A xestión das identidades non hexemónicas. A construción dunha estrutura de relacións afectivas situada fóra da familia patriarcal. As consecuencias que, no campo do íntimo, supón a mesma socialización heteropatriarcal. A necesidade, por parte das mulleres, de atopar espazos de reapropiación dos seus propios corpos. A denuncia da normalización da violencia sexual contra os/as menores. A posibilidade, sempre, de intervir, de rebelarnos, no día a día, para mudar as cousas. Son os alicerces das últimas novelas de María Reimóndez, A música dos seres vivos e As cousas que non queremos oír, do Ciclo dos Elementos, e A dúbida e Corredora, todas publicadas en Xerais. Falamos coa súa autora.
Tanto A música dos seres vivos como As cousas que non queremos oír forman parte do Ciclo dos elementos. Cada novela desta serie desenvolve unha personaxe. Foi desde o principio un proxecto de serie, ou xurdiron o resto das novelas a partir da primeira? Haberá máis?
O ciclo está deseñado como tal desde o principio. Todo tiña que estar predeseñado, esbozado desde o principio, para que o conxunto funcione. Despois en cada novela vou desenvolvendo unha personaxe en particular, pero a historia de fondo, as relacións entre as personaxes, están pensadas desde o inicio. Cada unha das novelas é autocomprensible: pódese facer unha lectura individual de cada novela. Pero quen as lea todas terá outra historia que non coñece quen non o fai. E si, vai continuar. Faltan tres entregas.
“Todo tiña que estar predeseñado, esbozado desde o principio, para que o conxunto funcione”
Non sei se haberá outra serie tan longa na literatura galega…
Penso que non a hai, non. Cando naceu este proxecto, eu quería contar a historia de tres personaxes: Gaia, Aurora e Clara. Pero cando comecei a investigar e a facer probas decateime de que era unha historia demasiado complexa para contala nunha soa novela. Ademais, había personaxes, ademais desas tres, das que tamén me interesaba contar máis. Tamén penso que é un proxecto diferente: non é un conxunto de novelas que poden ter relación entre si nin unha saga que continúa dunha novela a outra. É un modo distinto de entender a escrita e tamén a relación coas lectoras, que actúan de cómplices e participan de xeito necesario na construción do relato.
“Cando comecei a investigar e a facer probas decateime de que era unha historia demasiado complexa para contala nunha soa novela”
Tanto Aurora, en As cousas que non queremos oír, como MK, en A música dos seres vivos, son arrincadas do lugar no que vivían para emigrar a outro. Aurora vai de Cataluña a Galicia. MK de Támil Nadu a Escocia. No caso de MK, a nai tenta ensinarlle a esquecer a súa cultura. No de Aurora, é ela quen renega do rural, do lugar de orixe da familia. Supoño que pode representar a experiencia de moitas crianzas de familias migrantes mais, por que escolliches ese conflito, crucial nos dous libros, -o do alleamento-?
En todas as novelas do Ciclo dos elementos está presente a identidade, a xestión das identidades non hexemónicas. O xermolo do ciclo está aí. No caso de Saínza, a protagonista de Dende o conflito, é unha identidade forxada na súa relación coas periferias do mundo como xornalista de guerra que é. No caso de Gaia, a de En vías de extinción, é pola súa orientación sexual, por ser galego-falante… No caso de MK e Aurora é, si, pola migración, aínda que son migracións distintas, con resultados distintos. Aurora, que pode que non sexa a personaxe máis simpática, non ten os recursos que ten por exemplo Saínza para xestionar a alteridade. Non ten recursos para afrontar a situación, a identidade non hexemónica, en positivo, que é o que fai MK a través da súa arte, da súa música, Saínza a través do xornalismo e Gaia a través da rebeldía. MK é quen de recompoñerse, de aceptarse. Aurora non é quen de superar o conflito identitario que ten.
