Emma Pedreira: "Quería rir do elitismo que nos afasta do contacto directo do público e que crea unha endogamia triste e podre"

Emma Pedreira Dominio Público Praza Pública

Unha declaración de amor pola lingua e a literatura. Pero entendendo, ambas, desde a escrita como oficio. Lonxe do ton elitista que ás veces, aínda, se emprega para falar dun traballo que en moitos casos é "un xogo de egos e de proxeccións falsas que non chega a ningunha parte e que non se corresponde coa realidade". Así podería definirse Bibliópatas e Fobólogos, (Galaxia), o libro co que Emma Pedreira vén de gañar o Premio de la Crítica Española na modalidade de narrativa en galego. A autora respondeu as nosas preguntas por correo electrónico.

De Corazón e demais tripas dixeras que non era "un conxunto de microrrelatos" senón "unha unidade de microrrelatos que se interconectan para formar algo consonte". Supoño que de Bibliópatas e Fobólogos podería dicirse o mesmo, non? Dalgunha maneira, supón continuidade de Corazón: volta á narrativa, ao microrrelato... Que pode haber de continuidade entre ambos? -A presenza do humor e a ironía, por exemplo-.

De Corazón e demais tripas fixen algún descarte porque tiraba cara a un lado que non cadraba moi ben dentro da unidade dese libro; eran relatos menos eróticos ou moi lindantes entre o erótico e o bibliófilo e aí dei co que sería o xermolo de Bibliópatas. Foi pechar ese libro e comezar co seguinte. Foron tres ou catro textos que enlazaron os dous libros, por iso son tan semellantes que trato de consideralos libros irmáns e parte dunha triloxía na que estou aquelando xa o terceiro volume, que tamén resulta dos descartes de Bibliópatas e Fobólogos. Supoño que fondo e forma son un contínuum nos dous libros, o tratamento e a estética dos textos son comúns a ambos polo humor e tamén pola contención na forma.

Comeza o libro falando da "empresa de servizos editoriais" Shakespeare and Company, na que os mellores lectores son os animais. Shakespeare and Company existe: é o nome dunha libraría de París na que hai un gato "lector" ao que os clientes non deben molestar. É casualidade ou, polo menos parte dos relatos, teñen a súa orixe en referencias reais, ou máis ben no que pode ser a vida cotiá de calquera escritora na súa convivencia cos libros?

Cando viaxo, e viaxo moito, trato de ir a moitas librarías, a todas as que podo, de lance, de vello, alfarrabistas. Solto lastre das maletas e tráioas cheas de libros, de papeis, de debuxos e de apuntamentos. O inicio de moitas ideas vén na cabeza e queda aí ata que calquera referencia o fai saír para comezar a traballar. Shakespeare & Co. vén de París, pero tamén vén da miña adoración shakespeariana e da visión que teño do intramundo editorial que me tocou vivir nestes anos adicada á literatura por dentro -como escritora- e por fóra -como bibliópata-. Todos os relatos do libro teñen unha referencia real, propia ou allea, unha anécdota, unha mención ou unha homenaxe e todas teñen que ver coa palabra, coa lingua e cos libros.

"Todos os relatos do libro teñen unha referencia real, propia ou allea, unha anécdota, unha mención ou unha homenaxe e todas teñen que ver coa palabra, coa lingua e cos libros"

O libro fala de "fobólogos" -persoas encargadas por unha lingua viva e comprensible, lonxe de estereotipos decimonónicos- e de bibliópatas, persoas cuxa "patoloxía" son os libros, mesmo até chegar á morte a causa deles. Por que son os protagonistas deste libro? Temos falta, no país, de "fobólogos"? E de "bibliópatas"? Por que?

Eu son filóloga de formación e de vocación aínda que non exerza a docencia. É a miña espiña cravada e supoño que trato de resarcirme diso a través da escrita e de todo o que fago arredor do libro. En todos estes anos de “militancia filolóxica” e sobre todo no lugar no que traballo -remítome ás “crónicas de oficina” que divulgo nas redes sociais- vexo que xs filólogxs temos unha némese que rematei por chamar fobólogxs, por pura etimoloxía.

