Morre o xornalista Ramón Chao

Ramón Chao Dominio Público Praza Pública

O xornalista Ramón Chao faleceu este domingo en Barcelona aos 82 anos de idade. Nacido en Vilalba en 1935, marchou a Francia con 21 anos para ampliar estudos musicais. Alí foi responsable das emisións radiofónicas en galego de Radio París na década dos 60, redactor xefe do servizo para América Latina de Radio Francia Internacional e colaborador do Servizo de Linguas Ibéricas da RTF.

Nos anos seguintes mantivo frecuentes colaboracións en distintos medios de comunicación franceses e españois. Foi correspondente da revista Triunfo e escribiu en Le Monde e Le Monde diplomatique. Foi ademais impulsor do premio Juan Rulfo, galardón literario outorgado por Radio France Internationale desde 1985.

Foi nomeado Cabaleiro das Artes e das Letras polo goberno de Francia en 1991, uns recoñecementos que tamén chegaron en Galicia, onde en 1991 recibiu o Premio Galicia de Comunicación (1997). 

Era irmán do teólogo Xosé Chao Rego e pai dos cantantes Antoine Chao e Manu Chao. Con Manu Chao realizou nos anos 90 unha viaxe en tren por Colombia para realizar unha reportaxe xunto a Mano Negra, o grupo dos seus fillos (Mano Negra en Colombia: un tren de hielo y fuego). Foi tamén célebre o libro Despois de Franco, España publicado en 1976. En total publicou unha trintena de obras de temáticas moi diversas, moitas centradas no París que tan ben coñeceu, na literatura iberoamericana (Onetti, Capentier...) ou na historia recente da Igrexa e en Prisciliano (Prisciliano de Compostela)

En 2004 formou parte da lista do BNG para as eleccións europeas, momento que recolle esta entrevista de Vieiros.

 

Ramón Chao Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.