“MK é quen de recompoñerse, de aceptarse. Aurora non é quen de superar o conflito identitario que ten”
Aurora ten cancro. Na dedicatoria do libro citas as mulleres con cancro, para que entre “as cousas que non queremos oír” non perdan a capacidade -e supoño que o dereito- a “ser donas da súa voz”. Por que dis iso? Supoño que ten que ver, por exemplo, con esa tendencia mediática a chamarlle “longa enfermidade” ao cancro, converténdoo en tabú…
Por iso e por outras cousas que afectan ás mulleres enfermas, e ás enfermas de cancro de mama en particular. Nesa situación, as mulleres perden o control sobre o seu propio corpo, como se este deixase de pertencerlles para pertencer ao sistema sanitario. Isto implica perda do control do discurso sobre si mesmas e verse instrumentalizadas en campañas vergoñentas de lazos rosa ou esa que coloca un post-it enriba do peito para recordarnos que fagamos unha mamografía ou a da chantaxe sentimental “Hazlo por mí” na que se reforza o servilismo agardado das mulleres aos homes a varios niveis.
Nestes discursos conflúen o heteropatriarcado e a súa conceptualización do corpo das mulleres -os peitos como parte intrínseca da feminidade, por exemplo-, coas relacións de poder entre os médicos e as mulleres mais toda unha serie de construcións sociais nese sentido que fan que elas teñan pouca posibilidade de ser donas das súas propias decisións nun contexto xa fondamente perturbador de seu que é estar enferma. Igualmente as campañas de laciño rosa fan esquecer que cada muller ten a súas circunstancias: problemas de precariedade laboral, de parella. Ter cancro non as converte nunha especie de colectivo homoxéneo ao que representar con lazos rosa.
“As mulleres con cancro perden o control sobre o seu propio corpo”
Hai, en As cousas que non queremos oír, unha descrición bastante fonda do proceso da enfermidade e do seu tratamento, das súas consecuencias físicas e psicolóxicas. Parece moi documentada.
Eu son bastante maniática con iso. Tento ser meticulosa. Da mesma maneira que para desenvolver a historia de MK case aprendo a tocar a batería, non quixen describir un cancro dunha maneira superficial. Esa meticulosidade pode ser máis evidente ou pasar máis desapercibida en calquera das miñas novelas, pero responde sempre ao mesmo proceso. Tardo moito en escribir os libros, aínda que ás veces non o pareza porque, despois, o ritmo da edición é outro.
“Da mesma maneira que para desenvolver a historia de MK case aprendo a tocar a batería, non quixen describir un cancro dunha maneira superficial”
Escribir sobre unha muller con cancro implica investigar sobre a parte médica, sobre a parte psicolóxica -aprendín moito coa psicóloga da Asociación contra o Cancro de Vigo, Elisa Alonso, e con Gema Zunzunegui de Zunzunegui Psicólogas-, a ademais a miña tía, que era coma unha irmá maior para min, morreu de cancro aos 53 anos, no 2011. Para min sería unha falta de respecto ás lectoras e lectores, ao tema e ás personaxes, tratar a enfermidade sen a profundidade que require. Pero xa digo que son así para absolutamente todo, ata chegar a ler as transcricións de partidos da FIFA para desenvolver o personaxe de Aurora, que é xornalista de deportes.
Xa que falas diso, en Dende o conflito escribías as crónicas de guerra de Saínza e en As cousas que non queremos oír escribes as crónicas deportivas de Aurora. Aurora teno difícil para abrirse camiño nun sector masculinizado, frívolo e machista. A súa vida laboral, precaria, é máis representativa da realidade da vida da maioría das mulleres xornalistas que a de Saínza, mais, en calquera caso, dado que os dous libros son moi críticos co xornalismo hexemónico, supoño que as crónicas de guerra e deportivas que fas son as que che gustaría ler…
Penso que os de Saínza e Aurora son dous casos distintos. Saínza é moi consciente desde o principio da posición da mediación dos xornalistas e das implicacións que iso ten, e vai avanzando nun proceso cara ao xornalismo que ela considera que se debe facer. Aurora está máis marcada polas circunstancias, non parte dunha conciencia política, mais é a realidade a que lle fai ver o evidente: o machismo do mundo no que se move. Máis alá da precariedade, claro.
