0 Gardados para despois

Carlos Santiago: "A liberdade de expresión só existe exercéndoa; oféndese quen cre que o espazo público lle pertence"

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O actor e dramaturgo Carlos Santiago viuse envolvido no que, dende a retranca, define como “un auto de fe medieval” ao fío das críticas dalgúns medios, políticos e membros da Igrexa á sátira coa que pregoou o Entroido compostelán, a interpretación dun dos seus personaxes máis coñecidos, o Apóstolo Santiago. Pouco do divulgado ao respecto se corresponde co que alí sucedeu, afirma, nun contexto no que persoas presentes entre o público do acto “xa se ofreceron a testemuñar” sobre o contido da actuación “se se cumpre algunha das ameazas xudiciais” recibidas nos últimos días. Así e todo, o autor subliña que “non retiraría unha palabra” das pronunciadas nesa interpretación: “O entroido é o espazo que ten a cidadanía para librarse das convencións impostas durante todo o ano. Se non gusta, hai que tragar. Ou senón, que o prohiban, a ver se compensa”, di nesta entrevista concedida a Praza Pública e Sermos Galiza.

Ata que punto coincide o que se contou do pregón co que foi o pregón? Hai varias versións do que se dixo…
A coincidencia é mínima. O insulto á Virxe non existiu e o da suposta felación é unha interpretación moi subxectiva que alguén fai dun chiste de Cholas, un personaxe moi popular da fin do franquismo en Santiago que, nun encontro cun aragonés que estaba descualificando a importancia da catedral de Santiago en comparación coa basílica do Pilar, defende a catedral cunha saída retranqueira. Pensar que aí hai unha escena dunha felación é para mentes moi aquecidas. E despois, iso de “se habló de los huevos del Apóstol”... era no contexto dun chiste sobre a política de subvencións lingüísticas, casualmente.

"A coincidencia entre o pregón e o que se dixo del é mínima. O insulto á Virxe non existiu e o da suposta felación é unha interpretación moi subxectiva dun chiste da fin do franquismo"

O personaxe do Apóstolo é moi coñecido dende hai case de vinte anos. O argumento do pregón era que o Apóstolo saía do sepulcro para predicar aos roxos e separatistas que apoian a corporación municipal que as cousas volvesen ao seu sitio natural tras descubrir, arrepiado, que a verdade revelada xa non se editaba nun baixo do Preguntoiro. E aí é onde está o problema, na crítica humorística ao que está sucedendo na cidade.

Cal era o propósito do pregón?
Facer unha sátira, un relato humorístico do que está a suceder na cidade. Con crítica para todos os lados, reivindicando o Entroido como espazo de crítica social, política e o que corresponda. Porque o Entroido de Santiago non se caracterizaba ultimamente pola súa vivacidade e tratábase de reivindicalo como o que é, un espazo de inversión satírica. E o nivel de suposta grosería é subxectiva, porque o personaxe está fundado nun retrato dun determinado tipo de mentalidade, facha e provinciana que se expresa de maneira groseira cando se indigna. É a súa grosería, non a miña.

Fálase de que Carlos Santiago dá un pregón e non de Carlos Santiago a interpretar un personaxe…
Eu lin por aí… “chamoulle puta á Virxe”. Iso é imposible dentro da estrutura do personaxe, porque a virxe é a nai do seu mellor amigo. É un chiste que leva funcionando anos. Pero como ninguén escoitou o pregón, que tornou no grande misterio apostólico… E hai unha cuestión básica nunha sociedade democrática: a solución a algo que ofende é apagar a televisión, pechar o xornal ou marchar a outro lugar. Eu se me ofendo polo que se di o domingo nunha misa ou o que leo en determinados xornais non vou ameazar a ninguén por iso. É algo básico. Pero isto extralimitouse por razóns que non teñen nada que ver comigo nin co pregón.

"O espectáculo do Apóstolo xa o viran milleiros de persoas e nunca pasou nada; e no pregón tampouco, sucedeu cando apareceu unha noticia"

Imaxinaba a repercusión que ía ter?
Podía imaxinar que o personaxe podía causar algún tipo de mala interpretación, porque sempre as hai. Pero o que aquí non se dixo tampouco é que había unhas 200 persoas, marcharon catro e o resto riron e aplaudiron. Que haxa xente á que non lle fixo graza é normal, non todo o humor é para todo o mundo.

Á vista da repercusión, lamenta ou retiraría algunha das expresións?
Non, porque a liberdade de expresión só existe se se exerce. Para dicir córcholis ou pompis non fai falla liberdade de expresión. É un dereito. O problema é que cando determinado tipo de discursos toman o espazo público habitualmente controlado, hai quen se ofende porque estás invadindo o que cren ser un espazo que lles pertence de maneira natural. Non retiraría unha palabra, porque non hai nada que retirar.

O espectáculo do Apóstolo non é a primeira vez que ser representa no espazo público, concretamente en Santiago e noutros lugares...
Vírono milleiros de persoas. Estivo na carpa d'O País de Nunca Máis, fíxose na Praza da Quintana, na Praza de Cervantes… E nunca pasou nada. E aquí non sucedeu nada no pregón, sucedeu cando apareceu unha noticia.

