0 Gardados para despois

Mercedes Peón: "Hai que construír o mundo desde outro lugar, fóra do imaxinario colonial e de todos os binarismos"

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


"Procuro colocarme en lugares non céntricos. Eses lugares permíteme ver con outra perspectiva. Mudo o espazo, conceptualizo e compoño dende aí". Iso di Mercedes Peón do seu propio traballo. E podería ser un bo xeito de explicar, en poucas palabras, o que é o seu novo disco, Déixaas. Déixaas voar. Deixa que se expresen. Non vampirices a súa música cos teus prexuízos androcéntricos, coloniais ou binaristas. Déixaas non sería posible sen toda a investigación que Peón leva facendo desde os 13 anos, cando comezou a facer recollas polas aldeas, tras a primeira vez que quedou prendada pola forza telúrica da música das pandeireteiras. Sen a súa reflexión sobre as fantasías patriarcais que latexan aínda na construción actual do imaxinario tradicional galego. Sen a procura do seu propio son, e sen a súa evolución desde Sós, o seu anterior disco. Cada minuto de cada tema de Déixaas é resultado dun laborioso traballo de micro composición, inzado de detalles. Un traballo electroacústico no que, nunha soa canción, pode haber até 75 sons. Mais todo flúe. Encaixa. Irradiando unha enerxía imparable. Falamos con ela. 

O disco é, xa o explicaches, o resultado dunha investigación, non dun proxecto para editar un disco. A visita a Navantia buscando, segundo dixeches, provocarte emocións, foi só un elemento máis dun proceso longo: de 8 anos, desde o último disco, e supoño que de antes. Como foi ese proceso?

Andei, durante moito tempo, á procura do meu propio son. Estiven 25 anos facendo recollas. Ao comezo era un querer saber: estaba en contacto con aquilo que sentía que era meu, pero que realmente descoñecía... Despois tamén comezou a haber persoas que solicitaban a miña colaboración nos seus proxectos como vocalista, compositora ou letrista… Eu tiña o son de todas nós, de todos nós pero, como che dicía, non tiña o meu propio. Non lle vía sentido a sacar un disco ata que rematei co que me tiña entretida e pensaba que era o apropiado. Despois de recoller polas aldeas e colaborar con moitísima xente decidín gravar o meu propio disco porque tiña a necesidade de plasmar desde a miña visión a música que comezaba a emerxer con toda a potencia do meu propio son.

“Eu tiña o son de todas nós, de todos nós pero, como che dicía, non tiña o meu propio"

Podía optar pola performance, por imitar aquel son, esa fala de creación colectiva que temos, ou buscar outro camiño. Eu quería esa enerxía telúrica, esa potencia, mais non quería tratalas desde o punto de vista “puro”, -para min a pureza non existe desde o momento que ti o fas en solitario-, e o meu posicionamento afastábame tamén da “música celta”, que é un construto. Botaba en falta un punto de vista industrial, que se puidese transmitir polos aparatos de verificación. Comecei a investigar a zanfona, a gaita, o yembe… De aí viñeron Isué, Non me mires e Elelé. Foi un proceso de busca, de ensimismamento, de colocarme nun transo…

“Despois de Sós planteeime se seguir sacando discos. Porque non quería repetir fórmulas”

Neste primeiro disco, Isué, quedou plasmado un tipo de investigación onde melodía, letra e arranxos están tratados sen ningún tipo de prexuízo, desde a nosa idiosincrasia, algúns desde un punto de vista máis metafísico -Marabilla, Sombra é luz-, cun posicionamento sociopolítico máis global… A investigación electrónica vocal levoume aos outros discos, pero despois de Sós pregunteime se seguir sacando discos. Porque non quería repetir fórmulas.

"Por que me ía intemperiar -como dicía Xela Arias-, por que ía volver subir ao escenario, para facer o mesmo?"

No Sihá hai certos temas que a min colócanme nun transo inmediatamente. Fórmulas que teñen que ver cun tipo de tratamento da voz, con poliritmias ternarias… Pero non quería volver facer o mesmo. Por que me ía intemperiar -como dicía Xela Arias-, por que ía volver subir ao escenario, para facer o mesmo?. Porque, se a xente ía seguir vindo verme, tiña que achegarlle algo. Por iso tiña que facer algo que tivese un senso de investigación, que me colocase noutro sitio. Pois estiven moito tempo investigando, ata que atopei a metáfora…

A metáfora do portaavións en Navantia. En que consiste esa metáfora?

Nacemos en lugares, en momentos, onde os acordos están xa establecidos. Desde que aprendemos a falar xa nos din cal é o noso lugar, xa nos marcan uns obxectivos, que facemos nosos. O buque é un lugar onde acontecen cousas paralelas, en dimensións distintas, que podemos ver segundo os acordos mentais que teñamos. Alguén pode estar traballando alí, por exemplo, cunha grande preocupación polas persoas que foron despedidas, pode loitar para que volvan… Da mesma maneira, podes pensar que estás a construír un buque de guerra -é un portaavións-, ou un buque que lle dará electricidade a un hospital nunha cidade bombardeada… Cadaquén interpretará segundo os seus acordos.