“Axudoume moito, co tema do xornalismo deportivo, a xornalista deportiva Noelia Román”
Axudoume moito, co tema do xornalismo deportivo, a xornalista deportiva que na actualidade traballa para a axencia DPA Noelia Román, mais as crónicas de Aurora non representan tanto o xornalismo que a min me gustaría poder ler como as de Saínza. As crónicas de Aurora representan máis o xornalismo que se fai, coa súa linguaxe específica, cos coñecementos que implica sobre cada deporte… Como che dicía antes, tamén lin as transcricións de partidos da FIFA… Foi un proceso complexo e incómodo para min, porque me obrigou a meterme en temas que non me atraían moito. Gústame facer deporte, pero tampouco seguía demasiado a prensa deportiva.
Aurora escríbelle cartas á súa amiga Saínza, que acabara saíndo da súa vida porque Aurora non fora quen de deixarlle espazo nela. Algo semellante pásalle co seu mozo Sven. E despois comeza unha relación con Braulio, un home que fagocita a súa vida. É como se fose fuxindo dos afectos que realmente lle importan. Por que?
Aurora ten un problema coa xestión dos afectos, que está na orixe do seu malestar con ela mesma. Porque as persoas que realmente nos queren son as que poden chegar a incomodarnos, son as que nos van dicir o que pensan, coas que creamos un espazo que implica vulnerabilidade mais tamén acollida. Aurora ten, como dicía antes, un conflito identitario.
“As persoas que realmente nos queren son as que poden chegar a incomodarnos, son as que nos van dicir o que pensan”
Non se sente ben consigo mesma e non quere ter persoas arredor que lle fagan de espello, que lle devolvan unha imaxe dela que ela non quere ver. Isto é consecuencia do seu alleamento, da súa incapacidade para aceptar certas partes da súa identidade. A través de mecanismos de ocupación do seu tempo afástase das persoas que poden producir nela procesos de cambio, porque eses procesos serían dolorosos.
Tanto Aurora como MK teñen unha relación moi complicada coas súas nais. En ambos casos, as fillas non cumpren o papel establecido socialmente para unha muller: casar, ter fillos, ter un traballo “decente”... Ambas son incapaces, porén, de rebelarse contra as nais, que as fan sentir culpables. Mais hai unha conversa de Aurora con Gaia na que esta lle di que quizais deben buscar, se hai afecto, puntos de encontro, e non tentar cambiarse mutuamente. As súas nais non deixan de ser produto dunha educación patriarcal, mulleres que non puideron escoller…
As nais son persoas, e xa a sociedade lles opón demasiadas culpabilidades como para que non entendamos iso, que son persoas. As relacións que temos coas demais persoas están marcadas por certas liñas, tamén de poder. Gaia di que, se a relación non é irresoluble, poden buscarse puntos de encontro desde o afecto, cando hai afecto, porque os lazos biolóxicos non implican que teña que habelo necesariamente.
“Gaia di que, se a relación non é irresoluble, poden buscarse puntos de encontro desde o afecto, cando hai afecto”
Un dos temas que trata o Ciclo dos Elementos é a familia, desde unha perspectiva de poñer en dúbida a estrutura de relacións da familia heteropatriarcal. Porque parece que todo o mundo ten que ser feliz dentro desa estrutura, que non poden construírse outras. MK consegue atopar puntos de encontro coa nai, a pesar das diferencias, e o que lle di Gaia a Aurora é que non debe tentar cambiar a nai á filla nin a filla á nai. O caso de Aurora é máis complicado porque a fractura é máis grande. Pero o que fai é construír outra familia, outra estrutura de afectos, fóra do marco heteropatriarcal. Os vínculos afectivos non teñen que estar baseados nos lazos de sangue.