"O que sucedeu estaba implícito no propio pregón e explícase por unha loita de poder e de intereses espurios que me apañou a min no medio"

Por que cre que agora si se montou este escándalo?
Todo o que sucedeu estaba implícito no propio pregón. Hai un goberno municipal que non gusta a certos sectores e xente empeñada en construír contra el unha fantasía a base de descualificacións… Como esa de dicir que non se pode ter un alcalde con boina, aínda que sexa máis honesto que outros alcaldes ataviados con traxe e garabata [ri]. Explícase por unha loita de poder e de intereses espurios de certos partidos e medios. Andan nesas e apañáronme a min como maneira de atacar persoalmente e desacreditar ao alcalde. E tamén, para tentar manter a cultura galega, republicana e democrática no subterráneo, o cal é absurdo porque levamos anos ocupando o espazo público. Pero tamén é certo que partimos dunha profunda ignorancia de determinados sectores sobre a cultura galega. Como di o Apóstolo, aquí hai xente que funciona como a verdade revelada, e moita outra que confunde o que le coa realidade.

Isto sucede nun clima xeral de debate forte sobre a liberdade de expresión sobre un espectáculo que existe dende hai uns vinte anos. Cre que é esaxerado afirmar que a día de hoxe a liberdade de expresión é menor?
Este debate sobre a liberdade de expresión é unha cortina de fume para esconder as transformacións que está habendo no Estado español a nivel social e político. Hai sectores que non queren perder os seus privilexios, a esquerda está fracturada e a dereita tamén, cambian as relacións de poder… E quérense esconder os problemas reais. Quérense crear cortinas de fume, pero cortinas de fume moi duras porque hai xente que vai ao cárcere, que paga multas; hai danos colaterais nesta estratexia da estupidez para esconder algo bastante máis profundo e radical. Igual que isto do pregón está dentro dunha estratexia na que a quen se dispara non é a min.

"Nunha ditadura hai límites á liberdade de expresión, pero nunha democracia é básica e o límite non pode ser a ofensa; non ten por que gustar todo"

Ten límites a liberdade de expresión?
Non. Nunha ditadura hainos, pero nunha democracia a liberdade de expresión é básica. Hai que distinguir entre límite e o bo ou mal gusto. Non ten por que gustar todo e os límites non poden ser as ofensas. Como dicía John Cleese, dos Monty Python, o que hai é que aprender a controlar as propias emocións porque se non as dás controlado, tentas controlar as dos demais. E aí é onde se empezan a poñer os límites. Se controlo as miñas emocións, admito os improperios… Hai poucos días puxen unha emisora ligada á Conferencia Episcopal e, en poucos minutos, escoitei sete insultos dedicados a alcaldes das mareas, de Podemos… Hai xente escribindo na prensa sen ningún límite na ofensa a nivel persoal. Quen pon os límites? E a quen se lle poñen? Aquí dicíase que hai que saber que no Entroido non todo vale... pero, polo que parece, no xornalismo si.

Unha das cousas das que se lle acusa é de atacar as crenzas, do mesmo que se acusou hai un ano ao cartel do Entroido da Coruña.
Eu non ataquei a crenza de ninguén. É máis, o personaxe ten un fundamento teolóxico que xa lles gustaría a moitos dos que agora falan sen a mínima consistencia. Todo o contrario, pero como aquí non se sabe do que se falou… Ata instrúe sobre referencias culturais, da cultura relixiosa, que agora se están perdendo e iso é un problema. Non se sabe de que se falou alí. Isto lembroume a estrea de Hai que Botalos, en 2005; na presentación da película limiteime a ler todas críticas que xa se publicaran antes de ver nin un só fotograma da película.

"Non ataquei crenza de ninguén; é máis, o personaxe ten un fundamento teolóxico que xa lles gustaría a moitos dos que falan sen a mínima consistencia"

Recibiu moita solidariedade de compañeiros de profesión. Cre que o colectivo artístico está á altura do que está sucedendo a respecto dos ataques á liberdade de expresión?
Estes apoios axudáronme moito a pasar uns días que foron moi duros en moitos sentidos, porque aquí tamén hai un compoñente de irresponsabilidade moi grave por parte de quen arrincou isto. Imaxinemos; se eu ou alguén da miña familia fósemos agredidos, de que estariamos falando agora? A vaga de solidariedade tardou en arrincar, porque a xente está empezando a ver que isto é un problema. Pero a resposta no mundo cultural, tanto aquí como en Portugal, foi moi satisfactoria e axudoume moito. E tamén foi unha maneira de socializar que temos un problema moi grave e a liberdade de expresión non se defende só no Facebook. Hai que defendela no día a día, na rúa, activándonos para iso. E se toda esta estupidez puido axudar para que a xente tome conciencia, doume por satisfeito de ter sufrido este auto de fe medieval.

Como interpreta, dende unha traxectoria ampla no mundo da cultura, que para os gobernos da esquerda moitas das guerras ou batallas que teñen que dar sexan xustamente neste ámbito, no cultural?
Cando unha cultura está viva, como afortunadamente aínda o está a nosa, recolle estas tensións. E como hoxe en día toda a guerra política se dá nun nivel simbólico, mediático, onde se crean os símbolos e onde os símbolos están en constante dinamismo é no terreo cultural. E aí é moito máis doado artellar un conflito que coas pensións, a corrupción ou o desemprego, por exemplo, porque é moito máis simple dentro dun proceso de infantilización como sociedade, como cidadanía, con todo ese discurso dos límites ou da boa educación.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.