“Nacemos en lugares, en momentos, onde os acordos están xa establecidos. Desde que aprendemos a falar xa nos din cal é o noso lugar, xa nos marcan uns obxectivos, que facemos nosos”

A miña experiencia alí foi marabillosa. Estiven alí unha primeira vez, hai xa cinco anos, e despois volvín para gravar o videoclip de Déixaas. O lugar é arquitectonicamente impresionante. E, desde o punto de vista humano, era xente coa que vibrábamos. Estabamos en Ferrol, pero podería trasladarse a calquera outra cidade: os acordos que creamos. E eu, tamén como personaxe artística, e con toda a modestia, teño que cuestionarme a min mesma, cuestionar os meus acordos.

Hai alí máquinas de 50 anos… E vós facedes percursión con todo: o voso corpo faise un coa estrutura…

A máquina que sae no clip de Déixaas é impresionante. Tronza o metal. Eu mirábaa abraiada. E penso que Alberto Castaño, que fixo o vídeo, recolleu moi ben esas sensacións. O operario poñíanos a funcionar as máquinas, que nós viamos cun valor estético novo para a xente que traballaba alí. Penso que para eles tamén foi gratificante porque colocamos o foco de atención noutro lugar…

“A máquina que sae no clip de Déixaas é impresionante. Tronza o metal. Eu mirábaa abraiada”

Unha cousa interesante tamén é que alí non hai unha cadea de traballo mecánico. O traballo alí precisa reflexión, ensimismamento… Dise que en Galicia non hai industria, pero alí estaba traballando un equipo cunha formación incrible, desde os torneiros aos enxeñeiros e enxeñeiras... Estabamos no angar onde se facía o portaavións e a verdade é que parecía incrible que aquela estrutura tan enorme puidese chegar a flotar…  E, respecto á música, eu gravaba os sons metálicos que, despois, claro, converto noutra cousa: pásoos ao ordenador, córtoos, traballo con anacos, transfórmoos…

Xa que falas diso, penso que se algo caracteriza cada tema é a, non sei se chamarlle densidade. Múltiples detalles en cada minuto. Que me fan pensar nun traballo artesanal, hiperminucioso, aínda que se faga por ordenador: escoller, cortar, unir, fusionar…

Ten en conta que cada tema pode levar 50 sons, ou 75… Podía escoller 10, metelos no ordenador e buscarlles un camiño para facerse unha canción ou un espazo sonoro por eles sós. Sempre digo que a electrónica é unha ferramenta marabillosa. Non podería chegar onde chego coas cancións se non tivese esa ferramenta. Pero tampouco sei o que vai pasar: se cadra máis adiante decido volver a algo como o que é o último tema do disco: só piano e voz. Non podo sabelo. En calquera caso, teño que dicir que foi un proceso apaixonante, sobre todo nos últimos cinco anos -nos tres anteriores estiven coa xira de Sós-. Tamén polas compañeiras que teño. Non teño palabras…

Mónica de Nut e Ana Fernández. De Ana, teño que dicir que sei menos...

Ademais do que ti definiches ben como densidade, eu busco volumes. En cada estadio acontecen accións distintas, con elementos distintos… Iso pódenos levar tamén a pensar que o tempo non existe, que no mesmo instante conflúen cousas diferentes que están acontecendo… Pero ao que iamos: eu precisaba unha pandereteira con coñecementos musicais amplos. Ana xa tocara comigo, fora alumna miña, e entende o meu compás, como transito dun lugar a outro… Era a persoa axeitada para este proxecto.

“Síntome moi agasallada por ter comigo as dúas, a Ana e a Mónica”

Canto a Mónica, foi convocada por varias razóns. A súa enerxía é unha delas.Ten unha entidade creativa brutal e unha formación que teñen moi poucas persoas. Ademais, a súa transgresión do que denominamos música contemporánea e experimental… Síntome moi agasallada por ter comigo as dúas, a Ana e a Mónica. Mónica é a encargada de levar a escena as liñas de baixos a través dos sintetizadores, e ademais é pianista, polo que non podía haber persoa mellor… 

Falabamos ao principio de cando comezaches a facer recollas. Sempre contas como, con 13 anos, te encontraches con aquelas mulleres de Bergantiños tocando unha ribeirana e foi totalmente impactante para ti. De que maneira che fixeron repensar o teu propio concepto sobre a música tradicional?

O primeiro que me fixeron cuestionarme foi a miña representación como rapaza. Ás veces a crítica musical fala de puntos de inflexión na miña carreira e eu creo que o único punto de inflexión foi este, aquel encontro coa enerxía tremenda daquelas mulleres. Elas eran o centro. Elas tocaban e os señores que estaban alí puxéronse a bailar. Pero penso que nin ten sentido falar de liderado. É máis ben un eu fago porque eu podo e porque eu son.

