Portamérica repite en Caldas con Vetusta Morla ou as Pussy Riot no seu cartel

A Carballeira de Caldas de Reis volverá acoller o festival © Portamérica

O Festival Portamérica deu a coñecer este xoves 15 novas confirmacións para o cartel da súa 15ª edición. Entre elas destacan as de Vetusta Morla, Miranda!, Imelda May, Pussy Riot, Los Coronas ou Luis Brea y el miedo que se veñen sumar aos nomes de Izal, El Columpio Asesino, La Pegatina, La Habitación Roja, Viva Suecia, Mexrrissey, Neuman ou We Are Standard, previamente anunciados. Os concertos terán lugar entre o 5 e o 7 de xullo e de novo o escenario será a fermosa Carballeira de Caldas de Reis, no marco de Cultura Quente. O festival, que naceu en Nigrán en 2012, chega xa á súa sexta edición, xa asentado na súa nova localización.

Un ano máis a música será protagonista pero non o único atractivo dunha cita que tamén ofrecerá unha coidada Zona Gastronómica, Zona de Acampada, Mercado de Talentos e un ciclo de debate e reflexións ao redor do medio ambiente e a gastronomía. Precisamente o medio ambiente e a sostibilidade é un dos núcleos do festival, este ano especialmente centrado na defensa do monte e das especies autóctonas.

Vetusta Morla ou Imelda May únense a Izal, Neuman, Viva Suecia ou La Habitación Roja

De feito, con cada entrada que adquiran, os e as asistentes terán a posibilidade de participar nunha xornada de reforestación que terá lugar cando remate o festival. Unha entrada, unha árbore. Escollerase un espazo do Concello de Caldas de Reis e alí plantarase unha árbore autóctona por cada asistente, que será identificada co nome da persoa que a plante.

Con este obxectivo, Zinqin e Esmerarte veñen de publicar o documental "O valor das persoas", que fai fincapé na importancia da educación en materia de prevención e conciencia ambiental, porque "o que te emociona, queda". O vídeo amosa tres historias, tres iniciativas "que melloran a nosa contorna e as persoas que están detrás delas". Na primeira, Rafael Sánchez-Agostiño, xunto cos seus compañeiros da xunta directiva do CEIP A Lama, realiza durante todo o ano actividades de concienciación ambiental cos seus alumnos: reforestación, coñecemento do patrimonio natural e cultural da zona... formando non só futuros adultos concienciados coa natureza, senón tamén mellorando os hábitos dos pais a través dos seus fillos.

Zinqin e Esmerarte veñen de publicar o documental "O valor das persoas", que fai fincapé na importancia da educación en materia de prevención e conciencia ambiental, porque "o que te emociona, queda"

Na segunda fálase de Carlos Piñeiro e Jacobo Cerviño, dous dos socios de Pouso da Serra, unha cooperativa xuvenil que recupera o monte de O Hío coa actividade diaria das súas máis de 100 cabras. Un exemplo de reinvención laboral sen saír da súa contorna que ademais achega un beneficio para a comunidade. Na terceira, cóntase como Xose Santiago Martínez deixou o seu posto na automoción para crear o seu propio soño: Corazón de Carballo. Un espazo único en Tomiño onde transmiten e educan tanto a nenos como a adultos en valores como o respecto e o coidado polo medio ambiente.

Vetusta Morla encabeza este ano o cartel © Portamérica

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.