0 Gardados para despois

'Dhogs' arrasa nuns Mestre Mateo de reivindicación feminista e da cultura galega

Redacción | @prazapublica

O filme con máis galardóns na historia dos premios. Dhogs arrasou nos Mestre Mateo ao obter 13 figuras na gala celebrada na noite deste sábado no Pazo da Ópera da Coruña na que se xuntou reivindicación artística e feminista coa defensa da lingua e da cultura galega e mesmo proclamas contra o proxecto megamineiro de Touro. 

'Dhogs' converteuse no filme con máis galardóns na historia dos Mestre Mateo: 13

Dhogs, opera prima de Andrés Goteira, emerxeu como o fenómeno que xa foi noutros certames internacionais e conquistou os galardóns á mellor longametraxe e mellor guión, dirección e montaxe para o de Meira, que comparte a última con Juan Galiñanes. Os académicos e académicas recoñeceron tamén a interpretación protagonista de Melania Cruz e de Iván Marcos e a interpretación de reparto de María Costas e Antonio Durán, Morris.

O filme fixo pleno nas categorías interpretativas, pero gañou tamén os premios á mellor dirección de produción para Suso López, dirección de fotografía para Lucía Catoira Pan, música orixinal para Germán Díaz, dirección de arte para Noelia Vilaboa e son para David Machado e Javier Pato. A boa nova, ademais, chegou en forma de adianto por parte dos responsables da película: estrearase, por fin, nas salas de Galicia no vindeiro mes de maio. "Algo pasa cando custa tanto distribuír unha fita en galego nos cines de Galicia", reivindicaron, ademais de denunciar a "precariedade" e deixar claro que lograr o conseguido está "ben para demostrar que se pode", pero que é inviable manter traballos deste tipo na situación precaria na que o levaron a cabo. 

O premiado filme estrearase nas salas galegas o vindeiro mes de maio

Outra ópera prima, A batalla descoñecida, neste caso dirixida por unha muller, Paula Cons, gañou o premio ao mellor documental. Moi novos tamén son os Porco Bravú, que gañaron o seu terceiro premio á mellor serie web con Peter Brandon. Pola súa banda, Matria, de Álvaro Gago, conquistou o de mellor curtametraxe, confirmando tamén as boas críticas que recibiu polo mundo adiante, e The neverending wall o de mellor curtametraxe de animación. Conserveiras do noso fixo o propio co de mellor anuncio e Troubled times (Green Day), de Manu Viqueira, co premio ao mellor videoclip.

Nieves Rodríguez, mellor comunicadora, reivindicou o uso do galego e pediu máis presenza da lingua propia no audiovisual

Serramoura acadou por cuarto ano consecutivo o premio á mellor serie de televisión, mentres que A Revista Fin de Semana gañou o de mellor programa de televisión e Nieves Rodríguez o de mellor comunicadora polo seu traballo no Vaia Troula!. A presentadora da televisión pública reivindicou o traballo das mulleres, a potencia da cultura galega e, sobre todo, a lingua propia. "Dicía Castelao que se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma... Pois se existe o audiovisual galego tamén é por obra e graza do idioma", dixo entre os aplausos do público. E foi máis aló: "Falade galego, diante das cámaras e tamén detrás, por favor”.

Ao tempo, o abano vermello co lema Máis mulleres foi tamén protagonista tanto nas fotografías da gala coma nos discursos de moitas das premiadas, que reivindicaro o traballo feminino no audiovisual galego e reclamaron máis presenza de mulleres tanto entre os protagonistas das pezas como nos espazos de responsabilidade. A presentadora da gala, Iolanda Muíños, insistiu na mensaxe e presumiu dun cinema galego que "triunfa fóra de Galicia".

O abano vermello co lema Máis mulleres foi tamén protagonista tanto nas fotografías da gala coma nos discursos de moitas das premiadas

Os premios televisivios completáronos Dani Viqueira Carballal e Veru Rodríguez Rodríguez pola realización de Tesouros no faiado. Ademais, Arantxa Domínguez gañou o premio ao mellor vestiario polo seu traballo en Juana de Vega, Vizcondesa do Arado e Chicha Blanco e Vicen Betí o de mellor maquillaxe e perruquería en Os fillos do sol.

Os discursos contra a megamina prevista en Touro tamén foron protagonistas na gala

A Academia Galega do Audiovisual (AGA) tamén recoñeceu a traxectoria de entidades e profesionais relevantes do audiovisual en Galicia co Premio de Honra “Fernando Rey” e co Premio Especial “José Sellier”. Este ano, as homenaxes foron para os Multicines Norte e para a actriz María Bouzas, que o recolleu na gala agradecendo o “espazo de liberdade, de creación e de respecto” que é a AGA e os premios e non dubidou en criticar o megaproxecto mineiro previsto en Touro e en reclamar ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, que reclame á TVG "que informe" do conflito. Ela, e outras compañeiras e compañeiros, levaban o lema Mina Non no peito.  