MK ten unha relación cunha chantaxista emocional, Liv. Liv séntese rexeitada por MK por non facer pública a súa relación e, no fondo, pese a ser tan egoísta, supoño que teme perdela. Ás veces tamén lle di cousas que son certas, como que lle falta carácter. Liv é un personaxe co que non vamos identificarnos, pero si podemos tentar poñernos no seu lugar, sen xustificala: é filla dunha muller enganchada ás drogas, dependente emocional… A relación entre MK e Gaia é o contrario: igualitaria...
A relación de MK e Liv é moi malsá, marcada pola adicción ás drogas e tamén por algo moi importante ao que igual non se lle dá tanta relevancia na análise do libro: a raza. Eu non quería idealizar as relacións entre mulleres, que tamén poden estar marcadas por este tipo de problemas, polo que implica a socialización das mulleres desde unha perspectiva heteropatriarcal, malia seren lesbianas, por esa dimensión pasivo-agresiva que manifesta o personaxe de Liv…
"Eu non quería idealizar as relacións entre mulleres, que tamén poden estar marcadas polo que implica a socialización das mulleres desde unha perspectiva heteropatriarcal"
O que lle pasa a Liv é froito dunha acumulación de problemas: as drogas, unha determinada socialización e, como dicía, a raza. Porque a súa relación con MK estaba marcada pola desigualdade: ela era a branca e MK a negra. Pero despois a situación reverte, MK é unha cantante famosa, é quen pasa a ter o poder, contra o prognóstico racial predeterminado.
Por certo, que MK non di que estivo nunha relación abusiva ata o seguinte libro, As cousas que non queremos oír.
Por iso é polo que dicía ao principio que, se les o ciclo completo, tes unha visión distinta da historia que conta. É a maneira de ver a evolución dos personaxes. MK evoluciona ata conceptualizar o que lle estaba a pasar.
A avoa de MK era unha muller rebelde, contraria ao matrimonio concertado, que rexeitaba o sistema de castas e defendía a cultura támil. A nai, que representaría a xeración seguinte, asume o discurso colonial, tenta aculturarse ao chega a Escocia…, aínda que se vai decatando de que nunca a van tratar igual. Podes explicar as distintas posicións destas tres personaxes respecto ás consecuencias do colonialismo? Quero dicir, por que a avoa é máis “moderna” que a nai?
Ben, eu penso que iso tamén pode verse na historia de Galicia, non? Hai mulleres da xeración da Transición, educadas no franquismo, máis feministas, por exemplo, que mulleres da xeración posterior… En canto ás personaxes, ocorre que o proceso de descolonización da India foi moi complexo. Non se resume en Gandhi. Foi máis complicado.
“O proceso de descolonización da India foi moi complexo. Non se resume en Gandhi”
O que pasou en Tamil Nadu é moi diferente do que pasou, por exemplo, no norte. Unha parte deste proceso foi un movemento de mulleres que tentaron romper co sistema de castas, cos matrimonios forzados… A avoa de MK é produto dese tempo, o da loita pola independencia da India. Pero unha vez conseguida a independencia as cousas non foron como estas mulleres esperaban. Houbo un retroceso.
“Houbo un intento de crear unha “identidade india” que fagocitou outras identidades, que oculta o fundamentalismo relixioso hindú e que se apoia nunha visión do mundo patriarcal”
Houbo un intento de crear unha “identidade india” que fagocitou outras identidades, que oculta o fundamentalismo relixioso hindú e que se apoia nunha visión do mundo patriarcal. A nai de MK nace nunha India descolonizada, cun proceso de construción dun Estado que fagocita a diversidade relixiosa, nacional, que reforza o patriarcado… Pero na nai de Mk tamén hai unha experiencia migrante que lle fai espertar unha conciencia política. Porque por moito que tente ser unha máis, non deixa de ser un suxeito subalterno. Hai unha ruptura entre o que quere ser e o que acaba sendo.