"Ás veces a crítica musical fala de puntos de inflexión na miña carreira e eu creo que o único punto de inflexión foi este, aquel encontro coa enerxía tremenda daquelas mulleres"

Elas non precisaban decapar nada pero eu si, porque tiña fantasías de aceptación, tiña representacións sobre como podía ser ou non ser a música tradicional. Unhas representacións que foran construídas, que os medios de comunicación reproducían, e que eran, en canto a xénero e outras cuestións, o contrario do que eu estaba a ver naquelas mulleres e homes. Por iso digo que foi un punto de inflexión. Porque a certeza naceu alí.

E de onde naceu a deturpación? Falaba hai pouco con Xabier Díaz disto: un folclore que escolle, en nome da tradición, reproducir modelos patriarcais: que as mulleres non poden sacar o punto, por exemplo… Mais sobre iso tamén hai un debate, tamén se está a revisar, hai xente que está a facer autocrítica...

A deturpación acontece cando nun lugar onde hai acordos distintos, onde os roles non se exercen con violencia e todo muta, recóllese e represéntase, en base a subxectividades da man de persoas que chegamos á aldea, dende ese punto de vista colonial, e é levado a un mundo do capital onde a deportivización do folclore está instalada nas nosas cidades. Eu teño unhas 2.000 cintas gravadas e sei que esa subxectividade non é certa. As mulleres sacan puntos, non están en segundo plano, non levantan máis os brazos os homes…

"A deturpación acontece cando nun lugar onde hai acordos distintos, onde os roles non se exercen con violencia e todo muta, recóllese e represéntase, en base a subxectividades da man de persoas que chegamos á aldea, dende ese punto de vista colonial"

No ensino, houbo esa deportivización: o folclore é tratado como un deporte e de feito faise competición. Había que formar filas, ir todos vestidos igual… Galicia non foi allea ás influencias que veñen do século XVIII e do XIX, do romanticismo relacionado coa construción nacional: por exemplo, a imaxe do gaiteiro viril, nunha representación fálica… E con iso viña un elitismo: considerábase que o gaiteiro dos grupos folclóricos era o que “sabía música” e que as que cantaban e tocaban a pandeireta “non sabían música”.

No mesmo grupo entraban os gaiteiros ou gaiteiras das aldeas que tocaban distinto ao establecido, sen cinguirse a grupos de 4 compases, improvisando, etc. Beatriz Busto fixo un estudo sobre como se representaba a través do NO-DO as mulleres galegas: doces, submisas… que pouco tiñan que ver coa muller real que collía o sacho… Despois, no século XX, veu a deportivización da que falaba. Nos 80 aconteceu o que eu chamo a revolución das pandereteiras.

“Nos 80 veu o que eu chamo a revolución das pandereteiras”

E grazas ás persoas do folclore, quedou plasmada unha linguaxe, unha fala que é nosa e que chega hoxe ata nós, polo que eu teño que falar deles e delas con todo o cariño. Mais gustaríame que as representacións sociais que se fan non estivesen guiadas pola fantasía androcéntrica, por fantasías que aceptamos sen cuestionamento. A subxectividade pola que se optou é violenta nese sentido, naceu a mediados do século XIX, pero o problema é que se tomou como a única real. Na época na que eu facía recollas había unhas 3.000 pandereteiras. Entón, como non vai haber mulleres compositoras? Son representacións sociais que arrastramos ata hoxe. E non vou dicir que Galicia estea mal nese sentido porque hai moitas mulleres na música. Pero é que eran consideradas tocadoras, non creadoras....

"Gustaríame que as representacións sociais que se fan non estivesen guiadas pola fantasía androcéntrica, por fantasías que aceptamos sen cuestionamento"

Iso lémbrame algo que di outra muller con moita enerxía: Sés. Primeiro dicía que ela non era cantante, que era cantareira. A última vez, explicoume que tiña que deixar de definirse como cantareira, que ela é música porque fai as súas propias cancións. Que se fose home dirían dela que é músico, pero que como é muller din que é cantante. Non compositora, quero dicir.

Ata creo que na RAG non existe o termo música como calificativo dunha muller que fai música, só existe músico. A min iso agora non me pasa pero si, enténdoo. O que acontece, no androcentrismo global no que vivimos, é que cando algo chama a atención, os que teñen o poder aprovéitanse de calquera cousa que consideren subalterna, e os que teñen o poder son homes. E, en relación con iso, creo que hai algo importante.

"O que acontece, no androcentrismo global no que vivimos, é que cando algo chama a atención, os que teñen o poder aprovéitanse de calquera cousa que consideren subalterna"

Non fai falta que elevemos as pandeireteiras porque o que fan xa é perfecto. Esa tradición creada colectivamente xa é perfecta. Se algo quedou estático é porque lle valeu así á comunidade durante centos de anos. Penso que a nosa actitude debe ser estar agradecidos, agradecer a beleza, a enerxía, a conexión telúrica que só se pode encarnar desde o seu contexto, desde a creación colectiva. E penso que Sés, por certo, si está agradecida de ter esa sabedoría encarnada, alén de ser unha música con grande talento que nos agasalla coa súa presenza no panorama musical, aínda por riba cunha representación social libre de estereotipos hexemónicos.

