O día que no Pazo de Meirás se decidiu o papel de España na Segunda Guerra Mundial

Interior do Pazo de Meirás CC-BY-SA Praza Pública

En agosto de 1943 o Pazo de Meirás acolleu unha xuntanza entre Francisco Franco e o embaixador británico en España, Samuel Hoare. Nun momento en que a Segunda Guerra Mundial comezaba a cambiar definitivamente de rumbo, co inicio da derrota nazi na fronte oriental e o desembarco aliado en Sicilia, Hoare esixiulle a Franco que España deixase de prestarlle a Alemaña o apoio que ata ese momento lle dera (dende o uso de portos ao comercio de volframio). No aire flotaba a ameaza dun desembarco aliado na propia Península, posiblemente a través de Galicia. Foi un dos momentos culminantes dun amplo xogo de tirapuxas, presións dun e doutro bando, redes de intelixencia cruzadas e un gran número de espías e axentes dobres que traballaban en España e Portugal e polos que circulaba información nun e noutro sentido.

O historiador Emilio Grandío presentou este martes en Compostela A Balancing Act. British Intelligence in Spain during the Second World War, unha obra que analiza as redes británicas de intelixencia e espionaxe existentes na Península Ibérica durante o conflito, que buscaban principalmente evitar a incorporación total do réxime franquista ás potencias do eixe. A obra presentouse conxuntamente co volume colectivo War Veterans and the World after 1945, coordinado por Ángel Alcalde e Xosé Manuel Núñez Seixas, no que o propio Núñez Seixas inclúe un traballo sobre os veteranos da División Azul.

"A implicación do Franquismo en apoio dos nazis foi moi importante, cando menos ata finais do ano 43 e comezos do 44", explica Grandío. A posición estratéxica da Península, o uso dos portos ou o volframio, as claves

"A implicación do Franquismo en apoio dos nazis foi moi importante, cando menos ata finais do ano 43 e comezos do 44. Franco adoptou oficialmente unha posición de non-belixerancia, que era un tanto insólita: os países ou estaban en guerra ou eran neutrais, pero España mantíñase aparentemente nunha posición ambigua", explica Grandío. O obxectivo do Reino Unido era que España "non se volcase totalmente no seu apoio a Hitler", aínda que nesta cuestión hai que referirse conxuntamente a España e Portugal e á importancia estratéxica da Península na Segunda Guerra Mundial, especialmente no referido ao control do estreito de Gibraltar e da navegación polo Océano Atlántico. "Tamén era importante o uso dos portos españois polos barcos, avións e submarinos alemáns. E igualmente o comercio co volframio, especialmente en Galicia", sinala.

Esa ambigüidade que aparentemente amosaba España tamén existía na posición británica, explica Grandío. "Hai que ter en conta que nun inicio o Reino Unido mantivo unha posición un tanto ambigua ante o nazismo, cando menos ata a chegada de Churchill ao poder e a ocupación de Francia, momento en que Gran Bretaña queda soa. Daquela tivo que activar a súa rede de intelixencia, para que Franco non entrase na guerra a favor do eixe".

Grandío subliña tamén que as relacións entre o Reino Unido e o franquismo non eran necesariamente malas e que mesmo se iniciaran antes da Guerra Civil: "Hai que ter en conta que, previamente, o Reino Unido non vía con bos ollos a República española, sobre todo trala vitoria da Fronte Popular, porque consideraban que era unha situación moi inestable. Os servizos secretos británicos mesmo xogan un papel no traslado de Franco de Canarias a Marrocos. Tamén foi importante a súa actuación promovendo e acelerando o pacto de non intervención de Gran Bretaña, Francia, Alemaña e Italia, que prexudicou moito á República na guerra. Isto é importante para entender as relacións que nestes anos manteñen o franquismo e a rede británica de intelixencia".

 

Unha rede pola que flúe a información reservada

"A rede nace dende a nada, practicamente, aproveitando o que xa tiñan: funcionarios británicos, empresarios, familiares, servizos consulares..."