"Acredito firmemente na existencia dunha inxente cantidade de xente graduada nese odio, desprestixio e complexo sobre a lingua"

A foboloxía sería a rama da lingüística que se encarga de desartellar, incapacitar e borrar unha lingua, de desacreditar o bando contrario, a filoloxía, que se encarga de coidala, limpala, darlle esplendor -tipo pon cera-pole cera- e aí acredito firmemente na existencia dunha inxente cantidade de xente graduada nese odio, desprestixio e complexo sobre a lingua. E non, non hai escaseza de fobólogxs neste país, todo o contrario, a súa presenza é cada vez máis forte e máis agresiva. Fobólogo sería un termo pexorativo mentres que bibliópata, con toda esa carga maligna que posúe o “pathos” como doenza sería algo positivo que nos identifica a todas as persoas que padecemos o mal dos libros. Somos adoratrices do papel, acaparadoras de cantidades absurdas de libros, doentes das librarías, posuímos varios carnés de biblioteca, axexamos o que le o resto da xente.

"Somos adoratrices do papel, acaparadoras de cantidades absurdas de libros, doentes das librarías, posuímos varios carnés de biblioteca, axexamos o que le o resto da xente"

Falando de "fobólogos", o libro non só fala de libros e das manías cos libros, senón, en xeral, da palabra e da súa presenza, ás veces, abafante: nas redes sociais, por exemplo, e outras veces da súa ausencia ou confusión. Mais, máis que un libro de sisudísimas reflexións metaliterarias ou sobre a comunicación e a incomunicación -o ruído- nas sociedades contemporáneas -que si está- parece un xeito de achegarse, simplemente, á relación -cotiá- das persoas cos libros e coa palabra, -o exceso e a falta dela, pero máis ben o exceso-, aínda que se faga desde a deformación, o hiperbólico, o absurdo.... Era o obxectivo? Pode responder, tamén, a unha sorte de intuición ou reflexión sobre o pouco liviáns -o pesados e grandilocuentes- que poden ser os nosos discursos sobre a necesidade de facer o libro máis presente na sociedade?

Cando escribín o libro, máis ben cando decidín que vise a luz con Galaxia, tiña o medo de como sería entendido posto que está escrito cunha dobre intención: por unha banda trata de ser unha homenaxe á nosa lingua e literatura e un achegamento das dúas desde o oficio de escribir para que as persoas lectoras consigan ter un coñecemento da parte que nunca transloce. Cando falo en público, por exemplo nun obradoiro, arredor do mundo do libro e da súa produción como ben cultural, do proceso de escrita, edición, distribución e o fago desde un punto de vista comercial e non idealizando o obxecto libro, a xente achégase con interese porque pensa que as autoras creamos sen esforzo e recibimos substanciosas sumas por cada obra que escribimos e por cada exemplar que vendemos.

"Moita xente cre aínda na inspiración e en toda esa fabulación que hai sobre o traballo de escribir. É dicir, non o entenden como un traballo e así nos vai"

Moita xente cre aínda na inspiración e en toda esa fabulación que hai sobre o traballo de escribir. É dicir, non o entenden como un traballo e así nos vai. Falarlle a esa xente da nosa vida real, da insustentabilidade do sistema para quen escribe, sitúanos máis cerca do noso público lector e, ata hai moi pouco tempo isto era algo do que non adoitabamos falar, porque o libro e a escrita eran considerados algo mitolóxico, idealizado, intanxible e situado un banzo por enriba doutros oficios. 

"O libro e a escrita eran considerados algo mitolóxico, idealizado, intanxible e situado un banzo por enriba doutros oficios"

Por outra banda quería desmitificar e tamén burlarme, de paso, da grandilocuencia e do ton elitista co que ás veces tomamos ao pertencer a este oficio, algo que resulta moi absurdo xa que en moitos casos é un xogo de egos e de proxeccións falsas que non chega a ningunha parte e que non se corresponde coa realidade. Diso quería rir, do elitismo que nos afasta do contacto directo do público e que crea unha endogamia triste e podre. Creo que conseguín achegarme a un público lector novo para min e que foi comprendendo a absurda relación que temos co noso autófago e contraditorio sistema literario.