“Non fai falta que elevemos as pandeireteiras porque o que fan xa é perfecto”

Estas reflexións lévannos directamente a Déixaas, a primeira canción do disco. A letra di: “E agora que recollestes/ e agora que xa o sabedes/ e agora que recollestes/ ai agora que faredes!”. Por que fala de deixar ir as cintas do mandil?

Si, a letra ten que ver con iso que falabamos. Imaxina que es tocadora, que empezas a cantar, que a xente empeza a bailar. E, entón, agora que hai recollas, agora que sabedes como era, ides seguir así? Que ides facer? E se voan, voan, as cintas do meu mandil, pois déixaas voar, non tentes atalas, non reprimas e, se vas usalo, non o vampirices, xa que sodes todos tan feministas e vedes que o colocades nunha subalternidade. E entón sae Mónica co seu só e é unha explosión, en certa medida un acto de sororidade… Podería ser unha situación como a que acabamos de imaxinar, pero pode ser calquera cousa na vida. Déixame, non me uses para os teus fins, que xa o fago eu. A revolución é esa, poñerse a facer.

"A revolución é esa, poñerse a facer"

Falabas antes da revolución das pandereteiras. A que te refires con iso? Canto ti comezas a a facer recollas, cal era a actitude das mulleres cara á súa propia creación?

Eu comecei a facer recollas aos 13 anos. Collía un autobús e ía polas aldeas. Nin meus pais o sabían. Todo aquel mundo aínda estaba vivo. Eu conectaba coa súa enerxía, co seu transo colectivo, con aquelas expresións corporais primixenias, co seu pracer. Mais é verdade que o que me dicían era: pero neniña, de que che vai valer a ti isto? Non é que non lle desen valor ao que facían, pero consideraban que a min non me ía valer para moito. E despois, o que dixen antes: non hai purezas. É unha cultura de creación colectiva, como un microhábitat que tamén é cambiante de por si, mais tamén veñen desexos creados dende o exterior. Somos seres sistémicos: todo depende de todo e ti podes mudar para sobrevivir.

“É verdade que, cando empecei a facer recollas, o que me dicían era: pero neniña, de que che vai valer a ti isto?”

Cando falo da revolución das pandeireteiras, refírome ao contexto da incursión nas aldeas dos grupos folclóricos que viñan da man de Coros y Danzas e da Sección Femenina, que pretendían ser o máis fieis posible ao que eu chamo “creación colectiva en microhábitats”. Este proceso o que fai é traer á tona algo que fora eliminado de calquera tipo de representación musical en Galicia, as pandeireteiras. Isto aconteceu grazas aos grupos folclóricos, a persoas ilusionadas que se botaron á aldea e atopáronse con algo que lles ía dar o elemento diferenciador co que se fixera anteriormente sen ningún tipo de fisuras.

"Desde mediados do XIX ata os 80, houbera unha omisión do que fora maioritariamente a música na nosa terra: máis dun século da expresión musical maioritaria en Galicia, a das pandeireteiras"

Desde mediados do XIX ata os 80, houbera unha omisión do que fora maioritariamente a música na nosa terra, ou a única música para moitos lugares, máis dun século da expresión musical maioritaria en Galicia: a das pandeireteiras. A iso chámolle a revolución das pandeireteiras. E por iso a letra de, agora que xa sabedes, agora que faredes. Agora que farán eles e elas. E aínda así hai unha fantasía patriarcal que latexa na construción actual do imaxinario tradicional galego.

"Hai unha fantasía patriarcal que latexa na construción actual do imaxinario tradicional galego"

O segundo tema, MK, recrea un momento da novela A música dos seres vivos de María Reimóndez. MK é unha música moi famosa que, de nena, emigrara de Tamil Nadu (India) a Escocia e á que lle fixeran perder a súa lingua -a súa nai non deixa que se fale támil na casa-. Cando se reencontra con Poomani, a amiga da infancia, non pode entendela.

MK volve a onde naceu, coa súa amiga, despois dun momento moi duro para ela. Está coa súa amiga e non é quen de entendela. Por iso “Non entendo esta fala/ Esta fala eliminada/ Esta fala substraída/ Estirpada da miña vida”. O que está despois non é támil, son palabras inventada por min, que representa o que para MK podería ser o que lle está a dicir a amiga. Eu son a voz da amiga. A amiga fálalle a MK algo que entende foneticamente, que lle resulta familiar, seu, pero non comprende o significado.

Cando falaba con María, hai pouco, desta novela e da serie da que forma parte, o Ciclo dos Elementos, dicíame que un dos temas máis relevantes no mesmo era a xestión das identidades non hexemónicas. MK representa unha xestión en positivo dunha identidade non hexemónica. Podería dicirse que este disco teu é iso mesmo.

