O Festival de Cine de Ourense non se celebrará este ano polo atraso do Concello en aplicar a Lei de Contratos

O pasado ano ao redor de 7.500 persoas asistiron ás distintas sesións e actividades do festival © OUFF

O Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF) non se celebrará este ano. O certame, que botou a andar no 1996, consolidouse nas 22 edicións realizadas neste tempo como unha das máis importantes citas cinéfilas de todo o Estado. Porén, o atraso do Concello de Ourense á hora de aplicar a nova Lei de Contratos, en vigor dende o pasado mes de marzo, provocou que o festival quede sen tempo para a organización do certame nas súas datas habituais (o mes de outubro).

O equipo que nos últimos anos se vén ocupando da xestión do festival, comandado por Fran Gayo como director e Analía G. Alonso como produtora executiva, levaba xa varios meses traballando nos contidos da 23ª edición, que xa contaba con tres retrospectivas confirmadas, algún do integrantes do xurado, o premio Cidade de Ourense, un novo regulamento e unha restruturación dos galardóns e unha serie de filmes confirmados para o concurso e tamén para as seccións non competitivas. Porén, semella moi complicado que todo isto se poida completar antes de que remate o ano.

A norma entrou en vigor en marzo, pero o Goberno municipal non licitou ata agora o concurso, aínda sen bases. Convocarase en setembro e resolverase en novembro, sen tempo para a organización do certame neste 2018

En marzo entrou en vigor a nova normativa que regula as contratacións públicas (aprobada o pasado mes de novembro), e que obriga á convocatoria dun concurso para a contratación do equipo xestor do festival. Porén, dende o Concello agardouse ata agora para licitar o concurso, que aínda debe redactar e aprobar as súas bases. Isto adiará a convocatoria do propio concurso ata o mes de setembro, que non se podería resolver antes de finais de novembro. A partir de aí o novo equipo podería comezar a traballar no deseño do festival que, polo tanto, non se poderá celebrar neste 2018.

Fran Gayo e Analía G. Alonso publicaron este martes un comunicado moi crítico coa maneira na que o Concello de Ourense xestionou esta situación. Sinalan, por exemplo, que souberon "do anuncio de licitación polos medios de comunicación" e engaden que foi "unha decisión unilateral" por parte do Concello. No texto subliñan a súa "perplexidade e decepción ante o xeito descoidado en que as cousas se foron sucedendo" e lembran que "a Lei de Contratos entrou en vigor o 8 de marzo". "É dicir, ou ben o seu contido non foi estudado en profundidade ata dous meses despois desa data ou ben deixóusenos traballar sen desvelar as consecuencias que tería na contratación do equipo", din.

O pasado mes de febreiro o equipo do festival presentou a súa renuncia a continuar neste ano 2018 debido a unha grave situación de impagos por parte do Concello de Ourense a diferentes provedores, membros do equipo do OUFF e a varias das películas premiadas. Estes problemas engadíanse a outros que tiveran lugar nos meses previos á edición 2017, e que tiveran como consecuencia a caída de varios patrocinadores. Porén, dende o Concello de Ourense comunicouse o compromiso de resolver os pagos pendentes (algo que si se fixo) e as restantes eivas denunciadas. É por iso que o equipo decidiu retomar o seu traballo para a organización da edición 2018.

"Ou ben o contido da Lei non foi estudado en profundidade ou ben deixóusenos traballar sen desvelar as consecuencias que tería na contratación do equipo", denuncia os traballadores

A comezos de maio, dende o Concello sinálanse os problemas que poden xurdir pola aplicación da nova Lei de Contratos e informan que, se ben o director do Festival podería ser contratado directamente, o resto dos traballadores non poderían continuar. Despois de varias xuntanzas e de explorar outras posibilidades, o Concello de Ourense adoptou finalmente a decisión de licitar o concurso para a organización do OUFF, pero sen comunicarllo ao equipo que veu xestionando o festival nos dous últimos anos. Os traballadores denuncian que esta situación lles prexudica notablemente: "É o noso oficio, o que nos dá para comer, e este tipo de manobras aféctannos moi seriamente. Comprometerse co OUFF implica bloquear as nosas axendas de traballo por varios meses, nalgúns casos por máis da segunda metade do ano". Unhas previsións que agora quedan desbaratadas.

Esta situación engádese a unha longa serie de desencontros entre o equipo do OUFF e a Concellería de Cultura da cidade de Ourense. Tamén se compara co conflito vivido na Banda de Música municipal, aínda non resolto. A Banda ofreceu o seu último concerto no verán de 2015; dende entón, o Concello lanzou dúas convocatorias públicas, sen éxito, e agora prepara unha terceira.

 

22 anos de OUFF

A cita, que suma 22 edicións, reuniu 7.500 persoas nas sesións e actividades programadas o pasado mes de outubro

O Festival Internacional de Cine de Ourense comezou a celebrarse en 1996. O pasado ano proxectáronse 77 filmes e nas súas sesións (e outras actividades programadas) participaron unhas 7.500 persoas. A aposta polo cinema iberoamericano de autor consolidou a cita ourensá entre os máis importantes festivais que todos os anos se celebran no Estado Español. Destaca tamén o seu compromiso co audiovisual galego e, de feito, no 2017 os filmes de apertura e clausura foron galegos e máis de 2.500 persoas viron cine producido no país, coa preestrea de Trinta lumes (Diana Toucedo), a presentación das primeiras imaxes de Aquilo que arde (Oliver Laxe) ou a estrea en Galicia de Dhogs (Andrés Goteira).

Cómpre salientar, igualmente, a celebración do III Encontro Profesional de Coprodución Portugal-Galicia ou a organización de Áncora, un espazo para apoiar longametraxes galego-portuguesas. Así mesmo, dende hai anos vén realizándose OUFF Escola, un certame escolar que no 2017 recibiu 77 curtametraxes nas que participaron ao redor de dous mil rapaces e rapazas de centros de ensino de toda Galicia.

 

Fran Gayo, director artístico do OUFF © OUFF
Diana Toucedo, na edición 2017 do Festival de Cine de Ourense © OUFF
OUFF Escola é outra das actividades centrais do certame © OUFF

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.