O vindeiro xoves 5 comezará unha nova edición da Praza dos Libros, tamén chamada Feira da Creatividade Cultural de Carballo. Serán catro xornadas de presentacións, debates, contacontos e concertos, que se abrirán co pregón de María Xosé Silvar Sés e que rematarán o domingo. Pola vila pasarán Pedro Feijoo, Rosalía F. Rial, Manuel Rivas, Enma Pedreira, Xan Fraga, Eli Ríos, Mercedes Queixas, Héctor Pose, Anaír Rodríguez, Miro Villar ou Beatriz Fraga, entre moitos outros e outras autoras.
Ademais, nesa primeira xornada do día 5 todas as persoas que merquen un libro en calquera das 9 casetas (Á lus do candil, Brañas Verdes, Demo, Ler, Punto e Coma, Roget, Phottic, Teldy e Trasgo) serán agasalladas cunha lata de atún. En principio están preparadas 250, pero, como sinalou o presidente da Fundación Luis Calvo Sanz, Luciano Calvo, “oxalá que se vendan bastantes máis, que por falta de atún non vai ser”. De igual xeito, durante a mañá do domingo 8 todas as persoas que merquen un libro serán agasalladas cun pan de Carballo. Haberá, igualmente, ao redor de 500 premios pola compra de libros, dende camisolas, chapas, chaveiros ou discos, e un 10% de desconto en todos os volumes adquiridos.
O programa da Praza dos Libros (que se pode descargar aquí) inclúe un gran número de concertos para rapaces e rapazas, da man de Pablo Díaz (que presentará o novo libro-disco Coas miñas mans), Pakolas (que presentará o libro-disco Pakolas), Mamá Cabra (que presentará o libro-disco Eu cociño. Ti cociñas) ou Paco Nogueiras, que presentará o librodisco Radio Bulebule (Kalandraka). A xornada do sábado 7, ademais, pecharase cun concerto de Milladoiro.
“Creo que estamos case en cifra récord de librarías participantes”, apuntou Evencio Ferrero, alcalde de Carballo. “A lectura fainos libres, e polo tanto que a xente lendo aprenda a construír o futuro, a crear os seus soños, a convivir e a trazar amizades, incluso amizades de ilusión e de fantasía”, indicou o alcalde, que salienou que o evento “serve para reforzar a imaxe e o bo nome de Carballo”.