Non sei que dicirche pero, si, hai algo diso que dis. Eu procuro colocarme en lugares non céntricos, eses lugares permíteme ver con outra perspectiva, mudo o espazo, conceptualizo e compoño dende aí. E o disco si está influenciado por Implicadas no Desenvolvemento, por María Reimóndez e por Yolanda Castaño, polo traballo de María coas mulleres dos Grupos de Axuda Mutua en medio mundo… Si hai unha influencia dese pensamento.

"Procuro colocarme en lugares non céntricos, eses lugares permíteme ver con outra perspectiva, mudo o espazo, conceptualizo e compoño dende aí"

En MK hai chíos de paxaros. E os sons da natureza -non só os industriais- están bastante presentes no teu traballo. En Sós, en Sao Paulo estaban os sons da cidade. Faime pensar no traballo que fixeron Escoitar.org, aínda que ti xa comezaras a gravar sons por aí sendo unha nena. Como fas para rexistrar os sons? Como é o proceso?

Levo dúas gravadoras, unha delas para amplificar. É unha experiencia para min moi creativa, porque cambian os planos. Imaxina que agora poñemos aquí unha gravadora para amplificar, de xeito que o son do teu bolígrafo ao escribir no papel, o son da túa chaqueta que se despraza pola folla coa túa man… pasarían a primeiro plano. Como un tratamento cinematográfico: rexistro tamén moito o movemento. Interésame crear volumes.

“Rexistro tamén moito o movemento. Interésame crear volumes”

Neste disco hai moito diso: a propia paisaxe abre a porta a un lugar distinto e despois iso lévame a compoñer por enriba. Lémbrome das emocións que sentín escoitando iso, e traballo con certas texturas de medios, graves e agudos… Coma unha escultora que atopa unha rocha e comeza a pulila ata que se vai revelando o que ten dentro, mais eu fago música, polo que me permito variar, facelo desaparecer, inundalo todo etc, e todo en función da periferia na que decidise traballar. Eu corto, transformo… manipulo os sons que recollo, cando xorde a idea tanto de produción, como conceptual, como de harmonía, ou poliritmia, todo ten que estar en función do que máis pesa ou decido que hai que seguir sen facer concesión.

Partículas fala de partes afastadas que alumean idénticas. De equilibrios de partículas, como nunha historia de amor.

É a canción máis cuántica, si. Eu pregunto como é que dúas partes diferenciadas alumean alteracións idénticas. Os ferros, metais, córtanse, fúndense e cambian de estado, pero hai dúas partículas que, estando separadas, alumean alteracións idénticas. E eu quedo ensimismada na súa historia. Como dúas abellas dando voltas. Non só convivimos os humanos. E logo están os loops, que son repetitivos, pero nos que vou facendo variacións cada dous por tres.

Os loops están moi presentes no disco. Tamén traballa moito con eles Mónica de Nut. Como os concibes ti?

Aquí temos que diferenciar a produción dun disco con facer un directo dunha obra. No caso do disco só fago loop de percusións, tanto os que gravo con batería ou elementos por separado de percusión formal como, e aquí vén o caso de máis utilidade, con todos os elementos non formais que recollo por onde sexa, neste caso Navantia. Quedo ensimismada cun son, é agudo, case que diría que dá unha nota concreta, outro son trátoo como se for un prato da batería, agora outro timbre que é un ferro batendo con outro, etc. Aquí é fundamental para as miñas producións facer loop e despois varialos para humanizalos. É un traballo de micro composición e moi laborioso. Neste caso creo que Mónica fixo os seus traballos discográficos moito máis orgánicos, pero terémosllo que preguntar a ela...

"Ao final atopeime cuns 250 sons que me permiten traballar electronicamente un directo nada convencional. Vou colocando capas, decido se un loop vai nun sitio, ou se será unha ráfaga, se o filtro ou non"

Logo para directo uso dous samplers, por páxiña teñen un ten trece sons e outro nove. Son 22 sons que poden interaccionar. Fixen unha serie de arranxos que mudei ao longo dos ensaios, ao final atopeime cuns 250 sons que me permiten traballar electronicamente un directo nada convencional. Eu vou colocando capas, decido se un loop vai nun sitio, ou se será unha ráfaga, se o filtro ou non etc … Vou construíndo os temas así. Pero os arranxos que fago son distintos en cada tema. O directo leva unha percusión formal, dous pratos, unha caixa, aparatiños sonoros, gaita eléctrica -que neste disco só a toquei nun tema- e os dous samplers dos que che falei.

E, por certo, tocas de todo e fas de todo. Pon no disco que son túas: as teclas de piano electrónico, samplers, frecuencias, gravacións de campos sonoros, produción e manipulación compositiva, baixos electrónicos, percusións, gaita, clarinetes e melódica.

Sobre todo percusión, clarinete, gaita, voz, colorinzos con calquera instrumento ou non que se me poña na man… Eu gravo e manipulo os sons, sintetizadores, toco o piano... mal, (ri); fago a produción… Fago todo iso que dis en solitario, compoño a músicas e despois chamo dende un punto de vista de produción musical a persoas que creo que van a facer súa ou mellorar a proposta melódica que fago para tal ou cal instrumento..  Chamei a Manuel Alonso, paseille as liñas de baixo para dous temas que quería que fosen con baixo eléctrico. Veu unha tarde á casa e gravounos. Creo que un mandoumo vía internet.

