"Hai xente nova que non atopa conexión coa súa tradición e que a través da electrónica tal vez poida atopala"

Baiuca, hai uns días en directo no Melona Fest de Compostela © Baiuca

Unha pandeireta e un sintetizador, unhas cunchas e un secuenciador. Baiuca ten un pé na tradición e outro na electrónica, nese espazo fronteirizo onde sempre suceden as cousas máis interesantes. Baiuca é o novo proxecto do catoirense Alejandro Guillán, que antes publicara Antagonasia (2014) co nome de Álex Casanova. Se naquel álbum atopabamos un techno-pop fresco e moi convencional, nos nove temas de Solpor Guillán salta sen rede, determinado a crear cancións "mestura dun 50% de electrónica e dun 50% de tradición galega". O disco tende pontes entre a música de raíz (coa colaboración, por exemplo, das cantareiras da A.C. Xirandela) e as bases electrónicas, seguindo o ronsel aberto entre outros por Nicolas Jaar.

Como conseguir resignificar as marcas culturais da Galicia pasada e a futura? Poden os ritmos de antes de onte soar aos de pasado mañá? Solpor, producido polo propio artista, mesturado por Sergio Pérez e masterizado en Irlanda por Stephen Quinn, xa se pode atopar nas plataformas dixitais e moi pronto contará cunha edición física. Baiuca xa presentou o álbum no Músiques Disperses de Lleida e no Melona Fest de Santiago de Compostela. En xuño estará no Sound Isidro de Madrid e en xullo no Ribeiro Son de Viño do Grove e no ARTeNOU de Sant Boi de Llobregat.

O proxecto de Baiuca é moi diferente do que viñas facendo como Álex Casanova. Cando naceu en ti a idea de facer esta mestura entre sons tradicionais e electrónica?

A mestura entre sons tradicionais e electrónica foi posible porque forma parte da miña vida, do que fixen na miña xuventude e do que veño facendo nos últimos anos, non é algo que aparecese agora porque si. Levo dez anos coa idea na cabeza, probando cousas que fixesen posible esta unión, pero non foi ata hai un par de anos, cando me mudei a Madrid, que conseguín encaixar as pezas do que quería facer.

Por que o nome de Baiuca?

Eu son de Catoira. Nacín na parroquia de Oeste, na que hai un lugar que se chama A Baiuca. Supoño que hai anos existiría na zona unha taberna. Quería ter un nome que fose moi identificativo para min, como era o de Alex Casanova. Casanova é o nome da familia do meu pai e na Baiuca está a casa dos meus avós por parte de miña nai. Ademais, gústame moito como soan as tres vogais xuntas.

Gustábache previamente a música tradicional e folk ou comezou a interesarte máis recentemente?

Escoitei música tradicional toda a miña infancia e nunca deixei de facelo. Cada vez que me mudei de lugar levaba unha frauta comigo. Sempre lembro poñer un CD e comezar a tocar coa frauta as cancións que soaban. Daquela para min todo isto é moi natural, son sons que sempre estiveron na miña vida.

"Quizais entendíase que o resultado desta mestura tiña que ser unha especie de technomuiñeira de eurodance ou algo así. Pero o mundo da electrónica é moi amplo e pódense facer infinidade de cousas, apostas moi diversas"

Non houbo ata agora demasiadas experiencias de fusión de música tradicional galega con electrónica. Si, en cambio, atopamos proxectos con propostas fronteirizas no flamenco, sons africanos, coa cumbia e outros estilos do caribe e latinoamérica. Por que cres que ata agora non se deu esta unión? Pesou un certo afastamento das novas xeracións con respecto á música tradicional? Pesou o purismo nunha e noutra beira?

En certa medida sempre hai unha mestura en todas músicas. Na música tradicional galega a mestura foi coa música celta que se estaba a facer noutros lugares de Europa, como Irlanda. A influencia que hai dos Chieftains é grande, xa sexa en Milladoiro ou en Carlos Núñez. E iso é o que perdurou durante décadas. Hai moita xente que renega do folk, pero en moitas ocasións óbvianse as cousas que se conseguiron, hai artistas en Galicia cunha traxectoria inmensa. Quizais a parte da conexión coa electrónica nunca xurdiu totalmente e alguén tiña que rachar con esa barreira. Quizais entendíase que o resultado desta mestura tiña que ser unha especie de technomuiñeira de eurodance ou algo así. Pero o mundo da electrónica é moi amplo e pódense facer infinidade de cousas, apostas moi diversas.

Houbera xa algunhas experiencias (penso en bOnOvO, Ecléctica Ensemble, Projecto Trepia...), máis recentemente Nistra... Parece que esas fronteiras entre estilos comezan a rachar. Cres que imos escoitar nos vindeiros anos máis proxectos que exploren este camiño?

Pero o que fixeron Nistra era mesturar dende Burela música de Cabo Verde con electrónica! A fusión entre tradición e electrónica e algo que xa vén dende os anos 70, en cada lugar do mundo coas súas músicas ou xente -como no caso de Nistra- que exploran música doutro país porque na súa vila natal, Burela, hai unha poboación importante de Cabo Verde. A quen lle sorprende a día de hoxe un grupo que imita aos Beatles? A música vai evolucionando e vanse explorando diversas canles. Projecto Trepia son incribles, pero hai máis nomes que fixeron cousas preto da electrónica como Mercedes Peón, Os Gru ou mesmo Carlos Núñez. Sería unha boa nova que fosen aparecendo novos nomes. Ao final isto non trata de pisar a música tradicional, senón de complementala, e no meu caso tamén se trata de achegar a música tradicional ás novas xeracións. Hai xente nova que non atopa conexión coa súa tradición e que a través da electrónica tal vez poida atopala.