"A rede nace dende a nada, practicamente, aproveitando o que xa tiñan: funcionarios británicos, empresarios, familiares, servizos consulares...", explica Grandío, nun proceso "semellante ao doutros países que son controlados polos nazis pero non directamente ocupados". "En todos eles os británicos desenvolveron unha rede de intelixencia co obxectivo de reverter o rumbo da guerra", di. Con todo, continuando con ese xogo de ambigüidades e de presións controladas, esta rede de espionaxe era coñecida (grazas ás informacións facilitadas por Alemaña) e mesmo aceptada polo Franquismo, coa condición de que non traspasase unha liña vermella: podían actuar en España, pero non traballar para derrubar o réxime. O réxime franquista mesmo chegou a utilizar as propias redes británicas para negociar co Reino Unido, para enviarlle as mensaxes que consideraba que podían xogar no seu favor.

"En España moitos eran dobre x, axentes dobres, que formaban unha rede e a través dos cales fluía a información"

Neste senso, unha figura clave son os axentes-dobres, espías que trasladaban información nun e noutro sentido. "Isto non debemos entendelo coa visión que nos dá a literatura ou o cine: eses espías británicos, enfrontados aos espías alemáns..." -explica Grandío- "senón que máis ben debemos considerar un sistema complexo no que a información era algo que circulaba e que estas persoas soltaban nunha ou noutra dirección en momentos determinados, ao mellor postor. En España moitos eran dobre x, axentes dobres, que formaban unha rede e a través dos cales fluía a información". "Ademais, tanto os servizos de intelixencia franquistas coma os británicos xogaban á ambigüidade", explica.

 

A relación coas guerrillas republicanas

"A Federación de Guerrillas León-Galicia débese en gran parte á instrución facilitada por persoas enviadas dende Gran Bretaña"

Grandío destaca a relación que os servizos de intelixencia británicos tiveron coas guerrillas de resistencia ao franquismo. "É certo que os británicos son moi remisos á participación da esquerda nesta rede de resistencia. Pero hoxe sábese que soldados británicos entraron en contacto con guerrillas en León e Galicia, o mesmo que noutros países de Europa. A Federación de Guerrillas León-Galicia débese en gran parte á instrución facilitada por persoas enviadas dende Gran Bretaña, co obxectivo de molestar ao franquismo". Mesmo funcionan campos de adestramento en Escocia e a rede británica axudou a formar tamén sistemas de sabotaxe, "pero mantendo unha certa ambigüidade ante o réxime, non tanto co obxectivo de derrubar o franquismo, pero si para presionalo e só activalo de verdade se España se decantaba abertamente por Alemaña", engade.

 

A xuntanza Franco-Hoare en Meirás

"Samuel Hoare deixou escrito que Francisco Franco fora o peor dirixente político co que tivo que tratar, porque nunca era directo, sempre era ambiguo"

Todos estes procesos teñen o seu momento clave a mediados de 1943, un momento no que a presión británica sobre o franquismo se fai máis forte. "No verán de 1943 a guerra comeza a decantarse en favor dos aliados, sobre todo co desembarco no sur de Italia, de xeito que o Mediterráneo pasa a estar controlado. A nivel interno Franco pasa seguramente o peor momento. 50 procuradores de Cortes asinaron unha carta, entre eles o Duque de Alba, pedíndolle a Franco que abandone o poder e permita a restauración monárquica na figura de Juan de Borbón; un grupo importante de xenerais tamén lle enviaron unha carta pedíndolle o mesmo; ademais, a situación económica de España era insostible, son os anos da fame", explica Grandío.

"Neste difícil contexto para Franco, Samuel Hoare pídelle unha reunión de urxencia. Como é agosto, Franco está en Meirás e dille ao embaixador británico que o vaia a ver alí. Hoare aterra en Guitiriz, nun aeródromo case improvisado, pasa a noite alí e pola mañá desprázase ata o Pazo", conta. "Como curiosidade, a chegada de Hoare a Guitiriz coincide cunhas grandes manobras militares que Franco ordenara iniciar na zona, como unha mostra de forza. Un exemplo máis deste xogo que mantiñan uns e outros". 