Fernando Martínez o acordeón, en 15´ tiña o que quería del: corañón. Miguel Seoane mandeille o tema por email, e despois fixen unha proposta que tivo que volver gravar e a mandarma, sons peculiares e contemporáneos.  Manuel Cebrián chegou e pedinlle que improvisase por riba das propostas de harmonía ou melódicas que tiña eu. É un fiera e así puiden ter unhas guitarras incribles… De feito estou agradecidísima de que estean involucrados neste proxecto porque son pura musicalidade.

Fernando Abreu achégase cos seus clarinetes e agasállame co seu tempo unha tarde de harmonía, melodía e paciencia coa proposta. Tarde para Ana Fernández: coros, gusto polas melodías etc. Tarde para Mónica de Nut: fixen un tema pensando nela e en Fernando Abreu. Chegou e púxome os pelos crespos, trouxo o seu teclado para que o usase, escoitamos e díxome: non che fai falla, parécense os son do teu teclado ao meu. E así, algo que podería ser tedioso, é o mais satisfactorio, despois de pasar cinco anos encerrada sen insinarlle nada a ninguén chegan estes músicos marabillosos e humanizan dando outras subxectividades, por moi cativas ou enormes que sexan as súas achegas.

"Despois de pasar cinco anos encerrada sen insinarlle nada a ninguén chegan estes músicos marabillosos e humanizan dando outras subxectividades, por moi cativas ou enormes que sexan as súas achegas"

Por que dis entón que facer un disco é un traballo solitario?

Porque eles veñen un día, grávoos, e despois a traballaba novamente soa, transformándoo. É un proceso moi solitario, nese sentido e tamén no sentido de que eu tomo todas as decisión musicais. Estás totalmente en soidade.

Cando escoitei o disco por primeira vez, tiven a impresión de que era moi compacto, como unha unidade na que, ás veces, cando me daba conta xa mudara de canción. Non digo, en absoluto, que non haxa variedade, porque a hai cada minuto. Pero é como se comezases polo primeiro tema e non acabase ata o final.

É que tamén se busca que haxa unha coherencia. Aínda que iso é moitas veces algo que ves ao afastarte do disco: a interacción duns temas con outros. Co disco, eu quero introducirvos nun lugar. Ese lugar é un contedor e o que contén é o portaavións. A metáfora é esa, pero non é explícita. Non está explicada no CD. Uso a música como o que é, unha linguaxe abstracta, interésame esa comunicación. E non o digo por criticar a ninguén: eu admiro a quen é quen de facer emocionar dende outros lugares con letras directas ou como queira. Para min é imposible.

"Uso a música como o que é, unha linguaxe abstracta, interésame esa comunicación"

O tema Plataforma está moi relacionado co que acabas de dicir. Recolle as túas sensacións alí enriba do portaavións. Como foron?

Foron as sensacións que tiven ao verme alí na cima. É un cambio de perspectiva porque ves a ría. E a ría, en Ferrol, non se ve porque está tapada por un muro. Só os que traballan alí a ven! Despois tamén é o que che comentaba antes: a xente que traballa alí ten unha sensibilidade sociopolítica importante. Son persoas totalmente vivas.

“A xente que traballa alí en Navantia ten unha sensibilidade sociopolítica importante. Son persoas totalmente vivas” 

Esa humanidade -tratáronme con moitísimo agarimo e interese- e a política -no sentido de polis, de participación nos asuntos públicos- estaba moi latente. Con todas esas sensacións, cos sons da plataforma, coa vista da ría… aflora o meu pensamento. E teño unha sensación de ser metálica, como se o barco e eu fósemos o mesmo. Por iso a imaxe das flores metálicas, azuis. Foi unha sensación do momento, algo moi corpóreo. E fíxate na contradición: eu decátome de que é unha plataforma militar…

Sae, nas letras de varios dos temas, a metáfora do muro. Por que? Niso está moi centrada a canción Tras o Muro-Cabelo.

Refírome a mirar desde lugares peculiares. E eu dígoche, con todo o agarimo, que te achegues, que mires desde onde estou mirando eu, a ver que ves. E de repente meto o transo, o cabelo -que son eu, o meu aspecto-, o meu mundo. E todo se mestura. Despois entra María…

Despois chega Linguas elementais, na que están as voces de María Reimóndez e de Yolanda Castaño, e na que hai letra de Yolanda -en galego-, de María -en alemán- e de Sukirtharani. Xa o explicaches noutras entrevistas: non están as linguas hexemónicas, como o inglés e o castelán. E ademais a lingua tratada como exótica é a alemá. É a lingua galega a que dá o sentido. Toda unha metáfora anticolonial. Nese sentido, a lingua está presente no teu traballo desde o primeiro disco: De seu en Isué. Pero penso que hai unha mudanza no discurso, unha evolución. En Sós tamén había varias linguas en Babel...

