Hai agora un ano a Xunta, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, (Agadic), desenvolveu un polémico concurso público para a contratación de actores e actrices para a obra Martes de Carnaval do Centro Dramático Galego (CDG). Condicionantes legais, dicía o Goberno galego, obrigaban a seleccionar todo o elenco a través dese concurso, salpicado de irregularidades, mentres que o resto de persoal artístico ou técnico era contratado a dedo, o que provocou a protesta xeralizada do sector. Un ano máis tarde, agora a mesma Agadic vén de permitir que os protagonistas da actual montaxe do Centro Dramático, Divinas Palabras, fosen contratados directamente pola compañía á que encargou a obra, Chévere, mentres que o resto do elenco volveu ser seleccionado cun suposto concurso público. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia critica o cambio de discurso de Agadic e reclama unha “refundación” do CDG que o dote de autonomía, tamén á hora de seleccionar o seu persoal con criterios artísticos e non administrativos.
A Asociación de Actores e Actrices critica a “externalización” decidida para parte do elenco de Divinas Palabras e pide a “refundación” do CDG para que teña autonomía, tamén á hora de seleccionar persoal
Hai un ano a contratación de todo o elenco de Martes de Carnaval se realizou a través dun suposto concurso público. Fíxose así, segundo Agadic, porque o propio convenio colectivo de actores e actrices de teatro establece que “a contratación mercantil está expresamente excluída”. Isto é, que os actores e actrices só poden ser contratados, tanto por unha compañía privada como pola administración, como asalariados, e non con contratos menores adxudicados a dedo como fai a Xunta con outros moitos traballadores, o que obrigaba a convocar un concurso público.
Porén, desta volta Agadic vén de optar por outra saída. No caso de Divinas Palabras, obra que vén de ser estreada, a Xunta optou por contratar a través dun procedemento negociado sen publicidade, isto é, a dedo, a súa montaxe cunha empresa concreta, a compañía Chévere, como fai con outras moitas actividades culturais, como concertos ou exposicións que tamén adxudica a dedo a un determinado artista ou grupo. Pero nese contrato, cun importe total de 76.000 euros, non só encarga a Chévere de xeito conxunto a “dirección, dramaturxia, tradución” da obra, cuestións que ata o de agora Agadic contrataba por separado, senón que tamén inclúe a “interpretación de protagonistas”. Isto é, agora a Xunta contrata a dedo á compañía para que traballe durante uns meses no CDG, como fai con outras moitas, e permite que á súa vez sexa esa compañía a que libremente contrate os dous protagonistas da obra, mentres que para o resto do elenco Agadic convocou un novo concurso público.
“Os procedementos de selección de elencos son só unha manifestación da burocratización que atenaza o funcionamento do CDG e que dificulta enormemente o exercicio profesional", di a Asociación de Actores e Actrices
O procedemento establecido por Agadic para esta nova montaxe teatral volveu indignar á Asociación de Actores e Actrices de Galicia, que vén de facer público un comunicado no que critica o que cualifica como “externalización” do proceso de selección de actores e actrices do Centro Dramático Galego, “o cal fai dubidar de que a obra poida ser considerada como unha produción propia do CDG en estrito senso”. A asociación, como xa fixo o ano pasado, critica que “os procedementos de selección de elencos son só unha manifestación da burocratización que atenaza o funcionamento do CDG e que dificulta enormemente o exercicio profesional non só de directores/as e intérpretes, senón de todos os estamentos profesionais do feito teatral”.
Ante esta situación, a asociación insiste, como xa fixera o ano pasado, na “necesidade de dotar o CDG dunha entidade xurídica propia, con autonomía real e orzamentos de seu, na revisión do sistema de coproducións e residencias, a reformulación dos mecanismos de distribución ou a procura de procesos de selección de elencos que combinen a necesaria liberdade creativa do director/a coa igualdade de oportunidade dos intérpretes a acceder ás montaxes do CDG”. Un CDG que considera que está a “esmorecer” polo abandono a que o somete a Xunta: “A actividade do CDG foi quedando diluída e este baixo nivel de actividade non para de acentuar a desconexión co público e coa profesión”.