0 Gardados para despois

A gala dos María Casares celebrará o 40º aniversario do teatro profesional en Galicia

Redacción | @prazapublica

A gala dos XXII Premios de Teatro María Casares, que terá lugar o vindeiro mércores 21 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña, conmemorará o 40º aniversario de teatro profesional en Galicia, xa que foi en 1978 o ano no que estrearon obras compañías xa profesionais como Antroido, Troula ou Artello. Deste xeito, a gala, ademais de festexar a gran produción teatral do 2017, festexará a historia da nosa escena. Así o adiantou Artur Trillo, director da gala, na rolda de prensa de presentación dos María Casares, que tivo lugar este venres no Concello da Coruña coa participación do alcalde, Xulio Ferreiro; do director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; da vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, e da presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Nieves Rodríguez.

A gala do vindeiro 21 de marzo conmemorará o 40º aniversario do teatro profesional galego

“Talía desenvolverá unha pequena viaxe a través do humor polos corenta anos de teatro profesional galego. Así, teremos sobre o escenario un percorrido con pequenas pinceladas da nosa historia, sempre dende un punto de vista cómico”, sinalou Artur Trillo antes de engadir que ao longo da cerimonia presentarase unha “reflexión amable e sincera” sobre que é ser actor e actriz, director e directora, escenógrafa e escenógrafo. "En definitiva, que é ser teatreiro e teatreira en Galicia”. Trillo concluíu que para a concepción da gala consultou cun bo número de pioneiros e pioneiras para recoller diferentes historias dos últimos corenta anos e contar así cun “anecdotario" que servise de base para a creación da gala”.

Pola súa banda, Nieves Rodríguez destacou que a AAAG decidiu confiarlle a Talía a dirección da gala “pola súa longa e contrastada experiencia” e definiu a formación como “unha compañía histórica” que neste 2018 cumpre trinta anos de actividade. Para rematar, destacou a “gran calidade da colleita desta edición” na que 32 espectáculos e máis de 300 profesionais concorreron aos premios, dos cales finalmente 9 producións aspiran a gañar o María Casares nas 14 categorías nas que se dividen os galardóns.

32 espectáculos e máis de 300 profesionais concorreron aos premios, dos cales 9 producións aspiran a gañar o María Casares nas 14 categorías

Os Premios María Casares son os galardóns do teatro galego organizados pola AAAG dende 1997 e con eles se premia a excelencia teatral en todas as vertentes do feito teatral. Estes galardóns son o gran escaparate da nosa escena, así como tamén dos seus profesionais. A súa relevancia social e cultural demóstrase cada ano coa implicación de diferentes institucións e entidades que colaboran e apoian os María Casares, aclara a AAAG.

A gala, que comezará ás 20.30 horas conta ademais coa colaboración da TVG, que retransmitirá a gala en diferido pola súa segunda gala a partir das 22.45 horas e pola súa páxina web en directo, a través de streaming.

 

Actividades de homenaxe a María Casares

Dentro das actividades paralelas que a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) desenvolverá nas próximas semanas para difundir a figura de María Casares, o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) acollerá unha sesión homenaxe á actriz, consistente na proxección d’O testamento de Orfeo (Jean Cocteau, 1959). A sesión será no CGAI o martes 20 de marzo ás 20.00 h.

Un total de 9 espectáculos son finalistas nos XXII Premios de Teatro María Casares. Resaca, de ilMaquinario Teatro, é a montaxe con maior número finalistas ao optar a 10 galardóns. Pola súa banda, Martes de Carnaval, do Centro Dramático Galego (CDG), aspira a 9 galardóns; mentres que Soño dunha noite de verán, de Voadora, e A cabeza do dragón, de Producións Teatráis Excéntricas, compiten en 7 apartados. Elisa e Marcela, de A Panadaría, aspira a 6 galardóns e Outono, de Pista Catro, a 2 xerras. Cun finalista atópanse os espectáculos A galiña azul, de Tanxarina Teatro; Fillos do Sol, de Contraproducións, e Pum! Pum!, de Baobab Teatro. Pola súa banda, Rosa Álvarez recibirá o Premio de Honra Marisa Soto e Aldaolado, dúo artístico formado por Lucía Aldao e María Lado, lerán o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro.

A gala conta co apoio de institucións e entidades como o Concello da Coruña, a Agadic, a Deputación da Coruña, o Padroado de Narón, a Fundación AISGE, a Fundacion SGAE, Producciones Emsac e Gadis.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.