Nun principio quería facer unha obra electroacústica coa voz de María en alemán, pero non o conseguín. En realidade, neste disco houbo varias cousas que non conseguín, que tiven que desbotar a idea. Pero si, o meu pensamento foi indo por derroteiros distintos e é normal. Eu non son a mesma que fixo Isué. Aínda que estou encantada con De seu. Pero co tempo es outra persoa, claro.

“Cando se elimina a túa lingua primixenia, están eliminando os teus desexos”

Cando se elimina a túa lingua primixenia, como lle pasa a MK, cando perdes a lingua que te relaciona co teu antano, a que trae unha carga de relación sistémica co que te rodea, están eliminando os teus desexos. Os teus desexos xa non son os teus. Os nosos desexos están mediados pola publicidade, polos acordos dos que falabamos ao principio… Cando a nosa lingua é extinguida volvémonos moito máis manipulables, a nivel de consumo. Como dicía antes, eu non son moi explícita e xa non o era cando fixen Isué, pero agora si que vexo de xeito máis claro que non estamos fóra das correntes económicas que afectan e definen o que é válido e non é válido, ou que definen a nosa propia contorna: política, social… a través das fantasías das que falabamos antes.

"Cando a nosa lingua é extinguida volvémonos moito máis manipulables, a nivel de consumo"

“Se non fose o abraio/ dunha política colonialista”, “eu tamén/ me deitaría contigo”, di Linguas elementais.

No caso da personaxe da MK hai un regreso á aldea, que tamén é mirada, desde a cidade, desde un punto de vista colonial. Eu crieime na Coruña, pero sempre tiven aldea e volvín hai anos para vivir na aldea. E penso que temos que mirar ao noso interior e preguntarnos se somos nós mesmas ou se estamos construídas polas nosas fantasías, polos nosos acordos. Eu tento ter sempre presente no meu traballo que debo afastar sempre esa visión colonialista que herdamos. Que non se transmite tanto polo que dis, que tamén, senón pola posición que adoptas, por onde te colocas.

"Penso que temos que mirar ao noso interior e preguntarnos se somos nós mesmas ou se estamos construídas polas nosas fantasías, polos nosos acordos"

En relación con iso, a letra de Sukirtharani é brutal. “Quero unha lingua/ que non falase aínda ninguén”, di.

Se alguén podía ter prexuízos, pois eí está ela. Xa o falabamos antes: eu non creo que sexa nin cuestión dun proceso de empoderamento, se por iso entendemos facer meu o poder. É que ela pode e ela faino porque ela é. Por iso “se non fose, se non fose”... Hai unha carga moi potente nesta letra, como tamén a hai na letra de Yolanda. Letras que poderían ter sido escritas en calquera lugar do mundo. E o mundo aquí é o da globalización. Aínda hai que crear un mundo, construílo desde outro lugar, fóra do imaxinario colonial e dos binarismos.

“Aínda hai que crear un mundo, construílo desde outro lugar, fóra do imaxinario colonial e de todos os binarismos”

O binarismo de xénero sae neste tema, cando Sukirtharani escribe: “A miña nueza sen depilar/ irradia a maxestade/ das selvas intactas”, por exemplo, e sae no seguinte tema, Ela propón, a través do que di Paul Preciado. “Ela propón algo como a contra sensualidade/ Afirma que non existen os xéneros”.

Si, Paul Preciado di que non existen os xéneros. Mais nese tema por un lado está a mazá feminista, que fala dos feminicidios -Ciudad Juárez, pero podería ser calquera outra cidade- e por outra a mazá queer. Todas as persoas somos crías mamíferas, e eu escollo unha forma en feminino, ou que podería ser gramaticalmente feminina: cría. Cría é o substantivo. A todas as persoas nos asignan un xénero e iso ten consecuencias: se che asignan xénero feminino, chámanche “chorona”, como di a canción. Non debería importar se nos asignan un xénero ou outro, se somos “homes” ou “mulleres”. O binarismo é a base de que unhas persoas -homes- lles asignen a misión, e a outras persoas -mulleres- lles asignen a submisión.

"O binarismo é a base de que unhas persoas -homes- lles asignen a misión, e a outras persoas -mulleres- lles asignen a submisión"

Hai debates entre o queer e os feminismos por iso. Vale que o binarismo de xénero é arbitrario e que mellor sería que para ninguén fose relevante se es “home” ou “muller”, pero as mulleres son discriminadas por seren mulleres.

Si, claro, e eu non son unha experta e opino sobre todo o que me preguntas con toda a humildade do mundo. Pero, igual que na música, penso que non debemos ser puristas. Os feminismos de última xeración virían sendo case queer. Os pensamentos máis relevantes e significativos do século XX e primeiros do XXI son feministas e queer. É normal que haxa debate. É, ademais, a periferia da periferia. Pero ambos discursos son moi relevantes desde o punto de vista político. Ti podes ser queer, pero resulta que no teu entorno es invisible por ser muller, cousa que pode pasar por exemplo na cultura, e iso hai que levalo á tona. Se soubese que usar o xénero masculino bastaría para acabar co maltrato e a violación, eu sería a primeira en usalo… Quero dicir, que podo ser queer e loitar contra a discriminación. Todo suma.