"A música vai evolucionando e vanse explorando diversas canles. Projecto Trepia son incribles, pero hai máis nomes que fixeron cousas preto da electrónica como Mercedes Peón, Os Gru ou mesmo Carlos Núñez"

Debe o mundo da música tradicional aceptar que experimentos e mesturas contribúen a enriquecer os sons tradicionais da música galega? Debe o mundo máis indie ou electrónico desbotar as súas reticencias cara á música tradicional galega (cando seguramente escoitan encantados a Omar Souleyman ou Mbongwana Star?

E que é así, como dis, en certas ocasións. Ou un violín e un acordeón son instrumentos puramente de tradición galegos? E non nos molesta que se mesturen cunha gaita ou un pandeiro. Por que non se vai a mesturar a electrónica? Teño que dicir que no mundo da música tradicional a xente que escoitou o proxecto está entendendo moi ben o que se pretende e está gustando. Eu estou encantado con que sea así. Tal vez os modernos que como ti dis escoitan a Omar Souleyman teñan que abrir máis a mente, haha. Non todos pero algúns si.

"Un violín e un acordeón son instrumentos puramente de tradición galegos? E non nos molesta que se mesturen cunha gaita ou un pandeiro. Por que non se vai a mesturar a electrónica?"

Como é o teu proceso de creación? Partes dun ritmo tradicional (ou dunha peza tradicional xa existente) e constrúes a partir de aí? Ou é ao revés e partes dunha base electrónica?

Depende da idea que teña na cabeza. Se teño claro que quero facer unha muiñeira pois adoito centrarme no ritmo, se quero partir dunha voz pois parto de aí, ou parto dunha melodía. Non teño establecido un sistema concreto, gústame ver como vai evolucionando a composición. Noutros casos adoito ter unha idea moi concreta que é a que domina todo o proceso.

Escoitando o disco dá a impresión de que todo flúe moi ben, todo encaixa: as percusións tradicionais e as bases electrónicas, a voz das cantareiras... Resúltache sinxelo combinar todos estes elementos?

Moitas veces non é doado, pois hai sons que teñen demasiada personalidade e cústame integralos nos meus temas, pero como ti dis, as percusións son un dos elementos claves. O que máis me custou ao principio era que a gaita formase parte destes temas. Cría que era un dos elementos esenciais dun proxecto deste calibre pero pola forza e o protagonismo que adoita ter non era nada fácil que formase parte do proxecto. En cambio, as percusións e as voces casan moi ben cos sons electrónicos.

Como valoras o momento actual da electrónica en Galicia?

É interesante que sigan aparecendo novas propostas de electrónica. Ao final non é o máis habitual en Galicia, pero cada vez que sae algo novo é moi especial. Hai cousas moi interesantes, como Músculo, Mounqup, Presumido…

"Moitas veces non é doado, pois hai sons que teñen demasiada personalidade e cústame integralos nos meus temas, pero como ti dis, as percusións son un dos elementos claves"

Tes máis temas ademais dos que xa publicaches? Fixeches descartes? Vas seguir compoñendo nesta liña? Vai haber máis Baiuca?

Estou preparando un novo traballo que espero que vexa a luz antes de que remate o ano. Van ser dúas ou tres cancións dun pequeno proxecto que estou desenvolvendo. Do disco tamén quedou algún tema pendente. Al final Solpor representa un conxunto de ideas cun denominador común, que é a mestura dun 50% de electrónica e dun 50% de tradición galega, pero no que cada tema representa unha idea diferente, un camiño polo que tirar, por iso creo que sentei neste disco as bases do que pode ser esta mestura e cara onde mirar.

En paralelo coas cancións publicaches varios vídeos (creo que todos de Adrián Canoura). É importante para ti a parte visual do proxecto?

Adrián Canoura é un videoartista de Burela que coñezo dende hai uns anos e que constrúe os seus traballos a través das nosas tradicións, como poden ser a Santa Compaña ou a figura do Demo para levalas a unha nova dimensión. É unha idea similar á que busco con Baiuca e por iso os nosos camiños tiñan que xuntarse na parte visual do meu proxecto. Intento que as ideas e as sensacións que quero transmitir teñan máis forza en todo o que fago e a parte visual é sempre un apoio. Imos sacar proximamente un formato moi especial do disco que é algo que leva un par de anos na miña cabeza e que por fin se vai facer realidade.

"Levo varias máquinas electrónicas, como un secuenciador, un sampler, un sintetizador… que se van mesturando con frautas e cunchas que eu vou tocando en directo, apoiándome na parte visual"

Como vai ser a presentación en directo de Solpor? Con que formato?

Xa estamos presentando Solpor en directo e este verán temos varias datas para Galicia que irán anunciándose nestes meses. Levo varias máquinas electrónicas, como un secuenciador, un sampler, un sintetizador… que se van mesturando con frautas e cunchas que eu vou tocando en directo, apoiándome na parte visual.

Sorprendeuche a recepción que está tendo o álbum, que está soando moito en todo o Estado, por exemplo a través de Siglo XXI de Radio3?

Eu quero que todo o mundo poda coñecer Baiuca e que se coñeza Galicia e o que hai na nosa terra. Nese senso, que o disco soase en Siglo XXI durante dúas semanas foi unha alegría. Estou moi contento de como está respondendo a xente cando escoita os temas, tanto en directo como na gravación e eso axúdame a seguir traballando en cousas novas. Non quero parar agora. Sinto que todavía teño moito que contar.

Alejandro Guillán, antes Alex Casanova, agora como 'Baiuca' © Raso
Imaxe de portada de 'Solpor' © Baiuca

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.