Músicos ao Vivo pide que se conte cos artistas na Lei de Espectáculos: "Queremos tocar, e tocar en condicións"

Xuntanza de Músicos ao Vivo Compostela, hai unhas semanas © Músicas ao Vivo Compostela

O vindeiro 2 de xullo entrará en vigor a nova Lei de espectáculos públicos e actividades recreativas, unha norma que recibiu importantes críticas por parte dos grupos da oposición, de concellos e entidades sociais, que critican as dificultase engadidas para a programación de actividades culturais e, en xeral, a falta de consenso e diálogo na súa elaboración por parte da Xunta. Este mércores tamén a Sección Compostela de Músicas ao Vivo fixo oír a súa voz, reclamando que o seu colectivo sexa tido en conta á hora de desenvolver e aplicar a norma, na procura de mellores condicións para o desenvolvemento da súa actividade e de maior seguridade legal.

"Non se trata só de poder tocar, senón de tocar conforme a dereito, queremos tocar en condicións"

Xabier Mera, membro da directiva de Músicos ao Vivo e da Sección Compostela, explica que "queremos facer un chamamento a todas as partes implicadas -a administración autonómica, a administración local, a parte veciñal e os programadores- para que nós poidamos traballar dun xeito seguro e legal". "Queremos visibilizar a precarización do noso sector. Non se trata só de poder tocar, senón de tocar conforme a dereito, queremos tocar en condicións: Dereito á música e música con dereito", resume. "As salas e programadores deben contar cun marco legal estable, pero os músicos queremos lembrar que o noso marco legal non se cumpre no día a día", engade. De acordo co último Censo Compostela é Música case que 200 formacións musicais desenvolven regularmente o seu traballo na cidade.

Mera critica que na elaboración da Lei de Espectáculos "non se tivo en conta aos músicos como colectivo nin se tivo en conta a música ao vivo. Non se contou con nós nin nas primeiras etapas nin na redacción final, na que non aparece ningunha das nosas achegas". "Non atopamos resistencia directa nas institucións ás nosas demandas, pero si invisibilización e ninguneo", di.

"Queremos que se acabe o curtopracismo, que se estableza o marco legal dunha vez. E que nel se nos teña en conta"

"Agora a Xunta vai desenvolver esa lei en diferentes normativas. E aí queremos incidir. Debería terse feito antes, pero é importante que agora se conte con nós para avanzar na loita contra a precariedade no sector", explica e tamén "para evitar poñer máis parches no marco xurídico". A inseguridade xurídica e o retorno de forma periódica de debates sobre a legalidade das actuacións na rúa ou en locais e as condicións en que deben ser realizadas é outro dos problema nos que incide o colectivo. "Cada certo tempo volve o debate concertos si/concertos non. Queremos que se acabe o curtopracismo, que se estableza o marco legal dunha vez. E que nel se nos teña en conta", destaca.

O colectivo esixe "compromiso e valentía por parte das institucións implicadas" que permitan que "a música ao vivo na nosa cidade sexa unha realidade que poida ser compatibilizada co descanso e o respecto a toda a cidadanía, a través dunha normativa sensible e clara, adaptada á realidade social e cultural do século XXI,
propia dunha cidade moderna como é Compostela". 

"O tema da música ao vivo entronca coa situación xeral do sector cultural e co modelo de turismo que se quere para o país. Un modelo que fala de encher e subvencionar grandes festivais"

Finalmente, Mera explica que "o tema da música ao vivo entronca coa situación xeral do sector cultural e co modelo de turismo que se quere para o país. Un modelo que fala de encher e subvencionar grandes festivais pero que esquece a realidade do sector cultural do país, un sector estratéxico que achega o 2% do PIB de Galicia". "Un exemplo pode ser o festival O Son do Camiño, que non ten nada de malo en si mesmo, pero que é sintomático do modelo cultural escollido para o país", denuncia.

 

Xuntanza de Músicos ao Vivo Compostela, hai unhas semanas © Músicas ao Vivo Compostela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.