"Os pensamentos máis relevantes e significativos do século XX e primeiros do XXI son feministas e queer"

Cabo de min di: “O aneliño que me deches/ perdino na estrada vella/ non me pesa do anel/ pésame de quen o leva”. Outros temas falan de achegarnos entre as persoas. Este, parece que de deixar ir a alguén, por fin. “Que eu xa me teño ceibado/ doutras cadeas máis duras”.

Si, este tema parte dunha copla tradicional que eu transformo. O sentido é o de quitar peso ás rupturas, ou á vida en xeral. Non facer uso de certas posesividades. Ten que ver co amor erótico, no sentido de Fromm, pero non só.

Despois veñen Transición e Olores perdidos. A última -de piano, moi diferente de todas as anteriores do disco-, parece que fala da perda, nun sentido distinto a Cabo de min.

Si, sae en Transición a prancha fina, o son da máquina, e logo uns bombos de Vilariño de Conso… ata chegar ao piano e voz de Olores perdidos. O último tema parte dunha historia persoal miña e, si, ten que ver coa perda. Cabo de min non é unha historia persoal. Pero Olores perdidos podería dicirse que fala de calquera tipo de perda. E o bo da música é tamén que nos permite drenar a dor…

Hai outro vídeo, o da peza de danza de Janet Novás e Virginia Rota con Plafaforma.

Con Janet tiña relación desde o proxecto El canto de los caballos. Virgina é unha artista emerxente. Eu son moi tímida e ela reflectía a miña fraxilidade, un lado moi humano… Propúxenlles vir a Navantia. A Virginia, que é unha fotógrafa máis ben de aire libre, non lle interesaba nada, en principio, o industrial. Pero houbo sinerxias e saíu moi ben. Era un día de treboada e Janet colocaba a miña música nun lugar moi potente, de xeito natural. Levábaa a lugares moi profundos…

Durante todos estes anos tiveches concertos por medio mundo…

A verdade é que non sei por que me chaman. Non hai unha multinacional polo medio…

“A verdade é que non sei por que me chaman. Non hai unha multinacional polo medio”

Pero chámante, e de moitos sitios. Hai uns meses estiveches no Womad en Nova Zelanda. Supoño que todas as viaxes, e toda a relación con tantas periferias, algo influirían no disco.

Ngahuia é unha antropóloga maorí que fixo un traballo sobre as mulleres maorís desde unha visión feminista e queer e que reivindica as mulleres como as guerreiras que eran. Como tantas outras mulleres no mundo, sufrían a violencia simbólica de negárenlles o papel que tiveran na sociedade. Ao ler cousas coma estas polo menos botas un sorriso e sénteste menos soa. Canto ao pobo maorí, teñen a súa lingua, as súas escolas… e conseguiron poñerlle freo ao colonialismo nalgunhas cousas. Ata hai nada, a Constitución de Australia tiña un apartado que falaba da flora, a fauna… e os indíxenas entraban nesa catalogación, ao mesmo nivel. O Womad non está exento desa visión colonial que nos afecta a todas, pero alí había artistas indíxenas que mostraban ben que hai outros xeitos de ver o mundo…

"Quixen afastar tamén calquera visión exótica, ou do vulgar e o gracioso, que pode pasar cando ese tipo de música se saca do seu contexto"

Realmente, ti comezaches a ser moi coñecida polo teu traballo no Luar da TVG, onde levabas a aquelas mulleres potentes que coñeceras facendo recollas… Algo axudaría a TVG a mudar a imaxe sobre as pandeireteiras.

Máis que mudar víronse novamente no lugar de ocio que lle quedaba, a TV, e as persoas das cidades quedaron abraiadas con esas expresión. Realmente, cando comezamos as recollas, as mulleres xa non se xuntaban para tocar porque o ciclo do ano xa desaparecera. Ademais, os seráns estiveran prohibidos no franquismo. A TV, como aparato de verificación -no sentido de Foucault- si tivo un impacto. Eu sabía que estaba diante de algo único, inédito, pero tampouco quería poñelas nun pedestal porque non era o que sentía. Quixen afastar tamén calquera visión exótica, ou do vulgar e o gracioso, que pode pasar cando ese tipo de música se saca do seu contexto… Penso que esta verificación a través da tele puido axudar, si, a que se volvesen xuntar. Porque realmente a cadea de transmisión rachara.

"O serán é a festa, o desexo de mesturarse, o desexo do exceso en comunidade, do pracer"

Agora é moi normal ver xente nova tocando e bailando. En vaqueiros. E se cadra a iso tamén axudou a tele, non sei.

Si, iso tamén ten que ver coa recuperación dos seráns. Porque para tocar e bailar non fai falta un espazo especial, nin facer un investimento de cartos, nin levar uns traxes determinados. O serán é a festa, o desexo de mesturarse, o desexo do exceso en comunidade, do pracer… E isto é a última cadea de transmisión que existe…

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.