Aurora vive un proceso de transformación física moi duro, ao longo do libro, que a leva a ter outro tipo de relación co seu propio corpo. Mais acompáñao outro proceso, no que ela aprende, dalgunha maneira, a facerse dona da súa vida, sen deixarse levar ou abandonar sen loitar polas cousas. Nese sentido, vive un proceso non tan oposto ao que vivira Saínza, aprendendo a ser máis autónoma, menos dependente emocionalmente… Cal é a conexión entre as dúas historias, nese sentido?
O problema de Saínza non era que fose dependente, non era algo así como unha cuestión de carácter. O problema é que hai un espazo do emocional no que ás mulleres se nos socializa dunha determinada maneira, e ela vai evolucionando para saír desa socialización. O que me interesaba sinalar en Dende o conflito é como, na esfera do privado, do íntimo, dos afectos e, por moito éxito profesional que teñamos, seguimos presas duns determinados moldes patriarcais que nos oprimen.
“O que me interesaba sinalar en Dende o conflito é como, na esfera do privado e, por moito éxito profesional que teñamos, seguimos presas duns determinados moldes patriarcais que nos oprimen”
Non é un problema de carácter, é un conflito creado por un determinado xeito de socializarnos. No caso de Aurora, non é só un problema de socialización. É o que falabamos antes: é a súa dificultade para xestionar os afectos. Aínda que os resultados sexan semellantes -a construción dunha estrutura de relacións afectivas situada fóra do convencional-, os procesos das dúas personaxes son diferentes. A cuestión é que, por moito que nos vendan a idea de que se temos un traballo xa temos a igualdade, a verdade é que iso non abonda para conseguir unha sociedade xusta para todas as persoas.
“Por moito que nos vendan a idea de que se temos un traballo xa temos a igualdade, a verdade é que non, que a igualdade non está conseguida”
Aurora non é quen de xestionar os seus afectos, limítase a deixarse levar, pero non só nas relacións de parella. Ten unha actitude pasivo-agresiva. Cando Saínza se atopa nunha situación semellante á de Aurora, o que fai é fuxir desa situación. Ten máis intelixencia emocional, máis recursos para saír. Mais o conflito máis grave que ten Aurora é pola ruptura da súa relación con Saínza: laméntase do que pasou, pero no momento non foi quen de facer nada para evitalo.
Aurora non atura o lercheo da aldea, o control social, o clasismo, o machismo... MK non quería marchar da súa aldea e da India, pero o racismo e a mentalidade colonial dos compañeiros, e da sociedade, lévana tamén quizais a sentirse inferior. E terá unha fase de reencontro coa súa lingua, co seu país... Gaia representa, supoño, o oposto a elas: ten moi clara a súa identidade, as relacións de poder entre as linguas, ou as vantaxes -e desvantaxes- da aldea, que nin demoniza nin idealiza. Mais interésanme máis as dúbidas e contradicións de Aurora e MK coa súa identidade, porque se cadra son máis representativas da complexidade de construción da identidade galega -ou de calquera identidade subalterna-...
En realidade, Aurora e MK representan posicións opostas en canto ao tema do descentramento, das identidades “periféricas”, aínda que non me gusta chamarlles así. Gaia ten máis ferramentas, tamén porque as foi desenvolvendo. É quen de ver moi ben as fracturas do poder, non acepta ningún tipo de desigualdade de poder e rebélase contra todas. Pero MK e Aurora son, respecto á identidade, personaxes antagónicos. MK fora desterrada da vida rural para ir á cidade, a outro país, e iso é a causa da súa perda de contacto coa súa lingua, do seu alleamento. No caso de Aurora é ao revés, vaise da cidade para volver para a aldea. Hai unha evidente desigualdade de poder entre o rural e a cidade no que a cidade ocupa o espazo de poder.