"Quería desmitificar e tamén burlarme, de paso, da grandilocuencia e do ton elitista co que ás veces tomamos ao pertencer a este oficio, algo que resulta moi absurdo"

O que si hai, e pode ter relación co anterior, é xogo coa palabra, coa linguaxe. Enumeracións, por exemplo. Nunha estrutura que alterna textos algo máis longos con outros máis curtos e outros tipo haiku... Es consciente dese xogo coa palabra neste libro? -Que tamén ten que ver, supoño, co oficio de poeta: o esforzo por condensar....-

Adoro xogar coa lingua. Retorcela, usala mal, rebasar límites, cifrar a mensaxe ao meu antollo, xogar todo á polisemia, dislocar a semántica, crear palabras e, xa no plano textual, manexar distintas unidades de forma máis ou menos condensada. O microrrelato, o minirrelato, o aforismo son textos aos que lles podemos ir movendo os marcos desde ou cara á poesía e iso é a mellor parte de ter ido desde o verso até a narrativa. O microrrelato ademais permíteche unha escrita de maior complicidade co público lector, xa que o convidas a facer parte do esforzo para chegar da man á conclusión do texto, mesmo á súa construción compacta.

"O microrrelato é unha modalidade textual que permite que o texto viva moito tempo despois de ter sido lido e que sexa revisitado con frecuencia"

O microrrelato é un xogo de sedución que permite que non esteas escribindo de ti e para ti senón que a súa tendencia é captar unha atención e xogar ata acadar un clímax satisfactorio para as dúas partes. Non hai pasividade na persoa que le un microrrelato, senón que pasa a un lugar de interactuación e vén xogar con quen escribe. O uso da palabra e de todas as posibilidades que poden dar gramática, sintaxe, morfoloxía, semántica e demais filias filolóxicas respaldan este xogo e fano divertido e instrutivo ao mesmo tempo. O microrrelato é unha modalidade textual que permite que o texto viva moito tempo despois de ter sido lido e que sexa revisitado con frecuencia.

O libro fala de libros, pero hai dous temas que, en relación con eles, saen moito: a morte e o amor. Non sei se incluso máis a primeira. Iso conectaría, ademais, este libro con varios dos teus poemarios: Antítese da ruína, Grimorio, s/t... Aínda que quizais neste libro é onde a morte está tratada con máis distancia... Pode ser? Hai algunha razón especial?

É imposible non falar sempre dos mesmos temas universais, a estas alturas do mundo todo está inventado e o único que nos resta é ir xogando coa maneira na que contamos as cousas. Amor e morte son dous deses temas nos que sempre redundamos e ademais adoitan estar nos estremos das nosas afinidades. Son temas recorrentes para a escrita e tamén como refuxio no momento de buscar que ler. O caso é que a morte e todo o que a arrodea en Galiza está feito para definirnos como pobo. Hai innúmeros rituais arredor da morte que aínda están por explorar e por explotar desde a literatura.

"A morte e todo o que a arrodea en Galiza está feito para definirnos como pobo. Hai innúmeros rituais arredor da morte que aínda están por explorar e por explotar desde a literatura"

Se antes falaba de que cando viaxo vou ás librarías, outra cousa que adoro visitar polo mundo adiante son os cemiterios. Os camposantos son lugares cheos de arte e coñecemento: arquitectura, escultura, antropoloxía, historia. Podemos atopar que, por exemplo, os nomes das persoas defuntas din moito da nosa historia e das nosas tendencias co paso do tempo ou que as lousas e placas sepulcrais, algo que me fascina, están cheas de poesía e, en moitos casos, de literatura condensada, de microrrelatos, de faíscas das que se pode desprender unha historia e, en moitas delas, hai un punto de humor negro que me fascina. No pobo do meu pai -que sae varias veces no libro-, hai un friso nun panteón que en lugar de levar o nome da propiedade familiar pon “Gracias por su visita”, como nas servilletas dos bares. Como non pensar que somos un pobo divertido ata desde o máis alá?

