Unha tese recolle 1.317 expresións e frases feitas galegas que fan referencia a animais

Unha das fotografías incluídas na tese © Andrea González

"Faite ovella e comerate o lobo", "Gordo coma un becerro", "Chámame can e bótame pan", "Ir de burra e volver de albarda", "Se é un can, mórdeche", "Ser coma o burro do arrieiro", "Ás veces a carne está no prato por falta de gato", "Nunca o can traba a cadela", "Cara de beato e unllas de gato"... e tantas e tantas outras. A investigadora Andrea González vén de presentar na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo a súa tese de doutoramento, titulada Os animais vistos polos galegos: análise das expresións figuradas galegas que retratan o mundo animal. O traballo analiza 1317 expresións e frases galegas que teñen como referentes os animais e que son froito do baleirado de dicionarios galegos, tanto de carácter xeral como especializados en fraseoloxía, e da realización de máis de 300 enquisas. Agora, a base de datos resultante da investigación, agrupada por animais e temas, queda a disposición da comunidade investigadora interesada en consultar este aspecto da fraseoloxía e da fala popular.

O obxectivo é "que non se perda un tesouro tan valioso para a nosa cultura, posto que as expresións figuradas son cada vez menos usadas e coñecidas, sobre todo nas xeracións máis novas"

“O estudo permite recuperar unha parte da historia da Galicia rural que hoxe en día parece cada vez máis esquecida”, explica a autora, que destaca que o obxectivo do seu traballo era "que non se perda un tesouro tan valioso para a nosa cultura, posto que as expresións figuradas son cada vez menos usadas e coñecidas, sobre todo nas xeracións máis novas, polo que moitas delas desaparecen coa morte das persoas anciás”. De feito, Andrea González inicia a súa tese cunha dedicatoria moi especial: “ao rural galego”, que acompaña dunha fotografía da súa propia familia, décadas atrás, posando cos cans existentes na casa.

Na súa investigación, González que os animais domésticos -can e gato- son os que con máis frecuencia aparecen na fraseoloxía e expresións populares, seguidos do burro. Xa a moita distancia, aparecen boi/vaca, becerro/cuxo/xato/xovenco, touro e lobo/loba. En canto ao significado das expresións ou á característica animal que se quere destacar na frase feita, o can relaciónase con agresividade (29 exemplos), precariedade/mala vida (16), gula (15) ou preguiza (14). O gato, pola súa banda, faino con gula (15), agresividade/fereza/voracidade (11) ou falsidade (7). E o burro con estulticia (15) e teimosía/insistencia (7). Chama atención, igualmente, que os galegos e galegas empregan os referentes animais para vehicular valores maioritariamente negativos (43,44%), e, en menor medida, neutros (32,77%) ou positivos (23,77%).

Can e gato son os animais que con máis frecuencia aparecen na fraseoloxía e expresións populares, seguidos do burro, de boi/vaca, becerro/cuxo/xato/xovenco, do touro e de lobo/loba

Na propia tese pódese facer unha procura expresión por expresión, agrupadas por tipoloxías, polo animal que nelas aparece ou polo seu significado. Así podemos ver que o valor de agresividade/ira/fereza está representado sobre todo polo lobo/loba; a gula polos cans, cadelas, gatos e gatas; a intelixencia polos cans/cadelas, o mesmo que a preguiza ou a boa vida; a falsidade polo gato/gata e lobo/loba: a maldade polas víboras; a astucia polos raposos/raposas; a mansedume polos cordeiros e ovellas; a estulticia polos burros e burras; e a rudeza polos porcos e porcas.

Das 1317 expresións analizadas, 264 son expresións monoverbais (cabalón: persoa de modais pouco refinados), 257 locucións non comparativas ("coller o porco polo rabo": cometer unha equivocación), 575 locucións comparativas ("humilde coma unha ovella"), 180 refráns ("o can vello, se ladra, dá consello"), 27 fórmulas ("a burra déitase!": cando alguén se rende) e 14 dialoxismos ("díxolle o corvo á pega: bótate alá, que es negra").

Empréganse os referentes animais para vehicular valores maioritariamente negativos (43%), e, en menor medida, neutros (33%) ou positivos (24%)

A autora destaca, igualmente, que "as expresións figuradas analizadas presentan imaxes procedentes de escenarios rurais, en grande medida do pasado, polo que o comportamento do animal que funciona como referente das ditas expresións será distinto, ou simplemente interpretado de xeito diferente ao actual, moi en especial, aínda que non só, nun ámbito urbano".

 

Andrea González, autora da tese © Universidade de Vigo
Unha das fotografías incluídas na tese © Andrea González

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.