“Hai unha evidente desigualdade de poder entre o rural e a cidade no que a cidade ocupa o espazo de poder”
Pero MK e Aurora adoptan unha posición diferente neste contexto. MK bota en falta o espazo desprestixiado, o rural, co que se identifica. Está noutro país no que ninguén sabe nada do seu, non entenden de onde vén… pero ela non rexeita o rural, que é o que fai Aurora, que quere estar na posición de poder, do lado da cidade. Aurora quere pertencer á hexemonía e non dá, o cal lle causa un conflito irresoluble.
“Aurora quere pertencer á hexemonía e non dá, o cal lle causa un conflito irresoluble”
MK non quere deixar de ser quen é. Non quere ser branca, pese ao racismo imperante. Pero Aurora si quere estar do lado do poder: na aldea só ve xente bruta, inculta. MK ten un desarraigo accidental, froito dunha decisión de seus pais, pero non ten un conflito identitario de orixe. O seu conflito vén a posteriori, porque o seu vínculo coa súa orixe queda roto, queda rota a conexión. A súa fractura é involuntaria. Aurora, en cambio, quere a fractura, entón é moi difícil.
Nun momento, Aurora é acosada por un compañeiro de traballo. Unha compañeira, Rosa, sobrevivente dun cancro, non pode crer que Aurora rexeite ese rapaz, o príncipe azul da oficina, estando como está. Como se el lle estivese a facer un favor. Máis alá do tema do acoso, é unha das partes da novela que levan máis ao tema da relación das mulleres enfermas de cancro co seu corpo, as expectativas sociais sobre o seu comportamento…
Si, no libro está moi presente iso, o corpo e a nosa relación co corpo, que no caso de Aurora ten que ver coa súa relación co deporte e coa enfermidade. A enfermidade pon en cuestión a relación que ela tiña co seu corpo, establecida máis que nada a través do deporte. Mais si, o cancro de mama ten consecuencias en canto á túa propia autopercepción como muller, ao teu atractivo…, e iso vén dado, claro, por cuestións que van máis alá da enfermidade, pola socialización heteropatriarcal.
“Cada muller ten as súas circunstancias e experiencias, por iso non ten sentido ese discurso de lacitos rosa e mulleres loitadoras…”
Pero, máis alá diso, é o que dicía antes: cada muller ten as súas circunstancias, e iso vai ser fonte de encontros e desencontros. Non tes que entenderte, necesariamente, con outra muller polo feito de que ela tamén tivese cancro. É o que lles pasa a Rosa e Aurora. E eu tampouco quería idealizar nada aí. Aurora atopa puntos de encontro con Rosa, pero tamén teñen perspectivas moi diferentes en moitas cousas, e unha delas é o que citas. Cada muller ten as súas circunstancias e experiencias, por iso non ten sentido ese discurso de lacitos rosa e mulleres loitadoras…
Falabamos disto un pouco antes, ao citar o personaxe de Liv, que ten nexos co da nai de Aurora: son dúas chantaxistas emocionais de libro. Mais, sen xustificalas, e aínda que nos caian moi mal, podemos chegar a entender a posición da que parten… En varias das novelas galegas que lin ultimamente, hai personaxes femininas odiosas, que chegan a facer moito dano, pero que entendes tamén que son froito dunha educación, moitas veces franquista...
Creo que o problema destas personaxes é o discurso literario patriarcal que as rodea. En xeral, as mulleres malas nas novelas patriarcais están aí para xustificar o malas que somos as mulleres en xeral -como contraposición tamén á súa outra cara, a “muller santa” -mai, amante, moza fiel, etc.--. A literatura patriarcal tennos afeitas a personaxes femininas planas e no meu caso o que busco é a complexidade. Na literatura patriarcal só aos homes se lles concede o dereito a entender as súas motivacións.
"As mulleres malas nas novelas patriarcais están aí para xustificar o malas que somos as mulleres en xeral"
Por desgraza, o efecto de todo isto é que logo cando chegamos as autoras feministas coas nosas personaxes hai quen as considera “irreais” simplemente porque nunca as viron representadas e non forman parte do imaxinario colectivo. De aí a importancia de que a escrita feminista se faga máis presente e represente un mundo visto dende outra óptica no que as mais non son malas por defecto e onde algunhas mulleres nos poden resultar odiosas, pero entendemos o que fan, e onde pode haber, como na vida real, unha maioría de mulleres que tiran para adiante e se rebelan en circunstancias moi adversas.