Hai algúns relatos que teñen continuidade entre si. Un exemplo son os de Wendy Laura Clark. Que penso que, aínda desde o xogo do "consultorio", nos falan -como outros relatos do libro- de como pode resultar ser muller escritora ou tentar selo. A súa escrita, dille Isabel á escritora, dáme ás para enfrontarme ao mundo. Que hai no libro diso, de reflexión sobre como ás mulleres lles roubaron a escrita?

No libro hai moito de min e da miña experiencia de todos estes anos na escrita e, a través da miña voz, de moitas mulleres que escriben e teñen que bater de continuo contra os muros do sistema literario. O noso teito de cristal é de formigón e, en moitos casos, o formigón é compoñente biolóxico de moitas persoas que nos impiden estar en lugares que nos corresponden por dereito. A miña retranca apela a estas vacas sagradas, a estes redutos nos que as autoras estamos a vivir un constante desprestixio e invisibilización por puro desinterese, unha negativa explícita en moitos casos a escoitar o noso discurso.

"A miña retranca apela a estas vacas sagradas, a estes redutos nos que as autoras estamos a vivir un constante desprestixio e invisibilización por puro desinterese"

A través da retranca podo facer maior traballo de reflexión que co discurso directo porque despois do riso vén o pouso e, se hai algo que está deixando Bibliópatas é un pouso e un achegamento por parte do público lector á realidade que hai detrás de quen escribe e publica un libro. Tamén hai unha homenaxe moi explícita ás autoras que morren sen case recoñecemento e o absurdo xogo de egos dun oficio no que quen máis perde –de maneira material, falo-  é a parte que escribe.

"Tamén hai unha homenaxe moi explícita ás autoras que morren sen case recoñecemento e o absurdo xogo de egos dun oficio no que quen máis perde –de maneira material, falo-  é a parte que escribe"

Tamén hai "homenaxes": libros que arden mal, unha escritora que busca unha habitación propia, un debuxo que envellece cos seus donos... Non son hiperexplícitos, pero tampouco querías seguramente que pasasen desapercibidos... Podes explicar a razón dalgúns deles?

Coido que as persoas bibliópatas, aquelas que vivimos moito a través do literario, que medramos nun contacto desesperado e ás veces angustioso cos libros, non podemos deixar de facer analoxías de parte das nosas vidas coas obras que nos acompañaron en certos momentos. Eu vivo moito a través das miñas lecturas, estou sempre a facer historias, todo o canalizo a través de escribir ou de contar. Terapeuticamente a literatura sempre está aí para servirme, como non lle render homenaxe como farían as persoas melómanas a través da playlist das súas vidas?

"Están as librarías e bibliotecas que visito con frecuencia e tamén os actos literarios máis absurdos nos que teño estado"

Hai autoras e libros por todas partes neste conxunto de historias e, ademais, moitos outros oficios relacionados co libro: bibliotecarias, editoras, correctoras, libreiras. Están as librarías e bibliotecas que visito con frecuencia e tamén os actos literarios máis absurdos nos que teño estado. Ás veces as referencias son explícitas e outras non tanto, pero hai quen se sentiu aludido e se espantou e iso encántame, misión cumprida.

En Máxima ansiedade hai ironía co tema de que pasa cando lle preguntan nas entrevistas por que escribes. Non vas dicir, conta este relato, que o fas por non engordar. Tes que buscar unha resposta que pareza intelixente, erudita, literaria, e un pouco snob. Dicía Ana Valdés que cada vez que un director de teatro tentaba responder á pregunta de por que facía teatro, estaba a caer nunha trampa que o levaba a tentar xustificar o que non tiña por que xustificar. Cres que pode pasar algo semellante, polo menos ás veces, na escrita?

