0 Gardados para despois

Marcos Calveiro: "Nalgún momento crinme o rei do mambo ata que batín coa dura realidade"

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


A denuncia da opresión. Da inxustiza. Do abuso de poder. E, contra elas, a procura da liberdade. Aínda que, tantas veces, non triunfe. Sobre todo, nunha sociedade estamental e patriarcal como o foi -e como en moitos aspectos aínda o é- a galega. Diso vai O xardineiro dos ingleses, de Marcos Calveiro. Aínda que podería dicirse que é o cerne de toda a súa obra. Desta volta, os protagonistas son Delia, unha muller afouta atrapada nun mundo que lle nega a posibilidade de dirixir a súa vida, o seu fillo Edelmiro, dous soldados estranxeiros que recalan en Vilagarcía e Modesto, un narrador que indaga na historia de Delia e na da súa propia familia. Un relato, máis logrado como artefacto literario que as súas novelas anteriores máis coñecidas, no que as pezas van encaixando ao tempo que avanza a Historia. 

É unha novela de ficción, aínda que lle servise de punto de partida unha noticia sobre o xardineiro dos ingleses. Mais, -como Festina Lente e Settecento-, si se apoia en abondosa documentación histórica. Como foi ese proceso de documentación?

Sempre que me preguntan por iso penso que non é o máis relevante dunha novela. Dende sempre fun un tipo curioso, eu diría que algo friki e gústame moito ler sobre historia, así que moito do que hai no Xardineiro xa o sabía, e logo foi un proceso natural de moitas lecturas ao longo dos anos... Si, evidentemente tiven que consultar algunha monografía específica ou pescudar por internet, pero por exemplo fun ao museo Sorolla en Madrid máis polo meu propio interese persoal que por precisalo para a novela. Sempre digo que teño pouca imaxinación, por iso hai tanta historia nas miñas obras. O pasado faime parte do traballo  e por iso mesmo nunca escribín fantasía ou CI-FI, dous xéneros que como lector me encantan.

"Dende sempre fun un tipo curioso, eu diría que algo friki e gústame moito ler sobre historia"

A voz narradora é a de alguén que pasou a súa infancia en Vilagarcía. A partir de aí, técese o relato da procura da verdade sobre a historia da propia familia. Evidentemente, non es ti, pero ese personaxe si ten algo de ti e da túa infancia. En que sentido?

Eu non son Modesto, mais poderíase dicir que os dous medramos no barrio dos Duráns nos 70 e 80 e temos moito en común. Hai moito nel do meu pasado e da miña familia, mais tamén hai moito ficcionado ou non tanto... queda nas mans do lector ou lectora averigualo. Como dixen nalgunha entrevista, esta era a novela da miña “vida”. Ás veces concordo coas súas opinións e outras non.

"Como dixen nalgunha entrevista, esta era a novela da miña “vida”

Mais supoño que o obxectivo, principalmente, era chamar a atención sobre unha parte da historia de Galicia non moi coñecida: a importancia de Vilagarcía como porto de desembarco da Royal Navy, que durou como 50 anos... Tamén aparece a relevancia de Vigo como centro de espionaxe... -tema que está a aparecer máis na narrativa galega ultimamente, na novela de Fran P. Lorenzo por exemplo-.

Non quería chamar a atención sobre nada, simplemente é unha historia que me fascina, como moitas outras que parecen nos meus libros, por iso están aí. As miñas obras estás cheas das miñas teimas persoais, de todo aquilo que sempre me gustou, música, cine, arte, literatura... E por certo o de Vigo está escrito antes de que a novela de Fran saíse do prelo, foi unha coincidencia.

"As miñas obras estás cheas das miñas teimas persoais, de todo aquilo que sempre me gustou, música, cine, arte, literatura..."

A novela vai, pouco a pouco, desentrañando as historias de Delia Cores e do seu fillo Edelmiro. Delia pode representar a procura da liberdade -coma Caterina de Settecento- nunha sociedade na que cadaquén nacía co seu lugar no mundo, e ademais a unha muller o que lle quedaba era someterse a un home. Que representa Delia? Como constrúes este personaxe?

Delia son todas as Delias que houbo noso país, todas elas esquecidas ou que camiñan nas marxes dos libros de historia. Mulleres afoutas que admiro moito, mulleres atrapadas nun tempo e nunhas circunstancias das que non puideron fuxir. Por desgraza, a Historia é dos xenerais, non das soldadeiras. Delia é un compendio de todas elas.

"Por desgraza, a Historia é dos xenerais, non das soldadeiras"

O libro ten tamén bastante de reflexión sobre o feito de ser escritor. A voz narradora conta que os escritores senten necesidade de poñerlle orde ao mundo, para comprendelo e sentirse menos indefenso ante as súas incertezas. Identifícaste con esta reflexión? E coa que fai a mesma voz sobre o "sistema literario galego" e o xeito no que pode auparte e despois deixarte a un lado? Se cadra, nese sentido, o éxito -relativo-dun libro pode xerar no autor expectativas difíciles de cumprir e de aí a frustración... 

