54 finalistas optan aos Premios Martín Códax da Música

Foto de familia dos nomeados e nomeadas © Músicos ao Vivo

Os galardóns entregaranse nunha gala o vindeiro 9 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra

Os V Premios Martín Códax da Música deron a coñecer este mércores os seus 54 finalistas, froito das votacións realizadas nas últimas semanas polas socias e socios de Músicos ao Vivo. Agora un xurado, integrado por profesionais do sector, escollerá os proxectos gañadores, uns galardóns que se entregarán nunha gala o vindeiro 9 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra. En total houbo nesta edición 449 proxectos inscritos (superando os do ano anterior): 397 grupos, 14 salas, 22 festivais e 16 espazos de comunicación musical. As bases non permitían presentarse aos premiados na pasada edición.

En total houbo nesta edición 449 proxectos inscritos (superando os do ano anterior): 397 grupos, 14 salas, 22 festivais e 16 espazos de comunicación musical

Os e as finalistas anunciáronse na Festa de Nomeados que se celebrou, como cada ano, nas Bodegas Martín Códax, en Cambados. Sonia Lebedynski e Ramón Bermejo (Músicos ao Vivo) deron a benvida a todos os e as finalistas e agradeceron o apoio ás Bodegas "polo seu apoio constante á música galega, neste e noutros eventos" así como ao resto de patrocinadores principais, a quen agradeceron que se sumaran ao proxecto dende os comezos. Pola súa banda, Xoán Allegue, director das Bodegas Martín Códax, puxo en valor o traballo da Asociación Músicos Ao Vivo, organizadora dos premios, xa que “dan ao sector a oportunidade de visibilizar y recoñecer o traballo de toda a comunidade de Galicia". "Unha asociación, de base cooperativista, formada por músicos e para músicos e con quen compartimos o espíritu social e á que nos sentimos moi unidos, xa que nós tamén somos cooperativa”, dixo.

Durante o acto presentáronse tamén os chamados melómanxs, as estatuíñas rematadas no obradoiro do escultor e músico, Víctor Lorenzo, que se entregarán aos premiados na gala do mércores 9 de maio.

Entre os nomeados e nomeadas que optan a acadar algún premio, figuran artistas que están comezando o seu proxecto xunto a consagrados a nivel estatal e internacional como Xacobe Martínez, Uxía, Novedades Carminha, Eladio y los Seres Queridos, Caxade, Músculo!, DeVacas ou Nastasia Zürcher. Estes son os e as 54 finalistas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.