O día que Suso Vaamonde se exiliou para evitar ser encarcerado polas súas cancións

Suso Vaamonde, en 1979 © http://www.susovaamonde.tk/

No día en que se coñeceu o exilio en Bélxica do rapeiro catalán Valtonyc para evitar o seu ingreso en prisión, moita xente recorda o sucedido hai case 40 anos con Suso Vaamonde. En novembro de 1980 o cantautor galego foi condenado a 6 anos e un día de prisión por un delito de inxurias á patria con publicidade debido a unha das cancións que interpretara un ano antes nun concerto en Pontevedra. En xuño de 1979. nun recital antinuclear que se celebraba na Praza da Ferrería, incluíu unha nova estrofa ao tema popular "Uah!", cantando "Cando me falan de España/ sempre teño unha disputa/ que se España é miña nai/ eu son un fillo de puta". Ao igual que Valtonyc, Vaamonde optou por exiliarse, primeiro en Londres, despois en Alemaña e finalmente en Venezuela, onde ficou a vivir.

Ao igual que Valtonyc, Vaamonde optou por exiliarse, primeiro en Londres, despois en Alemaña e finalmente en Venezuela, onde ficou a vivir

Alí estivo catro anos, recibindo numerosas mostras de homenaxe, entre as que destacaron as procedentes de cantautores portugueses como Zeca Afonso, José Mario Branco, ou Fausto. En 1984, aproveitando o contexto máis favorable derivado da vitoria do PSOE nas eleccións xerais de 1982, Suso Vaamonde decidiu regresar, ingresando no cárcere de Ourense un total de 46 días, ata que o Goberno de Felipe González lle concedeu un indulto. Unha medida na que foi moi importante a mediación do senador socialista Xaime Barreiro Gil, antigo compañeiro de Vaamonde en Voces Ceibes. Vaamonde ofrecería un concerto no cárcere para os presos cos que compartira ese mes e medio de prisión.

Tanto os seus avogados defensores coma el mesmo sempre alegaron que naquel concerto, a estrofa denunciada foi pronunciada en "animo xocoso" e que ademais el nin sequera chegara nunca a pronunciar a derradeira e criticada palabra, deixándoa simplemente no aire para que en todo caso a completase o público, lembrando tamén que as cancións populares en Galicia adoitan ter un ton "retranqueiro".

Suso Vaamonde seguiu cantando ata a súa morte no 2000, vítima dun cancro aos 49 anos de idade. Publicou un total de 15 discos e nos últimos momentos da súa vida recibiu importantes homenaxes, definíndoo Manuel María como "a persoa máis representativa na historia da música do noso país".

Suso Vaamonde, nunha actuación © http://www.susovaamonde.tk/

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.