Concordo en parte si, aínda que mais que poñer en orde o mundo é facer xustiza, que os de sempre, os de abaixo, os que sempre perden, por unha vez gañen, aínda que sexa dun xeito poético ou unha vitoria pírrica. Coa ficción podo reescribir a historia ao meu gusto, sempre que sexa verosímil co contexto no que me atopo. 

"Coa ficción podo reescribir a historia ao meu gusto, sempre que sexa verosímil co contexto no que me atopo"

Respecto ao noso sistema literario o que di Modesto na novela vai á misa. Son moitas das miñas inquedanzas de escritor galego ao longo destes anos. A novela tivo un parto moi longo, mais toda esa parte foi escrita nun momento persoal moi baixo, e supoño que aí abrolla a frustración da que falas. Xa sei que eu non me podo queixar: premios, recoñecementos, publicacións, mais con cada libro comeza unha nova carreira, e confeso que en moitas delas sentinme derrotado, pero tamén recoñezo que para a miña sorpresa outras veces saín vitorioso sen eu agardalo.

"Predicamos nun deserto que cada día está máis baleiro"

Confeso que nalgún momento me crin o rei do mambo ata que logo batín de fuciños coa dura realidade, esa escasa base lectora que causa frustración para todos: editores, autores, libreiros... Predicamos nun deserto que cada día está máis baleiro. Recoñezo que son moi pesimista e moito máis cunha Administración que máis que un aliado é un inimigo, por exemplo coa supresión do Diario Cultural esta mesma semana.

Pois eu confeso que agardaba que Delia atopase o seu propio camiño á liberdade, pero non porque a viñese buscar por fin o seu Ulises mariñeiro, ao xeito de Penélope, senón porque atopase ela unha maneira de liberarse da opresión. Mais chega o golpe de Estado e a guerra civil e as cousas tórcense...

Xa, pero tiña que ser verosímil é unha final feliz non cadraría co réxime de Terror que trae o golpe fascista. De todo os xeitos penso que malia a traxedia libérase e son os seus ollos, a súa ollada, símbolo desa liberación. Nunca pensara en tocar o tema da Guerra Civil, mais todo ese revisionismo histórico dos últimos tempos indignoume e os mortos esquecidos nas cunetas aínda moito máis.

"Nunca pensara en tocar o tema da Guerra Civil, mais todo ese revisionismo histórico dos últimos tempos indignoume"

Nesta novela hai un pintor, (Sorolla), aparecen Lorca e o seu proxecto teatral La Barraca... O "mundo da cultura" non é tan protagonista como en Settecento, pero está tamén moi presente. Mais creo que o nexo entre O xardineiro dos ingleses e Settecento é máis ben outro: a denuncia da violencia e do abuso de poder, do control social e das inxustizas dun sistema estamental. Cal é, para ti, a relación entre estas dúas novelas?

Non sei, eu non lle vexo moita conexión. Settecento nace da miña paixón pola música barroca en xeral e pola italiana e Vivaldi en particular, pero volvemos ao mesmo, en todas as miñas obras anda as miñas teimas persoais que dun xeito ou outro xorden na narración

Festina Lente era máis fragmentaria, en relación a Settecento, mais Settecento era máis coral... En O xardineiro dos ingleses aparecen, xunto aos diálogos e ao relato do narrador, algunhas "noticias" de prensa... No aspecto da técnica narrativa, O xardineiro ten cousas en común coas dúas. Penso que lin que pensabas que era a túa mellor novela, nese aspecto. -Ou a máis lograda, como pon na contraportada-. Se é así, podes explicalo?

Levo catro anos sen escribir, agás unha novela infantil que sairá agora. Todo o que fun publicando xa o tiña escrito, e penso que polas miñas circunstancias actuais xa non me embarcarei nunca máis nun proxecto como o do Xardineiro. Foi moito tempo e uns azos dos que agora non teño. Penso, persoalmente, que é a miña mellor novela en canto a artefacto literario, polo moito que fun aprendendo de editores, correctores e tradutores dende que comecei a publicar. Festina é unha obra dun autor case novel daquela. Se a escribise hoxe non sería igual e penso que melloraría en moitos aspectos.

"Penso, persoalmente, que é a miña mellor novela en canto a artefacto literario"

Xa falabamos antes disto, pero nas páxinas 150 e 151 parece que quen fala non é o personaxe-narrador, senón Marcos Calveiro. Un escritor que acadara certa sona coa súa primeira novela, unha novela histórica, e que se dera de fuciños coa realidade coa súa segunda novela. É coñecida a túa traxectoria: de avogado-escritor a escritor profesional, a escritor e dono dun bar... Segundo xa tes explicado, non foi só que a crise che impedise vivir da escrita, é que mudaron as túas prioridades. Atender un bar non parece moi compatible con escribir moito -acabo de pensar en Iolanda Zúñiga-. 