Aurora e a protagonista de Corredora teñen algo en común: a paixón por correr. Genet corre por todas as nenas etíopes invisibles coma ela, que son grandes deportistas e que non quixeron seguir o camiño marcado, senón escoller un camiño propio. De que maneira representa Genet esas nenas etíopes?
Genet e Aurora teñen iso en común, si. Penso que é moi importante para as mulleres ter un espazo de apropiación do seu corpo, desde o que se animen a experimentar con el, a coñecelo… E o deporte -non falo do de competición, ese está cheo de conflitos que non vou debullar agora- pode ser ese espazo. Para min, iso é algo con repercusións políticas: ten que ver coa percepción sobre as nosas capacidades, a superación… No caso do personaxe de Genet, apoieime tamén na miña experiencia na convivencia con nenas e mulleres en Etiopía. É un personaxe de ficción, pero recolle o que aprendín con esas nenas que queren correr, e que nos negamos a ver porque vivimos na óptica da colonización na que en occidente somos as salvadoras e no resto do mundo as que teñen que ser salvadas.
"Vivimos na óptica da colonización na que en occidente somos as salvadoras e no resto do mundo as que teñen que ser salvadas"
De que maneira quixeches tamén falar dunha tradición na que se buscan atletas no rural e nos barrios empobrecidos das cidades?
En Etiopía o atletismo é como aquí o fútbol. É unha posibilidade, unha posible saída laboral. Coma aquí, hai nenos e nenas que tentan entrar nas canteiras dos clubes. E hai avistadores, buscadores de talentos, que buscan no rural e nos barrios empobrecidos, si. É unha tradición distinta á de aquí, nese sentido.
A dúbida é un libro sobre a pederastia, sobre a violación de nenas e as redes de poder que pode haber arredor delas. Como xorde? Ten relación con algún caso particular? Penso que non é un tema moi tratado na literatura galega: ocórreseme un libro de María Xosé Queizán, outro de Fina Casalderrey e Francisco Castro…
Depende de como mires. O que pasa é que o tema normalmente está tratado desde o punto de vista do agresor, entón ás veces nin nos decatamos de que nos están a relatar un caso de abusos sexuais a menores. Pero se mudamos a mirada, vemos que aparece na literatura moito máis do que pensamos. E se fixeramos así non habería tanta normalización da cultura da violación a menores…
O libro é tamén é a historia de como unha muller vai abrindo os ollos despois de que deteñan o seu marido por pederastia. Dalgunha maneira, penso que esta personaxe adoptara unha actitude semellante á de Aurora con Braulio: deixarse levar, deixar que fagocitase a súa vida. En que se parecen estas dúas personaxes?
O libro é máis ben unha reflexión sobre a “normalidade”. Sobre como unha persoa que ten unha relación “normal”, unha vida “normal”, cun traballo, un marido, se pon a investigar e deixa de aceptar o que considerara “normal”. O que quería dicir é que a normalidade é o problema e, ao tempo, que non fai falla ser “extraordinaria” para intervir e deixar de mirar para outro lado. Todas temos ferramentas para a rebelión do día a día. No caso de Deli, por exemplo, a súa mente matemática convértese en ferramenta para investigar.
O libro denuncia tamén a maneira no que non só os poderosos que temen saír prexudicados, senón o sistema xudicial e a propia sociedade moitas veces dálle as costas ás nenas que se atreven a denunciar un adulto.