Ás veces síntome un pouco ridícula ante preguntas así, que queren que xustifique por que e para que escribo. Trato de pensar en por que non preguntamos iso a outras persoas que se adican a outro tipo de traballos e no snob que é poñernos na situación de dicir algo máis que o simple: fágoo porque me encanta. Eu afronto o feito de dedicarme a escribir como algo natural e que está comigo desde sempre, por aí, nada máis que xustificar. Procuro poñerme na pel dunha cociñeira ou dunha costureira e pensar que fago o mesmo, se cadra aínda chego máis alá e penso sinceramente que me adico a algo que ten menor utilidade pública e que non aproveita todo o mundo.

"A vida real é outra cousa e actuamos en paralelo xusto cando as necesidades básicas están cubertas"

Entendo que se busque a xustificación ou a motivación nunha oncóloga, nunha xerontóloga, ou nas voluntarias dun santuario animal, onde o grao de implicación conleva acción, compromiso e risco en grao superlativo. A literatura non deixa de ser -e aquí odiaranme o resto de bibliópatas pero tamén os fobólogos- algo prescindible ou secundario. Fago isto porque o gozo e porque sufro e porque dese sufrimento sae máis gozo, pero de maneira sincera, a vida real é outra cousa e actuamos en paralelo xusto cando as necesidades básicas están cubertas.

"A literatura non deixa de ser -e aquí odiaranme o resto de bibliópatas pero tamén os fobólogos- algo prescindible ou secundario"

Eu penso que, malia todo o xa comentado, no fondo, o libro é unha sorte de declaración de amor aos libros. Como neses relatos nos que se trata o libro como un obxecto prohibido, remitíndonos a un futuro posible, ou como un obxecto que okupa o noso espazo na casa, a nosa cabeza e o noso corazón. Poderiamos resumilo así, é dicir, é o sentido xeral do libro?

Totalmente. Bibliópatas é un libro de amor polas palabras e pola vida paralela que transmiten. Polo humor e a alternativa que nos ofrece o seu refuxio cando a vida propia falla, pero tamén é un discurso do desalento e un tirón de orellas aos nosos egos. Sempre que alguén me di que leu ou que está lendo Bibliópatas pregúntolle o mesmo: riches? E se me di que si digo, pois xa está. O amor está no humor, na activación dos músculos do riso, na liberación de substancias químicas que fan sentir ben e iso é o que pretendo en primeira instancia. Un goce coas bragas postas. O que veña despois, a reflexión, a crítica, a autoexploración, o pouso é o premio.

"Bibliópatas é un libro de amor polas palabras e pola vida paralela que transmiten"

Por último, pregunta obrigada -e parva-, como foi para ti recibir a noticia do premio da crítica?

Sigo sen crer que un libro un pouco antisistema como este -borra o de un pouco- teña recibido semellante premio por parte do propio sistema literario galego e, por riba, con proxección cara fóra -que non creo que se dea, debido a moitos factores-. Supoño que refrenda e ao mesmo tempo asume tamén con humor os defectos dos que adoece a nosa literatura. Como ademais coñecer a noticia tivo un punto surrealista -fun a última en sabelo, malditas queridas redes sociais-, o libro segue arrastrando ese humor que quero tanto.

"Faime remexer un pouco que sexa esta obra, e non vinte anos de discurso poético fondo e grave, a que se recoñeza"

Faime remexer un pouco que sexa esta obra, e non vinte anos de discurso poético fondo e grave, a que se recoñeza pero precisamente iso contribúe a visibilizar que o que precisabamos era unha maior sinceridade e contacto coa xente que nos le. Estou moi feliz e son consciente de que pasado mañá xa non implicará nada máis que unha faixiña amarela no libro, pero é unha honra dicir que son a cuarta muller en recibilo desde o ano 1976 en que se estableceron estes premios para a lingua galega. Porque, como din por aí, non hai narradoras e tal, sobre todo con anterioridade a 2005 en que se galardoou a Teresa Moure -despois virían Begoña Caamaño e Anxos Sumai- e fin. Son feliz e son aínda máis feliz por compartir este premio con Lupe Gómez en poesía, coa que se fai unha xustiza e un labor de reposición tremendo. Podo dicir que celebro máis ese premio para ela e que este ano distingue o labor de dúas irmás de letras, rosmonas, antisociais e incómodas. Grazas!

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.