Nalgún momento para min vivir era escribir, estaba na crista da onda, e o baixón foi brutal, case acaba comigo. Agora levo todo con moita tranquilidade, descubrín que podía vivir sen escribir. Teño unha parella, fillos, un negocio: esas son as miñas prioridades nestes intres. Antes non perdía ningún evento cultural, actos, encontros escolares, conferencias... Agora non teño tempo e perdín certo interese, fágoo puntualmente.

"Nalgún momento para min vivir era escribir, estaba na crista da onda, e o baixón foi brutal, case acaba comigo"

O mundo da cultura galega co seu reducido tamaño é moi endogámica, eramos e somos sempre os mesmos, e farteime. Soñei que iso podería mudar e con esa ilusión vivín moito tempo, pero de ilusión non se vive. Teño un coche con 19 anos e máis de 200.000 quilómetros percorrendo o país de punta a punta e penso que nada mudou, incluso foi a peor, así que, que lle dean. A nosa filla é unha gran lectora con 13 anos, e emociónome descubríndolle libros ou cómics que logo lle entusiasman. Esa é a miña gran recompensa literaria, o meu activismo cultural volveuse familiar...

"O mundo da cultura galega co seu reducido tamaño é moi endogámica, eramos e somos sempre os mesmos, e farteime"

Ao buscar conexións entre as túas obras, decátome de que a denuncia da opresión e da inxustiza -se cadra tamén ten que ver co teu oficio de avogado-, están moi presentes. (As palabras poden matar, Palabras de auga, O carteiro de Bagdad, Settecento e Festina Lente...). Dirías que a túa creación literaria responde, dalgunha maneira, a iso?

Penso que non ten que ver co meu antigo oficio de avogado, simplemente coa miña condición de ser humano con inquedanzas sociais, a realidade do mundo que nos rodea ecoa en todas as miñas obras. Co paso dos anos, vou facer 50, decateime que case nada mudou, que a opresión e a inxustiza segue aí facendo das súas, incluso malia o que nos venden estamos nun proceso de involución en que nos están a roubar moito do gañado e iso indígname e esa carraxe foi motor da miña escrita moitas veces.

"Estamos nun proceso de involución en que nos están a roubar moito do gañado e iso indígname e esa carraxe foi motor da miña escrita moitas veces"

O libro levaba un tempo pasando por distintas editoras, e penso que por distintos premios. Supoño que, ao reducirse moito o número de títulos, tornouse máis difícil que che publiquen. Mais en O xardineiro dos ingleses tamén a voz narradora fala dunha realidade: non hai base lectora que poida sustentar o ritmo de publicacións que houbo nun pasado recente. Uns 400 lectores, ou 1000 nos mellores casos, di o narrador. Non che vou facer a pregunta de como aumentar esa base lectora mais, cando falamos da redución de títulos e tiraxes, se cadra reflexionamos pouco sobre esta realidade. Que opinas ti?

O libro rulou por moitos premios, abofé, e algunha editora ofreceume publicalo, mais eu quería máis visibilidade para el, máis lectores, e por suposto, non o vou negar, algo máis de cartos que o que unhas vendas escasas lle darían. Xa o fixera con Fontán e repetín. Supoño que aínda teño unha espiña cravada con Settecento, do que eu agardaba máis. Sempre me pasa cos meus preferidos, Rinocerontes, Centauros... Ademais non me importaba deixalo nun caixón e agardar por  tempos mellores, se é que os hai.

"Moitas das decisións na novela tomounas a persoa que son e non o escritor, é algo que aínda non aprendín"

En canto a esa voz narradora, precisamente, e isto é unha percepción persoal, ás veces resultoume un pouco intrusiva -contábame demasiado-, e ás veces tamén usaba, para o meu gusto, demasiados adxectivos... Como pensas, precisamente, ese narrador, en comparación por exemplo coa voz que leva as rendas do relato en Festina Lente?

Recoñezo que si, que me deixei levar e ás veces e metinme onde no era preciso. A historia fóiseme un chisco das mans. Pasoume tamén cando lin todos os testemuños das mulleres represaliadas polos fascistas, a carraxe venceume e de aí esa vinganza final na novela contra os asasinos, que algún lector me botou en cara por inverosímil, e pode que así sexa, pero o corpo pedíamo e non me puiden resistir. Moitas das decisións na novela tomounas a persoa que son e non o escritor, é algo que aínda non aprendín, distanciarme da historia e ser máis “profesional”...

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.