Na xuntanza Hoare esíxelle a Franco o cumprimento de tres o catro puntos: o abandono da División Azul, que os portos españois deixen de acoller barcos alemáns e a paralización do comercio de volframio. E dálle un ultimatum, no que tamén xogaba un papel Estados Unidos, que presionaba para que se lle aplicasen a España sancións internacionais. Nesta esixencia pairaba a ameaza dun posible desembarco aliado na Península, posiblemente a través de Galicia, un temor que levara a Franco a instalar bunkeres nas costas e a manter continuas levas de soldados no norte de España. 

A resposta de Franco foi ambigua, algo como 'xa veremos que facemos' e Samuel Hoare marchou a Londres, quedando alí varios meses, sen data de volta. "En realidade isto xa estaba previsto, pero el tamén xogaba con esta ausencia, mentres aumentaban os rumores dun desembarco aerotransportado aliado a través de Galicia. De feito, mesmo a espionaxe alemá difundiu o rumor de que o desembarco será en outubro, coincidindo co regreso de Hoare a España", conta Grandío.

"Franco vai atendendo as demandas británicas, pouco a pouco, nun proceso que dura varios meses, ata mediados do ano 1944"

Hoare volveu efectivamente a España en outubro e non houbo desembarco. A presión xurdiu efecto e Franco foi atendendo as demandas británicas, pero pouco a pouco, nun proceso que durou varios meses, ata mediados do ano 1944. "Samuel Hoare deixou escrito que Francisco Franco fora o peor dirixente político co que tivo que tratar, porque nunca era directo, sempre era ambiguo e parecía que gardaba algunha cousa, non sabía a que aterse" explica.  

 

Despois da guerra

"Unha vez que remata a guerra, a imaxe que existe no Reino Unido sobre a oposición republicana, produto dos informes das súas redes de intelixencia, é que non hai unha alternativa eficaz a Franco. E isto non é diferente no Goberno de Atlee"

Unha vez que remata a guerra, a imaxe que existe no Reino Unido sobre a oposición republicana, produto dos informes das súas redes de intelixencia, é que non hai unha alternativa eficaz e sólida a Franco. "E isto non é diferente no Goberno de Atlee" -explica Grandío- "Hai cartas que amosan que mesmo grandes sectores do laborismo non están a favor do retorno da democracia a España". Entre 1945 e 1948, con todo, Gran Bretaña si valora a posibilidade dunha restauración monárquica na figura de Juan de Borbón, "unha restauración da Monarquía que fora sempre a súa aposta". "Os sectores republicanos foron perdendo forza, en boa medida por non contar co apoio británico e se non tiñan o apoio británico tampouco tiñano o norteamericano", di. Porén, en 1948 tamén desaparecen as posibilidades desa hipotética restauración monárquica. "Os acordos do Azor entre Franco e Juan de Borbón para que Juan Carlos fose educado en España polo franquismo afastaron os sectores republicanos moderados, como Salvador de Madariaga, que se consideran enganados", explica

"Nace un novo concepto de servizo de información, moito máis estable e profesional, que é o que vai funcionar durante a Guerra Fría"

Outro aspecto importante é que a experiencia acumulada polos servizos de espionaxe, en España e noutros países axudou a configurar as redes de intelixencia que actuarán nas décadas seguintes, no contexto da Guerra Fría. "Nos últimos meses da guerra, xa dende finais do ano 1944, no que xa se albisca a derrota nazi, as antigas redes de intelixencia británicas e norteamericanas comezaron a transformarse, convértense noutra cousa, mesmo aproveitando persoas e estruturas da rede alemá de espionaxe", conta Grandío. "Nace un novo concepto de servizo de información, moito máis estable e profesional, básico no funcionamento dos Estados, que é o que vai funcionar durante a Guerra Fría", di. "Non teñen nada que ver os servizos de espionaxe posteriores á Segunda Guerra Mundial cos anteriores á guerra", remata.

Emilio Grandío © CCG
Capa do libro © Sussex Academic Press

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.