Porque é tal a normalización da violencia sexual que o “normal” é que a sociedade se poña do lado do agresor. Esas nenas que se atreven a denunciar o agresor son heroínas. E eu creo que a violencia máis grande é darlles as costas, poñer en dúbida o que din. Primeiro, a negación, e despois a dúbida. Penso que é a primeira violencia. A UE di que un/a de cada cinco menores é vítima de violencia sexual. Xa só por estatística, deberíase pensar, ante unha denuncia, que a nena non o está inventando. Se alguén di que lle roubaron o coche, ninguén pensa que o inventou.
"É tal a normalización da violencia sexual que o “normal” é que a sociedade se poña do lado do agresor"
Só aparece a dúbida nos casos de violencia de xénero, de violación de menores… E logo hai cousas que aínda pesan moito: o estereotipo da Lolita, a crenza de que é unha cuestión privada na que non hai que meterse… Na miña novela aínda hai unha certa benevolencia cara ao poder xudicial que na realidade non adoita ser así. Saen casos á luz en que obrigan a nais separadas e enviar cos pais as fillas que foron abusadas. Prevalecen os dereitos dos pais sobre as súas fillas ao dereito das fillas a seren protexidas do abuso. É aberrante.
Agora estase a falar, por certo, da necesidade de mudar unha lei que distinguía entre abuso sexual e violación como se violar menores -precisamente- non fose iso, unha violación. O famoso artigo do “abuso sexual” parece estar pensado, ademais, para este tipo de casos, sen ter en conta que o normal, cando a vítima é menor, é que non opoña resistencia ningunha, polo que non fai falla “violencia” adicional ao do feito violento en si da violación.
Penso que o explica ben James Rhodes: a min violáronme, di. Ademais, rompéronlle ósos… En fin. É algo que me produce moita ira. A desigualdade de poder entre un/ha menor e un adulto é moi grande de seu. En xeral, os agresores funcionan -polo menos inicialmente- mediante a manipulación e a chantaxe: non o contes porque ninguén te vai crer, se o contas vaiche pasar tal cousa… E penso que, se algo de bo tivo o de La Manada, foi poñer isto sobre o debate. Que é iso do “abuso sexual”? Mais non é só un problema do que diga a lei. É que está todo tan mal feito… Non hai recursos, non hai protocolos de actuación… Unha nena grava o seu agresor e un mes despois segue sen protección. Pero como é posible?
"A desigualdade de poder entre un/ha menor e un adulto é moi grande de seu. En xeral, os agresores funcionan -polo menos inicialmente- mediante a manipulación e a chantaxe"
Estaba a pensar en máis literatura que trate o tema. Ocórreseme A cabeza de Medusa de Marilar Aleixandre, que se non lembro mal fala do cuestionamento social da vítima, e Faneca brava de Manolo Portas, no que creo que o tío violaba a sobriña, mentres a avoa miraba para outro lado. Falabamos antes de mulleres educadas no machismo que podían chegar a facer cousas terribles...
A ver, eu creo que hai que ter coidado con iso. Focalizar a atención nas excepcións o que fai é contribuír a estender o estereotipo. Se houbese moitas novelas que falen do tema da violación de menores e nalgunha houbese unha muller cómplice, pois vale. Pero se hai poucas, e resulta que a culpa tena unha muller, pois estamos reforzando o estereotipo da muller como peor inimiga da muller, ademais de faltar á verdade da realidade social. Na maioría dos casos, son as nais as únicas que apoian as nenas. E aínda así hai que ter en conta que hai nais sometidas a relacións de dominio, maltratadas e violadas tamén elas…
"Focalizar a atención nas excepcións o que fai é contribuír a estender o estereotipo"
Pero se as mulleres saen adiante, é polo apoio doutras mulleres. Iso é a norma. Focalizar a atención nas excepcións non axuda. E ten que ver co que falabamos antes do estereotipo da nai: a nai maligna, a supernai… Estereotipos aos que os personaxes masculinos non están sometidos. A realidade é que a violencia sexual contra as/os menores está normalizada, que as nenas que denuncian están desprotexidas. Pero iso non é o que di o relato cultural, que fala de nenas provocadoras e nais encubridoras. E dese relato son os agresores os que se benefician.