Dende o pasado xoves a Escola Oficial de Idiomas de Viveiro leva o nome de Luz Pozo Garza (Ribadeo, 1922), converténdose na primeira EOI de toda Galicia con nome de muller. O cambio responde a unha iniciativa lanzada hai uns meses polo Observatorio da Mariña pola Igualdade, a campaña #NomearmosEnLila. A propia Luz Pozo estivo en Viveiro para asistir ao acto de cambio de nome do centro.
O obxectivo de #NomearmosEnLila é corrixir o tremendo desequilibrio de xénero existente nos centros de ensino e outros edificios públicos da Mariña lucense. Así, de entre 46 centros de ensino públicos existentes, A Mariña conta agora con tan só dous centros educativos con nome de muller. "Entendemos que é de xustiza visibilizar a participación das mulleres na sociedade da que formamos parte", destaca o Observatorio, que destaca que "o paso dado pola EOI de Viveiro, agora EOI de Viveiro Luz Pozo Garza" constitúe "un magnífico exemplo para outras institucións académicas e Escolas de Idiomas do país e que sitúa á EOI de Viveiro na vangarda do feminismo na educación, guiando á xente moza nos camiños da igualdade real entre mulleres e homes".
O proxecto naceu no mes de novembro, coincidindo coa campaña para o cambio de nome do CEIP Antonio Pedrosa Latas de Celeiro. Á vista desta e doutras iniciativas de cambio de nome de centros escolares da Mariña, o Observatorio pola Igualdade comezou a desenvolver accións para pular porque os novos nomes escollidos foran nomes de muller.
Nunha primeira fase a campaña céntrase nos centros de ensino "pois pensamos que a escolla de nomes femininos para os centros servirá de referente e modelo para as rapazas e rapaces que estudan no centro e tamén para toda a comunidade da contorna". "A visibilización das mulleres e das nosas achegas á sociedade é algo prioritario e de xustiza no ámbito da educación, non só analizando o valor coeducativo da iniciativa, senón tamén porque a educación foi e é un terreo intensamente feminizado", destacan. Ata esta semana tan só o IES María Sarmiento de Viveiro tiña unha muller no seu nome. A campaña fai especial fincapé naqueles centros públicos que levan por nome a localidade na que se ubican, nos centros que teñen un nome relixioso e nos centros co engadido “Número 1”, que polo de agora non recoñecen a persoa ningunha na súa denominación. No caso dos centros que desexen manter o nome da localidade, o Observatorio propuxo que o nome feminino vaia a continuación do topónimo.