Galicia perdeu máis de 100 bibliotecas na última década

Biblioteca municipal na Coruña © Concello da Coruña

A pasada semana o INE publicou a Estatística de Bibliotecas correspondente ao ano 2016, uns indicadores que na última década foron reflectindo os efectos dos recortes orzamentarios e, ao mesmo tempo, poñendo de manifesto a fundamental función que estas institucións cumpren na sociedade, achegando localmente servizos culturais a toda a poboación. Os datos de 2016 para Galicia volven amosar un descenso no número de bibliotecas existentes e tamén no persoal destinado a elas, mantendo unha tendencia negativa iniciada hai case unha década. Descenden tamén os indicadores de utilización das bibliotecas (usuarios e usuarias, visitas en sala e préstamos), que no caso dos socios e socias e dos préstamos acadaran un máximo no ano 2012.

Entre os datos que máis chaman a atención está o do número total de bibliotecas existentes en Galicia. Observando o gráfico con máis perspectiva, vemos como entre o ano 2006 e o 2016 a cifra total caeu en máis de 100 unidades (de 591 a 486), un 17%, nunha tendencia negativa que na última década se mantivo todo o tempo. Ademais, destas 486, só 115 abren máis de 40 horas á semana, sendo o máis habitual que o horario de apertura ao público se sitúe entre as 20 e as 40 horas (269); hai, ademais, un bo número que dá servizo moito menos tempo cada semana: 64 entre 10 e 20 horas e outras 38 menos de 10 horas semanais.

"Unha biblioteca non é un luxo, senón unha das necesidades da vida", escribiu Henry Ward Beecher. Dende moitos ámbitos vén destacándose a importancia social que teñen as bibliotecas e o seu persoal, máis aínda nos concellos pequenos, que adoitan contar con menos servizos culturais. "A biblioteca é un democratizador do acceso á información e á cultura, un servizo que se amplía á procura activa de emprego ou ao acceso a servizos sociais", dicía nesta entrevista Xoán Manuel Pérez Lijó, secretario da Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia (Bamad-Galicia). Recentemente un informe do Consello da Cultura Galega alertaba de que "a situación de moitas bibliotecas, especialmente as de xestión municipal, é mellorable, principalmente pola carencia de persoal". Unha carencia da que Bamad vén advertindo nos últimos anos: "Nos concellos pequenos danse todo tipo de situacións, mesmo bibliotecas sen persoal".

O número de traballadores e traballadoras nas bibliotecas galegas tamén vén descendendo de forma ininterrumpida dende o ano 2008

O número de traballadores e traballadoras nas bibliotecas galegas tamén vén descendendo de forma ininterrumpida dende o ano 2008. Naquel ano había 1.312 empregados e empregadas (contabilizadas en xornadas laborais completas), mentres que no 2016 a cifra caera ata as 1.236.

A pesar de todo isto, o número de usuarios e usuarias das bibliotecas segue a ser importantísimo, contabilizándose case un millón de persoas no ano 2016 (989.122), que realizaron máis 8 millóns de visitas en sala e sumando case 2,7 millóns de préstamos de libros (sen contar outros materiais). Aínda que as cifras seguen a ser moi elevadas, nos últimos anos comeza a verse un descenso en todos estes indicadores. Así, o número de usuarios e usuarias acadou o seu máximo en 2012 (1.029.856), o mesmo que o de préstamos de libros (2.955.733). A cifra de visitas en sala iniciara xa anteriormente unha tendencia á baixa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.