Os premiados e premiadas na XVI edición dos Mestre Mateo / Óscar Corral / Rocío Cibes

Ademais, no seu discurso, o presidente da AGA, Carlos Ares, lembrou a Pericles, "o Primeiro Cidadán de Atenas", e asegurou que seguro que "non lle gustaría, hoxe en día, que se secuestrasen cautelarmente libros, se denunciasen pregóns de Entroido, se retirasen obras de feiras de arte por non ofender, non botaría das ondas radios comunitarias, ou non encausaría rapeiros". "As sociedades xustas, libres, honran a poetas e bufóns", insistiu. 

O presidente da AGA denunciou o secuestro de libros, denuncias de pregóns, retirada de obras de arte, encarceramento de rapeiros ou veto ás radios comunitarias

Tamén lembrou que "o audiovisual é unha parte fundamental da cultura e a cultura é unha parte fundamental de Galicia, sen a cal non se pode entender o noso país", para denunciar despois a "precariedade" que sofre o sector e a "desigualdade" que sofren as mulleres. "É hora de que os homes pensemos colectivamente sobre a igualdade, aprendamos, abramos moito os ollos, adaptémonos, sexamos conscientes dos nosos privilexios, saibamos escoitar. E sobre todo, saibamos cando calar", rematou Ares. 

RELACIÓN DE PREMIAD@S

CATEGORÍAS DE PRODUCIÓN

MELLOR ANUNCIO PUBLICITARIO: Conserveiras do noso (Miss Movies)
MELLOR CURTAMETRAXE DE AMINACIÓN: The neverending wall (Abano Producións)
MELLOR CURTAMETRAXE DE IMAXE REAL: Matria (Sombriza Films - Álvaro Gago, Alberto Gago e José
Gago-)
MELLOR DOCUMENTAL: A batalla descoñecida (Agallas Films)
MELLOR LONGAMETRAXE: Dhogs (Gaitafilmes e Pixel Films)
MELLOR PROGRAMA TV: A Revista Fin de Semana (Tempada 2017) (TVG)
MELLOR SERIE DE TELEVISIÓN: Serramoura (Capítulos 62-98) (Voz Audiovisual e CRTVG)
MELLOR SERIE WEB: Peter Brandon. Unha vida pola comedia (Capítulos 1-3) (Porco Bravú coa
colaboración de Dinamo)
MELLOR VIDEOCLIP: Troubled times (Green Day) (Warner Bros Music e Manu Viqueira)

CATEGORÍAS PROFESIONAIS

MELLOR COMUNICADOR/A DE TELEVISIÓN: Nieves Rodríguez (Vaia troula!, Programas 133-148)
MELLOR DIRECCIÓN: Andrés Goteira (Dhogs)
MELLOR DIRECCIÓN DE ARTE: Noelia Vilaboa (Dhogs)
MELLOR DIRECCIÓN DE FOTOGRAFÍA: Lucía Catoira Pan (Dhogs)
MELLOR DIRECCIÓN DE PRODUCIÓN: Suso López (Dhogs)
MELLOR GUIÓN: Andrés Goteira (Dhogs)
MELLOR INTERPRETACIÓN FEMININA DE REPARTO: María Costas (Dhogs)
MELLOR INTERPRETACIÓN FEMININA PROTAGONISTA: Melania Cruz (Dhogs)
MELLOR INTERPRETACIÓN MASCULINA DE REPARTO: Antonio Durán “Morris” (Dhogs)
MELLOR INTERPRETACIÓN MASCULINA PROTAGONISTA: Iván Marcos (Dhogs)
MELLOR MAQUILLAXE E PERRUQUERÍA: Chicha Blanco, Vicen Betí (Os fillos do sol)
MELLOR MONTAXE: Juan Galiñanes e Andrés Goteira (Dhogs)
MELLOR MÚSICA ORIXINAL: Germán Díaz (Dhogs)
MELLOR REALIZACIÓN: Dani Viqueira Carballal e Veru Rodríguez Rodríguez (Tesouros no faiado,
Tempada 1)
MELLOR SON: David Machado e Javier Pato (Dhogs)
MELLOR VESTIARIO: Arantxa Domínguez (Juana de Vega, vizcondesa do arado)

Gala dos Mestre Mateo

© TVG

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.