño dunha noite de verán optarán ao premio ao mellor espectáculo nos María Casares. Ademais, A galiña azul (Tanxarina), Outono (Pistacatro) e Pum, Pum! (Baobab Teatro) competirán polo galardón ao mellor espectáculo infantil.

Tito Asorey (Resaca), Marta Pazos (Martes de Carnaval) e Quico Cadaval (A Cabeza do Dragón) son finalistas ao premio á mellor dirección. Mentres, Elisa e Marcela, Resaca e Fillos do Sol optan ao galardón ao mellor texto orixinal.

Nos apartados de interpretación, Miquel Insua (Martes de Carnaval), Fran Lareu (Resaca) e Iván Marcos (A Cabeza do Dragón) son candidatos a mellor actor protagonista. E Melania Cruz (Resaca), María Roja (Martes de Carnaval) e Areta Bolado (Elisa e Marcela) son finalistas na categoría de mellor actriz principal.

Os espectáculos finalistas nas catorce categorías déronse a coñecer na Festa dos Nomeados/as, que tivo lugar no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela, presentada pola actriz e secretaria da AAAG Iria Sobrado. Pola súa banda, a presidenta da AAAG, Nieves Rodríguez, na súa intervención destacou a participación deste ano e a calidade dos espectáculos. Este ano un total de 32 espectáculos e máis de 300 profesionais presentaron as súas candidaturas.

No acto presentouse tamén a imaxe dos premios deste ano, realizada pola ilustradora Xulia Vicente coa intención de fomentar as relacións creativas entre as artes escénicas e o mundo da ilustración. A partir de esta edición os María Casares pretenden contar coa colaboración de ilustradores e ilustradores de recoñecido prestixio.

 

Un momento de 'Elisa e Marcela' © Rosiña Rojo
Parte do elenco d'A cabeza do dragón © Natasha Lelenco
Imaxe de 'Martes de Carnaval' © CDG
'Soño dunha noite de verán' © Voadora

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.