O Resurrection Fest reúne todos os anos ao redor de 90 mil persoas nas súas catro xornadas, cun máximo de 30 mil asistentes nos seus días de maior afluencia. Na súa edición número 13 o Concello de Viveiro porá en marcha un protocolo para evitar agresións sexuais a mulleres, unha política que festivais de toda Europa están poñendo en marcha. Cómpre salientar, iso si, que o evento non rexistrou ningunha denuncia de agresión sexual nas doce edicións celebradas ata agora. E búscase que non haxa motivos para estas denuncias.
Haberá carteis con información, puntos de referencia aos que acudir e formación específica para a Policía Local
Entre outras medidas, o Concello difundirá carteis con informacións e recomendacións, establecerá puntos de referencia aos que acudir en caso de que se produza algún tipo de agresión ou situación de acoso e, ademais, levará a cabo unha formación específica nesta cuestión para os axentes da Policía Local. O festival comezará o vindeiro 11 de xullo, rematando o sábado 14 de xullo, con Kiss, Scorpions, Prophets of Death, Stone Sour, Ghost ou Megadeth como nomes máis destacados.
O pasado ano o festival sueco Bråvalla anunciou a suspensión da súa edición 2018, despois de rexistrar 23 agresións sexuais na súa edición do pasado verán. En paralelo abriuse un gran debate en moitos dos grandes festivais do continente e varios deles comezaron a aplicar protocolos para evitar violacións e acosos. Citas coma o BBK Live, o Sónar ou o Primavera Sound de Barcelona xa o fixeron. En concreto, o Primavera sumouse á iniciativa "No Callem" posta en marcha polo Goberno municipal da capital catalá, instalando un stand informativo e de atención no recinto do fextival e implementando persoal itinerante en tarefas de información e detección de posibles casos.
