A Xunta privatiza a contratación de actores do Centro Dramático tras defender hai un ano elixilos por concurso

Representación de 'Divinas Palabras' no Centro Dramático Galego Dominio Público Centro Dramático Galego

Hai agora un ano a Xunta, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, (Agadic), desenvolveu un polémico concurso público para a contratación de actores e actrices para a obra Martes de Carnaval do Centro Dramático Galego (CDG). Condicionantes legais, dicía o Goberno galego, obrigaban a seleccionar todo o elenco a través dese concurso, salpicado de irregularidades, mentres que o resto de persoal artístico ou técnico era contratado a dedo, o que provocou a protesta xeralizada do sector. Un ano máis tarde, agora a mesma Agadic vén de permitir que os protagonistas da actual montaxe do Centro Dramático, Divinas Palabras, fosen contratados directamente pola compañía á que encargou a obra, Chévere, mentres que o resto do elenco volveu ser seleccionado cun suposto concurso público. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia critica o cambio de discurso de Agadic e reclama unha “refundación” do CDG que o dote de autonomía, tamén á hora de seleccionar o seu persoal con criterios artísticos e non administrativos.

A Asociación de Actores e Actrices critica a “externalización” decidida para parte do elenco de Divinas Palabras e pide a “refundación” do CDG para que teña autonomía, tamén á hora de seleccionar persoal

Hai un ano a contratación de todo o elenco de Martes de Carnaval se realizou a través dun suposto concurso público. Fíxose así, segundo Agadic, porque o propio convenio colectivo de actores e actrices de teatro establece que “a contratación mercantil está expresamente excluída”. Isto é, que os actores e actrices só poden ser contratados, tanto por unha compañía privada como pola administración, como asalariados, e non con contratos menores adxudicados a dedo como fai a Xunta con outros moitos traballadores, o que obrigaba a convocar un concurso público.

Porén, desta volta Agadic vén de optar por outra saída. No caso de Divinas Palabras, obra que vén de ser estreada, a Xunta optou por contratar a través dun procedemento negociado sen publicidade, isto é, a dedo, a súa montaxe cunha empresa concreta, a compañía Chévere, como fai con outras moitas actividades culturais, como concertos ou exposicións que tamén adxudica a dedo a un determinado artista ou grupo. Pero nese contrato, cun importe total de 76.000 euros, non só encarga a Chévere de xeito conxunto a “dirección, dramaturxia, tradución” da obra, cuestións que ata o de agora Agadic contrataba por separado, senón que tamén inclúe a “interpretación de protagonistas”. Isto é, agora a Xunta contrata a dedo á compañía para que traballe durante uns meses no CDG, como fai con outras moitas, e permite que á súa vez sexa esa compañía a que libremente contrate os dous protagonistas da obra, mentres que para o resto do elenco Agadic convocou un novo concurso público.

“Os procedementos de selección de elencos son só unha manifestación da burocratización que atenaza o funcionamento do CDG e que dificulta enormemente o exercicio profesional", di a Asociación de Actores e Actrices

O procedemento establecido por Agadic para esta nova montaxe teatral volveu indignar á Asociación de Actores e Actrices de Galicia, que vén de facer público un comunicado no que critica o que cualifica como “externalización” do proceso de selección de actores e actrices do Centro Dramático Galego, “o cal fai dubidar de que a obra poida ser considerada como unha produción propia do CDG en estrito senso”. A asociación, como xa fixo o ano pasado, critica que “os procedementos de selección de elencos son só unha manifestación da burocratización que atenaza o funcionamento do CDG e que dificulta enormemente o exercicio profesional non só de directores/as e intérpretes, senón de todos os estamentos profesionais do feito teatral”.

Ante esta situación, a asociación insiste, como xa fixera o ano pasado, na “necesidade de dotar o CDG dunha entidade xurídica propia,  con autonomía real e orzamentos de seu, na revisión do sistema de coproducións e residencias, a reformulación dos mecanismos de distribución ou a procura de procesos de selección de elencos que combinen a necesaria liberdade creativa do director/a coa igualdade de oportunidade dos intérpretes a acceder ás montaxes do CDG”. Un CDG que considera que está a “esmorecer” polo abandono a que o somete a Xunta: “A actividade do CDG foi quedando diluída e este baixo nivel de actividade non para de acentuar a desconexión co público e coa profesión”.

Adxudicación na que a Xunta entrega á compañía a contratación dos protagonistas de 'Divinas Palabras' CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.