0 Gardados para despois

Patrimoniogalego.net supera os dez mil elementos catalogados

Redacción | @prazapublica

No ano 2011 nacía a web patrimoniogalego.net, un catálogo social do patrimonio cultural galego que animaba a voluntarios e voluntarias a documentar e compartir publicamente a localización e estado dos elementos patrimoniais existentes no país. Dende entón, ducias de persoas fixeron as súas achegas, enviando información sobre cruceiros, igrexas, hórreos, castros, petos de ánimas ou petróglifos, algúns ben coñecidos e outros moi pouco estudados e mesmo descoñecidos. Algúns convenientemente inventariados pola Xunta e outros non. Algún ben conservados e protexidos e outros, en cambio, nunha sintuación de completo abandono e mesmo de degradación, engrosando unha lista vermella.

Sete anos despois a web vén de superar os dez mil elementos catalogados, xeolocalizados e documentados. Foi o petróglifo da Laxe da Presiña, en Gondomar, catalogado por Óscar Franco, a entrada número 10.000, á que en pouco días xa se engadiron outras 34. Un traballo desinteresado e voluntario que contribúe ao coñecemento e á protección do patrimonio galego e que en moitos casos é completado posteriormente polo propio proceso de inventariado e protección a cargo do servizo de Patrimonio da Xunta de Galicia. A partir do traballo de campo realizado inicialmente polos catalogadores e catalogadoras, un nutrido grupo de editores e editoras encárgase de revisar o material como paso previo á súa publicación na páxina.

O equipo responsable da páxina prepara actividades conmemorativas do fito acadado para os vindeiros meses. Entre as persoas que están detrás deste proxecto destacan o divulgador e profesor da USC Manuel Gago. O corpo de editores está formado por Elisa Amigo, Adela Oyonarte, Carmela Sánchez Arines, Pancho Gallego e mais Elixio Vieites, mentres que Álex Bragaña e Soledad Felloza integran o corpo de produción. Eladio Rial encárgase xunto con Manuel Gago do deseño e do mantemento da web. Finalmente, os xornalistas Xurxo Salgado e Félix Aragunde son os responsables da comunicación.

 

Proximamente, unha aplicación móbil

En 2015 presentábase patrimoniogalego.net para Google Earth, unha ferramenta que permite empregar o catálogo en combinación cun sistema de información xeográfica, e proximamente darase a coñecer unha aplicación móbil que facilitará o uso in situ por parte dos e das usuarias.

As fichas de cada elemento inclúen descricións e fotografías e, ademais, a posibilidade de incorporar fotogrametrías 3D. Así, os elementos poden ser ollados en tres dimensións, apreciar os detalles de preto e xiralos en calquera sentido para contemplalos dende o ángulo desexado.

 

Lista vermella

A Lista Vermella está formada por aqueles bens que corran grave perigo, xa sexa de destrución, alteración ou desaparición. O criterio para que un elemento pase a formar parte de dito listado será establecido polo grupo de editores e editoras, que ademais da información achegada polo catalogador/a, analizaran o seu estado, a documentación existente e as novas nos medios. Finalmente, elabórase un informe anual sobre os bens que corren maior perigo. Entre os xa máis de 10 mil elementos catalogados hai máis dun cento que figuran nesta lista vermella de perigo inminente.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.